sábado, 3 de diciembre de 2016

O HOME QUE TEMÍA AO TERRORISMO

“¿DISCULPEN señores, hablan ustedes español, son de la propia España?,” preguntou un limpamesas con maneiras e ton servilista. Ao afirmar que si, relatou de golpe un historial co que non contabamos. “Pues mi mamá era de España, de Torrejón, pero mi papá de los Estados Unidos, por eso yo tengo la doble nacionalidad y hablo los dos idiomas”. Arrincando así foi esmiuzando anacos de vida. En tempo de nada resumiu que súa nai xa morrera, seu pai había tempo non sabía del e un fillo que tivera nos anos mozos marchara para outro Estado e levaba anos desaparecido. Vivía só. Levaba xa anos traballando neste hotel, “en algo hay que trabajar”, limpando mesas, nin a servir e presentar a conta ascendera. E xa pasaba dos cincuenta. O seu aspecto delgado, non facía pensar que andase o que dicía andar: máis de dúas horas vir ao traballo e outras tantas de regreso, o autobús só en días de moita choiva, pero así, andandano, tamén mataba o tempo, “al final en la casa tampoco tengo nada que hacer, tomarme una cervecita y ver la tv, pero para eso me sobra la noche, duermo poco”. Insistía tanto en dar detalles do seu vivir que xa me estaba sentindo incómodo. Máxime cando, polo escoitado en tan pouco tempo, era obrigado deducir que fora unha vida estragada, miserable, chea de soidade e baleiro. 
Con intención de paralo na súa confesón vital, e porque eu andaba ávido de opinións sobre o triunfo de Trump, pregunteille sobre as súa preferencias Non se ocultuou. “Yo muy muy de Trump, me gusta que den duro, pero bien duro”. Intentei saber que pensaba el extraer de beneficio coa política do electo presidente e a súa resposta deixoume cravado no asento, abandonei o té que me faltaba por beber. “Es que yo, señor, temo mucho al terrorismo y éste, para mí, que les va a dar bien duro”. Continuou aínda un anaco dando explicacións e ofrecéndose para o que necesitaramos durante a nosa estancia, pero eu xa deixei de escoitalo porque me comezaron a remoer unha restra de preguntas ás que non daba atopado resposta. Como pode un home con esta vida depositar o seu temor máximo no terrorismo? Que probabilidades podería ter de caer nun atentando? Tantas coma que o atropelase o autobús ao saír do Hilton, igual a que unha bala perdida o pillase mentres anda por esas rúas que o levan ao barrrio onde supoño durmirá nun caseto? Como un temor tan difuso pode asentarse con tanto éxito na maneira de pensar dun home que teme máis a un hipotético atentando que a miseria da súa propia vida? Que alguén limpando mesas durante oito horas por un salario misérrimo, vivindo na soidade máis triste, illado e sen ilusións, sen posibilidades de progresión laboral nin persoal tema máis ca nada neste mundo a un ataque terrorista dá que pensar. Nunca se lle ocorreu que é máis factible que morra de tristeza ou dun ataque ao corazón ou dun navallazo dun tolo da noite que polas bombas de catro loucos? Cando se despediu imaxineino celebrando cunha cervexa o éxito de Trumpo, a partires de agora el estará moito máis protexido de ataques terroristas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.