sábado, 26 de diciembre de 2015

SALA DE TRATAMENTO

ARREDOR de cincuenta enfermos formamos, sentados en sofás, un semicírculo fronte ás mesas das enfermeiras. Unha controla no ordenador historias e tratamentos. As outras afánanse en nos conectar ás bolsas das que gotean os velenos ás veas polas que corren dentro dos nosos corpos. Son anxos brancos con sorriso nos labios, coñecen os nosos nomes, e para todos teñen palabras de ánimo e consolo. Saben con quen tratan. Enfermos de tódalas idades e condicións, que levamos como mellor sabemos as horas de conexión aos líquilos aos que nos encomedanmos para sanar pero que nos postran de corpo e ánimo.
Uns lemos e observamos, outros falan e rin, moitos dormen demolidos polo peso das substancias. Mulleres con panos cubrindo a calvicie, homes demacrados, sen alento algúns, outros con boa presenza, coma se o mal non actuase. Todos apegados á esperanza de que o bombardeo cause os menos danos colaterais e aniquile ao verdadeiro inimigo que se reproduce con malicia extrema.
Hoxe teño á beira a dous enfermos con problema nas veas. O peor. Endurecen coma adivales e non hai maneira de picar. Primeiro proba a enfermeira con experiencia e paciencia nas corres de calos que lle quedan ao vello da dereita. Nos brazos non é posible. No dorso da man. Despois de moito picar, con dolor, conségueo. Quéixase: mal do demo, estaba coma un buxo e isto fendeume; onte pasei a tarde chorando. Pola dor?, pregúntolle. Non, porque me dan baixadas e non paro de chorar.
Na esquerda, unha moza nova, dalle azos á enfermeira para que busque vea por onde sexa. Cando o logra xiringa sangue coma unha billa aberta no chan e no seu branco pantalón. E así avanza a mañá. Eu intentando concentrarme na Ilíada, agora pefiro repasar grandes obras, para lelas como o antipático e intelixente V.S. Naipul di que hai que beber o viño de Porto: mascándoas.
Pero o sono tamén me aplana e cando esperto xa moitos marchan e se despiden desexando o mellor para todos. Un desexo que entendo non pode ser outro que a mellora deste sistema sanitario que a todos por igual atende na experiencia da enfermidade, a inxustiza en estado puro, como dixo Ricardo Piglia. Tamén eu lles desexo o mellor Nadal e lles agradezo a fidelidade por me ler.

sábado, 19 de diciembre de 2015

ESCURIDADE DE DESEÑO

MENOS mal que non levaba urxencia. Parei porque o lugar ofrecía tódalas condicións que se requiren para facer un descanso despois de dúas horas conducindo: moderno, coidado, limpo e con ofertas moi variadas. Cumpridos os requisitos de repostar combustible e tomar unha auga, fun ao baño. A primeira proba pola que tiven que pasar foi pola identificación da porta para señoras e señores.
Estarei máis canso do que cría, pensei mentres prestaba atención aos símbolos de alto deseño que intentaban diferenciar unha porta da outra, pero a miña intelixencia non daba para máis. Permanecín na máis escura dúbida ata que saíu unha señora dunha porta acristalada, sorriu e indicoume: a súa é esa, non se estrañe, a min tamén me custou dar coa miña. Pensei que rematara cos problemas e podería cumprir co meu propósito sen dificultade.
Erro maiúsculo. Aberta a porta corredera quedei dentro dun espazo escuro sen dar atopado o mando da luz. Intenteino ás apalpadas, pero sen éxito. Supuxen que, dada a modernidade do local, un sensor indicaría a miña presenza e axiña se acendería. Por iso me movín. Nada. Tropecei 
co que supuxen sería a meseta dos lavabos, ou o retrete, non sei. Falei por se había alguén dentro, ningunha resposta.
A escuridade continuaba. Volvín a onde me parecía que deixara a porta de corredera, pero equivoqueime, tropecei con outra que non se abría automaticamente. Xa algo canso emitín sons e bufei e tusín e dei co pé no chan a ver se algún sensor me detectaba. Impaciente, desexei que alguén de fóra entrase, pero en contra de toda experiencia en áreas de descanso, non entraba nin unha alma.
Que deseño é este? Sen saber como, unha luz intensa acendeuse e vinme perdido no medio e medio do recinto amplo, cheo de espellos, luminoso. A ver se por fin, pensei mentres me poñía a aliviar, pero no medio da operación, outra vez escuridade.
E así por tres veces e nunca sen descubrir cal era o sistema polo que se acendía nin apagaba. Cando quixen lavar as mans, para que a billa botase auga tiven que mover e retorcer as mans coma Sara Baras. Antes de saír aínda outra vez quedei a escuras. Xa fóra, moito desexei un interruptor e unha billa dos de sempre. E agradecín non estar de urxencia.

POBRIÑO INDECENTE

ANDAN AS AUGAS alodadas por mostrarse dous candidatos á presidencia coma discutidores de tarberna. E aproveitan os sorprendidos atacados pola mala educación e baixura do atacante. Que mágoa me dan! Pobriños! Co boíños e educados e cultos e delicados e tenros que eles son... A falta de cultura democrática, propostas estudadas, intelixencia colectiva, merecémonos estes esepectáculos de entretemento no que os protagonistas se rebozan na lama mentres os evadidos e aburridos espectadores tragamos rodas de muíño tal coma se estiveramos diante da vida misma que nos regala a diario ese meigo das ondas chamado Jorge Javier Vázquez. 

Quen diante de nove millóns de espectadores perdeu a paciencia e control, encheu de rabia os ollos e se sentiu no máis íntimo ofendido non é outro que o experimentado e resistente Rajoy. Ese político da inacción robusta, que durante o período de inicio da maior crise económica en décadas, por amor á patria, nulo afán partidista e espírito xeneroso e sacrificado polo ben do país se dedicou a proferir os insultos máis displicentes, clasistas e retortos ao presidente da época, Zapatero, quen, coma náufrago, bracexaba entre as olas que o mergullaban. Este político tan afectado por calificalo de indecente, para quen non lle alcance a memoria, recordareilles que a Zapatero acariñouno con estes ambles, estimulantes e doces insultos (cito textualmente): «acomplexado, insensato, cobarde sen límites, zafio, manipulador, grotesco, radical, taimado, maniobrero, irresponsable, frívolo, ambiguo, impreciso, débil e inestable, chisgarabís, bobo solemne, traidor aos mortos, falar en batasuno, sectario e ter a cabeza de adorno». Onde estaban daquela os educados, alarmados e ofendidos políticos do PP? 

Non teño o máis mínimo inconveniente en declarar que non é Sánchez político da miña devoción. Que non haxa enganos. Pero a rabecha de Rajoy e o mecanismo de defensa do seu partido e medios seguidores é dunha hipocrisía vergonzosa. Que ninguén rasgue as vestiduras nin encha a cabeza de cinza. Se o estilo é de macarra, o primeiro en non dar a talla, non estar á altura como a el lle gusta dicir, foi Rajoy. E si. Dixo Sánchez algo que millóns de españoles pensamos no seu día e calamos, nos esquecemos e desesperamos fastiados de que nada ocorra coa corrupción neste país. Pero é certo: ningunha democracia ás que nos gustaría parecernos consentiría que Rajoy continuase de presidentes despois do caso Bárcenas. É unha indecencia política monumental. Unha incongruencia de tal calibre que democráticamente é insostible. Son tantos os indicios, tan potentes e tan evidentes e escandalosos que ningún presidente en Reino Unido, Alemaña, Dinamarca o Francia podería continuar. Dimitiría pola propia presión do seu partido. A ninguén se lle consentiría tamaño descaro. Esa negación da realidade, ese agocharse e resistir ata o indecible admitindo como único pecado que se cometeu un erro no nomeamento dun cargo é dunha indecencia política inconmensurable. Claro que a resposta deste presidente diante da corrupción é indecente, e segue a selo cando aínda hoxe mesmo non ten opinión sobre deputados e embaixadores do seu partido que se enriquecen con comisións porque «non coñece o asunto». Non acabo de ver a razón de se sentir tan ofendido. Ten sorte de que non lle dixesense polo claro, copiándoo, que a súa cabeza está de adorno , é un acomplexado ou que é un bobo de solemnidade - estes si insultos ad hominem-, porque se el se sentiu con lexitimidade para afundir a quen pretendía reemplazar para salvarnos da catástrofe insultando con tal virulencia, moitos senten hoxe idéntica lexitimidade en utilizar idénticos métodos para chimpalo fóra, porque despois de catro anos nos ten encadeados a un rescate a perpetuidade e condenados a vivir en maior desigualdade, máis pobres e máis indefensos. Dende logo que eu non aprobo tales métodos, pero os que os usan, que non nos tomen por bobos. 

Nota: Rematado este artigo sei do ataque sufrido polo Sr. Rajoy na cidade de Pontevedra. Sobra dicir que se os insultos non me parecen o mellor método, a máis liviana manifestación de violencia física é inaceptable sen xustificación posible, merecendo a condena máis contundente e a solidaridade absoluta co agredido.

martes, 15 de diciembre de 2015

AS PREVISIÓNS PODEN DICIR MISA

TEÑO unha hipótese que moito me gustaría contrastar. Que as enquisas erran non é nada infrecuente, pero dá que pensar o interese e ardor con que partidos e medios interesados nun resultado determinado se dedican a propagar as súas previsións aos catro ventos. Non parece descartable que produza unha interacción: segundo se lanzan as previsións así tamén pode en certa medida animarse o voto nunha determinada dirección.
Os fogóns dos equipos de sociólogos e politólogos encargados de adubar estes mesunxes preelectorais afánanse por inclinar os datos cara decisións que se cadra aparecen na traxectoria do votante cando antes non o estaban.
Un dato nestes momentos parece incontestable dende o punto de vista de tódalas previsións: por máis ou menos, pero o PP será o partido máis votado. E se tal previsión fose un espantallo sen substancia? Comportaríase de igual maneira o electorado? Vaiamos coa hipótese por enredar.
Supoñamos que tres ou catro granes medios sacasen unha enquisa ben cocida na que as previsións de voto cambiasen radicalmente as expectativas. Supoñan: UPyD non desaparece, ao contrario, sobe e case se empoleirta á altura de Ciudadanos; IU non queda esquecida, dá un auténtico pinchacarneiro e compite en igualdade con Podemos; o PP, derreado pola corrupción, non aguanta e baixa dos 90 deputados; o PSOE, resucitado de entre os mortos, empata co PP. Incrible?
Se unha e outra enquisa insistisen nesta liña, que pasaría? Achegaríanse máia óos resultados ás previsións ou quedarían desmentidos pola votación? É probable que a relación causa efecto entre enquisas e votacións reais non modifique en substancia a tendencia do votante, pero algo máis conviría andar aleutos co bombardeo preelectoral, sobre todo ao pensar no voto útil.
Quen se afana tanto por cociñar números e intencións non é indiferente. Anda detrás dun efecto. Non hai inocencia á hora de ganar eleccións. Non parece boa asesoría andar excesivamente pendente de prognósticos e informes ben pagados por quen pretende sacar tallada. Se cada quen examina e vota por convencimento, as enquisas poden dicir misa.

A QUEN LLE ESTORBAN IU E UPyD?

  Seguimos pendentes dos debates. A actualidade manda. Pouco que engadir ao xa visto por quen puxese interese e ollos limpos : Soraya defendeu o mellor que puido a difícil situación na que se atopaba; Rivera non tivo o mellor día: ambigüidade, sobreactuación, nervioso; Sánchez non ve saída no medio da néboa do seu partido e repetiu varios mantras nada entusiastas; e Iglesias, con non estar perfecto e meter varias veces a pata, demostrou ser o de máis capacidade dialéctica, didáctico, convencido e con un discurso máis elaborado. Ningún alcanzou a excelencia, todos levaban unha lección aprendida e defendérona o mellor que souberon, pero como ganar con claridade e apabullando, ningún. Digamos que ganou aos puntos Iglesias, pero supoño que con escasa repercusión á hora do voto. Polo visto, agás un nada probable zapateado de Sánchez a Rajoy na próxima pelexa televisiva, a sorte está servida: ganará o PP, e gobernará coa axuda de Rivera. Da distancia que se produza entre estes dous partidos dependerá o grao de presión que Rivera poida exercer nas esixencias ao PP, pero moito temo que non serán relevantes. Con todo, os auténticos ganadores do espectáculo foron os organizadores e os presentadores. Por primeira vez viuse un debate algo menos ríxido, non tan cargado de monólogos, en grande medida gracias á hábil e rigorosa condución por parte do xornalista Vicente Vallés, punzante, sereno, repartindo problemas por igual a uns e a outros. Sen chegar a un debate exemplar, débese admitir que foi algo novo, máis dinámico e bo sería mellorase no futuro.
            Hai algo, sen embargo, que non acabo de entender nesta toma de posición descarada a favor dos partidos chamados emerxentes en detrimento de outros dous  con representación parlamentaria (isto por referirme aos que se presentan en todo o Estado, para os nacionalistas cómpre unha análise diferene). Hai uns días,  Andrés Trapiello pediu explicación ao diario El País do porqué se eliminaba dos debates a IU e a UpyD. Dous partidos con representación parlamentaria, grazas, polo tanto, ao voto de cidadáns que os elixiron libremente, a favor de outros sen representación por máis que estean aupados polas enquisas. ¿Pesan máis as enquisas que os votos?
            Nesta mesma liña lamentouse nun artigo Fernando Savater de que tamén eles, fundadores do partido de Rosa Díaz, foran emerxentes, trataran de esnaquizar o bipartidismo antes ca ninguén, perseguiron a corrupción sen lles tremer a man, non andaron cambiando a cahaqueta e pasaron a ser ignorados polos medios, de modo que, pola lei da profecía que auto se cumpre, acabarán desaparendo completamente. Por suposto que UpyD cometeu erros e ten responsabilidade de parte do seu fracaso. Como IU. Pero ¿ xustifica iso unha ignoracia tal por parte dos medios como para que non conten de cara ás próximas eleccións?
Non gusto das teorías conspirativas, pero ás veces non queda outra que acudir a elas. ¿Quen pode ter tanto interese en que Ciudadanos medre, que apareza en tódalas enquisas como o partido de crecemento máis espectacular? ¿Por que as televisións, ademáis da audiencia, se volcaron sen disimulo con Rivera e Iglesias? ¿Estorba o PSOE, e convén desfacerse definitivamente de IU e UpyD? ¿Non haberá poderes decididos a renovar a dereita cunha cara máis xuvenil para que de verdade se consolide un conservadurismo doce por varias lexislaturas? ¿Non pretenderán os mesmos aniquilar unha esquerda auténtica por unha esquerda feble que se reparte os votos entre Iglesias e Sánchez?

Preguntas sen resposta. Mais algo non ofrece discusión: non hai dereito a que estes dous partidos non participen non debates xunto cos outros catro. Meréceno por votos, non por estimación de voto que é moi diferente. Porque o voto, ata o 20D, está no peto dos cidadáns. E merecían saber tamén o que estes dous partidos desprazados ofrecen para a próxima lexislatura.

martes, 8 de diciembre de 2015

APRENDENDO CON CARRACEDO

QUEN sabe, sabe, dicimos en Arzúa e supoño que tamén en Santa Comba. Que o traballo do profesor Ángel Carracedo no campo da xenética forense era recoñecido a nivel internacional seino dende hai tempo, de aí a miña admiración, pero o que non coñecía é a súa facilidade para escribir artigos xornalísticos claros, amables, lúcidos e alegres, capaces de seducir dende o primeiro ao último. Escritos sen artificio, coa humildade do que de verdade sabe, coa universalidade de quen ten o mundo por casa sen deixar de apreciar as súas raíces, demostran, como brillante científico que é, gran poder de observación, curiosidade e síntese.
Durante os últimos meses, un xornal galego recolleu os artigos que o profesor fora metendo nun peto para lle ensinar á súa nai ao contactar con outras culturas na súa peregrinaxe científica polo planeta. E así puidemos rir gardando silencio coma suecos, facendo cola coma alemáns, utilizando retranca no mundo árabe, aparcando como os italianos ou bailando coma colombianos.
Miña nai comezaba o xornal polo revés por saber o que contaría ese catedrático que tanto viaxa, xa ten que ser bo para que o chamen de tantos lados. Pero tamén sei de curtidos columnistas entusiasmados polo seu modo de enganchar ao lector. A min, xa dixen, encantoume a humildade de quen, por ter auténtica sabedoría, non precisa de imposturas nin alardes, mostrando a vida co relativismo e humor propios de quen goza co traballo que realiza.
O que máis lle envexo é que conte con amigos en cada cidade do mundo. E o que máis me consolou foi que tamén el (o contrario xa sería rabiar coa envexa) se sentise acovardado diante dos meneos das colombianas cando soa un vallenato, cumbia ou bachata. Prometeu na súa despedida que escribirá para outro peto entre viaxe e viaxe, e esta vez en galego.
Ha ter mérito: que escriba con idéntica alegría na súa outra lingua valerá máis que mil liturxias oficiadas por políticos que soan a falsidade. Porque aí si queda plasmada a esencia de facer pé en Santa Comba para ser científico no mundo, pois en eso consiste o orgullo de ser de onde se é: amar o propio para ser universais. Agardamos eses artigos, profesor, con vostede sempre se aprende.