sábado, 18 de octubre de 2014

MODELO SORAYA

PASA a lexislatura e o adelgazamento de institucións e cargos políticos innecesarios non se acaba de concretar. O gran argumento da crise (vivir por riba das nosas posibilidades), aquí non se tivo en conta. Preséntanse reformas etéreas que pouco repercuten na poda efectiva de libres designados, gabinetes inútiles e administracións duplicadas. Os feitos invitan a sospeitar que, así como non se andou con miramentos á hora de recortar en dereitos laborais, educación e sanidade, no tocante a políticos e sopeiros non existe tan estrito afán por vivir de acordo coas nosas realistas posibilidades. Mágoa. Porque este goberno móstranos a cada paso que modelo a seguir teñen de sobro. Con aplicar o plan Soraya (Sáenz de Santamaría) aforraríase en serio.
O plan á vista quedou co andazo do ébola: eliminamos a unha ministra, situamos a Soraya ao mando dun equipo de expertos e problema canalizado. Para que tanto ministerio? Poucos entenderán que pinta a ministra Mato. Se as competencias se transferiron ás comunidades, se a ela non se lle coñece mérito sobre a xestión sanitaria, a que manter tanto ministra como ministerio? Non pola xestión do ébola, moito antes, por que non se prescindiu de figura tan inútil? Outro tanto se podería dicir de Wert. Necesitamos un ministro para elaborar unha lei que algunhas comunidades se negan a acatar, á que tódolos grupos lla teñen xurada para anulala en canto se lles presente a primeira ocasión e causa malestar xeral? E se nos emocionamos, así os eliminariamos un a un. Se me apuran, ata o presidente sobra. Chega Soraya. Ela e un equipo de asesores para cada área e o país marcharía. Soraya e un equipo de expertos diplomáticos para tourear coa febre catalanista; Soraya cun equipo de expertos en enerxía para que se aclaren os recibos da luz; Soraya dirixindo un equipo de economistas para elaborar os presupostos; Soraya marcando firme o paso dun equipo de filibusteiros para manexar o parlamento... E así ata onde queiran estenderse, porque Soraya a todo lle pon intención, intelixencia e comunicación. Vivamos de acordo coas nosas posibilidades e deixemos de malgastar en ministerios de adorno que a nada nos conducen, agás á confusión e desconfianza cando non á burda provocación.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.