domingo, 25 de noviembre de 2012

EL TIEMPO

EL TIEMPO PRIMERO NOS ENCALLA Y DESPUÉS NOS CONFUNDE. CREÍAMOS SER MADUROS CUANDO LO ÚNICO QUE HACÍAMOS ERA ESTAR A SALVO. PENSÁBAMOS QUE ÉRAMOS RESPONSABLES PERO SÓLO ÉRAMOS COBARDES. LO QUE LLAMÁBAMOS REALISMO RESULTÓ SER UNA MANERA DE EVITAR LAS COSAS EN LUGAR DE AFRONTARLAS. EL TIEMPO..., QUE NOS DEN SUFICIENTE Y NUESTRAS DECISIONES MÁS SÓLIDAS PARECERÁN TEMBLOROSAS, NUESTRAS CERTEZAS FANTASIOSAS.


JULIAN BARNES. EL SENTIDO DE UN FINAL

A INDECENCIA COMO SAÍDA


NON debe haber outra saída do tobo que as medidas indecentes. Parece coma se estiveramos condenados a esa cruz, coma se sen indecencia non houbese salvación. Os gobernantes, cansos de se reunir e sopesar, acordan solucións nunha dirección única, e ata fan pensar que non existen outras. Así, cínicos e sen vergonza, declaran unha amnistía fiscal, non controlan a fuga de capitais e dan gato por lebre facéndonos crer que perseguen o fraude, cando en realidade non deixan de caer na indecencia fácil de castigar sen piedade ao asalariado. Premiar ao defraudador e castigar ao cidadán honrado paréceme dunha indecencia indignante. E isto é o que se vén facendo sen escrúpulo.
Non contentes, dan facilidades aos negocios máis escuros modificando leis e consentido falcatruadas varias con tal de aparentar creación de emprego, aforran rebaixando servizos básicos, que a quen máis prexudican é os máis necesitados, creando cada día máis excluídos. Recortar en sanidade, educación, dependencia e xustiza non é máis que bater sen piedade contra os máis necesitados. Que neste momento sexamos na eurozona o país de maior desigualdade social despois de Romanía é dunha indecencia inxustificable.
Repítese con teimosía, como explicación diagnóstica da situación actual, que todos vivimos por riba das nosas posibilidades e por iso agora demos pagar con tanto sufrimento por aquel mortal pecado. Non tal. Por máis que o repitan non me convencerán. Os asalariados que pagamos honradamente os nosos impostos non causamos a crise nin a desigualdade. As grandes construtoras que se enriqueceron de maneira pornográfica, as caixas e bancos, os mercados financeiros globalizados, os gobernos corruptos e as institucións encargadas do control si deben mirar se viviron e pretenden seguir vivindo por riba das súas posibilidades, sendo eles os que obrigan coas súas artimañas a que non quede outra que as solucións indecentes. Porque ao final, cando se propón a medida decente, que os verdadeiramente ricos, sen posibilidade de escamotearse nin chantaxear, contribúan proporcionalmente cos seus impostos para reactivar e redistribuír, sempre se atopan escusas e razoamentos para desprestixiala e ridiculizala. Co que seguimos condenados á saída pola vía da indecencia e, para que non rechiemos, recitando a ladaíña que nos culpa: por vivir por riba das nosas posibilidades.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

NON SE AMOREEN DIANTE DOS XULGADOS

Viu o ministro Ruíz Gallardón que nos xulgados se amoreaban cantidades insoportables de demandantes, que nos estabamos todos afeccionando en exceso a litigar pola máis mínima, e decidiu cortar polo san. Non se me amoreen diante dos xulgados, parece berrar o melómano ministro. E para que non pensemos que fala de oído, sen a máis mínima preguiza establece unhas taxas que supón farán sopesar ao cidadán dúas veces antes de poñer pé nos xulgados. Xa saben: tanto por asuntos civís, administrativos ou sociais, a partires de agora, miren o libreto das taxas, pois pode ir o comido polo servido ou nin merecer a pena meterse en encaldadas. Convén, iso si, non ocultar que os insolventes e os xubilados poderán acceder a estes servizos de maneira gratuíta. A medida parece estar máis encamiñada a disuadir que a recadar, pero de calquera maneira o que vai é na mesma dirección ideolóxica que outras decisións adoptadas nos últimos anos: os servizos básicos non son de balde, cada quen fará uso deles en función a súa capacidade económica. Educarse, curarse ou solicitar xustiza xa non serán servizos universais senón que dependerán da capacidade económica dos que solicitan tales servizos. Por suposto que antes tamén existía a posibilidade de te diferenciar polo nivel económico. Xa o creo. Colexios elitistas e exclusivos non estaban ao alcance de calquera, clínicas prohibitivas seleccionaban aos seu enfermos e bufetes expertos en lles buscar as caravillas aos tribunais só estaban a disposición de grandes fortunas e mafiosos para que os xuízos eternos e caros acabasen coa paciencia dos contrarios. Pero é que a tendencia actual vai na liña de que sen pudor, de maneira evidente e clara, se elimine esa capa intermedia que antes disimulaba estas evidencias excesivas. Se antes unha clase media poderosa disimulaba estas excrecencias, agora todo indica que os tempos que veñen non sentirán a máis mínima vergonza en exhibir, a cada paso con máis descaro, a estrutura social que se pretende: unha clase poderosa intocable, outra atemorizada e empobrecida, desnortada, en terra de ninguén, e a claramente encadrada na beneficencia. Pode soar a simplismo ou inxenuo falar agora de xustiza para ricos cando todos sabemos que o proceso xudicial non pode esquivar os condicionantes de poder económico. Pero non se pode negar que medidas disuasorias coma as que propón Gallardón “el joven”, non favorecen a igualdade diante da lei. Desde que abrimos os ollos á realidade sabemos que non somos iguais en nada, pero se de algo nos enchía de orgullo o sistema democrático da división de poderes era da ilusión de que todos eramos iguais diante da xustiza: ata o xenro do rei. Pero os feitos e medidas deste goberno aceleradamente escorado cara as medidas máis en contra da igualdade estannos recordando que efectivamente non todos os gobernos son iguais. Aínda na escasa capacidade de manobra que é doado recoñecer, tender cara unha dirección ou outra cambia substancialmente o futuro dunha sociedade. O melómano Gallardón parece que non se anda con miramentos á hora de cargar a peza na percusión, redobre de timbais coa escusa de que tanta saturación é insostible e que non se pode realizar mal uso dun servizo tan fundamental, só anuncia un discorrer da peza cara un desafine evidente, onde os instrumentos, por clases, cada un tocará ao seu aire, perdendo a sinfonía o engarce e harmonía á que se debería tender. Miremos ben o libreto a partires de agora, os tempos tampouco na xustiza están para líricas. Se tiñan intención de demandar porque lles caeu unha tella enriba, pénseno; se aquela multa lles parece que merece recurso, nin se lles ocorra; se pretenden o divorcio, antes traten dun arraxo; se cren que deben reclamar por unha mala práctica profesional, coidadiño; se eran dos que preiteaban co veciño antes que tirar de sacho, pénseno dúas veces. Gallardón tomou a batuta e dirixe esta partitura para ir liberando os xulgados, para que se traten os casos que se deben tratar (quen se poida permitilo) e, ao tempo, recadar un cartiño máis para o Estado, sabido é que todo cando apaña a nada lle chega. Arreden, arreden dos xulgados que nos estamos convertendo nuns litigantes sen ton nin son. Isto estaba collendo un rumbo insostible. Todos querían educación gratis e de calidade, todos esixían sanidade inmellorable e universal, todos utilizaban sen miramentos a xustiza coma se non custase cartos. Acabouse. Aprendamos dunha vez que os servizos son caros, que os impostos non dan para tanto, que aos que teñen moito non se lles poden subir porque se enfadarían moitisimo e castigaríannos moito máis do que o están facendo e que a única medida razoable é a que xa estamos vendo: menos profesores, menos doutores e enfermeiros e menos facilidades para acceder á xustiza. Así, cada quen no seu lugar, aprenderemos a non querer saír de onde non debemos e tentar poñer o pé fóra do testo.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 19 de noviembre de 2012

ARREDA DE DIANTE DO MEU HOME


AO remate, a seguridade do mundo depende dun fío: dunha noite de celos, dun encontro no que un escote suscite máis desexo do soportable ou da dinámica dunha competencia envelenada entre rivais ardentes na que un día, a máis ambiciosa, intelixente e agresiva non aguanta máis e levanta a tapa do baúl dos tronos, intrigas, falsidades, correos electrónicos, sexo e festas en Tampa. Todo isto vénse sabendo dende os clásicos, pois os propios deuses caían nas redes das trampas máis estúpidas que o sexo e o poder estenden sen descanso, pero agora demos en aprendelo nas series americanas, verdadeiras escolas de vida, e, de vez en cando, a través dos xornais do mundo cando converten unha anécdota vulgar en serio asunto de Estado. Tal é o caso do guión do próximo Homeland que nos veñen adiantando Petraeus, esposa, Allen e amigas.
Está claro que a vida sempre supera á ficción, mesmo cando bebe tanto da realidade como é o caso da serie tan premiada deHomeland. Miren por onde, andaba estes día tragando capítulos atrasados para ver se a obsesiva Carrie é quen de controlar a súa bipolaridade mentres segue a pista do atormentado e perigoso marine que volve á casa despois dos duros oito anos sometido á tortura e lavado de cerebro por parte dos máis intelixentes terroristas, cando salta ás páxinas primeiras da curiosidade universal o asunto de saias, celos, fraxilidade e mentiras dos heroes americanos encargados de protexer á nación dos máis malvados dos malvados. E por se as similitudes fosen poucas, F.W. Humphries II, o axente que o descobre, non é bipolar, pero coinciden as informacións en que presenta características obsesivas de can de présa. E aí teñen montado relato: heroe de guerra, afeito a mil penalidades, non resiste aos encantos de muller ambiciosa e preciosa, os correos por milleiros voan a través de canles secretas coma mensaxes cifrados de axentes dobres abortando misión asasina, a CIA e o desexo vixíanse mesturando perigo con ardor, atracción con vinganza, traizón con vergonza e competencia. Ata que unha muller lle espeta á outra: Arreda de diante do meu home, esboura todo nos papeis e na rede, e aí teñen ao flamante Obama tranquilizando ao mundo con que a seguridade do país non correu perigo. E nós crémolo. Porque dende as traxedias gregas sabemos que ata os deuses caen nestas trampas que son as que realmente moven o mundo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

CONEXION SHELDON ADELSON

Non é para rir que o presidente Feijóo se dedique a viaxar por México e Brasil tratando de conseguir contratos para os nosos paralizados estaleiros. Sorte e que cheguen encargos para moitos anos. Nada que dicir en contra. Pero estráñame que entre tantos asesores que rodean ao presidente a ningún se lle ocorrese a idea. Refírome á Cidade da Cultura, ese monstro ao que ninguén parece saber como alimentar. Alguén debería suxerir xa que, se non queremos que axiña se converta nunha morea de cemento comesto polas silvas, o único que nos queda é a conexión Sheldon. Si, Sheldon Adelson, ese magnate dos casinos que intenta converter Madrid na capital europea do xogo e outras distraccións. Como é que aínda non se lle ocorreu aos nosos dirixentes ofrecerlle ese continente ao empresario ianqui? Claro que se os asesores dos nosos dirixentes non demostran creatividade ao non caer nesta posibilidade, os que rodean a Sheldon tampouco parecen moi aleutos. Demóstrano ao lle facer perder 60 millóns de dólares apostando polo candidato republicano, e demostrárono indo de Cataluña a Madrid para ao final quedarse con Madrid, cando, a pouco que mirasen, a prezo de saldo terían xa medio ergueito o proxecto con só achegarse a Santiago de Compostela. ¿Biblioteca, arquivo, sala de música, exposicións? Iso xamais será rendible nin creará postos de traballo. Xogo, bares, fume, putas, vicio e facilidade para o carto escuro é o que dá vida a esta sociedade. Sabíano ben en Cataluña e Madrid e por iso lle bailaron a auga a Sheldon e asesores. Facilidades legais, cambios de normas, flexibilidade, transformacións urbanísticas, vista gorda co medio ambiente, relaxación moral: o importante é que corran os cartos, o fume e a fortuna. Como as nosas autoridades non caeron en lles ofrecer o que xa está ergueito? Como Adelson e os seus expertos non se decataron do grande aforro que significaría aproveitar esta mole á beira da autoestrada? Os máis realistas argumentarán en contra que estamos demasiado lonxe. Lonxe de que? Non o estaba igual a Compostela do Apóstolo en tempos peores e foi capaz, grazas á idea do camiño, de inventar unha Europa de románico e hospitais? Non estiveron atentos e agora xa ha ser algo tarde, pero para min que o tiñan doado. Edificios fáciles de remodelar, á beira da autoestrada, unha rotonda das que agora tanto proliferan e conectamos o complexo enorme transformado en casinos orixinais. E o mar a un paso. Se de Vigo a Compostela é a carreiriña dun can, como non deron na grande procesión de transatlánticos que poderían peregrinar ata o porto de Vigo para nun par de noites gastar os cartiños no Gaiás? Supoño que ás autoridades eclesiásticas non lles faría demasiada graza nun principio dado o carácter do negocio, pero xa sabemos da capacidade de adaptación destas autoridades e axiña consentirían. O complemento entre goce espiritual e pracer máis terreal faría da cidade un lugar único ao que viaxarían a pé, en avión, tren (entenderían así dunha vez por todas os de CiU para que queremos o AVE) e barco millóns de cidadáns de todo o mundo. Hai que ter ben pouca imaxinación para non ver a fermosura da luminaria que se alzaría no Gaiás chamando aos gastadores, xogadores, noctámbulos, bebedores e viciosos do mundo, concentrados arredor de tan orixinal proxecto arquitectónico. Non sei en que andan os asesores para non dar con esta saída gloriosa para proxecto tan mal nacido. O que máis lamento é que se cadra esta miña suxestión xa chega algo tarde e non é aproveitable. Porque de estar algo máis atentos, de ser máis dilixentes e creativos, xa teriamos convencido a Sheldon e asesores da conveniencia e negocio redondo que tiña por un prezo módico con só viaxar un par de veces a Galicia, probar o marisco, visitar a catedral e reunirse coas autoridades lexítimas. Todo un negocio que daría luz e ilusión a Compostela, crearía postos de traballo a milleiros e reportaría pingues beneficios aos seus promotores tal e como está mandado e é de rigor para quen é creativo e dá postos de traballo.Mágoa que nin ás nosas autoridades nin ao arriscado empresario se lles ocorrese, pois nin Cataluña nin Madrid eran os adecuados, o gran centro de xogo, arquitectura “hortera”, negocios escuros e fume, moito fume, podería encaixar perfectamente nese continente fracasado no monte Gaiás, aí morto de risa porque ninguén da sabido que facer con el. A conexión Sheldon Adelson puido ser a solución. Outra oportunidade perdida.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 11 de noviembre de 2012

A MONTAÑA MÁXICA

En Valongo, a 15 km. de Porto, quedan os restos dun hospital de tuberculosos no que, no tempo que permaneceu aberto, se calcula que morreron 6.000 persoas. Moisés Suárez está preparando unha exposición de fotos con este motivo para expoñer na cidade portuguesa, que levará por título A montaña máxica. 

Estas dúas fotos son unha mostra do que alí se poderá ver.



                                                                    Foto Moisés Suárez


                                                                    Foto Moisés Suárez

SETE ANOS


SETE anos son suficientes para que un neno deixe a primaria, supere a ESO, conclúa o bacharelato e, superada a selectividade, ingrese na universidade. Con idéntico número de anos, un estudante universitario remata o seu grao, completa un máster e, se lle tira a investigación, xa vai encarreirando o seu doutorado. Sete anos son moitos na vida dunha persoa e dunha sociedade. Parellas namóranse, casan, teñen fillos e a algunhas ata lles dá tempo a estar separadas. Durante tantos anos hai quen monta un negocio e crea seis ou sete postos de traballo, quen pasa pola experiencia da emigración, regresa á casa e dálle tempo a se establecer con clara perspectiva do que desexa facer. En sete anos, cualificados especialistas están preparados para dirixir un departamento cirúrxico onde se toman decisións que salvan vidas a diario. Por iso non teño máis remedio que lle dar a razón a Rosa Díaz, aquí si, por alarmarse de que o Tribunal Constitucional necesitase tantos para resolver o recurso presentado polo PP sobre se era ou non constitucional o matrimonio entre homosexuais.
Comprendo que tan Alto Tribunal acabe non contentando a ninguén. Era evidente que con esta resposta nunca contentaría a Igrexa católica, pero é que aínda aos máis favorecidos pola súa resolución ten que os deixar perplexos tanta dilación. Pasoulle outro tanto co Estatuto de Cataluña. Que equilibrios pretende? Por que baremos se rexe? Pretende como di o bispo de San Sebastián estar en concordancia co politicamente correcto e co que sospeita que a sociedade dá por bo ou atense a principios xurídicos non tramados por intereses políticos? Cos medios cos que conta, cos expertos ao seu servizo ou con seleccionados xuristas tan minuciosamente elixidos, en sete anos parece que estas excelencias da Xustiza terían tempo para analizar ben o dereito comparado, a antropoloxía de parentesco desde Malinowski, Margaret Mead e Lévi-Strauss e investigar na doutrina das relixións en relación coa familia con suficiente dominio como para deixar sen capacidade de retruque ao portavoz de calquera conferencia episcopal. Pero estes expertos elixidos con lupa polos partidos para que aplaudan o por eles lexislado, parece que necesitan sete anos para dicir o que calquera diría, sen autoridade nin dilixencia, caendo cada día máis, se cabe, no desprestixio que os deixa aos pés da inutilidade institucional.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

VERGONZA

Levaba meses (29 e un día) apuxando pola vontade para non caer. Non podía permitirse esa debilidade. Nin polos fillos, nin pola muller, nin polos seus pais, nin por el mesmo. Por nada. Por nada do mundo quería que o visen afundido, perdido e vencido por quedar sen traballo. Moito menos avergonzado. Non había razón, a súa conduta estivo desde que ben novo comezou a traballar dominada sempre pola responsabilidade, a prudencia, a intención de organizar a súa familia, mirar para que os seus fillos estudasen, vivir sen luxos, só vivir dignamente, razoablemente. Por iso non quería agora sufrir humillación nin deixarse caer no pozo da melancolía. Mais todo se foi descompoñendo. As desgrazas amoreáronse encadeadas como atraídas por unha forza imparable. Durante este tempo tamén a muller perdeu o seu traballo, as axudas do paro foron caducando, os nenos seguían necesitando libros, vestido, comida. Si, seus pais e os da muller botaron un man. Nunca faltou leite nin yogures nin pan na casa. Pero a tensión medraba cos días ao ver que non aparecería traballo para ningún. Certo que abandonaron o envío de currículos a empresas, esgotóuselles a paciencia aos dous, era inútil. Certo que algunhas mañás non andaron coma posesos chamando a amigos e coñecidos por se sabían dalgún traballo, o que fose, con tal de ingresar algo a fin de mes. Aínda así, mes a mes, non decaeron, arranxaron para que non faltasen libros, nin abrigo e comida para os nenos. E non caeron. Mantivéronse tesos, firmes. Así continuaron ata que as cartas do banco pasaron da información á ameaza, as conversas na oficina bancarias subiron de ton e a entrada no castelo das resolucións xudiciais os foi quebrando. Resistiron, negociaron, solicitaron axuda a familiares, pospuxeron, pero chegou o día no que a espada do desafiuzamento pendurou noite tas noites enriba das súas cabezas. Non había maneira de pechar ollo para durmir algo. Cada xornada convertíase nunha incerteza preñada de terror e rabia. Conducidos pola rabia asociáronse con algúns que pasaban por idéntica desgraza. Recibiron algún empuxón para non decaer axiña. Conseguiron paralizar e reter a decisión un par de meses. Pero todo indicaba que non habería escapatoria. Víanse coma un coello non tobo escuro. E foi entón cando apareceu o primeiro síntoma da vergonza. Pouco antes de que chegase a temida orde, o home responsable desde os 22 anos, que levaba 12 na mesma empresa rendendo sen queixa, que formara unha familia estable, que se empeñara para conseguir unha vivenda de 88 m2 , que non fallara nin un triste mes un recibo ata que perdeu o traballo, o mesmo ao que convenceran na oficina para que domiciliase a nómina e se hipotecase sen medo, experimentou vergonza. Vergonza por non dar termado da familia, por quedar sen traballo, por estar a piques de quedar sen casa e ter que negociar un acomodo na casa dos sogros; vergonza por non ser quen a conseguir traballo aos seus 42 anos, por temer que aos seus fillos lles faltase o imprescindible; vergonza por non ser home en condicións diante da súa muller; vergonza de vivir. A última vez que o atopei aínda non se levara a cabo do desafiuzamento. Pero a súa mirada escapaba avergonzada. O seu ánimo quebrado era a evidencia de se dar por vencido, de estar rendido. Non quería dar explicación nin manifestar os seus sentimentos. A vergonza tíñao aniñado sen capacidade de reacción. Foi ela, a súa muller, quen tirando del, sen o máis mínimo rubor, me pediu que o contase, que o dixese sen ocultar nada. Escríbeo. Escríbeo as veces que faga falla. El non ten razón para se sentir avergonzado, nin eu. Eu non teño vergonza. Escríbeo, por favor, por que imos nós sentirnos avergonzados? Non hai razón, ningunha. Se alguén debera sentila son outros, non nós. Ningunha desgraza por máis que se amoreen logrará avergonzarme. E miraba para o seu home e insistía: Oíches? Ningún motivo para a vergonza. Os que se deberían avergonzar son outros. Estarei sen traballo, quedarei sen casa, pero non me vou avergonzar, non o conseguirán. Nunca. Aos que se lles debería caer a cara de vergonza é a outros. Escríbeo, díxome: o último que nos pode pasar é que nos avergoncemos, se para algo debes servir os que escribides é para que se avergoncen quen realmente o merecen, non nós. Nós nunca.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 4 de noviembre de 2012

LIBRE TE QUIERO


ATA CANDO, AMOS DO MUNDO?


ATA cando, amos do mundo? Ata cando habedes de seguir abusando da nosa paciencia?A que extremos chegará a vosa desenfreada audacia? Non vedes aos mozos desempregados, incluso os ben preparados, vivindo da pequena pensión dos seus pais ou avós, ás mulleres rebaixándose aos traballos máis ingratos para levar algo de comer á casa, a vellos ou matrimonios con fillos pequechos quedar na rúa, sen vivenda, a unha morea de familias sen traballo nin ilusión nin esperanza nin nada co que se poder amarrar a esta vida? Ata cando, amos do mundo, insensibles, fríos, insaciables na vosa cobiza, pensades seguir espremendo nos máis necesitados para que non diminúa, ao contrario medre, o voso nivel de vida e luxo? Que teñen que ver os vosos ollos para que lles entre unha bágoa de piade? Por que ese empeño da vosa razón por nos convencer de que sen o voso excesivo beneficio non hai solución? Canto máis precisades afogar aos que viven á última, no extremo do soportable, para retirar o voso pétreo pé que preme as súas cabezas, corazón e dignidade? Que debe ocorrer, cantos máis desesperados, mendigos ou excluídos sociais necesitades ver para xirar o rumbo das vosas decisións?
Que tempos! Que costumes! Sábese e vese e escoitase por todas partes o que está a ocorrer, séntense os efectos devastadores nos comercios, nos hospitais, nas escolas, nas esperas das cociñas de beneficencia, na atención aos máis vellos, e vós coma se nada. Cunha friaxe extrema continuades espremendo e premendo a dignidade da maioría, extraendo das súas minguadas pertenzas a última miga de esperanza para que vós, amos do mundo, non deixedes de incrementar os vosos caprichos, excesos e groseiras e repugnantes ostentacións. Que tempos! Ata cando, amos do mundo? Que máis ten que pasar, que máis fracasos evidentes debedes presenciar para que vos deades conta que así, sen remedio, imos cara o cavorco do que, para saír, ninguén sabe as desgrazas, sufrimento, vinganzas e violencia que nos agardan. Hai tempo, amos do mundo, que por orde dos demócratas deberiades ser levados, non sei se ao suplicio, pero si a algunha situación similar á que millóns de persoas padecen por causa das vosas maquinacións.
Oh, que tempos! Todos o estamos vendo, pero coma se non o viramos: os directores supremos desta desfeita seguen á súa, imparables, insaciables, insensibles a canto os rodea. Ata cando?


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

sábado, 3 de noviembre de 2012

O NENO E A MORTE

Teño a fortuna de que aínda me viven meus pais e só acordo de neno a morte de tres dos meus avós. O cuarto non cheguei a coñecelo, morreu sendo meu pai un adolescente. Primeiro morreron os pais de mamá e a última, xa un mozo, foi a avoa Balbina, nai de papá. Neno era cando morreron Ramón de Abel e ao pouco Manuela, a súa muller. Da morte que máis me acordo é da do patriarca dos Abel. Tería eu once anos cando entrou un cura no salón de estudos do internado chamando por min. Saín con certo temor, preocupado por se caería nalgunha indisciplina merecedora de castigo, algo bastante frecuente naquel medio, non porque eu fose un talabarte, senón polo difícil que resultaba non infrinxir algunhas das múltiples e rigorosas normas polas que nos rexiamos. Mais non era nesta ocasión para me reprender senón simplemente para me avisar que meus pais me agardaban na sala de visitas. Sorprendeu por non ser día nin hora de visita, pero non sospeitei de ningún motivo polo que meus pais puideran visitarme. Non me visitaban meus pais, só meu pai. Podía saír con el, conseguira os permisos necesarios para me poder sacar daquel lugar con réxime de cadea. Só me adiantou que meu avó estaba moi enfermo, se quería ir velo. A min non me impresionou en exceso a noticia. Pensei antes ca en ningunha outra cousa en que esa noite, precisamente esa noite habería unha velada na que debía intervir, quen me substituiría ou como se arranxaría a miña falta. Ese foi o primeiro pensamento. Durante o traxecto papá cambiou de tema e falamos (falou el) do de sempre: os estudos, a súa importancia, a conveniencia de se adicar con todo o empeño para conseguir algo o día de mañá. Chegando á casa do Abel, anoitecendo, despois dun silencio máis longo do habitual, papá atreveuse: Antes díxenche que teu avó estaba moi enfermo, o certo é que xa morreu. E o silencio envolveunos ata que aparcamos, baixamos do coche, me colleu pola man e me guiou: mamá está no cuarto, se cadra vela chorar moito, non te asustes. No cuarto estaban mamá, os seus sete irmán, meu curmáns e media parroquia rezando o rosario. Si, mamá choraba. E ao me ver chorou máis. Abrazouse en min e sentín o seu corpo vibrando pegado ao meu, coma se tivese dentro algo que abanease nela, e a min viñéronme ganas de chorar, pero non por meu avó, senón por ver tan triste a mamá. Aquela noite fora moi longa. A cultura da morte no medio rural ten (tiña, agora xa non tanto) os seus ritmos e pasos ben marcados: rezos, saloucos, pranto, comida, homes sostendo das mulleres, mulleres a piques de se desmaiar, curas, rezos, entrada e saída de veciños, sempre o rosario ou algunha oración á beira do defunto. Non sei que hora sería cando meu pai me veu buscar á cociña onde se me pecharan os ollos á beira da lareira. Veña, esperta, imos durmir algo á casa de teu tío, tirou de min. Mamá non vén?, preguntei. Non, respondeu, voute deixar con teu primos no Outeiro e volvo a buscala máis tarde, ti dormes alí tranquilo ata mañá. Non durmín nada tranquilo, na casa de meus primos eramos moitos nenos, tantos que durmiamos na cama uns na cabeceira e outros nos pés, a min tocoume nos pés, e pasamos a noite de xogueta e a risas. Ao abrir o día foi cando me entrou o sono de veras, pero axiña chegou a hora automatizada pola que me erguía no internado e de contado dei en espertar aos meus acompañantes para comezar o día tamén con xogueta. Ata ben avanzado o día nada souben de meu pais. Pensei pouco no avó. Fora con meu primo Manolo coas vacas polo arredor da Revolta. Chamaran por nós para ir xantar e pouco despois meu pai veu por min para me levar de novo á casa do defunto. Había moita máis xente ca na noite anterior. Máis nerviosismo. Os irmáns varóns de miña nai subían e baixaban do cuarto, falaban entre eles, o pranto das mulleres aumentaba en intensidade. De vez en cando un berro de torgo rachado espetábase na tarde coma unha lapa de dor. Nun momento transformouse todo nunha emoción e tensión aínda máis elevada: apareceron curas con casula e estola. Abríronlles paso. Subiron ao cuarto onde nunha apoteose de lamentos en voces femininas e algunha perdida de varón rachaban o silencio que estremecía. Rebumbio. Ordes. Homes collendo a caixa. Máis pranto. Cántico relixioso iniciado por un dos curas. Procesión entre rezos e laios camiño da igrexa. Os cans ladraban coma doentes tratando de vencer con potencia o son de oracións e lamentos. Na igrexa ulía forte a incenso e cera. Acugulada de xente non se respiraba ben. Meu pai levoume para diante de todo, á beira de mamá, que seguía a chorar. Os cánticos en latín parecéronme tristes, moi tristes. Pero máis aínda me entristecín cando os mesmos homes que trouxeran a caixa da casa á igrexa volveron cargar co defunto para deixala diante da tumba cavada na terra. Un silencio mesto permitiu oír as últimas oracións e os último berro de mamá medio esganada ao guindar coas súas mans terra enriba da caixa onde ía o meu avó. Marchamos cando varios homes comezaron a botar terra con pas dentro da tumba. Esa mesma noite xa me devolveu meu pai ao internado. Isto, comentou polo camiño, non impediría que te sigas esforzando nos estudos, e non? Non, contesteille. E quedei outra vez naquel internado áspero estudando igual ca antes da morte de meu avó: pouco.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA