martes, 15 de julio de 2014

FILGUEIRA TRINCHADO NA MESA


Á Mesa pola Normalización Lingüística non lle gustou nada que a Real Academia Galega elixise como homenaxeado para o días das próximas Letras Galegas a Filgueira Valderde. O seu descontento susténtase na actividade política durante o franquismo do futuro homenaxeado, chegando a dicir textualmente que «dedicar alegremente o 2015 a unha persoa coa súa traxectoria é un insulto a todas as persoas que nas peores circunstancias imaxinábeis fixeron todo o posíbel para dignificar a lingua galega, pagando mesmo a súa actividade a favor do noso país e da nosa lingua coa prisión, o exilio ou a morte e é xa que logo, un insulto tamén para as persoas que hoxe seguimos a traballar para que a lingua galega recupere os espazos que lle foron roubados». Como ven, palabras maiores. En resume, para a Mesa, Filgueira foi un aniquilador da cultura e lingua galegas. Sen tanta dureza, pero tamén decepcionado pola falta de unanimidade e por lle parecer improcedente, o alcalde Lores coincide en que é un erro a elección do pontevedrés e adianta que institucionalmente xa indicarán se colaboran ou non en tal efeméride.
Que Filgueira foi alcalde de Pontevedra en época franquista é un feito. E que a colaboración con aquel réxime non se pode ocultar, tampouco. Aínda así, é isto razón suficiente para negar o pulo e a vitalidade que regalou á cultura galega? Porque o ‘vello profesor’, ademais de alcalde en época triste, foi animador na mesma época da creación de institucións que rescataron a cultura galega do esquecemento. A Sociedade Arqueolóxica, o Seminario de Estudos Galegos e as súas investigacións sobre a lingua teñen peso de sobra para merecer o seu estudo, recordo e elevación ao Parnaso da cultura galega. Máis aínda para Pontevedra, cidade á que estivo ligado en tódalas facetas culturais e, sobre todo, pola inmenso legado que lle deixou ao ser o máximo impulsor dun tesouro que se cadra, entre fumes de celulosa e fotos á beira de Franco (cantos naquela época non tiveron máis remedio que fotografarse con el de fondo!), non se valora na súa xusta medida: o museo. 
Sen desmerecer toda a erudición e escritos da próxima personalidade das Letras Galegas, paréceme que Galicia e en especial Pontevedra deberían aproveitar este ano para facer aínda máis visible a grande obra por el cimentada. Que unha cidade coma Pontevedra conte cun museo de tal categoría non é doado. Desde os anos corenta ata o oitenta e seis o profesor Filgueira, afianzando o comezado por Casto Sampedro e Álvarez Limeses, apuxou para levantar e mellorar un museo que hoxe, grazas á continuidade que sabe manter o seu discípulo Carlos Valle, é unha envexa para calquera cidade do país do tamaño de Pontevedra. O empeño na procura de mecenas, na colaboración con investigadores e coleccionistas, converte o que parecía un museo provincial nun de carácter universal no que conviven xoias como o Tesouro de Agolada como pequenas pezas exipcias ou romanas. Varios edificios emblemáticos da cidade conteñen unha variedade e riqueza universais que posiblemente non se valoren todo o que merecen. Pois na consolidación deste tesouro, entre outros méritos, puxo o profesor Filgueira Valverde un esforzo impagable, polo que, aínda que só iso fixese, merecería a homenaxe que a Real Academia decidiu dedicarlle o ano próximo. 
Entendo a dificultade que supón aceptar a valía dunha personalidade desta categoría con determinados erros debidos a unhas 
circunstancias históricas moi malas de comprender desde este momento. Pero é un vello problema no que non debemos caer nin deixarnos enredar. Non podemos restar o mérito literario a ‘Viaje al fin de la noche’ porque Céline fose un impresentable en determinados aspecto da súa conduta; a ninguén se lle ocorrería eliminar a Tolstoi da nómina dos autores máis grandes do universo por dedicar os últimos anos da súa vida a unha pseudorrelixión inxenua e aloucada; sería unha bobada desprestixiar ao autor de ‘Los gozos y las sombras’ polas súas necesidades vitais de coquetear co réxime de Franco; ou non digamos anular de entre os mellores escritores do século XX a Álvaro Cunqueiro polo mesmo; ou, en fin, deixar de recoñecer que Borges é un xenio da literatura universal por algunhas manifestacións políticas que non entran dentro do correcto nin do sensato. Esa visión tan absoluta xulgando o pasado dun escritor, pensador ou intelectual nunca empequenecen a grandeza da súa obra. De Heidegger podemos sospeitar o que queiramos sobre os seus tratos co nacionalsocialismo ou co pouco cabaleiro que puido ser con Hanna Arend, pero iso nunca invalidará a súa fina análise filosófica en ‘Tiempo y ser’. De don Xosé Filgueira Valverde poderán manterse as sospeitas que se queiran durante os anos de alcaldía na época franquista, pero ninguén pode dubidar de que é un digno merecedor de ser homenaxeado no día das Letras Galegas. E paréceme desproporcionado como algúns o trinchan sen piedade na súa mesa. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.