martes, 15 de julio de 2014

COMER A SHAKESPEARE


EN non máis de trinta anos o sistema de aprendizaxe cambiará radicalmente. Ninguén necesitará ler en ningún soporte. Todo poderemos comelo. Si. Comer unha píldora coa información que desexemos e esta correrá polo noso sangue ata apropiarnos dela por completo. Isto é o que predí Nicholas Negroponte e para el non ofrece a menor dúbida, máis, di seguro, fortalecido porque todo canto vén predicindo de dez en dez anos cúmprese ao pé da letra. Se así fose, a píldora de información comida, unha vez no torrente sanguíneo chegaría ao cerebro onde se iría apousentando nos lugares debidos para así quedar dentro de nós. Que guapo, estarán pensando moitos dos meus exalumnos.
Nin que dicir cabe que un servidor non lle nega a predición a Negroponte nin a ninguén. O futuro sempre foi sombra difícil de penetrar e por máis que algúns manexen datos que lles permitan arriscarse, complexo será adiviñar asuntos de tanta transcendencia. Máxime á velocidade coa que está cambiando todo. Certamente é máis ca un milagre ver o que con internet cambiou o mundo en tan poucos anos. Non serei tan escéptico coma para negar categoricamente que algún día poderemos comer a información. En calquera caso, o que si me parece bastante probable é que eu non poida experimentalo, polo que non me vai quedar máis remedio que seguir lendo, en papel ou soporte dixital, aquelo que me apeteza coñecer ou aprender. Pero na hipótese de que tal prodixio se adiantase e chegasen as píldoras moito antes do que Negroponte prognostica, ando a darlle voltas a cal sería a primeira que mercaría. Unha decisión nada banal. Porque supoño que tampouco podería un indixestarse de pastillas do coñecemento sen freo. Algún cólico se produciría se un mete entre peito e lombo a Homero, Virxilio, Platón, Sócrates e Aristóteles pola mañá, e pola tarde Descartes, Hume, Locke, Hobbes e Spinoza. E canto máis non sufrirían aparato dixestivo e veas se ao día seguinte lle empaquetamos un xantar con Tolstoi e Dostoievski, e para cear Proust. Non creo que se puidese pechar ollo acabando o día con Guerra e Paz, Crime e Castigo e En busca do Tempo perdido buscando a un tempo apousento no cerebro. Por iso sospeito que habería que andar con tino, comer moderadamente, co que eu, se hai sorte e dou pillado tal milagre, xa teño decidido que o primeiro que me comerei será a Shakespeare completo. Logo xa iría vendo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.