domingo, 21 de junio de 2015

MEDO Á DECEPCIÓN

NON é privativo da esquerda. Que lle pregunten a moitos votantes ilusionados que lle deron a maioría absoluta ao PP. Salvo aqueles que veñen ao mundo sen sentido crítico de fábrica, calquera pode reaccionar frustrado, desencantado ou irado diante de tantas promesas esnaquizadas. Eran moitos os que agardaban que co seu voto se reducisen impostos, se liberalizase negociar, desaparecesen estruturas políticas obsoletas e inútiles, morrese de raíz a corrupción. E pouco ou nada do esperado se cumpriu. Padecer a suba de impostos á que nos someteu o goberno que levaba no seu ADN a baixada como salvación non é doado de soportar. Co que o desencanto e a rabecha leváronnos a onde estamos.
Cambiaron as tornas. Hoxe constituiranse gobernos con forzas que levantaron unha marea de ilusión. Son moitos os que depositaron os seus votos coa fe de que algo mude, de que un estilo diferente de facer política se instale no gobernar máis achegado. Veremos que ocorre. Como o escepticismo é filosofía que non se dá mal por estes lares, moitos prognostican un fracaso estrepitoso naqueles concellos nos que os acordos entre forzas novas se impuxeron ao vello coñecido.
Circulan ditos e sospeitas de que entre os novos xestores predominan a inexperiencia, a inxenuidade e a fantasía, algo que non cadra co pragmatismo e a rudeza da negociación diaria dos asuntos de todos. Abundan os agoireiros que xa teñen diante dos ollos a desfeita á que nos levarán estes populistas inexpertos. Sobre todo inexpertos, nada curtidos na xestión, coma se os que se van deran mostras dunhas destrezas maiúsculas, agás que entendamos que favorecerse da corrupción máis vergonzosa, permitila ou alentala sexan méritos de excepción.
Pero así somos: tememos e trememos diante do cambio, parece que o coñecido garante unha continuidade benéfica, coma se probar con novos intentos nos condenase a acabar queimados. En algo se baseará este temor tan asentado do malo coñecido polo bo por coñecer, pero non deberiamos esquecer que, aínda que só sexa por remover, intimidar ou espertar ao cómodo e durmido na inercia do poder podre, probar cambios é saudable.
A democracia goza desta grande virtude dentro das súas enormes imperfeccións: quen vende fume e simplezas, engana ou seduce con sofismas, perde o crédito e acaba por perder. Non deberían esquecelo os que pretendan evitar as consecuencias da decepción.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.