domingo, 15 de noviembre de 2015

PASEI A NOITE ODIANDO

A rebelión serve como catalizador de penas. A rabia e a negación conxugan de vez en cando para liberar o caldeiro cheo de tanto aguantar. Pasamos por mil e unha dificultades , aguantando en silencio ou sen aparentemente nos inmutar, coa convicción de que con esparruñar non arranxaremos nada, pero chega un momento en que, como El Bombita de Darín en Relatos salvajes, a un éncheselle o humor ata a cima e decide estoupar de vez. Algo así me debeu pasar a min unha das últimas noites.
Como o sono non quería apousar sobre min , farto de ler e pensar, dei en odiar. Así, con tódalas letras: o-d-i-a-r. A que, a quen? A canto se atrevía a penetrar na miña consciencia. Incapaz de parar os pensamentos, estes ían e viñan incontrolados das inxustizas sociais ás humillacións vistas e recordadas, dos abusos e corruptelas á ignorancia e covardía de tantos.
En primeiro eran os conceptos en si os obxectos de odio, pero axiña se foron transformando en persoas recoñecidas, cada cal representando á perfección a concreción do mal odiado. Para o cinismo elixía un nome e rostro, para a corrupción varios políticos que nin merece a pena nomear, para a maledicencia un presentador de televisión que as poucas veces que o vexo me produce comechón e para a ignorancia máis perigosa a varios triunfadores sociais aos que co desprezo non sei se enmascaro envexa.
Como a noite avanzaba e a lista de condutas e persoas a quen odiar non se detiña, comprendín que non era bo método para entrar no sono, que era a razón do xogo. Pero foi aquí que caín na conta do perigoso que é odiar. Canto máis odias, máis ganas tes de odiar, e cando pensas ter rematada a nómina de todos cantos podías incluír no teu afán por esnaquizar, aparecen novas imaxes que aínda te incitan máis ao odio. Tanto que, aínda dando renda solta á imaxinación, xa non che queda nada con que castigalos, caendo na conta, por fin, que canto máis odias, máis te odias a ti mesmo, pois, coma a tolerancia nunha droga, canto máis odias, máis necesitas odiar sen nunca atopar paz.
Foi entón cando recordei unha frase atribuída a Bismarck: Non peguei ollo, pasei a noite odiando. E decidín parar en seco para pegar ollo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.