lunes, 27 de octubre de 2014

O QUE A ESTAFA DESCOBRE

NON me estraña que un rapaz lle colla gusto á estafa. Se a practica con gracia ata merece certa amnistía. Sen saber case nada sobre este caso do "pequeno Nicolás", que tanto nos distrae en momentos de alta aflición, pode parecer en principio unha peripecia de pícaro, un pillabán megalómano entrampado na súa propia mentira; un caso curioso máis, coma tantos, de enganadores máis ou menos enxeñosos que nunca faltaron á beira do poderoso que se cre máis do que é, dos ignorantes e dos incautos. Mais neste caso, polo que se vai sabendo, resulta esclarecedora a verdade que se descobre á beira do estafador.
As reaccións por parte dos medios, ademais de asombro, foron de risa. A min non me dá risa ningunha. Non porque me compadeza do "pequeno Nicolás", senón porque toda a rocambolesca historia descobre o certo da maneira de operar de determinados empresarios, políticos e xentes á beira do poder. O interesante non xira arredor da pregunta sobre como un mozo case imberbe pode lograr tales timos, senón como os que se din realistas, serios, curtidos, aceptan as súas propostas porque a vida é así: unha estafa. Debaixo deste enredo o que brilla é a importancia da embuste na eficacia: hai que estar atentos a quen nos poda introducir nun ágape para bicar as mans adecuadas, nun almorzo de hotel de luxo para aparentar relacións, acudir á reunión nun chalé exclusivo que é onde se coce o I+D, achegarse a alguén que posúe números de teléfono cerca do goberno, da realeza... Caen no engado empresarios e políticos, talvez dos que se din feitos a si mesmos, dos que desprezan a funcionarios e atribucións do Estado, dos que presumen de pragmatismo, dos que miran por riba do ombreiro, por inxenuos, a quen defende a igualdade, a proporción nos impostos ou a atención aos débiles; personalidades, en fin, das que arremeten contra calquera intención renovadora, dos que repiten que o esforzo e mérito son a única razón do funcionamento desta sociedade, pois eles, claro exemplo, triunfan por valía e laboriosidade, cando, velaí o teñen, o certo é que o seu esforzo é saber elixir a quen invitar a comer, bicarlle a man a quen toque e coarse, pagando, claro, nos círculos de influencia onde o traballo para os fillos, o negocio substancioso e posibilidade de medrar se amañan con favores e trampa. O que a estafa ensina é que este mundo depende demasiado de estafadores. Triste.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.