domingo, 1 de noviembre de 2015

MEDO SEN BÁGOAS E CON ELAS

NON sei se antes de que realizase o último TAC de control do cáncer que non me quere soltar estaba moi angustiado e atemorizado por unha percepción do estado corporal, seguindo a visión de António Damásio cando di que as sensacións e sentimentos son unha cartografía dun estado corporal, determinado en esencia, entre outras razóns biolóxicas, pola composición do sangue en relación con algunhas moléculas químicas das que depende a nosa vida, e cuxa concentración está representada , momento a momento, en rexións específicas do cerebro. Ou se, como podería defender Bruce Lipton, dado que as células están controladas polo medio externo, o meu nerviosismo, a miña maneira de percibir cambiou a miña bioloxía. Recaia a razón do lado de calquera dos investigadores –o máis probable é que nos dous–, a triste evidencia é que antes da proba pasei unha semana dun pánico horrible e o resultado deu malas noticias: as células que non debían medrar medraron e implantáronse onde non debían e debo volver a bombardearme con quimioterapia.
Cando se está diante do oncólogo e se recibe unha noticia así o medo anula as bágoas. Un cae nese escuro, mudo e xordo estupor que nos paraliza cando as desgracias nos aplanan superando a nosa resistencia, como dixo Montaigne. Eu creo que porque escacha a ilusión da inmortalidade. Tal e como os feitos demostran, ninguén dubida de que somos mortais, pero vivimos na ilusión da inmortalidade. Se non elaboraramos unha ilusión defensiva pola que actuamos coma se a inmortalidade nos acompañase, a vida sería un inferno. Por iso, aínda xa de moi vellos ou nas peores circunstancias, aceptamos esa ilusión beneficiosa. Cando, ante situacións límites, tropezamos con que esa ilusión se esnaquiza, caemos no estupor do silencio, de quedar secos ata de bágoas. Logo, ao abrazarte ao ser querido, ao que te anima e transmite a miga de esperanza que quede, regresan as bágoas coma ríos, entras outra vez na ilusión, por escasa que sexa, e regresas ao medo con choro. Prefiro o medo e as bágoas, aquelo que nos fai chorar unha vez máis cando parecía esgotado todo pranto (Proust). Porque no medo e no pranto resistirá a crenza de que somos a criatura que se conta historias a si mesmo para entender que clase de criatura é, como escribiu Salman Rushdie. E, mentres poida, seguireimas contando, e a vostedes, se queren, tamén.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.