martes, 24 de mayo de 2016

CACHORROS DAS ELITES

ALGÚNS mostráronse asombrados de que Mario Conde entrampase aos seus fillos na súa última flacatruada. Que el persistise nos seus malos hábitos pola súa mala cabeza, pase, pero complicarlle de tal maneira a vida aos fillos... A min non me sorprendeu en absoluto. É máis, estrañaríame que non os incluira entre as súas manobras de artista financeiro. Que lle ensinamos aos fillos co noso exemplo, non desexamos para eles o mellor? Considerándose o personaxe un dos mellores, como non vai inculcarlles que sexan coma el. Iso apréndese dende a nenez. Non é que os metese en malos pasos. A vida son malos pasos e do único que se trata é de saber dalos mellor ca ninguén e que non te pillen. Esa parece a filosofía dos triunfadores. Esa, polo tanto, será a filosofía dos seus fillos. Por que non habían participar? Non están, entón, os cachorros das elites mamando a cano aberto da sabedoría dos antepasados para continuar coa obra ou mellorala?
Rubén Juste de Ancos, nun artigo clarificador, demostra como os fillos das elites son alumnos aventaxados. Así por exemplo, os Aznar Botella encarnan á perfección as ensinanzas dos pais. Despois de realizar estudos no Cunef, moi noviños iniciáronse tuteando a Blesa e dirixindo inmobiliarias ou asentando nas oficinas centrais do Santander. Mozos con pedigrí que axiña se introducen nos lugares adecuados para fichar por empresas estranxeiras con poder ilimitado, para entenderse coa Sareb, para ulir as grandes oportunidades. Mozos con ulido especial para os negocios, para relacionarse, para triunfar, en definitiva, porque diso se trata. Dun triunfo que acompaña sempre –que casualiade– aos fillos desta xente guapa, con clase, que onde poñen o ollo poñen o éxito. 
Outro tanto lle pasa ao Aguirre Jr. ou aos Pujol –e mira que son un fato– e tantos outros que nacen aprendidos e exercítanse nas artes da relación produtiva, da arte con beneficio, da innovación que vén do alén. Meteu o vello Pujol aos seus fillos en malos pasos? Non, home. Ensinoulles o que é realmente a vida. Que os pillasen é outro asunto. A tradición transmítese por convencemento. E todo indica que, unha vez nese nivel, ponden pillarte ou non, pero as tentacións van de acomodar a lei ás súas necesidades, e xa cando non se da manipulado máis, burlala con enxeño e marañas trapalleiras argalladas polos mellores profesionais ao seu servizo. Non digo que todos se rindan á tentación, pero xa sabemos das artes do demo. E non se enganen, todos estes cachorros falan entre eles o catalán e o que faga falta na intimidade. A esencia radica en continuar perpetuando a clase entre os dun, advenedizos, contados e ben contrastados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.