lunes, 22 de febrero de 2016

SUICIDIO

NUNCA FIXEN ningún intento de suicidio pero si pensei nel. Na adolescencia, en etapas de melancolía e tristeza, coqueteei con el a modo romántico, fantasioso. Unha saída poética a imitación do xoven Werther de Goethe ou da seductora e atormentada frase de Camus: non hai máis ca un verdadeiro problema filosófico serio: o suicidio. Pero o certo é que entre a experiencia vital e as lecturas máis de moda achegadas ao existencialismo do absurdo, na mocidade, de maneira superficial, como adobío da pena e da confusión, ás veces pensei no suicidio, pero nunca coma unha probabilidade real. Só un escape intelectual para xustificar a inestabilidade emocional. Mais tarde, xa adulto, atrapado en momentos por lancinantes dores de fracaso, tamén algún día mirei o mar con idea de me perder nel. Pero nunca a idea progresaba, deseguida aparecía a responsabilidade cara os seres queridos e por nada, por nada!, me compensaba fuxir do sufrimento sabendo o que lle causaría coa miña acción aos que quedasen detrás. Agora, diagnosticado dun mal grave, nin se me ocorre pensar na posibilidade de adiantar a morte, cada instante paréceme un regalo de vida que non podo desaproveitar en pensamentos inútiles. Chegados a unha idade con vistas, como é o caso, sei que nunca debemos dicir desta auga non beberei, pero dame que non teño alma de suicida.
O suicidio é unha casusa de morte silenciada e bastantes veces tratada de maneira inadecuada. A OMS calcula que 900.000 persoas ao ano perden a vida por esta causa, o que supón que cada 40 segundos alguén se está quitando a vida. En España, os datos certifican que é a primeira causa de morte violenta superando aos accidentes de tráfico. Non estamos diante dun problema coma para agochalo. Son moitas as persoas que chegan á desesperanza, a esa convicción de que o seu problema actual non se resolverá nun futuro inmediato e non saben a maneira de se enfrontar a el. O seu sufrimento é tanto que prefiren anulalo coa desaparición. Non se trata de covardía nin valentía, nin tampouco de mala saúde mental. As causas do suicidio son tan complexas que toda explicación simplista só leva á confusión e a erros moi estendidos. Nada romántico hai detrás do sufrimento de quen se plantexa o suicidio. Nin tampouco os avisos son manipulacións a ignorar, nin debilidade de pusilánimes, nin clarividencia de mentes lúcidas. Quen avisa e dá indicios de que se quere suicidar está expresando que algo non vai nada ben, que son incapaces de adaptarse ás esixencias do que a vida lles pide nese momento.
Por razóns profesionais, en moitas ocasións téñenme solicitado opinión en medios para aclarar, sempre a raíz dun caso chamativo, alarmante, sobre o suicidio en adolescentes. Despois dalgunhas experiencias desagradables declinei toda invitación por considerar que non é fácil explicar en estrevistas apuradas, ao pé da noticia quente, os múltiples factores que poden causar un suicidio. Respostas simples ante acontementos dolorosos non axudan. Que un neno deixe unha carta acusando á escola do seu suicidio non quere dicir que sexa esa a única explicación da desgraza. Que alguén intelixente e cabal, de recoñecido prestixio social, se quite a vida ao pouco de se xubilar, por dura que lle resute a perda de actividade, non pecha nin aclara o motivo de tan misteriosa decisión.
O suicidio é ambivalencia, quérese se cadra acabar co sufrimento pero non coa vida. Ataca a nenos e vellos. Os homes executan con maior eficacia os seus intentos. Necesita axuda de especialistas, compañía, nos agochar as tentacións. O suicidio é, seguro, sempre, desesperanza e sufrimento. Por suposto que existen precipitantes moi relacionados coa perda, xa de seres queridos ou de estatus; con cambios inesperados nas circunstancias de vida; con agravamentos de enfermidades mentais; coa desesperanza polo fracaso ou a vergonza insoportables... É unha ofuscasión ou decisión misteriosa que só nos debe conducir a tratalo sen sensacionalismo, pero sen silencialo, porque, para mellor atallalo, convén arredando del toda connotación de romanticismo, valentía, cobardía ou vergonza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.