sábado, 21 de noviembre de 2015

PASEI A NOITE AMANDO

ANDO pola Roma azul e cálida deste outono empapando os sentidos coa beleza que a adorna. Un exceso que xa Stendhal entendera que satura ata a perda de control. Pero como hai décadas que non piso a cidade, non quero perder nada do que pretendía ver. E así, chegada a noite, canso, durmo vencido por tanta color, formas e espazos á espera do plan do día seguinte. Así ata o terceiro no que as cores e esculturas, monumentos e prazas, igrexas e nomes bailan no cerebro creando unha mesturanza efervescente de imaxes encadeadas que non me deixan durmir.
Paso a noite na cama pero do Panteón á Capela Sixtina, das estancias de Rafael á Villa Borghese, desta á Doria Pamphilj, de San Pietro in Vincoli á Piazza del Popolo, á Navona, á Fontana de Trevi... sen parada. Ora repaso o vigor furioso das pinturas e figuras de Miguel Ángel, ora á dozura delicada de Rafael; vou dos santos con cara de rufiáns de Caravaggio ao retrato demasiado verdadeiro que Velázquez calca de Inocencio X; das follas de mármore coma cristal esculpidas no aire por Bernini para que Dafne fuxa coma árbore de Apolo á sensualidade lisa de Paulina Bonaparte cincelada por Canova. Frescos, columnas, deuses e deusas, laranxeiras no Palatino, fontes, arcos, triunfo, circo, imperio, pasado, motos e fume na vida anárquica dunha cidade pola que paseamos turistas, emigrados en busca de vida, cidadáns romanos de hoxe, curas e monxas a feixes e sen complexo, e onde en cada curruncho unha cruz monta sobre un templo a Xúpiter ou Rómulo.
Hai enriba da porta de entrada á última sala da pinacoteca da Galería Borghese un cadro de Rafael titulado La Fornarina (a panadeira). Conta a lenda que era a súa amante e que despois dunha noite de amor con ela, o pintor de Urbino enfermou e nunca deu recuperado, morrendo ao pouco tempo con tan só 37 anos. Neses anos só pintou e amou. Na súa grande obra A escola de Atenas trata de representar a beleza, a bondade e a verdade. Na miña noite eufórica de imaxes a cores en Roma, toda ambición, violencia e cobiza, que non son alleas á cidade, quedan anuladas polo peso da verdade, da bondade e, sobre todo, da beleza. E por iso paso a noite amando. E non pego ollo. E non me importa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.