domingo, 29 de junio de 2014

COS DENTES POR DIANTE


NON sei se por despiste xeneralizado, vendo uns momentos de fútbol nos que a selección uruguaia vencía á inglesa, pensei que Ricardo Darín se pasara a futbolista e se convertera en uruguaio. Tal e como anda o mundo todo é posible. Só me sorprendeu que o Darín futbolista, ademais de moldear o seu corpo para tan atlética esixencia, fose tan rudo e tivese os dentes superiores tan saídos. Transformacións derivadas da súa posta a punto para correr e disparar con potencia a pelota, pensei. Mais axiña comprobei que non era Darín senón o uruguaio Luis Suárez, disque moi desexado polos mellores clubs do mundo. Naquel encontro a súa fama correspondeu co rendemento, meteu dous goles e os seus compañeiros erguérono a ombros coma se fose un heroe nacional. Mais como as ledicias axiña se rompen e de heroe pasa un a perdido no menos que canta un galo, o magnífico Luis Suárez, de nome idéntico ao elegante Luisito Suárez da Coruña logo adoptado polos italianos, disque é un caníbal que traba aos contrarios. Ao parecer, o último ataque do rabioso sufriuno un amable defensor italiano que nunca con un cóbado esmendrellou as costelas dun dianteiro.
Eu non teño datos suficientes para determinar se o Darín que transformara en futbolista trabou ou non, pero non me estrañaría que a campaña desatada contra o uruguaio non estivese dentro das cómodas noticias que rompen o desfalecemento dunha información diaria que se pode tornar excesivamente monótona por non dicir aburrida. Tal e como é a constitución da boca de Suárez, non podería ser simplemente un roce do ombreiro do defensor coa cara do atacante, pois, dada a constitución dos incisivos do maxilar superior do último, non son os seus dentes co que un toca primeiro acercándoselle á cara, quedado escritos na pel pola violencia do choque? É unha pregunta. Os expertos ditaminarán, pero se cadra esas fotos nas que se retoca o rostro do futbolista con máscaras de Hannibal Lecter sobran. Cando dous competidores se atopan en plena liorta á busca da pelota que pode dar a gloria, calquera entende que os corpos choquen e estalen. En contra de Suárez veñen casos do pasado nos que parece que si, que trabou. Malos antecedentes. Pero aínda así deberiamos concederlle a presunción de inocencia. Darín, se o guión llo esixe, seguro que traba. Pero de Luis Suárez imos pensar que choca cos dentes por diante.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CLARO QUE PODEN


Podemos? Non a creo. Pero claro que poden. Poden coa velocidade do raio aprobar unha lei de abdicación para mostrar ao mundo que a estabilidade e continuidade das institucións é exemplar; poden despois dunha chamada telefónica, da noite para a mañá, modificar a constitución  para que nunca máis se poida desaxustar o orzamento básico, con independencia das necesidades da poboación; poden aprobar máis que á velocidade do raio o aforamento do rei que xa non é rei pero segue a selo, disque algo que non ocorre en ningún outro país de Europa; poden, despois de ridiculizar aos expertos que os asesoraron, reformar sen reformar o galimatías dos impostos, facéndonos crer que todos ganamos, cando en realidade os únicos que ganarán serán os asesores porque a complexidade de algo que podería ser fácil e entendible é inextricable. En fin, poden facer o que lles dea a gana, coa celeridade que lles pida a necesidade e sen a máis mínima culpa nin vergonza nin ánimo de rectificación. 
Poden manter a Magdalena Álvarez na vicepresidencia dun banco europeo ata o último segundo co descaro da espera paciente a ver se algún erro xudicial a libera do calvario; poden dicir sen rubor, como acaba de facer o aspirante Pedro Sánchez, que o PSOE fodeuse cando indultou ao exbanqueiro Alfredo Sáenz (non, Pedro, non; xa estaba fodido antes, iso só foi unha groseiro modo de rirse de nós); poden vivir entrampados nos financiamentos escuros e tortos os sindicalistas andaluces; poden Felipe e Aznar presumir de casta con clase, cando foron eles os que colocaron as primeiras pedras deste edificio en ruínas, cheirento, podre, que se esborralla non por culpa de Pablo Iglesias senón das súas malas prácticas.
Poden, xa creo que poden, lanzarse a degolo contra Pablo Iglesias, agora demo visible de tódolos males que nos asexan, dun futuro cubano, venezolano, sen papel hixiénico nos comercios, Mercadona expropiada, Santander tomado polo exército revolucionario, Endesa asaltada na madrugada polos comandos roxos, todos unidos nun fronte, dos restos de ETA, os incipientes guerrilleiros galegos e tódolos antisistema dos cordóns das cidades armados ata os dentes para apropiarse de estolas de visón e xoias agochadas en caixas fortes de mansións por gardas privadas mal protexidas. Claro que poden xogar con todos os temores a costa do mozo da coleta, iso que o pobre aínda nin en Bruxelas nin Estrasburgo dixo esta boca é miña.
Vaia se poden. Poden lanzar toda a artillería informativa para nos convencer de que cando os poderosos medran, non importa con que diferencia, algunha migalla caerá na mesa do pobre; poden disimular que é España o país no que máis está aumentando a desigualdade entre os cidadáns, coma se iso fose un pecado venial, a culpa é do terrorista e separatista Pablo Iglesias, as diferencias nunca causan conflitos socias; poden agochar  que hai nenos neste país que pasan fame, culpando de populista resentido a quen o denuncie; poden manter privilexios de casta a pesar de que saben que toda a poboación adoece diante desas provocacións; poden manexar a xustiza para que a cada paso  se constate con maior claridade que quen conta con medios sabe retardar, embarullar e salvarse, mentres que os que carecen  deles reciben o peso da lei sen contemplacións; poden ir deixando esmorecer ao bo de Bárcenas, entre tratos secretos, amaños e compensacións indemostrables, coma se non pasase nada, un mero asunto dun vulgar raspiñeiro que levou algúns cartos para Suíza; poden gabarse de solucionar o problema da educación reducindo bolsas de estudo; poden seguir na liña lenta pero segura de ir escorando a sanidade cara a privatización insistindo en que é pura invención dos seus adversarios políticos; poden enredarse en vaguidades baleiras ( refírome ao PSOE) mentres non teñen un criterio claro e sostible  sobre case nada, poden ir á deriva e pretender que creamos que se están fortalecendo.
Claro que poden. Poden iso e todo o que queiran. Ata a Bruxelas lle poñen cara se de medidas electorais estamos falando. O que moito me temo e que non poida a maioría dos cidadáns facerse oír e entender e valer. Porque polo de agora só dous millóns largos de votos os alertaron, necesitaríanse outros tantos para que realmente nos tomen en serio, para que deixen de embobarnos con rodas de muíño e dunha vez entendan que isto necesita un cambio na maneira de exercer a democracia, de xestionar os bens públicos, de implantar de vez unha reforma fiscal clara, entendible e non castigadora, coma sempre, das nóminas e de manter os servizos sociais (educación, sanidade, dependencia) así como a tendencia á igualdade no centro de decisións. Cando se quere, pódese. O caso é querer. Por iso non sobra, de momento, un podemos contra os que poden. 


PUBLICADO EN DIARO DE PONTEVEDRA

sábado, 21 de junio de 2014

RELÁXESE, MAXESTADE


BALEIRADA pola vía rápida a ilusión do fútbol, o país deseguida se enganchou á distracción da proclamación do novo rei. Mesmo por internet, en mostra de rápido enxeño, unha inventada carta de Don Juan Carlos a Del Bosque resumía o acontecido: "Me llena de ilusión y satisfacción ver que ponéis tanto empeño por regresar de inmediato de Brasil para asistir a la proclamación de mi hijo como rey". Esqueceulle engadir: e á miña nora como raíña. Porque se algo preocupaba era a incerteza da resposta da xa raíña Letizia. Ao meu parecer séntalle moi ben pasar de princesa a raíña, mellorou moito tanto en elegancia coma na súa presenza. Aínda así coincido con aqueles que se manifestaban inseguros. Non por falta de ambición nin tesón. Iso dáselle por suposto. Pero si por esa irredutible ansiedade que asoma na delgadeza esaxerada e no seu rostro por máis que o perfilen os mellores cirúrxicos da beleza facial. E non entendo a razón de tanta ansiedade, todos a vimos presentando o telexornal e sabemos da súa condición, ninguén se vai estrañar de que nos primeiros pasos non estea ao ritmo de quen por berce mamou reinado. Pero iso é o que lle ocorre ao afán de perfección: nunca se alcanza o obxectivo e a ansiedade acaba por roer todo esforzo por aparentar o que un non é.
Sen que ninguén me dea vela, a min paréceme que o máis acaído para a nova raíña é estar pendente das súas fillas. En canto as atende con maternal rigor e procura que dende a nenez se adapten para non se ver na necesidade de pasar polos dez anos intensivos de instrución aos que ela se viu obrigada, dá a impresión de que a súa expresión gana en naturalidade, perde ese riso forzado, ansioso, e recupera unha miga de tenrura. Porque o peor de toda esta aprendizaxe forzada é o resultado forzado da súa compostura. Ri, pero non vemos riso; pretende ser amable, pero non se ve amabilidade; estírase en busca de porte señorial, pero non aparenta tal señorío. En definitiva: falta serenidade real, algo que ela podería superar con éxito se permitise anacos de tenrura dos que tan afastados adoitan estar os que realmente son reis. Así pois, e disimulen que siga neste papel de asesor real, debería a nova raíña mostrarse moi pendente das súas fillas e outras persoas débiles e inocentes nas súas aparicións públicas e, sobre todo, relaxarse moito, porque con tensións perfeccionistas non se gana un reino.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

FUTBOLISTAS TATUADOS

Recoñezo os prexuízos que me asaltan ao ver un corpo moi tatuado. Non sei se máis polo medo ás agullas ou por asocialos con presidiarios (sei da incorrección, non ma pasen por  diante do nariz), o certo é que cando vexo un corpo excesivamente pigmentado por cores inxectadas na epiderme éntrame un rexeite que non resiste unha explicación racional. Cada un viste e adorna o seu corpo como máis lle gusta e carece de todo fundamento andar con prexuízos atrasados, mais un, chegado a certas idades, xa anda cunha coiraza de prexuízos que, se non está moi atento e fai uso da crítica, acaba por non admitir de boa gana a liberdade e gusto de cada quen. Síntoma primeiro de vellez calcificada. 
No intento por remodelar esta idea preconcebida caín na conta de que na actualidade a quen máis vexo esaxeradamente tatuados é aos futbolistas, e se cadra é esa razón, non a que xustifique o meu defecto, senón a que explique por que tanto me custa aceptar a práctica da tatuaxe con ollos limpos. Contra os futbolistas non teño nada persoal, pero hai bastantes que me parecen o paradigma dos malos modelos de exemplo social. Moitos deles, auténticos mimados tal e como os seus propios xestos e condutas no campo denuncian, reúnen na súa manifestación pública o brillo do insubstancial. Forrados de cartos desde idades adolescentes, andan cheos de fachenda presumindo de autos, mansións e caprichos, tirando así de tódalas ansias da mocidade mundial. Hoxe os adolescentes do mundo – os homes tratando de emulalos, as mulleres envexando ás que os cazaron- soñan co seu futbolista tipo: eses novos heroes desta sociedade, representación de todo o que é triunfar. Un triunfo rápido, en aparencia fácil, que dá entrada a tódolos caprichos que alguén poida desexar para a súa adolescencia e xuventude. 
Como soe ocorrer con estes modelos sociais, son máis admirados e envexados polos nenos e adolescentes menos realistas, aqueles que carecen de oportunidades para ver a vida doutro xeito distinto a como no la ensinan os medios de comunicación de masas. Nos ambientes familiares e sociais nos que as aspiracións son realistas, será raro que os nenos se deixen levar por ese inevitable desexo infantil ao que poucos escapan. Axiña pais e educadores se encargan de situar as aspiracións no lugar que lles corresponde e de contado se centran en profesións e oficios que non esixen de tanto talento, fortuna e excepción. Cando moitos adolescentes me comunicaban por razón profesional a súa íntima intención de ser un  novo Ronaldo, trataba por tódolos medios de facerlles ver que a esa mesma hora, nos cinco continentes, millóns de adolescentes con mellor físico  e con tantos ou máis dons futbolísticos  ca el aspiraban ao mesmo, que botase conta das posibilidades de que lle tocase tal lotería. Agás algún cos pés na terra, a maioría calaba como síntoma de que eu non entendía nada e que eles sabían ben o que querían. Ilusión non pensen que só alimentada en mentes infantís; se queren saber da loucura á que pode chegar a tentación de alcanzar os loureiros dos novos heroes, acudan un sábado ou domingo pola mañá as gradas onde pais e nais seguen aos seus futuros ídolos xogando en categorías inferiores. Dáse tal furia, excitación e paixón que un asústase vendo as reaccións de pais serenos e cabais diante dunha entrada que consideran agresiva por parte dun contrario ou o presumible erro arbitral que prexudica ao seu futuro campión: de auténtica rabia desatada, tal é a ilusión para que o seu fillo progrese e se asente paso a paso na liña de ascensión á gloria do fútbol. 
Pois ben, cando vexo a estes heroes do momento amosando os seus corpos tatuados, algúns máis ben emborraxados, dou en pensar que é a reacción propia de quen xa non sabe que inventar, farto de todo luxo, un capricho máis. Pensamento sen fundamento, por suposto, pero que inflúe para que non acaben de gustarme esas pinturas coas que, a cada paso máis, se embelecen homes e mulleres. Pouco me importa que sexa algo que se vén practicando dende o neolítico, que nas distintas culturas poida significar dignidade, conexión co sobrenatural ou reflicta a maior delicadeza. Admito que hai figuras e filigranas gravadas  nos corpos que adornan e agrandan a beleza corporal, pero ao ver os brazos ou colos de famosos xogadores do balón manchados de colores,  símbolos, números, animais ou calquera outro motivo, por importante e íntimo que para eles sexa, non me acaba de gustar esa decoración. Paréceme que o corpo perde beleza. Xa ven, manías propias do pasar dos anos, seguro que á maioría dos mozos e mozas do mundo lles parece unha auténtica marabilla. E por iso se imporá a moda. E non me quedará outra que ver á neta con algo  pintando no seu corpo. O que lle insistirei, outra cousa é que me faga caso,  é que non escriba o nome do mozo, total: para logo ter que andar borrando...



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 14 de junio de 2014

INCRIBLE


A MEU pai parécelle incrible. Por máis que meu irmán e máis eu nos poñemos serios e tratamos de lle facer ver a realidade, el gurra en que non é posible, que iso resulta incrible para a súa cabeza desgastada polos anos. Como vai ser certo, pregúntase, que a un elemento -home non lle gusta chamarllo- como é o fillo da Pantoja cobre un triste euro por saír na televisión? Que si, papá, tratamos de facer que entre en razón: páganlle por facer de DJ, por cantar e por falar mal de súa irmá ou ben o que lle apeteza. Iso non pode ser posible, pasa a man pola cabeza papá e insiste: Non digo que a nai, se ten cartos, que non pague para que o deixen saír aí, se ese é o seu gusto, que ao rapaz saír na pantalla se cadra tenlle chiste, que non, non o digo, pero de aí a que lle paguen, coma se fixese un traballo... Nin DJ nin sopas de viño, por iso non se pode cobrar. Pois como o oes, aclarámoslle: cobra. E buscamos apoio en mamá, que non dá moito: Quen, o fillo da Pantoja?, eu que sei, cobrar non debería cobrar, niso ten razón teu pai. E por máis que pelexamos, o incrible segue sendo incrible: Ou que mundo é este, cara onde imos, meus filliños?, pregúntase meu pai antes de dar por pechada a discusión.
Igual de incrible resultan algunhas condutas de políticos que deberían dar probas de maior perspicacia. Que a desfeita de Santiago prometía horas malas a ninguén se lle podería escapar, pero que as respostas e tomas de decisións que esixía tal despropósito se alongasen tanto, resulta incrible. Coma unha goma de mascar, os dirixentes políticos estiveron desde a confección de listas ata o derrubamento final (final?) amosando un desprezo polos votantes fóra do usual. Se para algúns resulta incrible que a Parriquín lle paguen, xa me dirán o incrible de que, sabéndose como se sabía por todo Santiago, dende os taxistas aos comerciantes, nas cafeterías de día e nos bares de noite, a que dedicaba o seu tempo libre o sr. Conde Roa, como puideron mantelo de cabeza de cartel.
E despois da dimisión como non atallaron o que se vía vir; como se agarraron á hipótese de que unha sentenza favorable salvaría aos sete magníficos. E como aínda, para máis escarnio da cidade santa na boca de toda a prensa nacional, o sr. Currás mareou a perdiz ata reservarse continuar de concelleiro. Que mundo é este, cara onde imos con tantas condutas realmente incribles?

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

SOBRE PROFESORES E ASCENSORES

Dá gusto comprobar que o que levas reflexionando ao longo da túa vida profesional aparece confirmado por estudos de investigadores de prestixio. Tal é o caso do que me aconteceu lendo unha entrevista ao científico Raj Chetty, quen sostén algunhas evidencias sobre as que veño escribindo dende hai anos. A primeira e base do resto é a inconveniencia, aínda que só sexa por interese material, da desigualdade. Porque a desigualdade non só é indesexable dende unha mirada ética senón tamén dende a puramente económica. O tecido económico acaba esfiañado se a desigualdade medra. A ninguén debería interesarlle: entre os fillos da clases máis desfavorecidas e que nunca alcanzan a realizar estudos podería atoparse a nena que descubrise a molécula que pode salvar a túa vida; na medida en que os marxinados da sociedade son máis, os gastos en enfermidades, cárceres e subsidios aumentan considerablemente. Se non queremos aceptalo coma unha obriga ética, deberiamos entender que non é negocio a desigualdade. Entre os países cunha boa organización social existe un ascensor accesible ao que poden subirse aqueles que pretenden moverse socialmente. O máis triste dun país é a carencia dun triste ascensor ao que se subir. Ou aqueles que están acugulados e non cabe un alma máis. Ou os que enganan ensinando o camiño dun ascensor que só é un remedo no que pasas anos sen chegar nunca a ningún piso. Dinamarca, coma en tantos outros parámetros, presenta a mellor puntuación en canto a ascensor social na UE. De España non ten datos Chetty, pero tódolos indicadores insisten en que a desigualdade está medrando máis ca na maioría dos países da UE. As diferencias na posibilidade de pillar un ascensor non están só no país no que vives, senón tamén en función da cidade. Porque en definitiva a cidade, a súa organización urbanística, é o primeiro condicionante dun estilo vital. Se a cidade invita a guetos, a illar aos pobres dos ricos en barrios miserentos, atopar ascensores sociais é máis complicado. Naquela na que os transportes son de calidade e o achegamento entre uns e outros é máis factible, estase construíndo un anaco de ascensor. Ademais das cidades, as familias son outro elemento de importancia. Sábese que as familiar extensas e con alta cohesión teñen mellores perspectivas para alcanzar o ascensor da mobilidade social. Pero o auténtico motor e conexión entre a desigualdade e o ascensor social segue a ser a educación. Por iso os políticos insisten sempre nos seus discursos en que o mellor investimento é aquel que vai destinado a educación, aínda que logo a realidade diste bastante deste desexo. E por iso se cadra, en España, os partidos gobernantes non se cansan de facer e desfacer leis- talvez contaxiados pola calceta de Penélope- nun intento por lograr a reforma definitiva. Reformas que fracasan todas antes dos cinco anos por varios factores pero entre eles por un fundamental: non entender a importancia do profesorado. Sen el ningunha reforma servirá de nada. E sen entender que son os profesores os que inflúen na mobilidade social pouco avanzaremos con reformar aspectos burocráticos, programas, metodoloxías e outras modas que xa demostraron a súa ineficacia. Despois de estudios con big data, tal e como hoxe se poden facer, comprobouse que o que modifica e transforma aos estudantes son os bos mestres. Un bo profesor, dous, tres, son garantía de éxito na súa vida . Aqueles alumnos que tiveron bos profesores ofrecen sempre mellores puntuacións en todo tipo de variables examinadas, xa sexan de tipo material (éxito laboral e nivel de remuneración), xa no campo afectivo e de personalidade (menor risco de caer nas drogas e na inestabilidade). Parece claro que a relación entre profesores excelentes e a maior mobilidade social está demostrada. A importancia dos mestres excelentes é enorme. De aí que a lóxica veña polo seu propio peso: logremos profesores excelentes e consigamos que traballen nos centros que máis necesidade teñen. Velaí a liña a seguir. Exactamente a contraria á que se está levando. A pouco que observemos detectamos coma se a excelencia fose escapando dos problemas, das dificultades, coma se a tendencia natural fose fuxir dos ensinos básicos (preescolar, primaria, secundaria) e dos lugares máis conflitivos e máis necesitados. Cando a finalidade debería ser a oposta: seleccionar aos mellores profesores para que exerzan a súa docencia nos lugares onde máis se necesitan. É isto imposible? Non. O primeiro obxectivo habería de encamiñarse cara un nivel de esixencia nas oposicións que cribase aos mellores para o ensino. En segundo lugar, tamén, deberían estar ben pagados, pois nesta sociedade pouco correlaciona máis co prestixio que o salario. Traballaríase para que o recoñecemento social alcanzase o nivel de Finlandia, por exemplo. E, por último, habería que buscar incentivos para que os profesores excelentes quixesen exercer naqueles centros máis necesitados, naqueles nos que é imprescindible un ascensor á porta do colexio.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 7 de junio de 2014

URXENCIAS


DIME unha enfermeira que hoxe non hai quen se fíe dos termómetros. Tanto ten que piten coma que non, ela non confía en que se marca 38,3, son exactamente 38,3. Estou por crela. Eu pasei media noite maldicindo un termómetro de alcohol que para baixalo da última referencia esixe unha potencia de golpeo no aire que me desconxunta o brazo. Ata hai nada, os termómetros traíanme sen coidado. Nin aos fillos llos poñía. Só cun bico na fronte sabía se necesitaban apiretal. E para min, nada. A urxencia do paracetamol ditábama o calafrío, síntoma claro de febre, que foi moi poucas veces. Mais hoxe, coa entrada na primeira vellez pola porta grande do cancro, saber se un ten 38,4 ou 37,7, non é ningunha banalidade. Por iso unha das pasadas noites maldicín a firma da fiable Alemaña que fabricou un termómetro de alcohol ao que non había maneira de situar na posición de inicio para controlar a temperatura. Ao final, o brazo doído coma se levantase pesas durante horas, conseguín que o termómetro me dixese o que sabía: que había febre.
De camiño a urxencias, para distraer o medo, mentres conducía pola cidade baleira e silenciosa, durmida con ganas sobre la morna, dei en aplicar a conveniencia dun bo termómetro social para adoptar as decisións clave. Dáme que moitas das últimas que se tomaron non parten dunha medición exacta. Si, talvez ao intuír que febre hai, abdicaron antes de que sexa tarde e nin apoios existan para tal manobra, pero ao non contar coa precisión esixida para o caso, non valoraron que os números nas Cortes non se corresponden co que sente a sociedade. Dicían os do 15 M: non nos representan. E non erraban. Un termómetro fiable informaríalles que un Pose na boqueadas e un PP corroido pola ferruxe da corrupción non son suficientes para asentar un intento de renovación ao marxe da sociedade, sobre todo dos máis novos. Pechar en falso síntomas sen ir á etioloxía profunda soe acabar en nada. Para patoloxías banais, como buscar despedidas emotivas diante de empresarios e nas Ventas, unha medición groseira serve. Para apuntalar unha Xefatura de Estado sobre bos cimentos, as décimas son importantes. No regreso á casa, despois dunha noite de probas para confirmar que a febre non agochaba máis nada que unha infección viral, a cidade non quería espertar, preguiceira, acollida na cincha do manso río, á espera dunha luz máis clara.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

UN REI MOI PREPARADO

Non paran os medios de persuasión de masas de insistir en que o futuro rei Felipe VI está moi preparado. O primeiro universitario (tardaron de raio). Dominando tres idiomas. Experto en relacións internacionais. Responsable. Equilibrado. En fin, que moi preparado. Pois estaría boa se non fose así. Predestinado desde o nacemento para empresa tan elevada, rodeado de recursos a conta do erario público, sen nada que o distraese da súa obriga de formarse durante 45 anos, que esperaban? Un mozote de barrio que non sae no seu vocabulario de tío, a ver si me entendes, sabes o que che quero dicir? Faltaría máis. Que mínimo. Para que unha vida principesca, cargada de privilexios, se non fose quen de sacar a adiante unha carreira, aprender dous idiomas e saber relacionarse con mandatarios da súa categoría? Pero se os idiomas, os da súa clase, apréndenos aínda que só sexa nos espazos e tempos dedicados ao ocio... Non están fartos de ver a perfectos ignorantes expresando en inglés as mesmas bobadas que en español? 
Sería o colmo que non presentase este currículo. Catastrófico atreveríame a dicir. Non sabe o futuro o rei, a súa familia, os aduladores que o encomian, que mentres o futuro rei se preparaba con titores catedráticos da talla de Menéndez e Iglesias, cun plan perfectamente trazado, pasando tempadas en EE. UU.e Canadá, recibindo formación especifica nas escolas do exército, miles de xente da súa xeración, que non votaron a Constitución, nin nada saben das fazañas de seu pai, sacaron adiante idénticas carreiras, algúns con notas brillantes, moitos con becas, saíron ao estranxeiro co xusto para aprender idiomas e agora malviven, os que teñen sorte, con mil euros ao mes? Ben estaría que o futuro monarca, porque cantado está que todo, outra vez, se cerrará en falso, facéndonos crer que estamos nunha nova etapa, se puxese na pel da xente da súa xeración e algo máis novos. Que intentase nun esforzo de empatía conectar con esa xente á que nada lle importan os problemas da realeza ou aborrecen abertamente que a institución caese en tan baixa exemplaridade moral. Ben estaría que este rei tan preparado soubese ler a situación social, os perigos que o axexan e as mareas que o poderían anegar. 
Non. Non chega a tanto a miña inxenuidade coma para pretender que o noso rei tan preparado sexa, ademais, revolucionario. Iso sería algo contra natura. Non vai ser el quen solicite un referendo que o lexitime. Acollerase, claro está, ao acordado polos partidos maioritarios para manter esta xefatura de Estado por un fío. O seu papel, a pesar de tanta preparación, non será tan determinante como para impulsar solucións á gravidade da inestabilidade territorial (tan ben soportada no silencio por este goberno experto en deixar pasar), a vergonza do incremento da desigualdade social e o fastío da cidadanía cara os políticos. Pero si parecería conveniente que, pretendendo ser o rei de tódolos españois da España que tanto ama, tomase nota de que algo se está movendo. Que unha nova xeración, non os fillos dos de sempre, pretenden organizarse dun novo xeito. E eles tamén están moi preparados. Formáronse en rede, nas redes, con idiomas, na vida universitaria, e organízanse para que a política se faga de outro xeito. Xa sei que o “si se puede” aos banqueiros non lles gusta, nin aos políticos instalados, nin queren probar, o temor ao cambio é pavor, pero que non se enganen: estes xoves tan preparados coma o rei, universitarios con beca ou cun enorme sacrificio dos pais, dominadores de idiomas, afeitos a comezar a súa vida laboral na precariedade e sen as máis mínimas defensas diante do patrón, han saber artellar unha nova forma de facer política. A do século XXI. Deberá pensar o futuro rei se el encaixará nesa nova etapa. Frases feitas, amores sen contraste, sacrificios tan desinteresados a ninguén convencen neste momento. A xeración que será protagonista nos próximos anos da vida económica e política do país, como continúe en ascenso a desigualdade e a corrupción e falta de empatía sexa a moeda habitual da clase dominante, entre a que se inclúen determinados partidos fosilizados, non tragará con monarquías anacrónicas. 
Eu non son partidario de institucións hereditarias. Non deberían selo tampouco quen tanto defenden a liberdade de mercado e a meritocracia, desprezando incluso aos que teñen a desgraza de padecer o infortunio. Parece estraño que quen mellor se levan e entenden entre si son os máis contraditorios nos seus modelos ideolóxicos. Non tería inconveniente, sen embargo, sobre todo para non marear demasiado a perdiz, especialmente neste momento tan crítico, en aceptar unha xefatura do Estado continuísta. Pero con unha única condición: este rei tan preparado debería mostrar máis empeño que en ningunha outra cousa en devolver a dignidade aos millóns de preparados que viven sen ilusión nin futuro.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 2 de junio de 2014

UI, QUE MEDO!


NON dormen. Están aleutos. Non se lles pasa unha. Afeitos a que ninguén lles tusa, a entenderse co poder real, a saír da política e entrar no consello de administración, a vivir illados e cómodos dentro da súa caste, tan pronto como aparece a máis leve brisa indicando que algo se pode mover, lánzase con toda a artillería, en plan kamikaze, para abortar calquera grupo que axude a abrir os ollos. Axiña os medios ao seu servizo entran en acción e "informan" con datos e prexuízos, con malicia e clara servidume das malas artes e perigos que todos correriamos se nos deixásemos convencer por estes frautistas que pretenden coas súas melodías utópicas atraer aos máis débiles, aos de mellor oído pero peor ulido sobre o realismo da política.
Ui, que medo, deberon pensar os partidos da caste, os que co seu pragmatismo nos conduciron ata aquí e agora xa anuncian a melloría e fin do suplicio. Que medo se xente nova, aquela xeración da que presumiamos que era a mellor preparada da historia do país, intenta tomarse en serio a política. Que horror e que desastre nos agarda (por extensión tamén aos vellos, os que nos votan) se estes se organizan dun xeito distinto, atraen á mocidade farta e cabreada e nos removen as cadeiras ben soldadas ás comisións, aos privilexios e aos acordos nas ceas onde se dirixen as decisións máis transcendentes. Utópicos, pagados por Venezuela e Irán, admiradores de Evo Morales, inxenuos que desexan un salario mínimo para todos, que prometen cobrar para si dignamente pero sen escándalo. Uf, que medo. Duro con eles. A quen se lle ocorre: outra vez falar de nacionalizacións, de saír da OTAN, de realizar referendos cada dúas por tres. Onde pensan que estamos estes frikis, estes cantantes televisivos, que enredan a transformar o que non ten outro camiño? Andarán xa medios ben asesorados detrás de calquera escándalo de rapaces de trinta anos para queimalos, derretelos antes de que os enredos vaian a máis. Inventos destes, pensará Arriola, que sabe asesorar e cobrar, experto desde hai anos en mensaxes e programas que se cumpren ao milímetro, nin en broma. Así pois, matémolos no inicio, nos lles permitamos que se curtan e vaian evolucionando e adecuando os seus programas. Desprestixiémolos desde o seu nacemento e non corramos riscos. Todo ía ben entendéndonos entre os dous grupos expertos en política realista. Que isto non se descompoña.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

NO PALCO E ARREDORES


Probablemente xa esqueceran que a semana pasado se xogou en Lisboa un partido. Non o máis importante do ano nin do século, porque ese sempre será o próximo, pero si de grande importancia e no que se citaron polo alto e polo baixo milleiros de seguidores, negociantes, fanáticos e amantes do fútbol, do espectáculo, dos negocios e das relacións. O que pasou é imposible que non o saiban. Só quero referirme a algúns aspectos máis centrados nos arredores ca no propio céspede.
No palco de autoridades, a que máis me chamaba a atención era a raíña Sofía. Para min que pasou moito frío e sufriu por cumprir coa súa obriga. Non me doe, no soldo e na elección de ser o que é vai a penitencia, pero chamaba a atención. Apenas un sorriso ao seu acompañante ( o presidente do Atlético, pois para o rei non mirou nin mantivo o menor xesto en todo o que durou a festa) e logo cara de moita pena, de aburrimento. Un pouco cruel obrigar a esa muller a soportar tres horas inútiles. Todo sería igual aínda que ela non fose. Pero alí aguantou sentada, hierática nalgunhas ocasións, cun sorriso forzado a maioría, firme e tesa. O rei, como é costume nos últimos tempos, cun físico que avanza irremediablemente á confusión co de seu pai, intentado caer simpático e recuperar o prestixio perdido. Pero sen éxito. Incluso unha mínima gracia que intentou co exfutbolista Plantini, agora non sei se presidente da UEFA ou de calquera outro organismo futbolístico que regala moita fortuna e poderío, saíulle furada, pois, non sei se porque non entendeu ben o francés do monarca ou porque é así de antipático, o francés regaloulle un oui coma quen lle dá o primeiro óso que atopa ao can que estorba. O máis elegante de todos, con moito, o presidente de Portugal, discreto, natural, aberto e fino coma bo anfitrión. Como invisible pasou o presidente da Comunidade de Madrid, non así a alcaldesa da capital, esa nunca pasa desapercibida, talvez sexa así a condición de quen derrama atrevemento por riba da ignorancia; esa alcaldesa, que fala do seu marido en terceira persoa e non me estrañaría que en calquera momento nos veña co plural maxestático papal, destaca, aínda que só sexa por dous segundo de primeiro plano, por tanta personalidade que regala por aló onde sexa que vai. Tamén se sentaba, como non, entre as autoridades máis sobresalientes o presidente do goberno, cun riso nervioso toda a noite, incómodo por non poder saltar e berrar coma un fanático do Real Madrid; pasouno mal, moi mal, notábaselle incómodo nesa posición de neutro falso, de ecuánime equilibrado que maldicía por non poder gozar do espectáculo cos seus amigos de Pontevedra, puro na boca, insulto ao árbitro e aos inimigos na cancha, alborozo e apertas nos momentos de euforia e gol, como así o fixo o presidente millonario, Sr. Pérez, non sabemos se preocupado polos 600 millóns de euros que se xogaba ou porque leva o veleno dos fanáticos no corpo. O certo é que o palco era todo un síntoma dos intereses entre tanto xogo, pan e circo, negocio e paixón. Detrás, agochado, pero sen conterse no momento crucial do encontro, sentaba o esposo da alcaldesa de Madrid, antes o mellor presidente da democracia segundo lles fai dicir aos que del dependen e aos medios afíns; este, non resistiu tanta tensión e no momento máis exultante da celebración, case salta por riba dos veciños para felicitar ao seu amigo da alma, presidente Florentino, negociante Florentino, dono de Madrid Florentino. Así o recolleu nun despiste que axiña corrixiu a televisión española que esaxerou en medios e enviados para retransmitir todos e cada un dos instantes máis importantes de tan especial acontecemento. Hai abrazos, coma o de Aznar- Pérez, que deberían imprimirse na memoria. 
Fóra tamén do céspede e do palco, merecen atención dous detalles. Un a reacción excitada e ata a sospeita do xogador Alonso, Xabi me parece, ese que viste de Dutti para complementar os ingresos febles que o fútbol lle proporciona. Ese señor non me parece que estivera moi asentado durante a noite. Patadas, berros, saltos, carreiras ao céspede, abrazos, alporizo alarmante de quen xa non é un neno. Non son quen para xulgar a conduta de ninguén, pero non parecía que gobernase de todo as súas reaccións. E logo, por último, o paradigma do narcisismo moderno. A reacción para as cámaras buscada toda a noite polo ídolo deste circo. O neno mimado que chora cada fallo. O caprichoso que celebra para el só, só para el, os seus goles, os seus éxitos, a súa obsesión por ser o máis guapo e mellor. Nunca gustei deses ídolos de barro que a sociedade nos presenta coma heroes. Manteiga e non heroes é o que son. Estes malcriados millonarios que serven de modelo aos nosos adolescentes nos seus ideais, desde esnaquizar a pel con pinturas ata o estilo de vida que se considera insuperable, teñen o seu exemplo máximo nesa figura de atleta grego que busca a cámara para lucir musculatura, poder e fachenda. Foi unha estupidez a celebración tan grotesca do xogo acabado, vencido e gañado por outros. Algo que o de Madeira debería tratar a tempo se non quere acabar tirándose nas augas como lle pasou a Narciso. En fin, que onde se coce de verdade o bacallau é fóra do céspede, no palco e arredores.