Que terá a política, Nosa
Señora do Corpiño, para que persoas capaces, estudadas, de ben, educadas e
cabais, acaben cometendo as máis evidentes estupideces? Non cómpre o don da
adivinación para saber que alguén, xustiza de lado, é un falabarato, bardallas,
falangueiro, trapalleiro, laretas e caralavada. Como se explica, entón, a
debilidade coa que políticos que ata chegan á presidencia do goberno acaben
tirándose aos brazos de individuos de tan mala ralea? É tal o poder de
seducción destes moinantes? Dependen tanto os votos de estes galopíns? Non
cadran as contas se non é coa axuda de tan pésimos feirantes?
O que
poden cambiar as asociacións xeográficas. Eu a Valencia sempre lle tiven lei.
Dende pequeno que fantaseara cunha moza daquela procedencia, pasando pola
admiración ás voces rotundas que de alí saíron, ata a envexa polo seu sol, o
seu mar e as súas laranxas douradas, sempre que Valencia me viña á boca era
coma se de dozor, vida, cáldido desexo e luz se me enchese. Tanta era a miña
perferencia por aquela terra que, cando a elección infantil non permitía ir
máis aló do Real Madrid ou do Barcelona – Deportivo da Coruña aparte-, a min
dábaseme pola estraña defensa do Valencia C.F. de Claramunt, xogador ao que
salvo algúns expertos, seguro que poucos recordan. Mais mira ti por onde, de
admirar a Miguel Hernández, Blasco Ibáñez e Sorolla un pasa sen comelo nin
bebelo a conectar por un automatismo non desexado a asociar a comunidade
Valencia con Camps, O Bigotes, Rita Barberá e agora, para colmo, con un tal Alfonso
Rus ao que só velo e escoitalo en tres detalles memorizados por Youtube a un
cáelle a cara de vergonza allea.
O
alto nivel da presunta estafa e ladroízo do citado Rus nin merece comentario.
De confirmarse, non existe non mundo,
por moito que se pague, sofista capaz de convencerme de que había razón para
soportar tal furto nin tal personaxe. Tal grao de dependencia para o finanzamento dos partidos de individuos así
esixe sin máis dilación unha revisión
dos gonzos dos cartos dos que vive a actividade política. Do contrario,
a democracia corre serios riscos. Mais deixando de lado esta evidencia na que
levamos anos insistindo e parece que ninguén dá entendido na súa
transcendencia, o que me sorprende é ata onde somos capaces os votantes de nos
deixar levar por populismos de toda caste.
Porque nos últimos tempos énchense páxinas falando de populismo referido
só a uns espabilados e desencantados mozos universarios que leron ao filósofo
arxentino Ernesto Laclau, pero para populismo do bo e chocalleiro o do tal Rus.
Resulta
curioso como este fenómeno populista de trombón
e karaoke de baixa estofa adobiado con algo de paternalismo e simpatía
de maldita a graza, acaban recollendo voto en cantidade. Podería ser que
gozasen da habilidade para en tempo curto captar un amplo abano de votante
crédulo e necesitado, tanto coma para ser comprado con fanfarronadas ou
promesas de primeira necesidade, pero que sexan quen de manter fidelidade dese
voto por décadas xa resulta máis malo de entender. Que alguén poda crer por
máis dunha vez as promesas deste fantoche valenciano, que chega ao desprezo e
ridiculización dos seus propios votantes, é análise que merece a atención de
especialistas en comunicación e socioloxía política.
Pero
ao que ía: se tan claro aparece aos ollos, como todo un aspirante e logo
confirmado presidente do goberno pode abrazarse a estes meigos e as súsa
trapalladas? A santo de que hipotecar a honra e decencia deitándose á vista de
todos con estes barallocas maliciosos? Como un brillante opositor, rexistrador
da propiedade, político con experiencia, presidente que se ten por honrado e
didicado ao ben da maioría , entregado a tal cometido nunca por cartos nin por
ambición persoal, ofendido ata a medula se o tachan de indecente, pode caer
unha, dúas, tres, e non sei cantas veces nas redes destes galopíns? Un pode
enganarse elixido como tesoreiro a un tal Bárcenas, pode abanear ante a lambida
figura dun titiriteiro como Camps, mesmo ceder diante da personalidade
abrasadora dunha Barberá empeñada en recordarme a Golda Meir – quen lle dera
ser unha estadista coma a israelí- . Pero caer na euforia de proclamar urbi et
orbe que un está para o que sexa con Rus. E por se fora pouco, acolléndose a
esa carecterísta tan propia dos pícaros
valencianos de manifestarse afecto sen pudor, coma se Nino Bravo os deixase
inxectados polo seu “Te quiero, te queiro”... En fin, señor Rajoy, que lle creo
todo, pero que se rebaixase a ese “ Yo te quiero, Alfonso, coño, te quiero” non
mo vai dar explicado nunca xamais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.