domingo, 21 de junio de 2015

BUSH, EXPERTO EN GOETHE

BUSH E máis eu somos amigos de hai pouco por motivos que non veñen ao caso. Vai vello, non oe nin ve ben, pero conserva a elegancia e gracia da mocidade pegada ao seu sedoso cabelo dourado. Dorme moito e pide mimos sen taxa a cada paso. Vive coma un rei. Non lle falta de nada. Moitos cristiás perderían a fe por contar coa súa calidade de vida: temperatura ideal, comida exquisita, entorno paradisíaco, atención e cariño a canadas. Non sei aínda ben por que lle puxeron o nome, pero non importa, el acéptao con humildade e responde na medida que pode a tódalas atencións que recibe. Só lle falta falar. Nestes días que compartimos xardín apégase a min coma se foramos amigos de vello e acompáñame cunha fidelidade e tenrura mansa que non sería de ben nacido se non a soubese apreciar.

Como aos dous nos gusta a paz e serenidade da mañá, por iso escollemos o lugar máis recollido do xardín, aquel onde o vento non zoa e o sol non magoa, coincidindo moitas horas xuntos, el durmindo, soñando, cun roncar apagado, suspirando, espertando de vez en cando para se achegar e me dicir: a ver, home, deixa de ler e dáme un cariño. Eu doullo acompasando o remoer das últimas frases lidas cos movementos da man fregando o seu pescozo de la. Agradéceme tanto o cariño poñendo olliños de contente que non me queda outra que contarlle sobre que vai o libro e o que vou sacando del.

Coincide nesta ocasión que me pilla lendo a biografía de Goethe de Rüdiger Safranski e son moitas as cousas que Bush está aprendendo en breves parlamentos que me escoita con atención esmerada. Mentres o sitúo historicamente e lle vou dando as primeiras noticias do protagonista, desa vida de arte na que o xenio quixo converter o seu vivir, acórdanme algúns deses momentos únicos e escasos nos que durante a etapa de profesor conseguín atraer a atención dos estudantes coma se fora un ilusionista. Imaxes de ollos curiosos cravados nas palabras que os atravesan coma espadas indoloras. Esa mirada devota de quen descobre algo que non imaxinaba, que merece a pena, que o achega ao descubrimento por sorpresa ao á beleza. Así me mira Bush: interesado, sen pestanexar, coma se de verdade canto lle conto significase algo nestes últimos anos da súa vida plácida que para si quixeran moitos humanos.

Nas reflexións primeiras, para non cargalo en exceso, logro que repare nos cimentos de toda biografía: o fundamento familiar que condiciona o proxecto vital. Ese pai relevante social e economicamente que, sen chegar a aristócrata, transmite a fortaleza material e o seu aprecio polo dereito, a arte, a arquitectura; esa nai admiradora e dadora de confianza, de seguridade plena, aínda sen andar constantemente enriba del, que lle garante coa súa clara elección como favorito o seu sentimento de conquista e vitoria. Son de indiscutible importancia este piares da infancia, coméntolle a Bush, pero non tanto coma para caer en certas tendencias excesivas por buscar causalidade psicolóxica na infancia de canto se logra. Non abusa Safranski desta moda tendenciosa en cargar sen taxa nos anos infantís virtudes ou defectos do futuro. Hoxe téndese con lixeireza a buscar nos anos primeiros e relacións familiares as causas de cada fracaso, conduta irresponsable ou éxito aclamado, cando non resulta tan evidente a relación causa efecto. Talvez polo peso simplista da popularización das ideas de Freud se chegou a esta desproporcionada visión. Por iso, explícolle a Bush, gústame a sobriedade coa que aborda o biógrafo este aspecto do creador alemán: as relacións familiares condicionan aspectos da personalidade, pero non crean un xenio.

Mais como percibo que se cansa, modifícolle a información. Imos co mozo estudante a Leipzeig, cidade de músicas celestiais, de arquitectura rica e moderna, para acompañar no fracaso primeiro a un xenio futuro. Eses anos nos que a vida regalada (700 florins lle pode proporcionar o pai ao mes, algo que poucos artesáns cualificados podían ganar en todo o ano) tropeza coa escasa atracción do dereito, probablemente co rexeite que sempre causa estudar por dar gusto aos pais, non pola vocación propia. E comparto co can unha hipótese que tamén en Goethe se me presenta despois de ter observado a vida de grandes escritores e científicos: a coincidencia de padecer moitos meses de cama na xuventude por enfermidade. Esas pleuresías, afeccións ao pulmón, accidentes varios que reteñen na cama a adolescentes ou mozos, acaban por condicionar o futuro, non sei se polas lecturas elixidas, polo tempo de reflexión ou polo contratempo que supón a inactividade e atencións de enfermo en época na que prima a actividade física e relacións sociais. Consúltolle a Bush se lle parece lúcida a hipótese e di coa cabeza que si, o que me anima a consultarlle canta idea se me ocorra, ás veces gústanos que nos acepten de maneira tan pouco crítica. De tódolos xeitos, en canto lle propoño que afondemos na relación do xenio coas mulleres, como el entende o amor e os celos, o ánimo de Bush medra que dá xenio. Isto faime pensar que o podo converter no can que máis sabe sobre Goethe en toda a comarca. O que non é pouco.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.