martes, 14 de octubre de 2014

POBRE CONTAXIADA, POBRE EXCÁLIBUR

Por máis que nos empeñemos, España, en canto a atención sanitaria, non é Sierra Leona. Por iso estou convencido que non tardaremos en saír deste pesadelo e furor informativo que nos deixan diante do estupor. Confío que o perigo de contaxio será abortado nas primeiras semanas e que, a pesar de irresponsabilidades que convirá aclarar (Ana Mato leva moitos meses de propina no goberno), isto deixará de ser portada moi pronto. Confío... porque se non é así, mellor ben confesados. Aclarado o anterior, as primeiras noticias téñenme atordado. Non saio do meu pasmo. Despois do lóxico rebumbio inicial ao se descubrir o caso do primeiro contaxio por ébola en Europa, leo estupefacto que o a culpa do contaxio é da enferma. E que, ademais, esa profesional sanitaria que tivo a desgraza é unha miga mentirán e pouco colaboradora cos médicos. Ao parecer, a descoidada, tocou a cara coas súas luvas de protección – a quen se lle ocorre!- non gardando tódalas medidas coa atención escrupulosa que o seu traballo esixe. Manda chover na Habana! Así pois, unha profesional que debe enfrontarse á delicada función de atender a un enfermo cunha enorme potencialidade de contaxiar, por neglixencia (claro, tocar a cara cos guantes postos é por enredo, por ganas de tocar os narices ao ministerio de sanidade) contáxiase dunha enfermidade para a que non existe vacina e tan contenta. Onde se viu tamaña estupidez? É neglixente a enfermeira que por accidente se crava unha agulla e adquire a hepatite? Son descoidados os profesionais da medicina que no exercicio da súa función, por máis atentos e vixiantes que estean, acaban padecendo algunhas consecuencia negativa para a súa saúde? Polo cravos de Noso Señoriño! Se a auxiliar tocou a cara sería un triste accidente polo arriscado traballo que estaba a realizar, ¿non lles parece? Pero culpar ao paciente do seu contaxio por algo así é só propio de políticos mediocres, cínicos e insensibles. Tamén leo, se cadra non é certo ou non leo ben, que disque – sementa dúbidas, algo queda- a pobre da infectada non lle contou polo miúdo ao médico a súa historia médica, que ocultou o contacto con ese tipo de enfermidade e que non sabe medir ben a temperatura, en fin, que entorpeceu o diagnóstico. Estamos de broma? Quérenme convencer de que xogaba ás agachadas cos médicos para despistalos? Poden dicirmo de mil e unha maneiras, pero non parece cribe que unha traballadora sanitaria, despois de atender a unha enfermo chegado nas condicións nas que chegou, por pouca que fose a información, que non soubese o perigo que corría, que fose tan lixeira coa súa propia saúde. Non sei a onde pretenden chegar estas informacións, pero lanzar mensaxes deste tipo aos medios para descargar responsabilidades só me fai pensar en ganas de confundir e liar ao cidadán. Un estilo informativo propio de políticos ruíns. Pero por se isto non chegase, á beira de problema de tanta relevancia, aí temos aos defensores da vida animal inventando un problema completamente fóra de rego. Quen pode ter ganas de sacrificar a un animal? A quen se lle ocorre que ninguén mataría a un pobre can se non houbese unha mínima posibilidade de transmisión? Que é tan escasa que case nula. Tanto ten. Se os científicos deciden que pode quedar unha miga por pequena que sexa de dúbida sobre as consecuencias da transmisión por parte do animal, a que vén armar tal escándalo cando estamos diante dun problema de saúde comunitario? Ganas de desprazar os problemas e de esaxerar, por se non houbese dabondo. Que non está plenamente confirmado cientificamente o salto do animal aos humanos? Non importa. Diante da máis remota posibilidade, a decisión nin se pensa. Significa iso falta de sensibilidade cara o sufrimento animal, que vivimos nun país de vándalos que sacrifica animais por capricho? En absoluto. Por isto non. Sei que hai tradicións e festas populares por lles chamar dalgunha maneira que conservan aberracións e maltrato animal. Iso si é unha mostra de incultura e insensibilidade profunda. Pero transferir tal condena a esta situación é buscarlle ás cóchegas ao moneco. Lamento que houbese que sacrificar a Excálibur. Agradécese que aparezan mostras de empatía cara o pobre animal. Pero sorpréndeme que se mobilicen ata con enfrontamentos coa policía por algo de tan pura lóxica. Volvo ao comezo. Esta febre pasará axiña. A paciencia de Rajoy irá ao seu favor neste caso porque é certo que o sistema sanitario español conta con medios e especialistas para controlar esta situación, esperemos que canto antes. Armar tanto escándalo pola necesaria morte dun can, demostra a tendencia desproporcionada de certos colectivos convencidos de que só eles saben da compaixón cos animais. Pero confundir con datos tendenciosos intentando facer crer que a culpa da desgraza do paciente é pola súa propia neglixencia e estupidez, raia na malicia informativa. Nin o pobre Excálibur ten culpa da cegueira de certos colectivos, nin moito menos a enferma da malicia cínica de quen está ao fronte das máis altas decisións sanitarias.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.