sábado, 29 de octubre de 2016

QUE VOLVA BORRELL

PARA A situación tan explosiva e delicada que vive o PSOE, do que coñezo, se alguén se me ocorre con capacidade para salvar a nave é Borrell. Segundas partes nunca son boas e o seu fracaso despois dunha victoria nas primarias con autoridade foi decepcionante, pero sigo crendo que non teñen cabeza mellor preparada nin político con tanta experiencia coma el. Sobre todo, coñece dous aspectos da política, un nacional e outro exterior, que considero esenciaias no momento actual.

No referente á politica nacional, por máis que algúns miren para outro lado, debemos aceptar que o problema de Cataluña esixe un tratamento novo, unha actitude diferente e unha vontade clara. Borrell podería ser o home. Catalán convencido, amante da lingua e da cultura, cun pasado impoluto de compromiso coa terra , a súa dedicación a estudiar as contradicións argumentais dos separatistas poderían elevalo a categoría de interlocutor idóneo. Porque sen negar raíces, o exministro demostra maneiras pedagóxicas respecto a este problema que an ningún outro político lle vin. Coñecedor da economía, das ordenanzas europeas e da propia realidade de Cataluña, Borrell, a parte libros publicados, demostrou en debates cos principais impulsores do plan separatista a súa coherencia, serenidade e obxectividade enfocando os problemas. Entre outras habilidades políticas, resolver a encirrada situación catalana precisará dunha grande dose de pedagoxía. Tanto en Cataluña coma no resto do país. Borrell paréceme o máis preparado para este labor explicativo. Manexa os datos con fluidez, non permite que elementos emocionais se impoñan sobre a análise e está o suficientemente curtido coma para non se amedrentar diante dun asunto tan espiñoso. Por suposto que para cumprir con este propósito antes habería de pacificar o partido, pero tamén para iso conta con dotes e seguidores que o apoiarían. En canto fala Borrell, calquera sabe que non escoita un magnetofón que repite catro consignas estudadas nunha mesa de publicidade, o seu prestixio como político racional e sensato, ilustrado, non se discute. A proba máis evidente tivémola nesta tormenta brava dos últimos meses do partido. Se, tal e como el propuxo nun artigo inmediatamente despois de perder as eleccións, optase o partido pola negociación con PP cun decálogo claro e conciso de contrapartidas, hoxe poderíamos ter goberno e o PSOE non padecer o desorde que padece.
Non sei se algunha vez se enfrontaron Pablo Iglesias e Borrell, pero creo que o vello político demostraría máis viveza e dinamismo que o mozo ambicioso
E se o problema de Cataluña pode queimar os lazos de unión do Estado, a encrucillada na que se atopa Europa é outro grande reto. Sen Europa cambiada, mellorada, reformada, pouco avanzaremos os países do sur. E hoxe, ninguén do partido domina os asuntos de Europa coma el. Despois dun medio mandato como Presidente do Parlamento e de anos nos círculos de Bruxelas, a súa experiencia resultaría moi beneficiosa nas negociacións que se aveciñan. Así pois, político con experiencia, experto en economía, dominando linguas, catalán convencido do beneficio de non separarse de España e adestrado nas artes de se desenvolver polos intrincados corredores de Bruxelas, Borrel paréceme un candidato idóneo para reconstruír o partido. A pesar de que sengundas partes nunca foron boas.

O inconveniente máis grave - poderoso de verdade - sería a idade (tamén os seus servizos a Abengoa). Os partidos tradicionais non reciben voto da mocidade. Borrell tampouco encandilaría a sectores de votantes con menos de 45 anos. Mantén imaxe de político antigo e dá a impresión de que regresar a vellas caras xa fracasadas pode acabar noutro intento infructuoso. Pero se miramos ás caras novas e mozas que intentan renovar a política, comprobamos o seu nivel táctico e analizamos os seus vaivéns desnortados e inmaduros, se cadra non lle viña mal ao partido unha dose de intelixencia dun político forxado e sensato. No sei se algunha vez se enfrontaron dialécticamente Pablo Iglesias e Borrell, pero tería mérito, creo que o vello político demostraría máis viveza e dinamismo que o mozo ambicioso. Non só os xóvenes, sobrevalorados, saben cara onde vai o futuro nin arranxan mellor os problemas. Xa digo, por min, que volva Borrell.

MAMÁ, MAMÁ!

NON gardo moitos recordos de acompañar a persoas no seu último instante de vida. Sei, claro, que cada quen non morre como quere senón como pode. Gozamos dun límite de liberdade que se rompe cando o dolor e a descomposición afectan a todo o ser. Porque a capacidade cognoscitiva tamén depende da situación global do organismo, e cando comenzan a fallar os órganos esenciais, ninguén sabe o que será del. Algúns afortunados programan o momento último con certo detalle e a realidade axústase bastante ás súas pretensións, pero a maioría, aceptémolo, morren, morreremos, como a enfermidade, a decrepitude, os accidentes corporais nos permitan. Dicía que non participei en moitos momentos últimos. Vin morrer a poucas persoas, e das máis queridas, por fortuna, aínda ningunha. Pero a última á que acompañei nese tránsito, deixoume impresionado.
Fora un home de armas tomar. Contraditorio. Arrichado, autoritario, vigoroso, decidido, xeneroso, de palabra, traballador. Ata os 85 anos viviu sen enfermidades, resistente coma un buxo, paseador da cidade sen límite de quilómetros nin esforzos. Pero entrado nos 85, un cancro rabioso devorouno en 3 meses. Mais ata os últmos días ninguén diría que xa estaba nas últimas. O maior acto de xenerosidade que lle coñecín refírese á independencia que regalou aos fillos. Morta a muller, decidiu que só non quería seguir, pero tampouco se convertiría nunha carga para ningún dos fillos. E iso que algún acolleríao de bo grao. Sen embargo, el, convencido da conveniencia de independencia por ambas partes, optou por elixir unha residencia cómoda onde, acompañado, viviu os últimos anos. Satisfeito e sen mimos, adoptou unha postura ben meditada e valente. Organizaba os seus días coas súas afeccións filatélicas, os inacabables paseos e algún xogo de mesa coas vellas máis salerosas da residencia. 
Cando caeu enfermo, os fillos insistiron na bondade que suporía que se quedase na casa dalgún. De ningunha maneira, enfermo tamén se podía permanecer na residencia. E así o fixo. Varias noites comezou a fatarlle aire, necesitar axuda con osíxeno que os cuidadores lle proporcionaban. Superaba a crise e ao día seguinte mantiña as súas rutinas. Claro, os paseos moi curtiños, o descanso moi longo e as visitas aos fillos contadas. Pero mantivo o ritmo de vida elixido. Ata que non puido máis. Unha mañá quixo baixar ao pequeno almorzo e non se deu erguido da cama. Pediu axuda. Ao velo, chamaron aos fillos e decidiuse que era o tempo de ingresalo. Chegou ao hospital aínda coa forza de se rebelar para que ningún fillo, menos unha filla, o levase ao baño. Arrastrouse ata o último momento para chegar ao retrete el só con tal de que non lle puxesen pañal. Os dous últimos dus días xa non puido manter o seu heroísmo. A morfina e o pañal chegaron xuntos. Foron dous día dando as boqueadas, intentando pillar aire que non chegaba, mirando con tenrura aos fillos e netos que o visitaban. As últimas palabras que repetiu, agarrado con canta forza tiña ás barras da cama, foron: mamá, mamá, mamá!

sábado, 22 de octubre de 2016

DA FRUSTRACIÓN Á RÚA

Sospeito que o fracaso de Podemos será tan de vértixe como a súa irrupción. Tiveron a súa oportunidade, partiron dun momento excepcional onde  a indignación buscaba expresión como fose, crearon unha estratexia de departamento de facultade e parecía que conquistarían os ceos, pero a táctica aplicada no día a día demostrou que eran torpes, inexpertos, ambiciosos sen límite, maximalistas. E os votantes, “a xente”, decpecionouse e decepcionarase aínda máis. Non era isto, non era isto o que se buscaba.
            Non souberon aproveitarse da transversalidade, caeulles a careta diante de situacións moi concretas, mostraron un nivel ínfimo de habilidade parlamentaria e quebraron a ilusión de moitos votantes que non comungan coas rodas de muíño de repetidas frases demagóxicas. Luz e auga para todos, que os nenos non pasen fame e atendender as necesidades minínmas de todo ciudadano non é un programa. É un desexo que tanto Iglesias coma Rajoy poden manosear ata o aburrimento. O que necesita a sociedade son medidas prácticas, viables, sensatas de organización social para que esas penalidades se atenúen. Pero a fanfarría demagóxica de Podemos xa chegou ao límite coa súa ladaíña. Poucos creerán, vendo a súa actuación despois das primeiras eleccións, o seu afán cego por gobernar ou superar ao PSOE, a súa carencia de sensibilidade para rebaixar aspiracións e negociar con humildade, que sexan eles os que propoñan medidas realistas para mellorar o que tanto critican. Desnortados, frustrados, esnafrados pola pura realidade, comezan a disgregarse e desincharse coma un globo de feira que pinchou na primeira patada dun neno traveso.
            O gran erro da formación veu polo lado do  problema crucial de España: o separatismo. O seu intento de pactar con formacións de claro tinte separatista ou de ambigüidade ben calculada sobre o dereito a decidir, colocounos nunha posición tramposa. Por un lado aportáronlle votos impensables en Cataluña, no País Vasco e en Valencia e tamén algúns en Galicia, levándoos a soñar que por esa liña tan estreita de non separatistas pero si defensores do dereito a decidir ían atopar o verdadeiro camiño da solidificación territorial. Pero todo foi un engano incrible e inaplicable. Saberano cando pouco a pouco todos estes grupos nacionalistas os vaian deixando na estacada. Uníronse a eles para utilizalos de cabalo de Troia, pero visto que tocar poder vai para lonxe ou nunca, estes prácticos independentistas abadonaranos en menos que canta un galo. Equivocáronse querendo coser sen nunca cortar un traxe nin pespuntear un remendo.  Non se pode ser xastre sen aprender o oficio. Esas alianzas desembocarán nunha desfeita cantada sen posibilidade de reconstrución. E entón e cando verá Iglesias e compañía o verdadeiro apoio co que contaban, porque estes votos prestados regresarán ao seu dono moito antes do que supoñen.
            Ademais desta arriesgada opción, caeron na impaciencia do adolescente ilusionado polos primeiros triunfos. Demostraron unha incapacidade para a prudencia e a previsión alarmante. Negarse a un acordo co PSOE e Ciudadanos impedindo chimpar fóra ao PP, todo pola infantil ambición de superar ao PSOE ou incluso pola inxenuidade de que poderían vencer ao PP, foi todo un alarde de ambición impaciente e imprudente, falta de serenidade e infantilismo político. Así están agora, refundándose, pelexando, discutindo, inventando novas saídas para recuperar o impulso perdido.

            E neste proxecto de reanimación, quen vence parece ser que é a idea de Iglesias de recuperar a rúa. Un método gastado, esgotado, inoperante, mil veces comprobado que non acaba nunca ben. Xogar coa mobilización da rúa significa desesperación, irresponsabilidade e engano para o ciudadano. Distraer aos que padecen a crise con manifestacións e actos violentos só creará tensión ineficaz. Enardecerá a desesperados ou oportunistas, pero disuadirá ao votante sereno e racional que esperaba outras ideas, outras maneiras e outra proposta política de Podemos. A intención actual de se centrar na rúa non é máis que o certificado de defunción dun proxecto ilusionante que acabará nun partido extremista sen apenas representación parlamentaria e que non aportará nada  do que a política española necesita.

TRIBOS ARREDOR DO FÚTBOL

NON son tan radical coma Sánchez Ferlosio para desprezar o deporte coma un imbecilidade dos nosos tempos, pero si concordo con el na estrañeza de ler e escoitar día tras día que estamos diante dun partido de alto risco. E alá van os servizos policiais especialistas para enfrontarse a unha banda de borrachos enardecidos detrás dun obxectivo: gozar de algunha identidade, ser algo. Tanto ten que sexa en países máis ou menos educados e democráticos. 
En todos existen arredor dos grandes clubs de fútbol unha tribo de desherdados desexosos de ser alguén pelexando as fins de semana con policías ben armados. No Reino Unido, en Italia, en España, en Polonia, en Rusia, en Holanda, en calquera país, os equipos contan cuns afeccionados agrupados en tribos organizadas que van detrás da violencia coma se fose auga para beber. Están sedentos de violencia, por descargar a súa frustación, a súa desesperación por non ser nada nunha sociedade na que só atopan unha vía de escape: presumir de ser brutos, bestas, resistentes, beodos atrevidos que non temen a nada para denfender nada, porque no fondo o equipo é o de menos, o que realmente lles atrae é a pertenza a un grupo que os acolle entre cánticos, insultos, agresións e demostración de valentía na batalla. 
Stéfano Sollima filmou unha película magnífica sobre este problema dende a perspectiva dun grupo de policías antidisturbios: A.C.A.B.: All cops are batards . Expostos cada fin de semana a esta tribo de delicuentes asociados ao fútbol, deben formar un grupo cohesionado, coas súas normas e obrigas, propias de quen depende do outro para sobrevivir. Nesa visión dende os defensores da orde para que todos os demais poidamos seguir coa nosa vida normal a pesar deses bárbaros empapados en alcohol que só atopan sentido causando violencia, aparecen as contradicións, a propia violencia que o corpo debe utilizar e os saltos por riba da lei para seguir sendo fieis ao grupo.
 Acordábame desta película vendo as imaxes violentas entre o grupo de delincuentes emboscados en seguidores dun equipo polaco e a policía antidisturbios. O difícil equilibrio que supón non abusar da forza e das armas coas que contan estes policías perfectamente adestrados cando son insultados e agredidos por estes provocadores. Comprendo o autocontrol e adestramento ao que se teñen que someter para non perder o tempero e comezar a mallar neles sen compaixón. A lei fai ben en ser rigorosa e non permitir que forzas espaciais abusen o se extralimiten os máis mínimo defendendo a orde pública. Ningún caso xustifica que policías armados ata os dentes e convenientemente adestrados se ceben con estas tribos de desesperados violentos. Pero tamén resultaría útil entender e aplaudir o autrocontrol, o cumprimento das ordes e o sometemento á lei duns funcionarios públicos que poden verse rodeados, acurralados, perseguidos e agredidos de maneira sádica por estes bándalos arrimados ao fútbol. O que talvez sexa necesario é que os protocolos de actuación destas forzas distingan entre defenderse destas tribos e controlar a orde en manifestacións pacíficas de perdedores: parados, estafados, desafiuzados. 

jueves, 20 de octubre de 2016

EU TAMÉN QUIXEN SER TOREIRO

       O tempo corre a unha velocidade galopante. Por iso sucesos de hai poucos anos xa se poden considerar prehistóricos segundo María Dolores de Cospedal. A prehistoria achégase tanto a nós que, coa velocidade de vértixe que está pillando a política, o que sucedeu onte a ninguén lle importa nin repercursión algunha debe ter. Así o pensan no PP, partido ao que nada lle importan os xuízos nos se xulgan actividades coma o das tarxetas negras e o da correa de Correa. Conste que a min este señor, Correa, paréceme  cabal. Di o que todos sabemos coa tranquilidade e seguridade que aportan as vidas cando andaron na cima do éxito. O que el realizou, di, non é máis que unha práctica habitual entre empresarios e políticos neste país, só que a min pilláronme. Hai que andar máis aleutos, dedúcese, para que non te pillen. Velaí a filosofía simple e clara dunha persoa que non se anda polas ramas. Pero volvamos á prehistoria.

         Cando a secretaria do partido nos transporta a tan remoto tempo é simplemente para aclarar que con Rajoy acabouse a festa, que el nada tivo que ver e que, se cadra, un tal Aznar puido manter algunha conexión esporádica con estes señores, peor todo iso xa é auga pasada, nin move muíño nin leva a ningures, esquézanse, miren para o futuro, xa toda a opinión está farta de cotillear con eses enredos e vaiamos  a gobernar, a continuar salvando este país que perecía e ía directo á catástrofe e, grazas ao noso goberno, está comezando a levantar cabeza. Non se lles ocorra, parece advertirnos Cospedal, castigar ou asociar ao PP con esas historietas pasadas de moda. Nós somos o futuro. Nós acabamos con esas prácticas. Nós somos os salvadores únicos, extra Rajoy nulla salus, podería concluír a avogada se quixese poñerse pedante. Así pois, quen queira entramparse en tempos prehistóricos xa sabe que está perdendo o tempo tratando de enrabechar ao votante con naderías, trivialidades propias dos negocios, asuntos algo oscuros que acontecen en tódalas familias. Salvado Rajoy e o voto, xa todo amortizado, se os informativos e os diarios queren levar ás primeiras planas estes asuntos prehistóricos, aló eles, pero o mundo onde el vai... Aznar? Un señor que sentou as bases da desfeita de anos posteriores, pero un magnífico expresidente explotando os seus negocios co orgullo e tenacidad propias dun grande atleta. Rato? Un exministro ilustrísimo, o mellor que se coñeceu dende a prehistoria en España, agora tachado de algo tramposillo, pero nada importante, a xustiza ofrece trucos e mañas nas que estes grandes da economía se desenvolven con soltura. Agag? Quen? Ah, o xenro de Aznar. Nada, un próspero negociante en Londres que foi amigo de Correa, pero todos pasamos por momento de xuventude alocada e coñecemos algún amigo do que, ao entrar en razón, non recordamos se o coñecemos. Bárcenas? Un interventor que prestou grandes servizos ao PP. Non se pode dicir outra cousa, salvo que despois de dúas décadas  caeu na tentanción de facerse rico. Unha decepción para Rajoy que, con boa fe que o caracteriza, confiou en que era persoa xusta. En canto descubriu que non o era, arrepentiuse e todo quedou saldado. Blesa? Un cazador petimetre de Madrid. Non o fixo perfecto ao fronte de Caixa Madrid, pero tampouco hai que rasgarse as vestiduras. Entre estes cazadores de leóns sempre aparece algún farsante. Pero tamén esquecido. Todo é prehistoria. Pasado remoto. Basta de titulares sobre a prehistoria de persoas e tramas algo escuras, pero que, no fondo, son as que lles deron a vida ao PP e tamén se podería engadir a España.

PREHISTORIA

O tempo corre a unha velocidade galopante. Por iso sucesos de hai poucos anos xa se poden considerar prehistóricos segundo María Dolores de Cospedal. A prehistoria achégase tanto a nós que, coa velocidade de vértixe que está pillando a política, o que sucedeu onte a ninguén lle importa nin repercursión algunha debe ter. Así o pensan no PP, partido ao que nada lle importan os xuízos nos se xulgan actividades coma o das tarxetas negras e o da correa de Correa. Conste que a min este señor, Correa, paréceme  cabal. Di o que todos sabemos coa tranquilidade e seguridade que aportan as vidas cando andaron na cima do éxito. O que el realizou, di, non é máis que unha práctica habitual entre empresarios e políticos neste país, só que a min pilláronme. Hai que andar máis aleutos, dedúcese, para que non te pillen. Velaí a filosofía simple e clara dunha persoa que non se anda polas ramas. Pero volvamos á prehistoria.

         Cando a secretaria do partido nos transporta a tan remoto tempo é simplemente para aclarar que con Rajoy acabouse a festa, que el nada tivo que ver e que, se cadra, un tal Aznar puido manter algunha conexión esporádica con estes señores, peor todo iso xa é auga pasada, nin move muíño nin leva a ningures, esquézanse, miren para o futuro, xa toda a opinión está farta de cotillear con eses enredos e vaiamos  a gobernar, a continuar salvando este país que perecía e ía directo á catástrofe e, grazas ao noso goberno, está comezando a levantar cabeza. Non se lles ocorra, parece advertirnos Cospedal, castigar ou asociar ao PP con esas historietas pasadas de moda. Nós somos o futuro. Nós acabamos con esas prácticas. Nós somos os salvadores únicos, extra Rajoy nulla salus, podería concluír a avogada se quixese poñerse pedante. Así pois, quen queira entramparse en tempos prehistóricos xa sabe que está perdendo o tempo tratando de enrabechar ao votante con naderías, trivialidades propias dos negocios, asuntos algo oscuros que acontecen en tódalas familias. Salvado Rajoy e o voto, xa todo amortizado, se os informativos e os diarios queren levar ás primeiras planas estes asuntos prehistóricos, aló eles, pero o mundo onde el vai... Aznar? Un señor que sentou as bases da desfeita de anos posteriores, pero un magnífico expresidente explotando os seus negocios co orgullo e tenacidad propias dun grande atleta. Rato? Un exministro ilustrísimo, o mellor que se coñeceu dende a prehistoria en España, agora tachado de algo tramposillo, pero nada importante, a xustiza ofrece trucos e mañas nas que estes grandes da economía se desenvolven con soltura. Agag? Quen? Ah, o xenro de Aznar. Nada, un próspero negociante en Londres que foi amigo de Correa, pero todos pasamos por momento de xuventude alocada e coñecemos algún amigo do que, ao entrar en razón, non recordamos se o coñecemos. Bárcenas? Un interventor que prestou grandes servizos ao PP. Non se pode dicir outra cousa, salvo que despois de dúas décadas  caeu na tentanción de facerse rico. Unha decepción para Rajoy que, con boa fe que o caracteriza, confiou en que era persoa xusta. En canto descubriu que non o era, arrepentiuse e todo quedou saldado. Blesa? Un cazador petimetre de Madrid. Non o fixo perfecto ao fronte de Caixa Madrid, pero tampouco hai que rasgarse as vestiduras. Entre estes cazadores de leóns sempre aparece algún farsante. Pero tamén esquecido. Todo é prehistoria. Pasado remoto. Basta de titulares sobre a prehistoria de persoas e tramas algo escuras, pero que, no fondo, son as que lles deron a vida ao PP e tamén se podería engadir a España.

sábado, 8 de octubre de 2016

ASASINADO SÁNCHEZ, ESPAÑA ATURUXA

Espero que a partires de agora España vaia coma unha vela pola senda da mellora económica, da formación dun goberno estable e da resolución de tódolos problemas que nos aflixen. A causa de tanto mal está enterrada. Sánchez xa non habita no mundo do políticos con poder e os comentaristas enrabechados que levan meses mallando nel sen piedade poderán descansar de buscarlle calificativos a cada paso más despectivos , chegando incluso ao insulto ad hominem. Creo que foi mellor que desaparecese, porque de continuar algúns xa non atoparían espazo nin folgos para insistir con tanta teimosía na inutilidade do político linchado.
            A min Sánchez paréceme que foi un político á altura de calquera dos mediocres que nos rodean só que nunha situación envelenada da que non era doado saír. Ao PSOE non lle queda outra que sufrir unha viaxe penitencial polo deserto. Atrapado na crise que padecen as sociais democracias de Europa, case atropelado por un partido atípico que tivo dous anos de esplendor innegables que parecía arrasaría con todo, atascado polas pelexas internas entre poderes feudais necesitados de manobras para non afogarse nos fosos dos seus castelos, a este partido non hai lider ou lideresa que o endereite mentres non  saian das areas coma brasas baixo os seus pés.
            O que ocorreu foi que un grupo moi elevado de comentaristas políticos – cada un saberá o porqué- deu en colaborar na creación dun chivo expiatorio que lle viña de perlas á estratexia do PP. Non se enganen: Rajoy xogou sempre coa carta tapada das eleccións. Dende a mellora de resultado das últimas, na súa maquinadora cabeza resisitiu sen pena o segredo de que, en último caso, a quen lle favorecerá ir a novas eleccións é a el. Sempre e cando, claro, lider e partido do PSOE se convertan nos causantes máximos de tal despropósito. A campaña saíulle a pedir de boca. Amigos e asociados lanzáronse en prancha enriba do mediocre Sánchez ata aniquilalo, ata tal punto que tanto castigo case se converte polo exceso nun repiro para o peor político da historia. Nunca se leron descalificacións tan esaxeradas e groseiras, nunca un exército de comentaristas, tertulianos, opinadores, escritores de fuste, locutores pagados a prezo de ouro e politólogos puxeron tanto empeño por destrozar unha figura política. Parecía que a orde estivese escrita nas redaccións de tódolos medios: esnaquizalo, que non queden nin cinascos del! E así se cumpriu. Mallaron e mallaron tanto no moneco  que ninguén tivo valor para dicir unha palabra na súa defensa. O Papa emérito Felipe, temeroso de que se producise un xiro do seu amado paritdo cara os rapaces insorportables de Podemos e os independentistas cos que el tanto tratou, amañaou e axudou a prosperar, deu a orde de atque final e os rebeldes acabaron chimpando ao leproso. Coma se el fose a causa do mal do PSOE, da gobernabilidade, do paro e do que nos espera unha vez que se absteñan e permitan que Rajoy volva aos seus pasos inconclusos, porque agora si, o PP ten baixo a súa bota aos indecisos e errabundos socialistas. 
            Por suposto que os plans de Sánchez non eran fáciles de captar nin avaliar. Cometeu o erro de non seguir a idea de Borrell no sentido de, dende os primeiros instantes, proporlle ao PP un decálogo de esixencias para absterse.  Abaneou en situacións nas que debería ser firme e ancorouse nunha firmeza imposible e dos débiles cando se veu perdido. Claro que cometeu erros. Pero de aí a consdieralo causa de todo mal vai un abismo. Agora defenestrado darase conta a Xunta Xestora, por máis que teña o plan de ruta fixado, nas dificultades nas que se atopa o partido, máis cando o PP medrou coma  leite ao lume e, diante da ameaza de ir a eleccións, fará deles o que se propoña. Entre outras cousas porque os parlamentarios do PSOE non son tan estúpidos e saben que, de repetirse eleccións, arredor de corenta non repetirían, coa desgraza que iso supón. Polo tanto a abstención está garantida que era a primeira parte do plan. Pero o que ha de vir non promete nada bo nin para o PSOE, nin para o novo goberno nin para o país.

            En fin, os cans rabiosos que se botaran con toda a saña contra Sánchez, haberán de atopar outro óso no que roer, este xa se esgotou. A ver que se lle ocorre aos programadores do PP e seguro que eles, coma obxectivos politólogos, experientados analistas, imbatibles defensores dos principios que os animan axiña se botarán sobre a presa para esgazala. Así se vai construíndo España. A base de crear chivos expiatorios causa de todo mal para distraer ao público. Agora que xa non temos o político peor do mundo, o máis inepto, o máis cerril e túzaro e irresponsable , suponse que España será un aturuxo de esquina a esquina. Ou non. Pero en tal caso xa se buscará outro ou otros sobre os que mallar. O caso é manter a tensión persecutoria e desviar o tiro.