lunes, 8 de febrero de 2016

O PRIVILEXIO DO AFORAMENTO

NUNCA me pareceu útil o Senado. Creo que é unha institución superflua, elitista, endogámica. Non cumpre ningunha función necesaria agás retirar cuns privilexios inncesarios a políticos innecesarios. Despois dunha vida vivindo do público, sen perspectiva nin opción a progresar, os esgotados loitadores –ou pícaros vividores– sentan as súas carnes cansas nos cómodos sillóns do senado. Sempre pensei que era este, o cómodo retiro despois dunha vida entregada ou viciada á acción política, o principal motivo de que ningún partido se atreva a darlle contido ou a eliminalo de raíz. Pero estaba equivocado. Ademais da función de retiro de luxo, o Senado cumpre outra función: manter aforados durante anos a aqueles políticos que cometeron falcatruadas e poden ser reclamados pola Xustiza.
Ser aforados ten a súa miga. Un non pode ser xulgado agás polo Tribunal Superior de Xustiza (políticos rexionais) ou polo Supremo( os políticos nacionais), tribunais distintos ao resto dos cidadáns. E no Tribunal Superior de Xustiza ou no Supremo acaban estando aqueles a quen os políticos elevaron a tal altura. Co que, pechado o círculo, entre políticos e Xustiza establécense unhas dependencias e obrigas que impiden un funcionamento decente da democracia. Chávez e Griñán, Rita Barberá, Marcelino Iglesias e tantos outros non só aspiraron e aspiran á comodidade do canonicato senatorial senón, sobre todo, ao privilexio de seguir aforados.
Un luxo excesivo para demasiadas persoas neste país. Dende o rey, familia real, sobre 2.000 políticos e un elevadísimo número do ámbito xudicial, resulta excesivo o número de persoas que escapan a un tribunal idéntico ao resto dos cidadáns. Excepcións inxustificadas que para nada contribúen ao correcto funcionamento da Xustiza. Eses procesos interminables, desesperantes e disuasorios aos que nos teñen acostumados sempre que anda polo medio algún aforado, son a clara manifestación do entorpecemento e da dilación que supoñen tales privilexios en favor de cidadáns que non o merecen.
Agora andamos coa de Valencia. Que Rita Barberá se parapete no seu aforamento para non responder da marea de esterco que pola súa terra se extende, non ten explicación. Como xa non a tivo que Camps non respondese do asunto Nóos. Isto do aforamento habería que miralo, pero moito me temo que non toca.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.