lunes, 2 de mayo de 2016

PSICOFÁRMACOS INNECESARIOS

O PSIQUIATRA Allen Frances defende con sensatez a necesidade de rebaixar o exceso de diagnósticos e tratamentos psicofarmacolóxicos e acomodarnos á vida. Non denuncia que os laboratorios farmacéuticos presionen directamente sobre quen eleboran a biblia da psiquiatría (o DSM), pero si indirectamente e sobre todo no consumidor e os médicos de atención primaria.
El mesmo participou na elaboración desa biblia pero volveuse crítico ao observar que poderían diagnosticalo de catro ou cinco enfermidades con só abrir o gran libro dos males mentais. Existe unha serie de mal catalogadas enfermidades nas que caemos practicamente todos e que debemos resolver con relacións personais, resistencia e tempo. Medicalizar o estrés da vida cotidiá tratándoo de transtorno mental favorece aos grandes laboratorios pero non tanto a que vivamos mellor.
Existe segundo Allen un grande paradoxo: están máis medicalizados e investígase máis para os tratamentos de enfermidades dubidosas, das que probablemente habería que curar con tempo, familia, amigos e resistencia que para as enfermidades mentalmente graves. Para as graves cómpre máis investigación, as persoas necesitan realmente substancias que os aliven, e, ademais, é onde os riscos dos psicofármacos compensan. Non así nas enfermidades menores, onde case sempre os efectos secundarios superan os beneficios que se buscan. As enfermidades fronteirizas, as leves, aquelas que non deixan de ser na maioría dos casos condutas normais, reciben grande atención dada a gran cantidade de consumidores potenciais.
O círculo de motivación aparece claro: establécese un diagnóstico en base a uns síntomas, créanse fármacos para atacar o mal e o que non deixan de ser reaccións normais acaban por ser susceptibles de tratamento con drogas. O paciente agárrase a esa medida de salvación, esíxelle ao médico de cabeceira que lle prescriba remedios, e este, cunha media de sete minutos de atención por paciente, vese na obriga de facer un diagnóstico e prescribir un fármaco para que o cliente saia satisfeito da consulta.
Velaí o paradoxo: os grandes laboratorios céntranse máis nas persoas que non necesitarían psicofármacos e menos nas que realmente o necesitan, aquelas ás que nin a vida nin os placebos ni o tempo curan.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.