lunes, 27 de octubre de 2014

CONTOS PARA NOS DURMIR

O caso é inventarse un conto, que o conto se crea e tirar para diante. Aznar contaba algúns xenias, talvez por iso a maior parte do seus excolaboradores están imputados. Un moi coñecido e aceptado era sobre Rodrigo Rato. O mellor ministro de economía da democracia. Así nolo ensinaron, repetiron, adoutrinaron, ata que, bobos todos, aceptamos sen obstáculo que si, que era certo: Rodrigo Rato foi un magnífico ministro de economía – o mellor da democracia-, erguendo a riqueza española a un nivel de bonanza e progreso xamais coñecido. Poden rir se queren, pero esta e non outra foi a mensaxe inzada e como tal admitida e por moi poucos criticada. E se algunha crítica recibía, de inmediato era desatendida ou ridiculizada por provir dun prexuízo ideolóxico carente de fundamento obxectivo. Porque a clave, non se esqueza, asenta na habilidade para facernos crer que non hai detrás de tales valoracións e contos interese nin conveniencia ideolóxica algunha, só o criterio neutro e puro dos que ven a realidade con ollos realistas. 
A facilidade coa que se espallan estupideces entre a opinión maioritaria non deixa de sorprenderme. Máis nesta época na que abundan fórmulas de investigación para contrastar a información. Pero de pouco parecen servir cátedras, redes e facilidades para burlar as manipulacións e censuras, a cada paso resulta menos custoso filtrar contos chinos entre a opinión da maioría. Por iso os gobernos, sabedores da tendencia a tragar con canta verdade a medias ou mentira descarada se propague cun mínimo de constancia, non cesa de atacar unha e outra vez coas consignas de quenda ata converter os feitos entrampados en meros remedos de relatos tan simples como eficaces. Ao final, as elites mandan aos seus querubíns a especializarse en estatísticas e gráficas cruzadas por sutís cálculos aritméticos e informáticos a universidades privadas pero o que realmente lles segue cubicando é a habilidade coa que uns cantos expertos espallan estes datos convertidos en mitos e relatos cribles por falsos que sexan. 
Así é como de maneira imperceptible imos aceptando sen lugar á crítica que un inepto é un xenio da economía, un figurino con complexo un artífice do crecemento dunha empresa en racha e un desapiadado agresivo unha personalidade da decisión clara e transformadora. E tamén así recibimos e damos por certo e calamos cando nos insisten en que o peor xa pasou, a recuperación chegou para non marchar e todo canto se fixo, incluso o máis doloroso, non tiña outra intención que favorecer aos que seguen sen levantar cabeza. Non importa que os feitos canten. Que importa que as desigualdades medren, que o traballo empeore, que existan coma nunca grupos nun nivel de pobreza que non se acordaba; que importa se os colectivos que realmente pagan impostos son os máis espremidos e controlados polo fisco, que máis ten se os datos insisten en que só os ricos ganaron coas medidas adoptadas para saír desta crise, que manía con refocilarnos nos escándalos e na cobiza dos que nos dirixían, predicaban e sabían como solucionar o problema; que importa todo iso se en realidade ao que debemos atender é ao relato que Arriola lle dita a Rajoy no oído: melloramos, estamos saíndo, isto vai polo bo camiño, falta moito, pero xa nos situamos na boa vía, na que leva a recuperación definitiva. O determinante é o relato con final positivo. O éxito dependerá da tenacidade coa que se insista e transmita a mensaxe, sen desánimo, sen perder xamais a frialdade. 
Rato era unha eminencia económica. Os amigos de Aznar sabían do que ía a economía e as relacións internacionais, convertiron en certo iso de que España ía ben. Aznar continúa impartindo saber polo mundo aos que ignoran de que vai isto, mentres os seus colaboradores, un a un, van aparecendo como imputados. Blesa era seu amigo. Todos uns auténticos cerebros, fenómenos da economía, de entender os mercados, de dar emprego, dos negocios, de crear riqueza... O malo é que para que o conto sexa cribe necesita de consentidores, duns aplaudidores comenencias, comprados, que axudan a propagar o conto. E non faltan. De procedencias tan variadas coma a propia composición social, aí temos sindicalistas, revolucionarios atascados, progresistas famélicos que se venden sen vergonza colaborando na instauración da podremia. E todos remexidos tranquilizan a nosa mediocridade facéndonos crer que, de ter oportunidade, nunca caeriamos tan baixo. 
Contos para nos durmir. Para que nada mude. Cando, se realmente leramos os relatos literarios, que son os que de verdade indagan na condición moral do ser humano, na auténtica exemplaridade, no miolo do ser, xa teriamos aprendido que todos somos corruptibles, envexosos e cobizosos. Só avanzamos cando establecemos fórmulas de transparencia, control e vixiancia para nos caer na tentación. Porque, á vista está, se os contadores de contos baratos medran e resisten é porque o mundo está cheo de infelices dispostos a rirlles as gracias. Cómpren institucións vixiantes e vixiadas, do contrario calquera defensor da ética pura aparece facendo uso dunha tarxeta de privilexio para lle pagar masaxes á filla.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.