sábado, 24 de mayo de 2014

REPOLUDA E FEA SEN REMEDIO


BUSCO na rede as actuacións da mezzosoprano Tara Erraught para escoitar a súa voz. E tamén para vela. Fáiseme duro crer que a prensa británica poida ser tan desalmada coma para insultar a unha cantante polo seu corpo. Así se expresaron os medios británicos: "Un envoltorio repoludo de graxa de cachorro" (Financial Times); "físico sen remedio, entre Heidi e Just William" (The Telegraph); "fea e nada atractiva" (The Times); "repoluda" (The Independent); "rechoncha" (The Guardian). Con independencia das repercusións técnicas que o físico puidera exercer nunha cantante, como é posible a estas alturas que tantos diarios castiguen á cantante polo corpo? Ao meu ver, o futuro de Tara é moi prometedor, non só pola súa voz vibrante e segura, senón tamén pola seguranza no escenario e a simpatía que contaxia. Difícil de entender. Todos tan politicamente correctos e os medios da democracia máis vella do continente, sen vergonza, mortificando a unha moza dedicada a estudar para aproveitar as súas dotes vocais con profesionalidade e simpatía. Será porque é irlandesa? Estes ingleses...
Se os críticos querían afundir á principiante cantora, non creo que atinasen. E se a súa intención era cortarlle de raíz a carreira, erraron seguro, pois nada chamaría tanto polo desexo de escoitar a Tara se non fose por tan baixos e desprezables insultos. Eu admito que non a coñecía. Foi a rabia ao ler a noticia a que me levou a escoitala e formarme unha opinión sobre a súa voz, a súa capacidade interpretativa e o seu dominio, a pesar da súa xuventude, enriba do escenario. Pareceume magnífica. Porque, en contra de tódolos medios británicos, sosteño que, con independencia da súa voz vibrante e decidida, demostra unha capacidade interpretativa moi sedutora. Desenvólvese ben na esixencia cómica (algo nada doado), domina a comunicación, ri con gran forza atractiva e posúe o atrevemento propio de quen triunfa. Parece mentira que aínda hoxe sigamos presos de estereotipos que encerran ás mulleres nun corpo segundo os ditados dos intereses da moda. Dicir que Tara é unha fea sen remedio equivale a non entender nada sobre a beleza. Quen se atreve a dicir que a Caballé é unha voz divina nun corpo deforme? Acaso han ser todas a cantantes segundo o modelo Netrebko? Obrigarémolas a adelgazar coma a Callas? Deséxolle toda a sorte a Tara. A min encántame a súa voz e o seu corpo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.