sábado, 1 de octubre de 2016

MORTO SÁNCHEZ NON SE ACABA A RABIA

ESTARÁ morto, non digo que non, cometeu erros graves, sen dúbida, pero a persecución a Sánchez, tanto polos medios de comunicación, pola oposición, como é lóxico, como polos compañeiros de partido non contivo unha gota de misericordia. Dende o primeiro minuto foise a por el con todas as armas a disposición dos atacantes. Nin un medio mostrou un gramo de compasión, ningunha opinión quixo ver na súa acción a máis mínima sensatez ou lóxica. Iso tan pronto saíu nomeado secretario xeral, pero rematadas as segundas eleccións, despois de ser ninguneado por Podemos -xa se acordarán os popoulistas da decisión, nela aniñou unha penitencia que lentamente os irá destrozando- recibiu a marca de chivo expiatorio da que non se librou nin un triste día. As críticas chegaron a ser crueis. Algúns desinhibíronse de tal xeito que incluso optaron polo insulto persoal, pois nin intelectual nin profesionalmente lle concedían valía. Ninguén se andou polos loureiros. Había que aniquilado e e a cacería chega ao momento final no que o sangue corre e á peza, morta, hai que lle dar enterro.
Que ao PP e aos medios seguidores esta táctica lle interesase non me estraña. Por máis que dixeran coa boca pequena que volver a unhas novas eleccións era unha broma de mal gusto, na mente de Rajoy estivo sempre ter ben preparado o culpable de que se celebrasen para conseguir o que pretende: ser presidente sen render contas a ninguén, coma veu facendo ata o de agora. Por iso a carga da brigada lixeira e pesada contra Sánchez lles viña ao pelo: xa pagaría por ser tan gurrón. O que non dou entendio é a estúpida saña cainita dos compañeiros de partido. Por máis que me expliquen, non dou captado a intención de masacrar a un compañeiro elixido democráticamente segundo as súas ordenanzas.
Mil mecanismos existen dentro dos partidos para corrixir a un dirixiente sen caer nesta burda guerrilla que só os perxudicará a todos sen excepción. Parece mentira que vellas figuras antes despezadas e triturados polos mesmos medios, lle fagan agora o xofo ao enimigo. Que pouca memoria, que fácil deixarse levar pola ira ou a revancha sen mirar ao futuro, que fraco favor lle están prestando ao partido figuras coma González, Rubalcaba ou Bono, que mal se presenta a situación para todo o país! Os contrincantes, moitos cunha hipocrisía indisimulada, aceptan que é un momento complexo e preocupante, pero véselles que saltan de gozo vendo ao contrincante enzarzado en sangue dentro das súas contradicións.
Os críticos do PSOE acordaranse da estupidez de entrar no xogo de masacrar ao seu secretario xeral favorendo aos outros partidos, esnaquizando anos de esforzo e mostrando unha cegueira que os deixará a todos cegos. Ogallá este conflito explosivo sirva para unha limpeza seria nas ideas, claridade nos obxetivos e firmeza nos liderazgos. Porque España non se pode permitir quedar sen un partido de oposición constitucionalista, unitario, sensible ás necesidades sociais, eruropeísta. Pero moito me temo que, morto Sánchez, a rabia non se acaba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.