jueves, 11 de junio de 2015

A ESTRAÑA ADMIRACIÓN POLA XENTE COMÚN

QUE PAIXÓN é esta que invade aos emerxentes políticos por non querer ser máis nada que xente, xente normal, xente do común? A que vén esa obsesión por dicir, aspirar, facer e cumprir só con aquelo que se sospeita que a xente é ou di? Por que tanto compromiso coa normalidade, co común, co máis frecuente, coa vulgaridade, en fin, se a xente nunca foi nada do outro mundo? Cústame entender, coma a Savater, esta admiración badoca pola xente. Apelar á xente como garantía de honradez e intelixencia, de eficacia e boas maneiras non deixa de ser unha cándida ignorancia. 


Que pensan eses dependentes da xente que somos a xente? Onde radica a diferencia esencial entre xente e non xente? A partires de que nivel, actitude, conduta ou grao de estupidez deixa un de ser xente? Se co concepto de casta nos estamos atopando nun xardín malo de cultivar, xa me dirán o que non nos pasará ao afondar no de xente. Manifestan orgullosos e seguros os aprendices de transformadores que eles non traen máis pretensión nin armas nin sabedoría nin nada que non sexa os da xente de a pé. Coma se a xente de a pé, nós, todos, non foramos avariciosos, ignorantes, maliciosos, ruíns, egoístas, paifocos, localistas, envexosos e malandríns. Coma se a xente fose algo diferente a ser venais, incultos, insolidarios e dados ao engano. A que xente se referirán eses aduladores do común? Que modelos lles serven de guía para se convencer tan contentes de que ao se parecer á xente están garantindo un bo goberno, máis eficaz, menos cobizoso, máis equitativo?
Porque a xente non é unha nin de vontade unidireccional nin de aspiración uniforme; porque a xente do común é precisamente iso: inculta, egoísta, interesada, dada á cobiza, violenta, atravesada
Levo tempo amarrado á reflexión por descubrir as vantaxes e non as acabo de ver. Prométennos que nos gobernarán como a xente queira, mande, ordene. Pero dende cando a xente, o pobo unido nunca vencido, fala unha soa voz, nun só ton, nun único rexistro? Como ler e interpretar esa voz única, verdadeira, diferenciada da que non é xente? Esta dualidade teórica non deixa de ser un invento sen pés nin cabeza, incongruente, desconectado coa realidade máis evidente de intereses contrapostos, variedade nas propostas, necesidade de harmonizar contrarios. Se para algo ha servir a política é para concordar egoísmos enfrontados, pactar intereses distintos, limar ambicións, axustar utopías, acercar ilusións, tronzar fanatismos e raquitismos vergonzosos e posibilitar progreso entres diferentes e claramente distintos. 


Porque a xente non é unha nin de vontade unidireccional nin de aspiración uniforme; porque a xente do común é precisamente iso: inculta, egoísta, interesada, dada á cobiza, violenta, atravesada. Así somos: unha sociedade heteroxénea e aberta, diferente, cambiante. Non existe un pobo unísono nin uniforme. Quen pretende con casticismos populacheiros, mesianismos teolóxicos ou maniqueísmos salvadores converter á xente en nós e eles, situar aos bos dentro e os malos fóra, reducir a realidade aos nosos e aos outros, estáa falseando. Como ben escribiu Albert Chillón, non existe unha comunidade homoxénea e humillada, senón unha heteroxénea e ambigua.

Por que conformarse entón con querer ser nin máis nin menos ca xente? Aquí si hai un claro problema de comunicación. Non nos gobernos cando se empeñan en seguir creando desigualdade e achacan o fracaso á mala comunicación
Por que conformarse entón con querer ser nin máis nin menos ca xente? Aquí si hai un claro problema de comunicación. Non nos gobernos cando se empeñan en seguir creando desigualdade e achacan o fracaso á mala comunicación. Iso non é mala comunicación: é mala política, mala execución. Disque - din- non souberon comunicar. Claro que souberon. O que non souberon foi modificar aquelo que farta, desanima, desespera e enfurece. Mais neste caso si é un problema grave de comunicación. Non quererán dicir que pretenden gobernar segundo criterios que favorezan a intelixencia, a bondade, a xustiza e a igualdade? É esa a intención? Deixen entón de se amarrar á xente como comodín fácil. Apártense de maniqueísmos triviais e populistas de xente (bos) e casta (malos), porque nese dualismo fácil non se percibe máis nada que engano para os débiles de análise e confusión para os que desexan pensar.


Atácanse uns aos outros con ser populistas e todos pecan da mesma coxeira. Pero si é certo que nesta manía que lles entrou aos emerxentes por ser coma a xente, gobernar para a xente e non ser máis ca xente do común, están demostrando un problema grave de comunicación. Eu non quero elixir a xente do común para que me goberne. Enténdase: non quero incultos, irrespectuosos, badocos, iletrados, indolentes, insolidarios e tan curtos de miras que só buscan o interese propio, o máis inmediato e rastreiro. A min gústame elixir a persoas de mérito, que destacan pola súa intelixencia, laboriosidade, entrega, paixón polo que fan, innovadores e xenerosos, non roidos pola cobiza, que pretenden dedicarse á difícil tarefa de organizar o ben común. Non aos que presumen de ser xente do común, como se o común gardase as esencias da verdade, da beleza e da xustiza, cando sabido é dende sempre que para alcanzalas o que cómpre é exactamente o contrario, saírse do común.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.