viernes, 9 de diciembre de 2016

"SERÉ MARICÓN, PERO LLENO DE PASTA"

A PROFESORA Marina Garcés defende máis filosofía fóra da aula para convertela en guerrilleira do pensamento. Mágoa que a súa guerrilla e a imperante vaian por camiños opostos, porque o que é filosofía fóra da aula haina a patadas e moito máis eficaz que a mellor da guerrillas. Como exemplo a frase copiada para o título a Cristiano Ronaldo (espero que non teña que pagar por ela como el cobra por asignar un cromo) define á perfección o tipo de pensamento imperante: serei (elixian o que prefiran: traidor, evasor, explotador, ignorante, desapiadado, etc.), pero estou cuberto de pasta. Vexan a síntese. Nada mellor define os tempos, non só os presentes, non, a tendencia vén de moi lonxe, xa os paxaros dicían: dame millo e chámame bobo.

A novidade dos tempos presentes asenta na cara lavada coa que se manifestan estas píldoras de pensamento puro. Nalgún momento parecía como que, aínda sendo igual de certo e de apetecible a certeza do contido, existía un mínimo pudor por manifestalo públicamente. A formulación cambiaba unha miga: estou cheo de pasta, pero porque son un traballador impenitente, posúo unha intelixencia pouco común, procedo dunha familia cuns antecedentes tan longos como prestrixiosos, creo riqueza e dou de comer a moitas familias, por iso me permito e merezo estar cheo de pasta. Hoxe deuse un salto perigoso: non importa o mérito, nin os métodos, nin nada previo a encherse de pasta, o importante é estar chelo dela, o como e o porque son anecdóticos. Por iso entre futbolistas (os exponenetes máis desvergonzados e puros da savia social) non se andan con eufemismos e insúltanse e tápanlle a boca ao contrario aceptando que poden ser o que queiran, pero gozan de máis millóns có outro. E chegados aí, acábase a discusión.

Trump (antes Berlusconi) participan no descaro desta liña filosófica expandida polos reis do fútbol. Aplican a maiéutica socrática co cidadán, que escoita con ledicia as palabras que gurgullan nos seus pensamentos mediocres sen atreverse a dicilas. Escoitándoas da boca dun triunfador, dun cheo de cartos (no importa o método), de maneira vicaria triunfan tamén eles e sospeitan que algo lles podería tocar, porque o impulso, o desexo e a falta de escrúpulos son idénticos. A nova política vai na mesma liña do filósofo Ronaldo o da Madeira: dáme millo e chámame o que queiras, teño o hórreo cheo, pensa de min o que máis gusto che dea. Solidariedade, altruísmo, humanidade son meros adornos publicitarios para quen triunfou e desexos inxenuos de quen adoece por non triunfar. A esencia da guerrilla filosófica actual é triunfo, logo existo; teño cartos, pensa o que queiras; gano eleccións acudindo ó inconsciente máis primitivo dos electores, chámame demagogo. Pero eu monto o meu goberno de multimillonarios e gobernaremos para os que non padecen complexos, para os que entenden que o mundo é un lugar onde os plutócratas, as elites, deben dirixir e o resto colaborar con resignación.

O que me estraña é a sorpresa que se desprende de moitos medios e cidadáns ao saber que estes guerrilleiros da nova filosofía defraudan á facenda pública. Pois claro. O que non sabe como facelo é porque é bobo, os listos, os triunfadores, se non saben, rodéanse de economistas e letrados mercenarios que entran a formar parte do club ensinándolles e descubríndolles onde mellor se pode enganar ao Estado. Incluso espallan a súa píldola filosófica concentrada: o Estado é causa de tódolos males. Por que, entón, colaborar contribuíndo en proporción ao que ganas? Iso queda para os mediocres. Os triunfadores, os modelos a imitar nesta sociedade, xa se sabe que contan con exércitos especializados (moitas veces comprados ao Estado que antes os formou) que lles indican os camiños da City de Londres (non fai falla ir ás Illas Caimán), Xibraltar, Suíza ou Luxemburgo. Por suposto que nin Ronaldo, nin Messi, nin Coentrao, nin Raúl, nin tantos outros, saben nin teñen tempo para crear empresas fantasma nin artellar mecanismo para aumentar a riqueza con só abrir a boca ou ensinar un retrato. Son eses equipos espcializados en asesoralos os que algunha vez deberían ser investigados e perseguidos, sospeito que algo deben agochar entre tanta inxeñería. Claro que aquí tropezamos cun inconveniente inevitable: os que deberían controlalos e perseguilos aspiran talvez a formar parte dese grupo de elixidos, co que, os que non somos listos dabondo, os que pagamos, estamos ben fodidos. E por iso o epílogo da filosofía do triunfador a respecto do mediocre di: vense moi solidarios, moi humanitarios, moi bos, pero morren de envexa porque estamos cheos de pasta. Os pobres non son conscientes de que, de estar no noso lugar, farían o mesmo ou peor. E o xogo continúa e no pasa nada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.