viernes, 31 de julio de 2015

DELEITE E NOXO

A MEMORIA ten mecanismos estraños. Será pola fogaxe. Ía tanta calor que decidira dar un paseo pola fresca debaixo dos carballos que conducen á capela da Mota. Sen razón que o explique, coma se os estivese vendo, viñéronme á cabeza un pai e os seus tres fillos, dúas nenas e un neno, visitando unha sala do MoMA en Nova York cargada de obras de Picasso. Quedoume a imaxe gravada pola atención e curiosidade dos nenos, e pola capacidade didáctica do pai. Poucas veces vin nenos de tan pouca idade (irán de 8 a 5) tan concentrados e gozosos, vinos atentos unha anaco, pero con necesidade de peterrear de vez en canto. Certo que a habilidade do pai non era común. A base de preguntas breves pero afiadas, curtas, escasas, ía metendo nos fillos a curiosidade e intriga sen fallar nunca. O punto de partida, o engado, procuraba que fose sempre un animal, facéndolles descubrir as transformacións polas que pasaban forma e color. Cando os animais estaban ben observados e comentados, coma nun xogo no que o mérito consiste en superar a dificultade, trasladaba as preguntas ás caras humanas. A paciencia, sabeduría e gusto do pai contaxiaban de tal maneira aos cativos que non se lles vía miga de distracción ou aburrimento. Saín da sala impresionado pola facilidade coa que os catro gozaban dunha maneira tan natural.
Apegado á mesma visita de aquel ano, lembro como aínda co deleite e paz que me proporcionaran os visitantes de Picasso, entro nunha sala na que ferven e roxen as performances de Marina Abramovic. A provocación da artista de Belgrado, tan marcada pola experiencia dos iugoslavos esnaquizados na recente e atroz guerra, paralízame. Berros, sangue, corpos que se feren, esgarros de odio e noxo, miradas ansiosas palpitando nas pantallas que me rodean. Medo, dor, odio. Guerra. Sufrimento. Imaxe e son que estremecen. Os visitantes miramos illados, asombrados, incrédulos. Cada paso supón recibir unha labazada, un susto, unha coitelada. Penetras no terror e saes desasosegado, magoado, inseguro. É posible que sexamos os mesmos quen mostramos tanta paciencia ensinando aos fillos a ver a beleza do debuxo e a pintura e os que agredimos, desprezamos e humillamos ao igual? Somos, é evidente, penso mentres desando o paseo, cun leve zunido de aire fresco acompañándome por entre as pólas dos carballos. E sigo sen saber por que hoxe e agora lembro aquela visita. Será por tanta fogaxe.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.