jueves, 11 de junio de 2015

ELOXIO Á INICIATIVA

PARABÉNS para os defensores dos débiles e dos que padecen inxustiza. Non lles negarei nunca o que achegan á comunidade co seu ollo atento a canto atropelo se comete contra os que sofren. Pero se cadra convén que cantos aguzan a mirada para denunciar tanto abuso e desprezo non esquezan os perigos do "pobrismo" para dicilo coma Antonio Escohotado. O sermón da montaña non deixa de ser un canto fermosísimo de consolo para os humildes e pobres, pero pode conducir a unha visión raquítica e resentida do progreso. Aspirar a derrotar desigualdades vergonzosas non nos debería cegar sobre os valores da propiedade, do comercio, da iniciativa, da innovación, da ambición e do traballo. Con ser o capitalismo un sistema no que os cobizosos e desaprensivos atopan un humus inigualable, non deixa de ser, de momento, o máis favorecedor para un aumento indiscutible da calidade de vida. Non se coñece ao longo da historia sociedade na que a organización social beneficiase máis e a máis xente. Por iso vivimos no paradoxo: repúgnanos a desigualdade e abusos que produce, pero, ao mesmo tempo, admitimos que ningún outro sistema proporcionou tantas melloras.
Como consecuencia desta tensión, os situados nos extremos adoitan acaparar os argumentos na defensa ou ataque. Os primeiros, insolentes e agresivos, eloxian sen matices a voracidade do sistema. Ignoran os efectos secundarios do mercado sen regulación, o darwinismo social máis feroz, ridiculizando incluso ao débil; non admiten máis razón para o mérito que o traballo e valía propios; rinse de toda intervención destinada á igualdade de oportunidades ou á sostenibilidade do planeta. Os segundos, cegos e resentidos ou simplemente inxenuos, soñan cun mundo colaborador e de iguais nos que a competencia, a iniciativa e a innovación parecese que só axudasen aos desaprensivos e agresivos; no que vivir ben non correlacionase coa loita entusiasta e competitiva nin por tirar da invención e do negocio. Nesta dialéctica, nesta vixilancia mutua, danse con frecuencia sínteses de cesión necesaria, outros enfrontamentos que supoñen retroceso e comezar de novo. Aos primeiros non lles sobra unha dose de rendible piedade, aos segundos de realismo crítico. Se a cobiza se fai señora, os perigos están á vista. Se o "pobrismo" anula as leis do negocio, o comercio e a liberdade, estaremos a piques de frear as bases do avance científico e económico que a tantos beneficia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.