miércoles, 26 de febrero de 2014

ENTRE DOS AGUAS



DESCANSE EN PAZ PACO. A SÚA GUITARRA SEGUIRÁ PARA SEMPE SOANDO EN TODO O MUNDO.

sábado, 22 de febrero de 2014

A DIETA DA PAPAIA


NAS dietas non teño fe ningunha, pero á da papaia –mellor á do Caribe– estoume dedicando con intensidade. Recordarán que cando o papa Xoán Paulo II estaba apurando ao máximo o cáliz do seu sufrimento, coma se debese levar a cruz ata caer sen gota de folgos, pasara por un efémero período de melloría. Os medios atribuíana á dieta da papaia. Non sei que médico lle aconsellara o remedio pero parecía que respondía. Na miña aldea a iso chámanlle a melloría da morte, mais os medios modernos de persuasión prefiren outros apelativos e durante algún tempo estivo de moda o citado método como se tivese un alto poder curativo, incluído o de vencer á vellez. Como eu ando estragado de saúde, veume á cabeza o nome da dieta e dei en experimentar en min os efectos, espero que menos efémeros cós do falecido papa.
Nada que ninguén non saiba: prepararme uns zumes de froitas variadas que manda chover na Habana. Papaia, piña, mango, fresas, laranxa, pera, mazá... Todo á batedora e sae un zume espumoso, cunha color que invita á alegría e que me sabe a gloria. Dou por suposto que o tal combinado algo de vitaminas levará e mal non me fará ningún, por iso persisto e me dou ao vicio cada tarde cunha dedicación refinada. Porque o benestar comeza na elaboración, no coidado co que retiras finas as liscas da pel do mango, o tino co que cortas os cadrados da piña, o tempo e cálculo exactos de batido para que o resultado saia nin excesivamente augado nin espeso. Todo esixe delicadeza. Un vez elaborado, opto por tres modos de tomalo. O primeiro e máis frecuente é tendo o vaso na mesa onde escribo. Despois de tres ou catro grolos –e iso que me falta a goiaba– e catro ou cinco liñas escritas síntome todo un García Márquez. O malo é que acabo antes o zume que o texto, pero por un momento ninguén me retira o pracer de achegarme ao xenio de Aracataca. Outras veces levo o colorido líquido para o sofá onde me poño a ler. A paz que me invade é grande. Grolo a grolo vou acabando na bebida aínda que a lectura non avance demasiado. E por último, que é ao que máis me acollo, sento sen intención ningunha, o vaso na man, e cando se me vén a cabeza a próxima sesión de quimio trasládome á praia do Carme na Ribera Maya entregado a unha serenidade sen sobresaltos e bebo con parsimonia gozando do Caribe sen angustiarme polo que me espera. Non hai dieta coma ela.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

QUEDAMOS SEN COCIDO CELESTIAL

Chega un momento en que o sol xa pasou pola porta e só quedan dúas opcións: calar e esquecer o conto ou, tal e como se lle deu a Leguina e Fracisco Vázquez, baduar sen filtro contra os que os arredaron do poder. Non digo que a decisión tomada por estes vellos socialistas sexa a peor, só me parece que cargan en exceso sobre un só culpable. Dá a impresión de que lle teñen máis teima eles a Zapatero que o propio PP, que xa é dicir. Coincido con bastantes das críticas que airean sobre o anterior presidente do goberno. Sobre todo na catástrofe da secesión en Cataluña. Si, a economía tampouco a deixou en bo estado, pero aí non creo que outro, fose socialista o de calquera outro partido, puidese manobrar con soltura tal e como agora, a posteriori, moitos saben que habería que actuar. O vendaval económico que se estendeu foi tan virulento que non ningún dos centos de economistas aos que agora se lle veñen solucións a feixes creo que soubese facer moito máis do que se fixo. Ademais, tampouco coincido que estivese tan cantada e que a puidese prever calquera: colleu por sorpresa a gran cantidade de expertos e a condenada actuou bastante a traizón. Non é que mereza louvanzas nin tan sequera demasiada desculpas polas súa lentitude e torpeza no enfoque da crise, pero moito peor, de gravidade substancialmente superior entendo que foi a súa actuación inxenua, confiada, atordada e infantil no trato que mantivo cos políticos cataláns sobre o Estatuto. Non digo con isto que o problema das rexións ricas insolidarias (Pais dos vascos e das vascas e Cataluña) non continuase, non teña un final bastante perigoso á vista nin que se solucionase se Zapatero non metese o zoco, pero desde logo adiantou quince ou vinte anos un problema que para daquela posiblemente contase con outros recursos de enfrontamento. Foi tal a súa falta de ulido que escagallou xuridicamente a debilidade na que se asentaba a convivencia, deu pé a que as masas rebordaran de cabreo crendo todo canto os Puyol e fillos viñeron artellando nestes máis de vinte anos e conseguiu que algún atrevido deducise que os tempos eran chegados. E así estamos. Cunha espada de Damocles sobre os resto do país, Rajoy comportándose coma un raposo a ver se lle sae ben e, por se non tiveramos problemas de sobra, situando aos verdadeiros independentistas ás portas de ganar as próximas eleccións. A iso chámaselle idear e trazar ben un problema. O outro cabalo de batalla sobre o que cabalgan o expresidente da Comunidade de Madrid e o exalcalde da Coruña ( a quen aínda hoxe seguen os seus proxectos e non fan máis que ir rematando o que el deixou trazado) é o do frívolo feminismo por quenda e por estética na que se deixou enmarañar o expresidente. Aquelas mozas tan desprestixiadas por falta de coñecementos, experiencia e valía para exercer un ministerio (Aído, Pajín Jiménez) non eran máis nada ca espantallos para dar idea de que estabamos diante dun goberno progresista, feminista, defensor de tódolos valores “progres” que polo mundo se levan. Ben. É probable que estas aguerridas mozas torpedeasen o catolicismo de Vázquez e o academicismo estatístico de Leguina, pero no campo social tampouco sería tan absolutista coma para dicir que todo resultou un desastre. Houbo leis moi contestadas que realmente non estaba cosidas por aprendices de costureiras. A lei de dependencia sería un gran avance e non se cruzase a crise económica. O matrimonio entre os do mesmo sexo viuse que ao final non era tan boba. E a reforma do aborto, xa ven: pregúntenlle a Gallardón se non lle sería mellor deixala como estába. O certo é que estamos nun país libre e Leguina pode escribir o libro que lle apeteza despezando aos seus e Vázquez quedarse toda unha noite en Vtelevisión contando anécdotas e repetindo os seus principios fundamentais: socialista, españolista e católico. Nada que dicir en contra. Pero a min xa me gustaría máis que se dedicasen unha miga con máis celme a propoñer algunha saída positiva. O seu partido está nun momento de especial desconcerto sobre todo desde o punto de vista de ideas que aporten algo ás tristes que nos está facendo tragar con aceite de rícino o PP. Non vexo a ninguén, nin da vella garda nin da nova, que expoña algún pensamento ao que se lle poda meter o dente. Non lles iría mellor se en vez de ladrar contra o pasado apuntasen ideas para o futuro? Eles saberán. A min, por riba de todo, o que me queda pena é que a Vázquez pasoulle o sol pola porta para levar un plan que eu noutra ocasión xa lle suxerira. Sendo embaixador no Vaticano tivo a feliz idea, xunto co alcalde de Lalín, de invitar a un cocido como é debido aos cardeais dos distintos dicasterios. Só houbera un mínimo fallo: faltara o Papa, a pesar do moito que admiraba e admira a Ratzinger. A miña idea era que lograba un segundo cocido no que estivese o Papa, ese sería un cocido celestial e Vázquez tería asegurado un balcón con vistas no ceo. Xa non vai poder ser. Quedaremos sen cocido celestial.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 15 de febrero de 2014

UN CIENTÍFICO GALEGO EN NOVA YORK


HAI máis dun, pero eu quero referirme polo achegamento afectivo e porque acaba de publicar os resultados dunha investigación de relevancia ao vigués José Manuel Alonso López, a quen tiven a sorte de coñecelo nos anos de aprendizaxe na nenez e na adolescencia, demostrando xa daquela, que a vocación á que se dedicase había de lle sacar todo o zume. Abondaba con velo concentrado nas partidas de xadrez, ou seguir ao longo dos anos a tenacidade coa que, compaxinando os estudos, remataba a carreira de violín. Ademais de intelixente era dunha vontade forxada por un pai dunha rectitude e honestidade non exentas dun afecto efectivo e seguro. Así se centrou na medicina e rematada a tese decidiu que o seu campo sería a neurociencia. Como chegou a Nova York é un indicio claro de alguén que sabe o que quere. Dérase a circunstancia de que nun congreso celebrando en Alicante viñera o premio Nobel T. Wiesel. Para un mozo coa tese aínda sen secar a tinta non era doado conseguir unha entrevista cunha eminencia científica de tal categoría. Sen embargo, José M. porfiou ata que o Nobel, non se sabe se por cansazo ou mágoa, lle concedeu cinco minutos – nin un máis- para que lle explicase que pretendía. Sobráronlle para seducilo. Ao pouco da entrevista recibiu un carta de EE.UU. confirmándolle que o esperaban non laboratorio da Rockefeller University. Cos anos conseguiu crear o seu propio laboratorio e agora acaba de publicar en PNAs as conclusións que explican como as representacións dos obxectos que as neuronas do ollo mandan ao cerebro son máis borrosas parar obxectos claros que os escuros.
Coma el hai centos de científicos espallados fóra, cando o futuro está na investigación. Sei que me meto en campo sacrílego, pero contando en Galicia con un dos homes máis ricos do mundo, non sería posible crear un centro de investigación de vangarda, cos medios necesarios e coa remuneración acorde ao traballo que estes científicos merecen? Nomear a Ortega, empresario modélico e admirado soará a atrevemento inxenuo. Non saberá el que facer cos seus cartos, non lle sobran asesores? Seguro que si. Pero non descarto que se mantivese unha entrevista con determinados científicos, igual deixaba de mercar algúns dos inmobles aos que se está dedicando para, coa súa inxección económica, crear unha institución que convertese a Galicia nunha potencia científica mundial.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CONTROLAR O RECREO

O que nos faltaba. Pretender eliminar as diferenzas por amor á igualdade. Ou suprimir a espontaneidade para eliminar conflitos. Leo que con estupefacción que no País dos vascos e das vascas (agora está pouco utilizada esta frase, como os cataláns son uns, a eles non lles vai iso dos cataláns e as catalás, foise perdendo o costume, pero hai que manter a corrección política aínda a costa de te facer tan pesado como ridículo) pretenden dirixir os recreos, suprimindo o fútbol como causa de desigualdades e illamento das nenas, e escorándose máis polo brilé que é máis integrador. Aquí en Pontevedra tamén anda algún colexio con experiencias similares. Non tardo en lles dar o meu parecer: paréceme un intento vano por meterse onde non deben os educadores. O recreo é recreo. Cada quen fai o que lle peta, organízase como pode, segundo as diferenzas entre homes e mulleres (que as hai) e en función do carácter de cada neno ou adolescente. Pero é imposible un control exhaustivo de toda actividade do aprendiz, é inútil a pretensión de vixialo e dirixilo todo, resulta inútil e contraproducente controlar media hora de descanso intentando integracións, colaboración, solidariedade e amor pola humanidade. Os nenos necesitan espontaneidade, liberdade (as nenas que xogan ao fútbol con nenos son máis e en perfecta igualdade), pasar por dificultades de illamento, sufrir polo seu carácter tímido, recibir as consecuencias da súa matonería ou chulería estúpida. E necesitan conflitos. E aprender a resolvelos. Aí si deben intervir os educadores, en como controlar as emocións irascibles, en paralizar ao chulo de quenda que exerce como matón de patio, reprender á maledicente e experta en encirrar ás compañeiras para crear grupos enfrontados. Pero dirixir, programar e introducir doutrina en media hora de recreo paréceme un intervencionismo inútil. Nego con isto a eficacia do xogo na aprendizaxe dos alumnos? En absoluto. O xogo é desde o nacemento un instrumento de aprendizaxe ideal, eficaz e determinante. Tamén na infancia tardía e na adolescencia. Pero noutro ámbito e doutro xeito. Mesturar o recreo con esta intencionalidade paréceme querer invadir EE.UU.co exército de Padrón. Se de verdade se quixese levar a cabo un estilo educativo complementario ao das clases regradas, hai tempo que veño mantendo unha tese que ao parecer a ninguén lle gusta ou non a ve viable, pero na que sigo crendo tanto pola súa eficacia educativa como polo aforro e aproveitamento de espazos perdidos. Un dos grandes problemas cos que conta a mocidade actual é o do tempo libre, que nin é libre nin é tempo, porque practicamente está invadido polos trebellos electrónicos. Pois ben, dáse a casualidade de que neste país contamos con instalacións magníficas paralizadas de venres a luns. Andouse a gastar cartos en crear pavillóns deportivos en canta aldea existe, a Deputación implícase en construír campos de fútbol no medio do monte, cada alcalde pelexa pola súa piscina ou polo seu campo de deportes que non usa ninguén, e mantemos pechados con sete cadeados os campos ao aire libre e os pavillóns cubertos de seis ou sete institutos e colexios da cidade. Como é posible que os concellos non poidan organizar un equipo de titores deportivos, amantes do teatro e das artes plásticas, e lograr acordos con educación que non entorpezan o correcto funcionamento do centro para que esas instalacións estean aproveitadas polo menos as mañás e tardes dos sábados? Aí si, aí é onde se poderían programar actividades deportivas ben planificadas, ensaiar teatro, deixar mostrar as capacidades plásticas de moitos adolescentes, mesmo utilizar de maneira dirixida e ben programada as aulas de informática apagadas. Con tal programación (por falta de expertos no paro non sería o problema), as cidades poderían recuperar as competicións deportivas intercentros, algo que morreu por completo e sempre foi un aliciente para a práctica do deporte e para unha competencia san entre colexios, volverían as representacións teatrais aos amplos e luxosos salóns de actos cos que contan a maioría dos institutos que só serven para algunha conferencia ou para improvisacións de fin de curso onde se fai sen dirección nin ensaio o que boamente se pode, potenciaríanse as exposicións itinerantes entre centros das creacións de cada un deles... En fin, que moitos, xa sei que non todos, pero moitos alumnos aproveitarían un día de lecer creativo, cooperativo e ledo en lugar de estar aboiado no sofá da casa, na cama, xogando horas con trebellos electrónicos ou tirado nunha zona arredada do barrio fumando ás agachadas. Un programa serio que aproveitase as múltiples posibilidades que ofrecen os centros pechados durante a fin de semana considero que podería transformar lentamente o ocio dos nosos adolescentes. Intentar en media hora coartar a súa liberdade, suprimir o fútbol por machista e creador de conflitos e dirixir actividades encamiñadas a potenciar a igualdade eliminando as diferenzas paréceme un empeño baleiro e destinado ao fracaso. O recreo é iso: recreo, libre, espontáneo, solitario se un quere, para aproveitar as diferenzas, onde se mostran os conflitos, onde se pode ser como un é.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 8 de febrero de 2014

DURMIR POLA VELLA


OS papás de hoxe están moito máis informados cós do pasado. Onde vai dar a información coa que se preparan antes de ter o bebé. Xa por libros dedicados ex profeso ou picando en internet, os pais de agora saben moito máis sobre como calmar a ansiedade, darlles de comer ou, sobre todo, batalla de tódalas batallas, como durmir aos nenos (e que os deixen durmir a eles). Uns seguen o método Estevill, outros seguro que se fían de Gómez Papí reafirmando o método Oompa Loompa e outros moitos irán pillando en distintas fontes para lograr con maior éxito o seu propósito. Seguro, imposible escaparse, algún consello recibirán de avoas e avós que tamén algo queren dicir sobre o asunto. Con todo, o que está claro é que se impón a literatura do momento, a máis de moda, para ir comprobando o que todo pai acaba por admitir: que os nenos dormen cando queren ou poden, que se descontrolan pola mínima e que armarse demasiado de bibliografía non sempre leva ao mellor porto.
Algo así debe pensar a miña veciña que acaba e ter unha nena. Non é que sexa vella, pero ela non se deixa seducir por modas e segue durmindo á nena pola vella. E dicir: eaeaea, eaeaea, eaeaea, miña bonitiña, eaeaea... Deduzo que a ten nos brazos e vaina acalentando ata que cae durmida. Eu cando chego da quimioterapia, sobre todo os últimos días, sento na butaca preferida con algún libro ou revista diante para me distraer da fraqueza que me invade. E ocorre moitas veces que nese preciso momento comeza a veciña coa súa salmodia do eaeaea coa nena e o que quedo durmindo coma un tronco son eu, caendo o libro das mans sen ler máis de dous parágrafos. Sentila con eses cantos de aloumiño arrólame coma se volvese ao berce primeiro. Agora tamén o marido se une aos aloumiños e cantos, coa lixeira variante cando se une pois din eeeeeé, eeeeeé, eeeeeé, é... igual de monótono que o eaeaea, só que o dúo parece menos efectivo. O malo é que me está desconcertando e intrigando a situación porque cando esperto, nai soa ou nai e pai xuntos seguen con cánticos de arrolo e eu non sei se é que durmín unha miguiña e a nena aínda non durmiu nada, ou, pola contra, que levo tanto durmindo e rendido que xa a nena durmiu, espertou, e están tratando de durmila de novo. Mentres resolvo o misterio, o que lles podo adiantar é que, para o abatemento da miña quimio, durmir pola vella é man de santo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

ILUSIONÉMONOS, AOS BANCOS VAILLES BEN

Imos nela. Manteñan a calma un par de anos. Non desesperen. Deámoslle un chisco máis de aire aos bancos e verán como nos caen algunhas faragullas. A eles xa lles vai ben. Non todo o que quixeran, nunca chega, pero comezan a recuperar beneficios. Só falta confirmar que volverán a ser nos niveis aos que están afeitos. Cando outra vez se sintan seguros de que nada os moverá, que por unha fórmula ou outra manterán o seu nivel de beneficio esaxerado permitindo aos seus executivos continuar cos seus soldos e contratos blindados de escándalo, non teman, algo inventaran para dar un fío de crédito, algún produto novidoso - se cadra teléfonos móbiles, agora o das tixolas xa non cadra, por máis éxito que lle proporcionase a Goirigolzarri na súa época de BBV - nos endosarán para non quedar anquilosados e de novo nos concederán un respiro, mínimo, pero un respiro pois sen consumidores tampouco eles van lonxe. 
Pero deixemos o fondo da cuestión de lado e vaiamos ao máis cotiá, ás miserias de cada día. Entrar nos bancos estame repugnando. Coñecidas as axudas recibidas de todos nós para volver ás andadas, o peor é que na práctica diaria trátannos coma a mendigos. Suprimen persoal. Deben adestralos para que sexan menos amables. Están sempre con colas coma se repartisen mel gratis. Perderon toda elegancia e delicadeza e convertéronse en feos, mínimos, desordenados e ineficaces cubículos onde ninguén mostra simpatía nin alegría nin moito menos atención esmerada. Despois de minutos aburridos de espera, aténdete con tan poucas ganas e cara de poucos amigos o administrativo de quenda que xa non sabes se preguntarlle se ten algún mal ou realmente está tan explotado que non lle dá o ánimo para máis. Calquera operación ha pasar por un ordenador que cae, que non está co sistema adecuado, que se está reparando ou que non lle dá a gana de funcionar. E logo chega a hora da operación. Se ingresas un cheque na túa conta, pagas; e realizas unha transferencia, pagas; se solicitas unha información, non é esa a persoa adecuada para darcha, has de agardar que neste momento non está... De que van estes amos do mundo? 
Houbo un tempo no que nos enganaban igual, que che empaquetaban créditos con letra miúda pola que non sabías que o interese estaba trucado ao seu favor, que venderon preferentes sobre todo a vellos e xubilados cos seus aforros de toda a vida, que che daban palmadas no lombo para que abrises un fondo de pensións, pero polo menos o espazo estaba organizado, parecía existir un mínimo rigor e o director, se era unha miga espelido, sabía saudar, atender, pasarte ao despacho aínda que só fose para che preguntar pola trivialidade máis ao caso. Se había colas, inmediatamente os propios apoderados e directores se poñían un funcións administrativas para que os clientes non agardasen máis do preciso, urxían á rapidez, e mostraban un perfil de atención ao público dando a entender que o dono dos cartos eras ti e que tiñan a satisfacción de contar coa túa confianza. Hoxe nada diso resiste. Entras nestas tristes oficinas e todo dá que pensar que os empregados teñen un látego enriba que os fai traballar coma na construción das pirámides, o cliente non só non parece o dono dos seus cartos, máis ben o tratan coma se fose un mendigo que anda detrás dunha esmola que se agocha detrás da pantalla do ordenador, se buscas información os informadores soen ser aburridos, pouco expertos e nada che aclaran e se vas con intención de negociar algunha rebaixa nun crédito, mellor que te esfumes, diante do nariz, o director ou directora, pasará de ti coa cara máis dura, dicíndoche que o sente, pero que debe saír urxentemente. Así cantas veces o intentes. 
Poden argumentar: cambie vostede de banco. Para cal? Se son todos igual. Se a concentración dos poucos que quedan leva a todos polos mesmos camiños. Para atopar unha traballadora (agora abundan máis as mulleres) agradable has ter a fortuna de caerlle en gracia por razóns inexplicables, pero a norma é unha atención de funcionario (xa me gustaría que en moitas oficinas me tratasen coma me tratan funcionarios nos seus respectivos departamentos) dos de antes, dos que te miraban antes de te atender, sopesaban, e nese mesmo intre dicíanche á cara que teñan que saír. Espere. Volva vostede mañá. 
Polo seguros que se senten, polo éxito obtido coas axudas recibidas, confirmado o seu poder de chantaxe aos políticos e á sociedade, a política dos bancos nos próximos anos parece encamiñada a martirizar aos empregados, suprimir oficinas, eliminar toda relación persoal cos clientes, deixarte a soas diante dunha máquina expendedora e receptora de operacións. Realizas se queres as xestións ti online, vas ao caixeiro, pero non soñes con que alguén se especialice nin se afane por tratarte ben persoalmente. Iso era do século pasado. Agora serás un anónimo cliente que máis que cliente parecerás un mendigo coa fortuna de que estes amos do mundo xoguen ao casino e fagan lumes de artificio cos teus cartos. Ao tempo. De momento, non se estrañen, calquera día chegan á oficina do seu banco e teñen un cartel tan claro coma as palabras de Larra: Volva vostede mañá.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

sábado, 1 de febrero de 2014

ACABOUSE O RECREO


NECESITARÍA un par de meses para confirmar a predición coa que me vou arriscar, pero se economistas de renome poden fallar nas súas previsións con descaro, por que non podo eu atreverme con asuntos máis triviais? A miña tese é a seguinte: Messi, o indiscutible xogador, non volverá a ser idéntico ao que era. Por suposto, continuará xogando de marabilla, el pode permitirse xogar coxo mellor ca moitos coas dúas pernas, pero a esencia do seu fútbol cambiará. Non digo que para peor, pero será outra.
Sempre mantiven que a súa xenialidade radicaba en que xogar para el seguía a ser coma cando un rapaz sae ao recreo. Eu observaba a conduta dos estudantes á hora de se comportar no xogo. E non había dúbida: aquel que tiña o vicio, que cría nas súas posibilidades, que confrontaba en cada recreo que era o mellor por regateo, flexibilidade, visión anticipada, disparo, velocidade e intelixencia, arramplaba con todo o que se lle poñía diante, fose máis grande, andase por lle dar nas canelas... tanto tiña . Pegaba a pelota aos pés, deixaba no camiño a canto opositor se lle aparecía e decidía no último instante a maneira de resolver o gol. Messi, no ámbito profesional, era tal cal. Tanto lle tiña que chovese, fose frío, calor, que os que o perseguisen toleasen arredor del coma unha manada de búfalos, el gozaba durante o tempo que estaba no campo e ata nin creo que pensase nas estratexias que lle dese o adestrador. Non é atlético, nin alto, nin conta cun físico portentoso, pero goza do don da anticipación, parece que está andando despistado e de súpeto arrinca coma unha chispa deixando paralizada a media defensa, é flexible coma un vimbio, amárrase ao céspede coma se fose a propia herba, e por riba, se hai que pelexar, mete antes o pé, calcula mellor os tempos e sempre o balón, coma por imán, vai onda el. Así era. Un neno que xoga facéndose millonario a el e á familia, pero máis centrado en pasalo ben ca noutra cousa. Por iso non sufría lesións nin unha triste gripe. Paréceme que despois dos problemas legais do verán e desta lesión, seguirá sendo un excepcional xogador, pero algo nel cambiou: é un profesional máis racional e acabouse o recreo. Estaría ben que esta hipotética transformación no xenial futbolista repercutise nos pícaros que andan arredor do fútbol noutra impresentable burbulla de corrupción e que se lles acabase a impunidade.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO