domingo, 4 de mayo de 2014

CÁNTICOS DO TRIO FAMILIAR


XA lles contara que a min prestábame durmir pola vella. A veciña do piso de enriba tivo un bebé e cos seus aaa aaá, aaa aaa aaá, á, adormecía na nena e en min de marabilla. A pesar dos múltiples métodos que hoxe aprenden as xoves mamás, esta, que tamén o é, prefire ir pola vella e cantarlle e arrolar na nena para que durma. A min tamén me prestaba, polo menos mentres estiven coa quimioterapia. Agora que rematei, non sei se polo meu estado ou por algunhas transformacións que lle imprimiu a mamá aos cantos para durmir na nena, a cousa non funciona tan ben, nin coa pequecha, nin comigo.
Desconfiei do método unha tarde na que a mamá decidiu empaquetarlle con todo o seu amor Como una ola de Rocío Jurado á pobre da nena. Por suposto esa tarde non houbo sesta para ninguén. Desesperou, regresou ao aaa, aaa, aaá, á, e despois de moito traballo conseguiu durmila uns minutos, pero de seguida, tal vez coa voz lancinante e tan fresca da ola, a nena espertou feita unha furia. Tardou aínda ben tempo en acalentala. Eu xa non durmira e non me molestou o espertar rabudo da pequena. Certo que non persistiu nesa liña de cancións tan ardorosas e potentes - a nai é lista, aprende axiña- e mantívose no seu rexistro anterior que funcionaba. O malo é que a nena aprendeuno -é tan lista coma a nai- e agora canto máis berra a nai, máis a nena, coma se competisen a ver cal das dúas deixa a súa voz por riba da outra. Co que os aaa, aaá, resultan unha algarabía impropia de quen pretenda unha sesta reparadora. Pero así me fun afacendo ás competicións entre nai e filla, polo de agora vai ganando a filla, a ver quen berra máis alto e máis tempo. Pero aínda peor é que nestas circunstancias a nai acaba por desesperar, pide axuda ao compañeiro, únese tamén el, e entre os tres, durmir a nena non dorme, eu tampouco, pero a ninguén se lle ocorrerá pensar que vive nun edificio aburrido. O trío da familia harmoniosa insiste ata que, por desespero e para librarse de tanto canto, a meniña acaba vencida e ben durmida. O que non pego ollo son eu. Despois de tal concerto non atino a pillar o sono nin acolléndome á tristeza, remedio que lles recomendo aos insomnes máis rebeldes, polo que xa estou no plan de tomar a determinación de suprimir a sesta. Levo tres días sen ela e aguanto coma un machiño. Coa vantaxe de que aproveito máis as cantigas do trío familiar.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.