lunes, 2 de mayo de 2016

BABAS DE TENRURA

LEVAMOS enredando un bo anaco. Non cansa. Mira, trata de apreixar, inventa sons, experimenta cos dedos na boca. Apreixa coa man o axóuxere que eleva e move en tódalas direccións. Ri satisfeita. Para unha miga, asombrada primeiro, despois coma se avaliase a potencia da que é capaz. Agora espernexa con velocidade, con enerxía. Queda entusiasmada de tanta vitalidade ao espernexar. Móvese na tumbona coma para demostrar que é capaz de erguerse, non pode, pero non se irrita. Ri. Outra vez axita o axóuxere coma se estivese encargada de anunciar a festa que nos agarda. Babexa. Ensina a lingua.
Continúa experimentando sons que repite orgullosa: be, be, be, eh, eh, be, eh, ah, ah, ah. Non para coa súa actividade que me esixe atención plena. Fágolle carantoñas que a fixan concentrada no meu rostro. Reproduzo muuuu, coma se fose vaca, oinc, coma un porquiño, guau, guau, coma un cadeliño, beeee, coma unha ovella. Atende seria. Repito beeee e ri. Tira o axóuxere ao chan. Devólvollo. Volve a tiralo. Recólloo e tírao varias veces. Canso pregúntolle se quere vir para o colo. Non fai falla que me responda, ao achegarme fai por se erguer cara a min.
Abrazada, ben pegadiña a súa cara á miña, experimento ese ulido co que só os bebés nos embriagan, acariño a súa caluga cuberta dunha peluxe dourada, séntoa cómoda sobre os meus xeonllos para que me mire e rir xuntos. Quere explorar a miña cara coa súa manciña. Achégolla e agancha do nariz, tira del, examínao metendo os seus dedos polas ventás, rabuñando un pouco coas súas uñas afiadas e tenras. Saca un anaco da súa lingua. Saco eu a miña e fágoa rabear porque agóchoa cando ma quere coller coa man. Así varias veces. Tenlle mérito e ri e mete a man na miña boca para buscar esa lingua que desapareceu.
Déixome caer no sofá e póñoa enriba de min. Escala ata se colocar sobre a miña cara e entón comeza a festa: agancha unha orella e tira, rabuña, volve a tirar; outra vez explora o nariz; mete os dedos nos meus ollos; deixa caer a súa boca enriba da miña cara e bábame, cóbreme de bicos de baba, canta coa súa voz primeira un ahahahah de contento do que non se farta mentres me sente rir a escachar louco de felicidade, exultante, ata que a elevo tanto como dan os meus brazos, fágoa descender outra vez sobre min para acariñala e bicala enchido de ledicia. E mentres a acariño todo babado, acordo o que escribira Kawabata: ao tocar a pel suave da nena as mans e os dedos enchéronselle de amor.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.