martes, 15 de noviembre de 2016

UN SOSPEITOSO EN ATLANTA

VIAXAR é un pracer. Claro que hai inconvenientes estúpidos. O que me acaba de pasar ao entrar en Atlanta -algo que xa me ocorrera a última vez que estiven en Nova York- ofrece pouca gracia. A viaxe dende Madrid perfecta, pero en cando entro na rigleira de recepción (?) de inmigrantes algo me di que perderei a conexión. Máis de cen persoas agardan, pasaporte en man, a que os funcionarios aplicados comproben se é ou non digno de entrar no país das oportunidades e da felicidade.
Pasa máis de hora e media antes de que crea que é posible que me atendan. Nun cruce da cola, un policía negro que o único que tiña de agradable era unha voz cavernosa, someteume á proba de se podería incorporarme á fila rápida ou debía continuar na lenta. Para decidilo, a pesar de explicarlle o importante que sería non perder a conexión do próximo voo, comezou a examinar o pasaporte folla por folla. Indo pola metade pregunta se é a primera vez que viaxo aos EEUU. Dígolle que non, que será a quinta ou sexta vez. Remata de mirar a última folla do pasaporte, non ve ningún selo que confirme a miña resposta -o pasaporte é novo, as entradas aparecerían nos vellos-, o negro pon cara de que a el non lle mente un españolito, e tanto lle tiña que perdese a conexión: á cola longa, lenta, de hispanos.
Resignado, agardei con paciencia a miña quenda na cola lenta. Por fin chegou a miña quenda. Coma con todos mirou o pasaporte catro ou cinco veces dende perspectivas diferentes, centrouse diante do ordenador con calma, ordenoume colocar a man no lector dixital e preguntoume por que América. América?, EEUU correxino en mala hora. Por que, repetiu de moi malas maneiras. Veño de vacacións. Cantos días? Sete. De novo me mandou situar a man esquerda no lector dixital, outra, logo o polgar, outra, outra, así ata cinco veces. Por fin, sen me dirixir mirada nin a palabra, metidos os meus documentos nun sobre de plástico chamou a un compañeiro a quen lle entregou o sobre ordenándolle que me levase. Pregunteille ao acompañante se había algún problema e respondeume que non, que só me querían facer algunhas preguntas.
Deixoume nun recuncho no que doce persoas, mexicanos, colombianos e nicaraguanos, agardaban cansos. Sentei á espera. Chamaron a un mexicano e a un colombiano e logo a min. Os que levaban moito máis de horas agardando alí continuaron. A min retivéronme media hora. Cando chego diante do novo policía pregúntame se levo carne na maleta. Non, respondo. A que vai vostede a Nova Orleans? A escoitar jazz.Vén dende España para escoitar Jazz? Si. Pase, perdonoume a vida entregándome o pasaporte. Entón, antes de marchar, supoñendo que a ironía non é algo que manexen, díxenlle que adoraba este país (EEUU) polo empeño que poñían na seguridade. O policía creume e sorriu por primeira vez e non me estrañaría que pensase no bo cidadán que eu era e canto se equivocaran sospeitando de min. Por suposto, perdín o voo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.