domingo, 5 de marzo de 2017

CHULERÍA INXUSTIFICABLE

HABITUADO A que nunca pase nada que lle prexudique, coma se todo estivese perfectamente ensamblado para favorecelo, Rajoy estase pasando de altivo. Convencido de que a situación económica mellorou máis do imaxinado, que os partidos contrincantes se esforzan por matarse mellor e, sobre todo, amarrado ao comodín de que se non se adaptan convoca eleccións, o que todo máis temen, continúa actuando coma se contase coa maioría absoluta. Nin Bárcenas nin Correa, nin Rato nin Blesa, nin Mato nin Granados nin Marjaliza lle crean a máis mínima inquietude. Todo vai desaparecendo no fume do tempo, entre alfombras de xulgados, ata que ninguén lembra o cheio máis pestilente. No hai corrupción que lle cambie ese aire marcial adestrado na Ruta da Auga, ni esas frases lapidarias coas que nos tranquiliza a todos, pois xa se sabe que todo na vida ten cousas boas e malas. Sabe Rajoy que o tempo tritura ata o último rancor e por iso non se inmuta. Tampouco lle preocupa que Cospedal acumule cargos, nin que os votos que mantén sexan máis por pasiva resginación diante do malo coñecido que polo atractivo que el ou partido poidan suscitar. Segue co piñón fixo, nunca afogándose, e sempre ameazando con sacar de debaixo do sombreiro unhas eleccións que por suposto el non quere pero non ten máis remedio que, polo escaso patriotismo dos contrincantes, convocar. Xa lle gustaría a el manter a estabilidade para confirmar a melloría económica, pero estes partidos que non son o del, todos sen excepción, só buscan a perdición de España e por iso el, responsable, serio, con sentido común, como lle gosta á maioría dos españois, se ve obrigado a convocar unhas eleccións que demostrarán quen está na verdade.

Esta estratexia vénlle funcionando dende hai anos, pero todo muda, incluso a súa sorte. Que no se fíe. A economía, que non depende prácticamente de nada do que el fixo, o mesmo que se lle puxo algo a favor, pode no momento menos esperado, virar e torcerse bruscamente. A débeda da que nunca fala nin el nin os seus compiches económicos pode causarlle un desgusto cando menos pense. E a situación internacional non está para andar con demasiada arrogancia. Pero é que, ademais, non dá entendido que estar en minoría non permite tal petulancia. O seu grao de desprezo por Ciudadanos está chegando a un punto no que causará resentimento, e iso sempre trae malas consecuencias. Xoga cunha arrogancia e chulería impensable en quen depende deles. Intentará trasladarnos a imaxe dun Rivera brando e merengue incapaz de enfrontarse a ninguén, pero tal propósito pode esbourarlle nos fociños. Ninguén, por medo que lle teña ás eleccións, está disposto a padecer humillacións tan evidentes. Tanto el coma os seus colaboradores mostran unha seguridade excesiva en que ese partido pequecho e indefinido, non ten media labazada. E se cadra acertan. Pero se cadra non. Non hai peor enimigo que un débil humillado. E como Ciudadanos se canse dos seus desplantes, xa o vexo convocando eleccións. Certo, argumentarán os seus defensores, que nada pasa por convocalas, máxime atendendo a que Pedro Sánchez non parece aínda morto de todo. Par eles que Sánchez volvese á secretaría do PSOE podería celebrarse coma un inmenso e inesperado regalo. Mais tamén aí poden equivocarse, se realmente Sánchez regresase - por máis que todos os escribidores que len as pisadas dos polos en clave PP insistan en que ese irresponsable e inepto perigo estatal nunca resucitará- , non sería o mesmo de antes das estocadas recibidas. Claro que sempre atoparía en Unidos Podemos un firme apoio para a súa estratexia, tan torpes como insistentes son estes politólogos de departamento que se converteron no mellor alimento de Mariano Rajoy.

Seguro que apenas lle preocupa ao presidente esta actitude na que probablemente nin se fixe nin, tampouco, lla fagan ver os seus asesores. Pero non lle arrendo as ganancias se persiste nela. Porque non se trata xa de que non sexa elegante nin agradecido nin respectuoso con quen lle permite gobernar, é que os está desprezando abertamente, á luz do día, cunha indiferencia e chulería extremas. Se os que con el firmaron un acordo de gobernanza espertan e deciden non pasar polo aro da súa soberbia e comezan a buscarlle as cóxegas, seguro que llas atopan. Aínda non vin presidente ao que non se lle dean atopado as debilidades, e Rajoy, por máis que nos venda a súa seriedade, con esta altiva maneira de gobernar en minoría, só demostra os malos cálculos de aqules que se ven elevados por adulación á crenza da inmortalidade. Se cadra inflúe neso estar tan cerca de María Dolores de Cospedal, muller acaparadora de cargos tamén convencida de que con ela non pode ninguén, ou de Rafael Hernando o máis chulo do Parlamento e do barrio. Claro que a chantaxe das eleccións non é un farol. Se as convocase, o que menos perdería sería el. Aínda así, non se xustifica tanta chulería e pode pagala cara.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.