sábado, 5 de julio de 2014

QUÍMICA PURA


Nos países con alma terrorista, o químico é moi apreciado. Se recordan a propaganda de cada día que se vivía nos tempos anteriores ao ataque a Iraq,  entre os máis crueis e sanguinarios dirixentes de Sadam atopábase varios químicos. Vese que coñecementos desa ciencia colaboraban a conciencia cos mecanismos de cumprimento dos obxectivos ditatoriais. Sen unha manifestación tan evidente, países sen ánimo tan abertamente terrorista, non deixan de apreciar aos seus científicos do terror, entre os que, por suposto, non faltan químicos. E en países imperfectamente democráticos, pero decididos a non permitir o crime, menos o de Estado, tamén abundan os químicos, e arreden, por favor, toda conexión maliciosa entre os primeiros e os últimos. Quero simplemente dicir que non só os que estudan políticas, os expertos en dereito, economía e socioloxía se lanzan á práctica  da cousa pública senón que a cada paso persoas formadas no máis puro método científico abrazan as tarefas de argumentación parlamentaria ou na decisión executiva. Un trío como exemplo extenso e ben coñecido podería ir desde Merkel (aínda que a súa licenciatura é en física, o doutorado fíxoo en química cuántica e o seu actual marido tamén é químico), Rubalcaba (profesor de química orgánica) e a nivel local Antón Louro (aínda que Jabois o retratara como bispo, non deixa de ser profesor de química).  Dos tres só Rubalcaba parece decido a regresar á súa vocación inicial, de Merkel ninguén pode sospeitar que no cumio do poder queira deixalo e polo que a Louro toca, mentres Lores e máis el practiquen ese amor de conveniencia, nada indica que ata as novas eleccións se produzan cambios relevantes. 
Por Rubalcaba nunca disimulei a miña admiración. Certo que o remate non foi o máis glorioso para unha vida política tan intensa, pero aínda así demostrou non ser só un sobrevivente senón un parlamentario e gobernante de máis categoría que algúns que chegaron a presidentes do goberno. Comunicador tan hábil como eficaz, soubo enfrontarse a situacións de dificultade elevada; como parlamentario, tivo épocas – non tampouco esta da despedida-  de verdadeira brillantez e finura igualada por poucos desde que se recuperou a democracia. Nos labores de negociacións sutís gasta sona de ser un experto; como político con visión de Estado ata a Cia llo recoñece, ademais de Rajoy, que, agora na hora da despedida, mostra respecto por quen, como parece obrigado diante dos seareiros, manifestou desdén e lixeiro desprezo, sen chegar ao de Zapatero, pero en idéntica liña. 
Dos méritos que á saída lle irán vindo á cabeza a compañeiros de actividade e xornalistas, para min ningún tan alto como o de fino parlamentario. Escasean. Non digamos nesta lexislatura. Pero desde a restauración da democracia, poucos parlamentarios, por máis que volva a memoria a Roca ou Herrero de Miñón, González ou Guerra, Carrillo, Erkoreka ou Labordeta, a ningún lle escoitei pezas tan ben trazadas nos seus argumentos, tan serenas e fondas, tan temperadas e non exentas de mirada crítica e progresista. Foron intervencións contadas e en diferentes etapas, ao servizo de González ou de Zapatero, pero uns servizos de calidade e coherencia pouco frecuentes. Pero iso queda lonxe. O máis achegado témolo cando colleu os despoxos de Zapatero, tanto no partido coma no electorado, intentando coser unha rede que non estaba para volver ao mar. Na recuperación da fe entre o electorado o fracaso final foi estrepitoso, os datos non enganan. En canto a termar do partido ferido, podería pensarse que o fracaso foi idéntico, mais eu discrepo: resistiu o razoable, abandonou sen forzar o ridículo e dubido que se dimitise antes as cousas pintasen mellor para o desnortado PSOE. O problema deste partido non é precisamente Rubalcaba e se non ao tempo. 
Agora abandona como se debe abandonar: de todo, sen medias tintas, sen ambivalencia. Deixa unha actividade pola que sentiu paixón, á que dedicou grande parte da súa vida para regresar á súa vocación inicial. Non porque abandonase a química durante todos estes anos. O esencial na política, coma no amor, é a química, a pura química de conectar, de mesturar en harmonía, sen esbourar, os elementos distintos, os intereses confrontados, as distintas substancias que mal tratadas poden arder ou causar un grande cataclismo. Rubalcaba non necesitará excesivo reciclaxe para regresar ás súas clases de química orgánica. Coñece ben as novas metodoloxías educativas, está ao tanto do funcionamento da investigación en Europa, e a a súa especialidade básica non é tan cambiante coma para non se dar posto ao día nestes meses de verán. Gastado e queimado na dedicación á química política, regresa á química pura. Creo que os alumnos aos que lles toque, terán sorte.  


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.