viernes, 31 de enero de 2014
O AVIÓN
Recordarán os meus lectores (algún terei, e algún con boa memoria) que aos Magos deste ano lles pedira un camión auténtico, idéntico ao que non sei se xa ten a policía ou non, cunha potencia de lanzar auga e amedrentar a manifestantes que me seducira de inmediato. Nada. Os reis andan todos un poucos despistados, polo que vou vendo, porque nin camión nin case nada, pasaron ao piso do lado coma se eu non lles escribise. Eles verán, como sigan con esa actitude corren o risco de non lles volva a escribir e eles o perden. Pero deixemos o tempo de reis que xa onde el vai e poñámonos na realidade. Se eu soubese os problemas polos que está pasando o noso Principe nin camión nin nada, xa me tería encargado de lles solicitar ás súas maxestades un avión como se merece unha autoridade así. Pero daquela non o sabía e agora, agardar ata os do ano que vén, vai ser moito agardar, polo que estamos tocados do nabo. Non sei se serei dos primeiros, pero desde logo dos últimos non penso quedar, en pedir en serio e de dunha vez por todas, que se deixen de arranxar as avarías dese avión no que viaxa súa Alteza e que lle merquen un novo do trinque. Que é caro? Será por cartos... Imos andar coa alma en vilo cada vez que ten que ir a Brasil ou a Honduras? Que idea da «marca España» dariamos ao mundo se por unha triste desgraza se nos cae o avión con Príncipe dentro no Atlántico ou no Caribe? Por favor, non se pense máis: que os ministros correspondentes se poñan mans á obra e busquen un contrato cunha firma solvente e poñan á disposición das nosas autoridades avións seguros, fiables, luxosos, coas última tecnoloxías. Serían curtos de miras se o ministros de Exteriores ou o da Guerra ou ao que lle toque non se pon en marcha, porque nunha operación desas pode sacar un pico que o deixa cuberto a el á familia por unha xeración. O momento é ideal. Os prezos andan a ras de chan, non hai ganas de mercar (agás Amancio Ortega edificios polo mundo enteiro) e seguro que lle fan un bo prezo e sacan unhas comisións substanciosas. Porque, claro, existen outras opcións. Parece que hai un pool europeo de transportes para autoridades, que se cadra nos saía máis barato, pero non sei eu se este país quererá rebaixarse a tal punto. Calquera que se prece debe contar cun avión á súa disposición, novo, en perfecto estado, seguro e confortable. Non o teñen cantantes, deportistas de elite, executivos de casino? Sería imperdoable que un príncipe non estivese ao nivel deles. Seguro que a el non lle importaba, pero eu penso que aos 5 (como todo vai mellorando, deixémolo xa en 5, total os números manéxanse a antollo de quen se dedica aos refritos) de parados, aos pensionistas que lles subiron este ano un euro, aos pais que teñen na casa a fillos e netos sobrevivindo malamente, ao mozos que nin se apuntan no paro, saben da súa inutilidade, supoño, digo, que a todos estes caeríalle a cara de vergonza ao ver ao seu príncipe alugando un avión cada vez que ten que ir á toma de posesión dun presidente elixido de maneira fraudulenta ou participando en reunións de interese global para toda a nación. Non creo que o puidesen soportar. E moito menos, xa nin sei como se me ocorre tal simpleza, que viaxe en voos comerciais, que reserven as prazas de primeira para el e o seu séquito e que voen coma calquera outro cidadán. Xa sei. Xa sei. Demagoxia pura. Isto non é que non o soporten os parados, excluídos, marxinados, enfermos, vellos sen axuda, desafiuzados sen teito... Isto non o soporta nin o sentido común. Motivos de seguridade, diplomacia internacional, complicacións para os pasaxeiros, aforro do loro, detalles populistas... Non fai falla que siga, unha ocorrencia sen sentido. Descartadas, pois, estas opcións por irracionais e inaceptables polo pobo soberano, non queda outra que regresar ao comezo. Ou esperamos ao ano que vén e escríbolles ao Reis de Oriente a ver se lle traen un, pero moito me temo que lle pode ocorrer outro tanto como a min me pasou co camión, ou os ministros se poñen en acción de inmediato e tratan de lograr unha compra a a bo prezo dun novo avión para seguridade das nosas autoridades. E se non chega un, porque a irmá que está en Suíza, esa que ten a medio país – xuíces, prensa, policía, ministerios- estudando se debe entrar no xulgado pola porta de adiante ou pola de atrás, tamén é preferible que viaxe segura cos seus fillos e consorte pillabán en avión privado, pois que se lle merque outro para ela. Non tan luxoso nin caro, pero un coma un de Julio Iglesias, que menos... Neste país estase falando constantemente de asuntos sen substancia e os que de verdade merecen atención pasan desapercibidos. A ver se algúns colaboramos unha miga e poñemos cada cousa no seu lugar. Obxectivo inmediato e sen retardo: comprar un bonito avión. Logo xa se verán outros asuntos menores.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
jueves, 30 de enero de 2014
ANDAZO DO CANCRO ENTRE ESCRITORES
HOXE MORREU FÉLIX GRANDE,
GRANDÍSIMO POETA AMANTE DO
FLAMENCO POR UN CANCRO DE
PÁNCREAS.
MANKELL NARRA NUN DIARIO O SEU
AMOR Á VIDA AO COÑER QUE ESTÁ
TOCADO POR DOUS TUMORES FEOS.
NACHO MIRÁS LEVA CONTÁNDONOS
NO SEU BLOG COMO O FRITEN NA
CHURRERÍA DAS RADIACIÓNS A
CAUSA DESA PUTA EPILEPSIA QUE LLE
REVIROU A FÍSICA E A QUÍMICA
NEUROLÓXICA.
ALVITE RESISTE AO SEU ESTILO CO
CANCRO DE COLON E PULMÓN.
E EU A VER SE PASO PARA A OITAVA
SESIÓN DE QUIMIO DAS DOCE QUE ME
TOCAN POLO MEU TUMOR DE COLON.
ISTO PARECE UN ANDAZO DETRÁS DOS
ESCRITORES, SEXAN DE ÉXITO, CON
CARTOS, HUMILDES, DISCRETOS,
DESCOÑECIDOS...
A TODOS NOS TOCOU NESTE MOMENTO.
E TODOS ARRINCAMOS FORZAS SE FAI
FALLA SACHANDO COS DENTES PARA
NOS AGARRAR Á VIDA. PORQUE NOS
GUSTA VIVIR. POR ESO ESCRIBIMOS.
martes, 28 de enero de 2014
ALICE MUNRO
SE PUEDE HACER EL AMOR
DEPRISA
SI TIENES QUE HACERLO,
PERO SE NECESITA TIEMPO
PARA UNA PELEA.
domingo, 26 de enero de 2014
POBRE ELPIDIO
SON ignorante perdido sobre o funcionamento xudicial. Sería un atrevemento imperdoable se me pronunciase a favor ou en contra de que o Tribunal Superior de Madrid rexeite o recurso do maxistrado Elpidio Silva para evitar ser xulgado por prevaricación, así como decidir se é xusto ou non que o CGPJ estea disposto a inhabilitar ao xuíz inmediatamente despois de que o instrutor Gavilán sinale a apertura do xuízo oral. Escápaseme a espesura dos camiños intricados dos procesos, recursos, dilacións e trucos para moverse entre togas. Pero non me digan que non é casualidade que se cargue con toda a artillería legal contra o xuíz Elpidio, estando recusado precisamente por dous modélicos empresarios: o cazador de hipopótamos Blesa e o animador da patronal durante anos Díaz Ferrán. Dous exemplos de enriquecerse traballando de sol a sol, asentados nos valores da austeridade, a sobriedade e a transparencia nas súas xestións. Un arruinando un banco para que os cidadáns teñamos que salvalo con unha millonada que nos entrampará por anos e o outro declarado infractor múltiple que nos invitaba a traballar máis e cobrar menos.
Sería de grande interese coñecer polo miúdo o número de sancións que reciben os xuíces cando se trata de procesos a cidadáns que só se poden permitir un avogado de oficio ou incluso un pagado, pero dos do montón, nos deses que pertencen á elite de despachos expertos en defender a comerciantes de armas, traficantes de drogas, raspiñeiros de alto copete que se poden permitir anos de minutas de escándalo. A pouco que un se informe, comproba que estes tipos poden resistir anos movendo expedientes, presentando recursos contra recursos, acudindo a instancias superiores que xa parecían esgotadas e, se aínda así a sentenza non os favorece, contan coa graza ministerial que os indulte. É unha tristeza para un país ter que aceptar o que Castelao poñía na boca dun labrego: Que Deus nos libere da xustiza. E a experiencia que se percibe é que entrar nun xulgado e xogar á ruleta rusa: podes entrar limpo e saír condenado coma se nada. Diante dunha xustiza así, lenta, claramente fácil de entrampar por bufetes adestrados e xuíces atacados de traballo e moitos atados a dependencias e ambicións, non me estraña que alguén dixera que a xustiza era un cachondeo. Como a ese o condenaron, eu non direi tal cousa, pero... pobre Elpidio.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
MIGUELIÑO NON LLE DEBE NADA A NINGUÉN
Non hai coma ser fillo de poderoso. Sempre conseguen todo polo seu esforzo, xamais as relacións dos seus proxenitores e rede de coñecidos inflúe o máis mínimo no desenvolvemento das súas carreiras de éxito e logros insuperables. Grazas á súa valía e capacidades indiscutibles a natureza vaise encargando de derramar de xeración en xeración os dons exclusivos da clarividencia e da forza de vontade sobre uns elixidos que por forza han continuar coa inacabada tarefa dos seus antepasados: seguir dominando e gobernando o mundo. Porque a intelixencia, como a riqueza, tende por lei natural a concentrarse no 1% dos máis espabilados, o resto dos mortais non demostran habilidade para tales éxitos e deben conformarse coa mediocridade e coa pobreza malamente soportable ou coa máis absoluta miseria. Vén isto a conto, porque como xa terán lido, os fillos das clases dominantes deste país saben con quen se relacionar desde moi novos e empregan as amizades para lles pedir contas a través do correo electrónico por unhas ou outras razóns. Como non ía estar estresado Blesa e necesitar esas viaxes de cacería ao grande, presionado como estaba polos mocosos dos reis do mambo. E de tódalas tendencias, xa se sabe que entre elites hai que se entender, porque se non é hoxe pode ser mañá, non te libras de ter que atender un pequeno favor, un detalle, unha insignifcacia (que lle compres a un amigo unha obra polo triple ou cuádruplo do que vale, que manteñas unhas substanciosa beca para seguir en Harvard, etc.), que entre xente de tal categoría sempre se procura atender. Hoxe por ti, mañá por min. Tal é así que non só o fillo de Aznar lle pon as peras a cartos ao propio Blesa pola escasa atención aos desexos de papá, senón que o fillo de Alumnia, do Pose, pero de Bilbao Bilbao, é decir non de calquera barrio, tamén se queixa de que se lle retire a bolsa ao seu fillo para continuar os seus estudos en Harvard. O segundo de Blesa, atento, alerta ao xefe máximo para lle adiantar que pode recibir chamada do papá, el mesmo xa a recibiu queixándose do agravio inmerecido a todas luces do seu fillo. Almunia di que se interesou por saber as causas. Spottorno escribe que houbo queixas e adivirte ao xefe para que prepare excusa por se tamén a el lle chega a chamada que no podería rexeitar. Como se pode observar, nada que non se coñeza deste vello mundo que segue funcionando con métodos máis que manoseados. Só resaltar, talvez, a precocidade coa que os querubíns das elites se dirixen sen intermediarios aos amos do mundo. Axiña dominan as estratexias familiares e son autónomos, non se cortan e eles mesmos van directos ao centro do poder para queixarse ou reclamar. Se logo papá quere insistir xa é cousa del, pero por iniciativa xa sae deles esa confianza e seguridade que lles permite atreverse a reclamar o que lles corresponde. Neste estrato a seguridade debe vir incorporada de nacemento, ningún temor, fóra timidez, inútil toda cautela. Písase forte desde os comenzos, ninguén pode aspirar a ser alguén de verdade andando de mendigo timorato á espera de que papá ou o tio Alerte interveña por un. Nacen ben aprendidos estes rapaces. Debemos recoñecelo. Con razón. Con razón nacen aprendidos, quero dicir, porque a escola na que maman tales habilidades vén de vello e ademais cren firmemente nas súas ensinanzas. Como proba, un botón: preguntado Alumnia pola detalliño desta relación e queixa polo agravio ao seu fillo Miguel, non tivo pelos na lingua para aclarar o que todo o mundo sabe: só me interesei por saber a causa de que non se lle mantivese a bolsa (como faría calquera papá) e todo o que teño que dicir é que ao meu Migueliño ninguén lle regalou nada. Canto conseguiu foi polos seus propios méritos. Para nada, palabrita del Niño Jesús, faltoulle dicir, a posicion do papá nin os antecedentes familiares repercutrion na súa brillante e prometedora carreira. Xa se sabe que a Harvard chegan os mellores e se alí está, por algo será. Que Caja Madrid lle concedese unha bolsa de estudos... pois igualdade de oportunides, imos agora a discriminar sen bolsa aos fillos das elites privandoos dos dereitos que ten calquera fillo dun asalariado que solicita unha axuda para vivir malamente nun piso con colegas en Santiago? Chegados a este punto non nos queda máis que calar, admitir a certeza dos argumentos e aceptar que é así: que as elites non lle deben nada a ninguén, que todo canto conseguen é polos seus propios méritos e esforozo e que, para desgraza do resto, se non dan máis de si, se se deixan levar pola molicia, se lles vén de nacenza ser lacazáns... que queren que lles fagamos? Por iso eles seguen tranquilos, con impulso que non quebra, facendo uso de prácticas habituais e ben asentadas que aseguran a perpetuación dos grupos dirixentes. Concentración de riqueza e poder nas mínimas mans. O resto atentos ao que nos indiquen.
miércoles, 22 de enero de 2014
LEGUINECHE
ESTOY AQUÍ PARA DEMOSTRAR
QUE TODAS LAS GUERRAS
SE PIERDEN.
lunes, 20 de enero de 2014
POLÍTICOS Y PAÑALES
LOS POLÍTICOS Y LOS PAÑALES
SE HAN DE CAMBIAR A MENUDO...
Y POR LOS MISMOS MOTIVOS.
B. SHAW
sábado, 18 de enero de 2014
POBRES, PERO EN CATALÁN
SE ben o penso, estou algo farto de tocar o tema de Cataluña. Por que insiste, diranme con razón. Porque hai tantas vertentes nese endiañado, manipulado, insolidario e perigoso "conflito" (poñámoslle o mesmo nome que no País Vasco, os dous van na mesma liña aínda que con distinto maquinista), que non me podo resistir a reflexionar sobre algunha das moitas variables que lle afectan. O que me preocupa hoxe é a resposta dos emigrados a esa comunidade, todos eles, por suposto, de comunidades máis pobres, eles pobres, eles en barrios marxinais, eles soportando o peso da crise coma no resto do país ou máis. Non dispoño de estatísticas e falo de oído, pero teño a percepción de que moitos deles apuntaríanse ao voto secesionista convencidos das prédicas recibidas durante todos estes anos e esperanzados en que vivirían mellor.
As razóns últimas e serias para tomar unha decisión de tal transcendencia, desde logo para os emigrados que atoparon traballo no servizo doméstico dos burgueses, nalgunha fábrica ou na Seat, logrando escapar dos labores do campo ou da miseria de procedencia, é o cálculo inconsciente de se eles e os seus fillos, moitos xa nacidos alí, vivirán mellor. Desde hai nos vénme sorprendendo con que facilidade se realizaba nestes emigrantes a súa inmersión lingüística en catalán (é curioso ver aos fillos de galegos emigrados falando castelán con seus avós que lle falan en galego, pois saben catalán pero non galego) e con que convicción e case violencia defenden a ideoloxía simple e barata de chuvia miúda que os corruptos Puyol e os seus secuaces foron inzando ao longo destes anos nos que se sentían pouco queridos polo resto de España. Recordo incluso a anécdota dun mozo (sei que é un anécdota, pero significativa) , que por circunstancias se viu obrigado a traballar un ano en Madrid e con que desprezo e seguridade insistía en que nesa cidade non se traballaba nada, que eran todos uns vagos, o traballo que realizaba en Cataluña no día podía na capital dos espoliadores acabalo en dúas horas, por iso estaba desexando regresar a Barcelona, alí trabállase de verdade. En fin, que moitos estarán calibrando se lles cubica ou non a pertenza a un país no que lles ofreza máis comodidades e benestar. Ogallá non se equivoquen. Para min, os que tal decisión tomen, seguirán sendo igual de pobres e excluídos só que en catalán.
PUBLICADO EN EL CORRREO GALLEGO
UN PONTEVEDRÉS EN WASHINGTON
Que orgullo! Que inenarrable satisfacción tivo que experimentar o pontevedrés máis coñecido do planeta ao se sentar á beira do verdadeiro amo do mundo, aínda que algo vido a menos, Barack Obama! O traballo intenso de Monago e os seus acólitos negociando tan ansiada visita nunca lle será ben pagada. Vostedes verían coma min a foto, imposible non vela, e notarían a ledicia contida do presidente ao se ver en tan exclusivo e desexado despacho. Certo que o sorriso de Obama brilla e anula a calquera que teña ao seu carón, máxime se quen lle acompaña non está dotado do don da risa franca, pero aínda así a foto existe, a cámaras gardarán a imaxe para a posteridade e ao pontevedrés universal que lle quiten o bailado. Por suposto que a ledicia non se reduciu á súa familia, grupo íntimo de colaboradores, membros do partido... Imaxinen ao núcleo duro de amigos PTV de toda a vida, eses aos que foi colocando en distintos postos da administración (para adelgazala tal e como é o seu propósito ). Estarán exultantes e dando pinchacarneiros de alegría tal é a súa fidelidade e agradecemento como corresponde a todo ben nacido, máxime se é de Pontevedra de toda a vida. Chimparán foguetes contaxiados do éxito do seu protector e benfeitor. Pero non só este círculo máis estreito e apegado a el. Recoñezamos que haberá cidadáns de boa fe que tamén experimentarán certa fachenda vendo ao seu presidente campando por Wasihington coma se fose o líder dunha nación realmente poderosa. A moitos encheráselle o papo ao escoitar as palabras de eloxio de Obama dicindo que é un grande líder e que corrixiu o que a toda canalla financeira lle interesaba. Pareceralles un síntoma máis de que este ano si, por fin, imos ver a luz e os mozos atoparán traballo, os asalariados non perderán poder adquisitivo, o consumo interno aledará rúas comerciais e gurgullará efervescente o crédito e o carto que vai de man en man para potenciar o comercio e a economía familiar. Non nego que a necesidade de crer en tal milagre se vexa potenciada por esta visita espectáculo onde lle deron ao noso presidente unhas palmadas no lombo, moi ben, estalo facendo moi, segue así, e regresa á casa cheo e satisfeito pensando que atopará un país distinto. Mais non. Obama, que ademais de sorrir ben e andar cun estilo de bailador seguro , como de bobo non ten un pelo xa lle advertiu que mentres non solucionase o do emprego non lle podía dar máis parabéns. E o desemprego é co que se atopará ao regreso e por moitos anos. Porque miren a graza que ten o ministro Guindos intentando animarnos: se cadra a taxa de paro descende dun 26% a un 25,5%. Admirable, sr. Ministro. Non sabe vostede os ánimos que nos insufla. Agora que resulta que se para o fin da lexislatura regresaramos á taxa de paro na que nos deixara o anterior presidente (todos avisados de que foi el o causante das pragas de Exipto e da primeira guerra mundial que este ano recordamos) lograríamos un éxito rotundo, sería o síntoma de recuperación máis evidente e poderiamos durmir tranquilos porque España volvería a ir ben. Non lles parece que é rirse na cara de todos nós tomándonos por bobos? Os éxitos e felicitacións que está recibindo o presidente non deixan de ser un mero recoñecemento de que está facendo o que lle mandan. Moi ben, Mariano, debe dicirlle algún día Merkel cando non ten algo máis interesante que facer, segue cumprindo o que eu che diga. Estupendo, Mariano, dixéronlle Obama e unha exnadadora agora presidenta do FMI, segue cumprindo as ordes, continúa coas reformas profundas e recibirás os honores de ser un gran líder. Caralludo. E o país? E os mozos que con graos, máster, cursos no estranxeiro están dispostos a traballar no que sexa? E os que emigran para buscar a vida? E os avós que están espremendo a mínima pensión para dar acollida ao fillo de 50 anos en paro? E as familias que recollen aos mozos ata os 35 anos porque non hai onde buscar un triste traballo? E cando os avós morran e desapareza a pensión? E cando as familias non soporten máis a carga dunha filla con neto incorporado? E cando moitos parados non poidan dar de comer aos seus fillos? Felicitarémonos polas reformas profundas, polas bases para que se cre emprego de verdade? O mellor de todo isto é a foto, Sr. Rajoy. Consérvea, enmárquea como se merece e gárdea para lla ensinar aos netos. Imaxine, rodeado de netiños e contándolles: vedes, aquí estou dándolle unha camiseta da selección ao Papa de Roma, aquí parlamentando co primeiro presidente negro dos EE.UU. , aquí... E así pasará tardes inesquecibles e os seus netos medrarán de facenda e poderán presumir na escola coma ananos. Claro que os seus compañeiros de pupitre non se quedarán atrás. O fillo de Ronaldo presumirá dos balóns de ouro, o fillo ou neto de Blesa non se cortará narrando o fabuloso economista que foi seu pai ou avó, salvando ao país xestionando o banco máis poderoso, e ademais mataba leóns... E así sucesivamente, porque entre os descendentes desta xente sempre hai moito do que presumir. Por iso o máis salientable desta viaxe será a foto. Espero que Elvira saiba colocala no lugar adecuado e que lle dea ordes ao servizo para que a manteñan sempre coma ouro en pano.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
jueves, 16 de enero de 2014
PRINCIPIOS DE FILOSOFÍA
PELÍCULA MOI RECOMENDABLE
PARA CLASES DE INFANTIL, MÁIS
SE COMO SEGUNDO IDIOMA
UTILIZARAN O FRANCÉS.
miércoles, 15 de enero de 2014
POBRES
LOS HOMBRES SIN RAÍCES SON
LOS VERDADEROS POBRES DE
ESTE SIGLO.
JAMES SALTER
martes, 14 de enero de 2014
ROMA. BELEZA. INTELIXENCIA: LA GRANDE BELLEZA
ADEMAIS DA SUTIL INTELIXENCIA QUE
DESTILA TODO O FILME, HAI ALGO QUE
NON SE DEBE ESQUECER: A ESENCIA DA
VOZ QUE DOBLA EN ESPAÑOL AO
PROTAGONISTA, É UN PRODIXIO DE
TIMBRE, DICCIÓN E SUXESTIÓN.
domingo, 12 de enero de 2014
CULPABILIDAD
LA CULPABILIDAD ES UN ORGANIZADOR
DE LA CONCIENCIA. SI TÚ NO CREES EN
LA CULPABILIDAD NO PUEDES SER
RESPONSABLE, QUE ES LO QUE LES
PASA A LOS POBRES CHAVALES DE
AHORA. ELLOS NO LO SABEN, PERO LOS
ESTÁN CONVIRTIENDO EN ABSOLUTOS
IRRESPONSABLES Y ESO QUIERE DECIR
QUE SE PUEDE HACER CON ELLOS LO
QUE TE DÉ LA GANA.
Félix de Azúa.
ANSIEDAD
LA ANSIEDAD INHIBE LA LIBERTAD.
LA TENSIÓN HACE CERRAR LA CABEZA
COMO UNA TUERCA EN TORNO A UNAS
IDEAS FIJAS.
PAÍS DE COCIÑEIROS
Agora que estamos en tempos de banco de alimentos, que moitas familias as pasan crúas para dar alimento equilibrado aos seus fillos, na televisión máis badoca que son capaz de lembrar (quen me dera un programa como Estudio 1 da época do franquismo) triunfan os concursos de cociñeiros. Cociñeiros para adultos, adolescentes, nenos, supoño que axiña inventarán un para bebés. Admito que nunca vin un destes programas, pero a pouco que leas a prensa é inevitable decatarte de que están proliferando e tendo un éxito considerable. Imaxino que algunha razón de peso estará detrás de tanto euforia sobre a cultura culinaria. Confeso que nunca me tirou demasiado esa tendencia a crear case mitos dos artistas da cociña. Sempre lembro un libro de Faustino Cordón, científico pouco lembrado, no que nos explicaba como a cociña fixo ao home. Realmente na evolución tivo unha transcendencia innegable a mellora na elaboración dos alimentos. Pero moitas das tendencias que ultimamente se levan , conducen máis á liña da publicidade que o da saudable evolución do cociñar. Non caerei na trampa de soster que comida coma a da miña mamá, en ningures. Certo que na cociña tradicional se cometen erros de vulto e que se tragan máis graxas e carnes desgastadas que outra cousa, pero de aí á inflación de ocorrencias vaporizadas, iluminadas e case aire celestial para a satisfacción de elites con poderío económico dispostos a solicitar mesa con anos de antelación, hai moito máis cá carreiriña dun can. De todos modos, no país levamos anos promocionando, subvencionando e animando a todo creador de pratos baleiros con lindezas minúsculas a colores no centro. Supoño que algún plan directriz terá, e para rematala impulsan estes concursos de éxito que transformarán ao país nun paraíso para os cociñeiros e un reclamo para todos os lambóns que no mundo son moitos. Deduzo, supoño que con certo fundamento, que nas liñas mestras do que pretendemos para a economía futura será que o turismo siga mantendo un mínimo de traballo precario nas épocas de máis sol e que aumenten os cociñeiros de sona para que os visitantes de restaurantes con alto poder adquisitivo tamén se entusiasmen coas nosas delicadezas no padal. Conseguiriamos así un proxecto de país ben definido: darlles sol, alcohol e ben de comer aos de fóra, para nós ser camareiros, cobrar o salario mínimo por temporada e exhibir algún xenio creador para minorías que defenda a marca España ata en China. A propósito de China, ben farían en ir transformando a cociña aos gustos dos chineses, porque para tal fin, sen non contamos coa aceptación dos grandes millonarios que alí medran coma leite no lume, mal andaremos, porque só de ingleses e alemáns, non creo que deamos cubertas as necesidades mínimas. Claro que para formar cociñeiros que acerten no gusto gastronómico chinés non creo que abonden estes programas de televisión, a súa cultura é a máis rica en canto a cociñar se refire, por máis que nos únicos once días que andei por ese país pasase máis fame que nunca na miña vida. De calquera maneira que sexa, dubido que os concursos aos que me veño referindo poidan servir para crear unha escola poderosa e revolucionaria na cociña do país. Se así fose, benvida sexa, tan respectables son os cociñeiros coma os enxeñeiros informáticos ou os científicos no campo da xenética ou das neurociencias, pero moito me temo que o futuro que lles agarde aos nosos eufóricos nenos hábiles cos coitelo, coccións, frituras e repostería non lles reportará máis satisfacción que ser tan hábiles con microscopios, cubetas ou no dominio de receptores neuronais. Quero por fin resumir, para que non se dubide da miña pouco estima diante desta febre de concursos de cociña, que o que me dá na alma é que seguimos enredando e distraéndonos sen saber realmente que país queremos. Conformarnos con que cada ano aumente o número de visitantes e gasten dez euros máis por día non creo que poida ser a solución para os problemas de emprego do país. Moito menos incentivando a nenos a que na casa lles merquen utensilios específicos e caros para enredar a ser xenios entre cazolas. Polo camiño que levamos, por máis que a bolsa suba, a prima de risco baixe e as promesas de todos os ministros e as enquisas maquilladas nolo confirmen, o ano que comeza non promete ser o da creación de emprego. Estou convencido que non nos quedará outra que conformarnos e aceptar que menos mal, menos mal se baixamos o paro ao 23 ou a 22 % nos próximos dous anos, pero o certo será que esa baixada deberase fundamentalmente a traballos ruíns, estacionarios, miserables, a que moita xuventude emigrará e, claro, non podía ser menos, a que teremos unha xeración de cociñeiros (creadores gastronómicos queda máis bonito) de primeira que serán a envexa de toda Europa, Asía e América.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
CRÓNICOS
"¿TIENE sentido que un enfermo crónico viva gratis del sistema?". Esta afirmación tan cruel como cretina disque saíu da boca da viceconselleira de sanidade da Comunidade de Madrid. E digo disque, porque a min chegoume nun deses correos que circulan por internet e non sempre son merecedores do contraste informativo que algo así precisa. Pero feita a salvidade, de ser certa, non esixe nin ser retrucada, tal é a súa falsidade, estupidez e ignorancia. Alguén que pensa e manifesta tales sandeces non podería permanecer no seu posto público nin un minuto despois de soltar tal imbecilidade. E disimulen se abundo en insultos á frase –a señora ou señorita tráeme sen coidado–, pero considero que xa está ben de calar coma se nada diante destas agresións. Calquera sabe que ninguén vive gratis, todo sae dos impostos que entre todos pagamos. O que convén é aclarar cara que crónicos queremos que vaian os nosos impostos.
Porque crónica considero eu a cantidade de políticos que levan anos roldando por parlamentos, asesorías, postos de responsabilidade nula, institucións inútiles, deputacións e retiro de luxo no Senado. Eses si son crónicos perniciosos para a nosa sociedade e tamén viven gratis, só que en condicións envexables, con dietas e privilexios diante da facenda pública, insensibles a cantos si son crónicos na dor e na desgraza. Eses crónicos si que merece a pena que dunha vez por todas nos decidamos se queremos que sigan vivindo gratis do sistema. Cada quen poderá traer nomes a feixes á súa memoria. Canto galopín, despois de falcatruadas mil, non continúa vivindo da sopa boba, chupando do erario público, zafándose de instrucións e procesos xudiciais, demostrando unha falla de vergonza escandalosa e paseando tan tranquilo pola súa cidade coma se fose un cidadán honrado e honorable? Como soportamos a tanto crónico baleiro de ideas, propagandista de simplezas, repetidor de slogans, servil dos seus superiores para manterse no posto, inútil por inculto e lacazán, a maioría nin len, nin se preparan, agás nas conspiracións de cafetería e comidas "de traballo"? Si, esa cretina viceconselleira ten razón: hai moito político crónico que vive gratis e inutilmente do sistema, que non ten o máis mínimo sentido que sigan chupando dos impostos e que deberiamos mandalos á casa, ao paro ou a facer espera nas salas de crónicos dos hospitais.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
sábado, 4 de enero de 2014
ESTA NOITE IMOS PILLAR
SERÍA das poucas noites vellas que pasei só na miña vida, desde logo a única na que saín á barra dun bar e pedir unha copa. Só servirma, vin que o home da miña esquerda miraba para min e ría. En primeiro, dada a miña inexperiencia, aínda pensei se estaría no bar equivocado, pero axiña me convencín de que non era ligue o que quería, estrañábase de que non entendese o seu riso. Axiña mo aclarou: ti non me recoñeces? Pois non. Así quen non te acordas de min? Non. Ti ganá- chesme ao pimpón, eras unha pulga de primeiro e eu xa andaría en 3º. Son Recarey, Belvís. Si, pero ti non me dás vido á memoria. Brindamos. Falamos de catro banalidades ata que me espeta: e disque escribiches un libro. Home, non moitos, pero máis de un. Non digo que só escribises un, senón un que fala de Belvís. Ah, si. Pois que burriño fuches... Eu sei todo, todo o que pasaba, se chegas a informarte comigo seguro que che saía caralludo; pero heino ler, maldito como si.
Acabadas as copas e como a conversa xa non daba máis, Recarey invitoume: esta noite ti vés pillar comigo. Eu non podo comezar o ano se non é cunha muller ao meu carón. Se non é así, o ano vai mal. Así que ti e máis eu imos agora mesmo pillar. E nestas pagou e tirou de min á saída do garito que estaba a cugulo. Talvez por iso, sen querer, chocou xa fóra cun borracho e tiroulle a copa. O bébedo nin se inmutou, pero un dos seus interpúxose: a ti pásache algo, parvo? A min nada, pero ti vas quedar sen dentes como non saias de diante. Pero o retador non era de filosofía, retirou o xusto o corpo e estendeu o brazo dereito cunha potencia tal que ao chocar o puño no nariz de Recarey deu en zurrichar sangue coma unha billa aberta; sen tempo á resposta, o agresor espetoulle o xeonllo nas súas partes e, mentres se dobraba, zumboulle unha patada nas costas que o guindou no chan coma un trapo. Tres golpes secos, eficaces. Presteille o pano da man para deter a hemorraxia, rexeitouno. Lévote a urxencias? Pero que dis?, ofendeuse. Ti e máis eu imos agora mesmo pillar. Que pillar nin que nada, intentei razoar, lévote á casa? Como se puxo pesado e agresivo decidín deixalo. Ao pouco de botar a andar escoitei: Abel, covarde, non penso ler o teu libro de merda, e aínda non me explico como puideches ganarme ao pimpón sendo tan pequeno. E alí quedou repoñéndose para ir pillar. Nunca máis volvín saber del.
PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO
O BONITO QUE É ANDAR
Sina, a miña neta, comezou a andar. É unha monada vela experimentando coa súa nova capacidade: como domina o equilibrio, como sabe deixarse caer de cu antes ca pasar por males maiores, como demostra as súas habilidades aos que a acompañan, como ri e goza enredando a escapar, a se agachar, incluso a retarte a unha carreira a ver se a pillas... Poucas cousas máis fermosas temos neste mundo que seguir o proceso de aprendizaxe e autonomía dun bebé. Hai algo máis dun ano parecía que tiñas nas túas mans un ser vivo que só demostraba fraxilidade, indefensión e necesidade absoluta de ti. Agora xa corre, bebe e come da súa man o imprescindible, entende un bo número de mensaxes e responde con xestos e as primeiras palabras cando te comunicas con ela. E ri, ri a maior parte do tempo, porque se sente querida e atendida e estimulada para que a cada paso sexa máis autónoma, domine a linguaxe, se vaia por si mesma e constrúa unha personalidade que lle permitirá relacionarse, aprender, traballar, proxectar e vivir en plenitude. Pero para que todo isto se alcance, Sina – calquera neno- ten moito que observar, evolucionar e xogar. Sobre todo xogar, polo de agora, xogar. Tiña razón Nietzsche cando dicía que non hai nada máis serio que cando un neno xoga. E en todo xogo, ademais de ensaio e erro, de adquisición de estratexias, paciencia, sosego e dominio das actividades, atrevemento e risco, adiántase algo que será crucial ao longo das nosas vidas: a tensión entre seguridade e a necesidade de experimentar, entre confort e temor a levar unha vida pequena, miúda, ruín. Se a adquisición do dominio do andar require as condicións indispensables de evolución física, a actividade previa de gatear, as probas inicias de se manter dereito agarrado a algo, e así sucesivas superacións ata que un se atreve, animado polos que desexan que o faga, a dar os primeiros pasos, vivir xa sendo autónomos e libres require xogos e responsabilidades, decisións e cautelas que nos esixen un equilibrio non doado de conquistar. John Updike insistía moito nesta tensión: a de querer seguridade pero non conformarnos cunha vida pequena. Hai quen por educación non padece tal conflito porque para eles confort e vida plena coinciden, aínda que logo a experiencia lles demostre que non é así, pero a aprendizaxe a ferro quente por parte da ideoloxía familiar pesa tanto que non dubidan en manterse nesta seguridade ata o fin dos seus días, a pesar de que a vida se lle fose coma auga nun goxo sen pena nin gloria. Mais para quen non goza desa seguridade inicial, o máis frecuente é que nos momentos cruciais da xuventude, cando un trata de decidir que e como lle gustaría vivir, se debata, aínda que sexa a nivel inconsciente, neste dilema que non resulta doado resolver. O que é unha vida segura sábese ben. Alcanzar medios económicos e de relación social que te fagan sentir que pisas sobre firme, que non vives nin ti nin os teus na incerteza nin na dúbida do que será mañá. O porvir, dentro duns límites, está cuberto. As condicións nas que te desenvolves permitiranche actuar e planificar sen medo porque sabes que contas con medios suficientes para te defender de posibles males imprevistos. Un séntese seguro se o seu traballo é estable, se a situación social na que vive lle garante unhas regras e leis que o protexen ou ás que se pode acoller, se ao seu redor participa dunha rede social de amigos e coñecidos que lle proporcionan apoio e calor nos momentos de máis inquietude ou frío. Todos gustamos desta seguridade. A todos máis ou menos nos atrae unha vida gobernada por estas coordenadas. Pero resulta que non abonda. I.B. Singer non para de non alertar de que os homes por non aburrirnos estamos dispostos ás peores bobadas. Coma se a vida fose demasiado fácil e tiveramos que complicala. O motor das súas novelas case sempre é isto: unha vida segura, unha vida que se podería levar ben, sen complicacións, de súpeto, coma se unha forza intratable nos abordase, alterámola, queremos activala cun picante ou especia nova, chegamos a rachala porque nos parecía que non daba a talla, que se quedaba curta, que aspirabamos e podíamos máis. Hai vidas ben establecidas, ben guiadas e con bos hábitos, que se rachan por esta innegociable sensación de que é cativa, dá pouco de si, non espreme todo o zume que a vida nos pode dar. E esnafrámola, comezamos de novo, perdemos parte ou toda a a seguridade adquirida por emprender outra vez un proxecto ou intento novo de ser ou vivir unha vida que nos parece mellor. Sina antes de andar coa mínima seguridade coa que agora anda tivo que atreverse aos primeiros pasos e a caer. E volverá a caer máis en canto corra máis veloz e tropece ou choque, e chorará, porque para andar ben ben, é imposible sen chorar. Pero o seu atrevemento levará sempre un sinal claro: alcanzada unha seguridade non a perde, cada novo risco será para mellorar o aprendido. Na vida, neste difícil equilibrio, algo deberíamos aprender da infancia: sen risco nin atrevemento non merece a pena, pero cada paso de risco ou dolor nunca debería aniquilar a seguridade conquistada, só afianzala. O bonito de andar é que por saber correr non esqueces andar a modo. Este equilibrio é o que lles desexo a todos para novo ano.
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
Suscribirse a:
Entradas (Atom)