sábado, 28 de febrero de 2015

QUEN LLE ESCRIBIRÁ OS CONTOS A RAJOY?

QUEN sexa que o faga ten ben trazados argumento e metodoloxía para a súa aprendizaxe: repetir, repetir, repetir. Calquera sabe o relato de Rajoy: recibida unha herdanza envelenada causada por irresponsables e ineptos gobernos socialistas, este presidente honrado e valente tomou a decisión de salvar a España do rescate e da catástrofe inminente. Para tal cometido, armado de sentido común, iniciouse un plan de reformas que esixiu sacrificios ao formidable pobo español, pero coa esperanza da recompensa que todo sacrificio merece. Evitado o rescate, rebaixados os intereses da débeda, procurando como heroes non prexudicar a parados nin pensionistas, nin pillando cartos da caixa común, endereitase a situación. Agora, enfiada a ruta, agradecido a todos os españois pola súa abnegada conduta, entramos nunha etapa de crecemento na que se creará emprego, sempre e cando, atentos!, nos voten outros catro anos. Se o fan, seguirán polo camiño de salvación; como non o fagan e se deixen seducir polo canto de sereas de populismos demagóxicos, irán de cabeza polo camiño da perdición. Este é o conto que lle escriben, que parece crer, que nos conta e que escoitaremos ata a saciedade.
Fúrtanos, sen embargo, o guionista de Rajoy algúns datos. Si tal, houbo rescate. Con memorando e todo. Un rescate ás caixas, que nin se dá exactamente contabilizado pero que, polo baixo, chega aos 50.000 millóns de euros (23.000 só para a desfeita de Blesa e Rato), que segundo Rajoy non nos custarían aos contribuíntes un céntimo e segundo De Guindos xamais recuperaremos. E aínda esquece algo máis: que hoxe hai máis parados que cando el colleu o poder, que reciben menos prestacións, que as condicións laborais son paupérrimas, que os mozos emigraron, que se deron de alta moitos autónomos ficción baixo o peso do desespero e que somos os reis en desigualdade. E isto é moito esquecer. Porque esas grazas hipócritas coas que pretende insuflar estima aos votantes, adulándoos con que os seus sacrificios foron de moito valor -vaia se o foron-, resultan insultantes. Eu preferiría que menos españois débiles non colaborasen tanto para "mellorar" esta situación e que fosen esas empresas que seguiron aumentando beneficios e eses executivos que continúan ganando 20.000 euros diarios os que aportasen algo de sacrificio para a renovación do país.
E esquece, por non seguir, que se dispuxo de 23.631 millóns da caixa común. Ocultando tanto, parece coma se o conto estivese escrito para bobos.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

UN FILÓSOFO NA BOCA DO LOBO

NIN PLATÓN o diría tan ben como o acaba de dicir seu irmán: Ángel meteuse na boca do lobo, é unha insensatez, se aplicamos as leis do razoamento lóxico non resiste medio diálogo, pero tivo a valentía de atreverse a un compromiso tan temerario que merece un respecto. ¿Por que un catedrático de metafísica, armado de oratoria e clarividencia, sereno e temperado acepta a loucura de intentar gobernar para a cidade e os cidadáns, suponse que coñecedor do ben e da equidade, intentando cadrar a xustiza na fochanca desta política corrupta e putrefacta? ¿Que tensión erótica, esa que Platón poñía na vontade da mocidade, mestres, oradores e poetas, anima a alguén para que opte por ir a Siracusa intentando aprender a Dionisio a arte do bo goberno cando o que este pretende non é máis nada ca que ser un tirano ilustrado? ¿Non vai saber acaso o metafísico Gabilondo que a tiranía sobrevive na propaganda, nos gardas da revolución, nas mafias e nos bancos dos refuxios fiscais? ¿Non experimentou xa, cando intentara un pacto tan necesario en educación, que non é posible guiar ao obstinado cara a filosofía e a xustiza? ¿Segue, a pesar de todo, convencido como lería nos clásicos que “ata o día no que os filósofos teñan autoridade absoluta sobre a cidade non haberá remedio para os males de esta, nin dos cidadáns, nin poderá levarse á práctica a organización política que imaxinamos na teoría”? Non o creo. Mais ben sospeito que é perfectamente consciente de que tamén os filósofos están expostos ás tentacións das riquezas, da beleza e dos afagos da multitude con aplausos desmesurados; que non se pillan troitas sen mollar os xeonllos e que cando un réxime é corrupto pouco pode facerse para modificalo salvo que se conte con amigos e asociados leais coa xustiza e coa cidade.
O irmán de Ángel Gabilondo, dende o afecto, captouno ben: ¿que pinta un catedrático de metafísica competindo, nun supoñer, con Esperanza Aguirre?
Cando Ángel Gabilondo aceptara ser ministro de educación no goberno de Zapatero permitinme xulgar a súa decisión como inútil. Coma noutras ocasións, tamén nesta me debín equivocar. Porque se alguén recunca tan axiña é porque algunha fe permanece intacta. Se Platón volveu a Siracusa intentando ensinar a Dionisio foi porque o seu amigo e devoto Dion o convenceu de que podería trasladarlle ao gobernante as súas ideas de xustiza, ben e bo goberno. Algunha esperanza aniñaba de que o gobernante non temeroso da morte, con boa memoria e fácil para aprender entendese o que con paciente diálogo fora descubrindo na República. Algunha esperanza debe agochar Gabilondo de que conta con amigos e asociados suficientes para picar nese dogma infecto que nos enferma nesta época de aplicación política: o de pensar que deixando libre a competencia nunha carreira pola desigualdade seguirá milagrosamente a equidade; algunha esperanza o animará de que a súa convicción e entrega en certa medida axudarán para transformar un estilo de goberno tan oxidado como anémico de bondade que ameaza con espallarse entre excitacións populistas ou resignacións melancólicas, ambas desesperadas; algo, ademais do logro persoal, o entusiasmará ata afanarse nunha tarefa tan incerta como dura. Non creo que sexa por vivir abrasado de ideas, coma se non soubese que a ximnasia e a música as moderan, desas nas que a paixón está sometida á sede de aprobación por parte da voluble opinión pública. Suponse que algo de autocontrol terán estes intelectuais que se guindan a peito descuberto á area do goberno práctico, palpable, sucio.

Seu irmán, dende o afecto, captouno ben: ¿que pinta un catedrático de metafísica competindo, nun supoñer, con Esperanza Aguirre? Alguén que ama as palabras, que as coida, que escribe libros con esmero e paciencia, que dedicou a vida a ler con cariño os clásicos e reflexiona no silencio da soidade, ¿como pode abaixarse ás navalladas de pelexa na lama, de slogan fácil, pensamento raquítico, sedución pola simpleza? ¿Como han casar as leis da lóxica, do bo razoar, dos matices, do escape de falacias e de sofismas sen saír pintado de amarelo frívolo ou vermello agresión? Será polos malos hábitos do corazón que un non se sorprende de que unha medio aristócrata descarara e lingoreteira alcance fortuna nestas liortas mafiosas (lembren aquel episodio no que ata se mercaron por vil metal as vontades de dous parlamentarios ) e que saiba espetarse nas mentes dos votantes con dardos afiados na ambigüidade e na media verdade, o que xa lle sorprende é a decisión do destinado á crítica medida en soidade produtiva arredor do sol da verdade optando polo compromiso de se refregar en batalla tan desigual, sen aparente práctica neses métodos nin armas. Por iso, coincidindo coa benevolencia fraterna de Iñaqui para Ángel, aplícolle á arriscada decisión do catedrático de metafísica as comprensivas palabras do filósofo: “Calquera destino alcanzado no intento de conseguir o máis alto para un mesmo e para o propio país é á vez bo e glorioso”. Claro que os destinos podían ir da morte ao ridículo, e nos últimos tempos ben sabemos todos que andan máis cerca do ridículo que da morte.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 22 de febrero de 2015

HAI QUE ATAR A CABEZA

SÓ me falta perder a cabeza, que se cadra xa a perdín, porque levo perdido de todo. O extravío ao que máis tempo de investigación lle dediquei foi a un abrigo que me gustaba moito. As súas últimas noticias sitúano en Lugo no ano 2007, pero nunca máis volvín saber del. Unha mañá de frío fun ao armario coa idea de poñelo, no o atopei, rebusquei por toda a casa, fixen memoria e cheguei a Lugo, pero de aí non paso. A miña inxenuidade non chega a tanto como para pensar que o podo recuperar, pero aínda é hoxe o día que lle dou unha volta a ver se aclaro onde e como puido perderse prenda tan querida. E se co abrigo non tiven éxito, imaxinen con obxectos máis miúdos: gafas, plumas, guantes, bufandas, camisas (aínda me doio dunha que me quedou nun hotel de Amsterdam) e libros (de libros mellor non falo, acabo por acenderme e perdo a compostura). En fin, que o que non perda algo que tire a primeira pedra, sobre todo se os anos van caendo enriba dun.
Que un xulgado perda o sumario sobre os ordenadores do caso Bárcenas, se cadra é un accidente, pura casualidade. Agora ben, préstase á estrañeza, a sorpresa polo menos, non me digan que non. Que se borren os ordenadores onde Bárcenas cociñaba a contabilidade máis contraditoria do país (a que todos vemos e ninguén pode ver) non sorprende, parece o que é: un acto intencionado dos destrutores para que non quede ni cinasco de información comprometedora. Como era de esperar (por que de esperar?: pois porque cando se investiga sobre o financiamento dos partidos debemos esperar sempre o peor), unha xuíz considerou que a destrución dos discos duros dos ordenadores que Bárcenas tiña na sede do PP non era constitutivo de delito de danos nin encubrimento. Como parece lóxico, as acusación recorren o arquivo desta causa; non sei se era de esperar, pero a Audiencia Provincial dá a calada por resposta, e, miren por onde, cando queren interesarse polo motivo do silencio, salta a lebre: perdeuse o abrigo, que digo, o sumario. O recurso de apelación non aparece. Non, non deduzan o que non digo. Pérdese calquera cousa. Por que non se había extraviar por mero extravío? Con ser mal pensados non imos avanzar máis. Xa chamaron ás partes para que coa documentación que aporten se reconstrúa o sumario. Imos pensar que esta perda vai ser moito máis fácil de recuperar que o meu abrigo. Pero hai que atar a cabeza

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

ENVEXANDO DA MELLOR MANEIRA

Quizais non entenda a ningún escritor dos actuais tan ben como a Luís Landero. Se cadra porque os dous chegamos a escribir e publicar– salvadas sexan as distancias- procedendo dun medio no que non existía un triste libro, ademais de “haber crecido en el magisterio del temor”. Dende a publicación de Los juegos de la edad tardía, sigo ao novelista de Alburquerque con atención e comprobo que en todo canto libro vai publicando permanecen uns marcos firmes que delimitan con claridade o seu campo narrativo. No último publicado, El balcón en invierno, aínda se clarifican máis esas cordas que tiraron del para convertelo no escritor sutil, delicado e pulquérrimo que é. Que teu pai morra cando acabas de cumprir dezaseis anos pode deixarte xeado mirando dende o balcón ou converterse nunha oportunidade. E aí arrinca a última novela de Landero. Novela peculiar, orixinal, máis ben autobiografía adobiada con zume destilado de literatura fina. Ese feito que resultou transcendental na vida no mozo Landero había de condicionar a súa constante ben inculcada por seu pai a pesar de desaparecer tan axiña: había que ser un home de proveito. Propósito moi propio da década dos sesenta do século pasado neste país. Comeza o desprazamento do rural, a procura dun novo modelo de vida para os fillos desa xeración amamantada despois da guerra, nun pasado “que no acaba de pasar nunca” cunha fortaleza que non se sabe “de donde ha sacado esa gente, esa generación infortunada, su temple y su entereza”. Ese pasado de miseria, escuridade e tristeza que os máis atrevidos querían desterrar dos seus fillos aínda a costa de “desear en vano, la pura tristeza de existir”, tal e como lle pasou a seu pai. Unha figura roida pola rabia da frustración, da inacción, canso dun afán que esnafra a vontade e amarga sen proveito. A contradición de vivir nun afán inoperante que esixe ao fillo mirar polo seu proveito. 
Este afán e proveito son constantes na súa obra. Pero nesta é onde mellor aclara á que é debida esa obsesión nunca satisfeita, ese beber auga salgada para sempre ter máis sede. Súa nai, tal vez a que lle ensinou a atopar o refuxio seguro, a felicidade sen ton nin son á beira dunha muller, era un modelo no outro extremo. O afán non a consume, entrégase á actividade e á aceptación da vida sen demasiadas reviravoltas, sen complexidades que paralizan. As máquinas de tecer traballan de día e de noite mentres o triturado polo afán fuma e mira e se amarga pensando como debería ser o porvir. Nai e filla, mulleres, trituran o pesimismo crónico do afán que roe a vontade e a fe. 
Entre esas dúas figuras medra o adolescente chegado do campo para estudar e ser un home de proveito. Instalado no barrio da “Prosperidad” (nin buscándoo adrede), queda atrapado entre o engado da vida cos de porvir e dos que deben ir detrás del, dos que xa naceron con un porvir debaixo do brazo e os que han de sachalo con dedicación e constancia. Nese dilema o mozo pasa da rebelión ao pai á responsabilidade despois de morto. De enredar que traballa porque non estuda a traballar para estudar. Sen esquecer a tentación da aventura, de tocar a guitarra e andar polo mundo de artista, libre, compartindo bailes e festas con actores, actrices e xente gorda. E nesta aparecen os libros, a poesía, as palabras. Así aprendería a “esconderse en un libro, en el cálido cubil de las palabras”. Sen canon, a tombos, con algunhas directrices dun mestre que sempre aparece, o mozo vai enfiando a súa vocación convencido. Pero tarda o día de ver o libro primeiro nos escaparates, agarda con ansiedade verse escritor. Pero acaba véndose. 
E o escritor, despois de premios, éxitos, clases e moitos libros publicados, regresa á familia de agricultores de onde procede, a eses campesiños que non saben observar a natureza porque eles “viven revueltos, confundidos con ella”. Agricultores que se poñen feos de tenrura, que gastan palabras sobre se é mellor o lume alto ou o lume baixo, que regalan unha laranxa coma o mellor e máis prezado regalo do mundo. Eses que sempre han corresponder, devolver, estar á altura do que lles dan ou regalan. Os que usan as palabras e as viaxes e os acontecementos mínimos como pebidas de ouro ás que se debe dar lustre, tempo, atención. 
Todo ben peneirado na súa prosa limpa e pulida, clásica, ofrece un libro ameno, sensible, doce, pícaro, magnifico retrato dunha época, dun mundo que se chegou do campo á cidade, da cidade ao mundo. Dá xenio ler a Landero nesa síntese de quen escolle o mellor de si e do entorno para moelo nas palabras máis fermosas. Como con outros moitos escritores cos que gozo, tamén a Landero o envexo. Sinto unha envexa pura por non dar escrito iso mesmo que tamén eu quería escribir pero non sei escribilo coma el. Menos mal que, como di Savater, envéxoo da mellor maneira: léndoo.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

martes, 17 de febrero de 2015

DISXUNTIVA TRAMPOSA

NON me estraña no PP. O seu relato hai anos que o veñen anunciando, non se separa un ápice do planificado unha vez chegaron ao poder: a crise mundial causouna a ineptitude de Zapatero; a herdanza recibida era infinitamente peor ao sospeitado (e mira que se cansaron na oposición de cantar catástrofes); a solución aos problemas pasaría polo sacrificio que todos (¿todos?) os españois haberiamos padecer; antes das eleccións agromarían os primeiros ramallos de recuperación e, xusto no ano crucial, a salvación instalaríase entre nós con tódalas garantías de continuar, sempre e cando, claro, se vote con sentido común. Para que todo siga mellorando, non se paralice o inicio dos bos pasos pola única senda, hase de manter o voto, fóra diso as desgrazas e catástrofes que nos esperan superarían con moito as pragas bíblicas. E por se o relato non contase cos ingredientes suficientes, quixo o acontecer político que lle aparecese un contrincante eufórico e poderoso coa popular e radical cantiga de Podemos. Nada mellor para a súa estratexia: un contrincante radical e de programa incerto que lles dá servido o contrapunto necesario no relato: un inimigo malvado e perigoso, caótico, "partido do mal" ao que opoñer a racionalidade do "partido do ben".
E mira por onde, os que arrincaron de novo, precisamente contra as vergonzas dos partidos acomodados na corrupción e nas tebras das institucións, axiña lle pillan as voltas á confrontación política. No só porque asomen nos seus dirixentes maneiras propias da vella época (a anos luz, certo, pero por algo se empeza) senón porque entran e aceptan de pleno as mañas e trampas na guerra electoral. Tamén ao "partido do mal" (eles pensan que do ben) lle acae ignorar aos demais e centrarse contra un único "partido do ben" (eles pensan que do mal) aceptando a pelexa en igualdade. Os dous únicos contendentes. As únicas ofertas con posibilidade, as que realmente decidirán o rumbo do país para os próximos anos. Polarización falsa e inadecuada, pura táctica simplista e confusa. Hai que ver o axiña que algúns esqueceron que cando un partido limita as súas accións ás consideracións electorais tácticas é que xa non ten ideas ni ideais (Monedero dixit). En fin, agárdannos mensaxes envelenados con esta táctica a diario a partires de agora. Mal fariamos se caeramos na súa trampa. Non só existe esa disxuntiva.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

VIAXAR AO NORTE


Pablo, o de Tarso, conseguiu universalizar o cristianismo. A súa formación filosófica e a súa constancia e bo ollo na elección das súas viaxes, propiciaron que a historia relixiosa duns palestinos que probablemente morrese coma unha máis naquel localismo xeográfico se estendese aos conceptos filosóficos do mundo grecorromano de maneira imparable. Ser el cidadán romano e como tal coñecedor do pensamento do momento e planificar con estratéxica mirada as viaxes pola Asia Menor axudaron en grande medida a que o cristianismo chegase a ser relixión universal. Pablo, o de Tarso, viaxou para propagar unha fe. Soubo elixir as viaxes. E soubo escribir as cartas que se lían en cada comunidade animando, aclarando e defendendo esa fe. Daquela non existía a televisión. 
Pablo, Iglesias, antes de montar o partido co que pretende, neste momento porque é agora o momento, conquistar o poder, viaxou polo mundo antes de se centrar no ano decisivo na campaña electoral. As súas viaxes máis coñecidas foron por América Latina: Ecuador, Bolivia, Venezuela, Arxentina... Sabemos pouco das viaxes de Pablo por Europa. Tamén escribiu libros e manifestos e panfletos e foi moito á televisión. Hoxe é impensable querer transmitir algo se non é a través da televisión. 
Hai na televisión, ademais dos debates e informativos políticos, unha linguaxe audiovisual nas series que supera os centos de películas insulsas coas que nos enchen cada fin de semana as pantallas. A min, entre outras, entusiasmáronme Los soprano, The Wood Wife, Mad Men, The Wire, House of cards e outras que non vou seguir enumerando. A última que vin con gusto foi Borgen: unha ficción televisiva que penetra no miolo da vida política danesa, sen quedar fóra o tipo de relacións familiares, laborais e amorosas. Esmiuzando nos capítulos un vai entendendo a maneira tan distinta e diferente de se comportar en tódolos ámbitos naquela sociedade. Ver á protagonista, a primeira ministra Birgitte Nyborg, compaxinado o seu cargo coas obrigacións familiares, a relación e colaboración do seu home aínda que a corda acabe por romper, a resolución dos conflitos, os mesmos que en calquera lado, pero con outro respecto, outra mirada, dá a entender por que alí a vida, sen ser perfecta, é máis racional e levadeira. E non digamos o nivel de esixencia aos políticos e as relacións entre información e cargos públicos. Unha peza demostrativa de como as sociedades máis libres, máis igualitarias e máis respectuosas co medio ambiente cren na democracia. E tal crenza obrígaos a medirse, ser máis responsables e máis transparentes. A ambición, as artimañas e os conflitos polo poder non desaparecen coma se dunha comunidade ficticia se tratase. Os ingredientes que aniñaron dende o comezo dos tempos en tódalas loitas polo poder tamén aquí seguen vivas. Pero controladas, dirixidas, vixiadas pola división de poderes independentes, por intereses opostos, conscientes todos de que han de se entender seguindo unhas regras básicas ou veranse de inmediato descubertos. Os partidos, sindicatos, xornalistas, empresarios e asociacións civís saben que nada é impune, que todos se apoian pero a un tempo se controlan, non é doado salvar os cortadores de lumes que salpican todo o enramado social. 
A afección ás series medra coma leite no lume. Tanto que moitos mozos melloraron considerablemente o seu control noutras linguas gracias á afección polas series. E entre os políticos, máis canto máis novos, tamén hai seguidores ferventes de. Algúns coma Pablo Iglesias presumen da súa paixón por Xogo de tronos, o que incluso lle serve para ridiculizar a outros aos que parece que a serie que debería entretelos sería Perdidos. Non coñezo o libro, pero ata parece que o mozo axitador político, xunto con algúns colegas, publicou unha análise das claves do poder segundo a súa serie preferida. Como nin serie nin libro entran no meu dominio, abstéñome de valorar a convencina da análise. De tódolos xeitos, aínda que seguro que xa a viu, a min gustaríame que Pablo, Iglesias, non o de Tarso, depositase tamén atención en Borgen. O xogo político á danesa paréceme moi suxestivo. O estilo de vida dos daneses, en moitos aspectos, tamén. Unha mirada cara América Latina nunca nos sobrará. Aproveitar os lazos existentes entre nós e eles non é ningunha arroutada. Non creo que se deba condenar de entrada ningunha viaxe, pero o noso lugar é Europa, a nosa mirada e aspiración han de ir cara o norte, a quen habemos de imitar tanto en política fiscal, transparencia, protagonismo das mulleres, de laicismo, educación, innovación ou medio ambiente. Pablo, o de Tarso, se vise a televisión case aseguro que lle gustaría Borgen. Pablo, Iglesias, se busca un éxito coma o de Tarso, a onde debería viaxar con maior frecuencia é ao norte: a Dinamarca, Suecia, Noruega, Finlandia


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA
 

lunes, 9 de febrero de 2015

O PEOR REGALO

NON me resisto a comentarlles o acontecido nun instituto, tal e como mo contou pasmada unha amiga a través do correo electrónico. Resulta que un rapaz falsificou a firma dos pais na notificación das súas faltas de asistencia, algo que pode ocorrer, así reaccionan algúns estudantes. Saben cal foi a reacción dos pais? Esa na que están pensando: denunciar ao instituto diante da Consellería de Educación por non informarlles satisfactoriamente do asunto. A quen se lle ocorre non arbitrar medidas de precaución máxima para que ningún neno sufra a tentación de falsificar faltas de asistencia, notas ou calquera outra información. A ver se comezamos a traballar como se debe: non dando nin a máis mínima oportunidade á liberdade, ao erro, a saltar as normas, a caer en fallo. A protección do menor debe ser tal, chegar a tan minuciosa previsión, que nunca, baixo ningunha condición, o pícaro poida cometer actos que merezan desaprobación, represión ou castigo. Iso xamais. Así parece que se estende o pensar entre moitos pais e así nos vai e nos irá.
O sistema educativo non pode asentarse sobre premisas tan proteccionistas. Eliminar do alumno a posibilidade de que tropece coa dinamita que lle esboure nos fociños é un atraso de consecuencias máis serias do que parece. Pretender que as condicións sexan sempre tan favorables coma para que nunca exista maneira de exercer a propia liberdade e, polo mesmo, a responsabilidade, equivale a tronzar pola raíz a sabia da educación. As maneiras de comunicar son as que son, máis ou menos perfectas, pero coñecidas e claramente establecidas para todos. Aquel que rompa as regras, que incumpra, que as infrinxa, haberá de se ater ás consecuencias, pois a través delas atopamos a fórmula para nos ir facendo adultos. Non porque os pais protectores, vixiantes, atentos a arredar do camiño todo perigo, sairán persoas máis fortalecidas e autónomas. Ao contrario, arredándolles do camiño as ortigas e silvas que os piquen de vez en cando, só se alimenta inseguridade, debilidade e mínima resistencia ás dificultades. En algún tempo, o rapaz ao que se lle pillase falsificando o asinado dos pais case seguro que recibiría un par de labazadas ou algo peor. Non avogo por regresar a eses tempos. Pero denunciar a uns mestres ou administración ineptos e culpables para salvalo da súa responsabilidade é o peor regalo que se lle pode facer a un infractor.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

AVÓ, LÉVAME NO TREN

Non nos andemos con eufemismos: hai partidos políticos que teñen moito morro, que son uns auténticos descarados. Penso concretamente en CiU. Aínda que chamarlle partido parece esaxerado, muxidor da ubre estatal acaeríalle mellor. Un grupo dedicado dende o inicio da democracia a chantaxear ao Estado, dirixido por presuntos ladróns patriotas, cínico ata a repugnancia vendéndonos ao resto dos cidadáns que velaban pola estabilidade do Estado, pola súa alta visión política, e que agora se converte no motor dun independentismo insolidario incapaz de pensar en algo que non sexa o seu propio interese, non para de se meter en que o AVE a Galicia é unha dilapidación. Mira que lle teñen teima ao noso tren. Mira que lles tira latricar con que só eles traballan, só os seus investimentos son necesario e convenientes, que os demais lles rouban e o resto dos españois malgastamos, carecemos de criterio e andamos á pillota... E logo fanse vítimas, retorcen os argumentos con que somos nós os que non os queremos, que os botamos fóra da casa, que non os entendemos. O que hai que escoitar e ver. Pero non calar. 
Dedícanse os dirixentes e faladores dese partido muxidor, corrupto, falaz e desleal, a descualificar e maldicir do AVE a Galicia por non ser obxectivamente rendible. Hai, segundo o seu parecer imparcial, lugares onde investir con moito máis fundamento e beneficio, sen tirar os millóns nun tren innecesario e ruinoso nunha esquina do país: no corredor mediterráneo que eles queren converter no seu país de fantasía. Chámalle burro ao cabalo! Que pillabáns! Mira que non caeramos na conta. Concentrar os investimentos e desenvolvemento dun país nun lateral, marxinar aos que por orografía teñen máis dificultades de comunicación, abandonar ao que leva atraso de séculos, apuxar ao que viaxa con velocidade e premer no que non dá despegado, esa é a política destes partidos con sentido de Estado. Unha política infantil, de agravio comparativo permanente, centrada no embigo da súa falsa patria redentora, maltratada e explotada. Política de funil, centrada en atopar xustificacións ás motivacións máis egoístas. Vertebrar e a cohesión social dun Estado sóalles a malabares de perdedores, de lacazáns ávidos de esmola, os mesmos que lle serven para traballar nas súas fábricas, realizar os oficios máis ingratos e logo pretenden acariñar coa cantilena de que, se apoian a independencia, serán cidadáns de primeira, coma eles. Vaiche boa. Pero con CiU xa non me estendo máis. Dounos por imposibles. Sei da materia coa que constrúen os seus argumentos e non me sorprende que consideren calquera investimento en Galicia unha dilapidación. O que me sorprende, como xa ben mo quitou da punta dos dedos no teclado Barreiro Rivas, é que os partidos que se din nacionalistas galegos, por rirlles o chiste a outros nacionalistas, non teñan a agresividade e contundencia que noutros casos demostran. Por calquera trivialidade saltan as queixas e prantos inmediatos diante de ofensas inadmisibles á nosa dignidade, mais cando un correlixionario da fe nacionalista cuspe directamente aos ollos do noso progreso, o silencio reina entre irmáns agardando por un reino futuro. Pico calado: entre nacionalistas anda o xogo. 
E que dicir dese partido que ao parecer comeza e remata en Rosa Díaz? Din as linguas coñecedoras que tampouco a eles lles parece moi adecuado o noso proxecto. Non entra nos seus plans unitarios. Veña o demo e o vexa. Tampouco parecen entender que deban gastarse tantos millóns de euros para atravesar de Lubián a Ourense, total... nin por tres millóns de cidadáns. Menos mal que este partido que con tan cualificados apoios contou e tantas esperanzas puido avivar está na súa retracción imparable, e parece probable que en canto sexa Rosa a única representante rebentará de egolatría. 
Agora ben, os que si teñen que aclararse, coma en tantas outras cousas, e xa vai sendo hora, son os dirixentes de Podemos. Apoian ou non o remate da conexión por alta velocidade (digo alta velocidade) entre Madrid e Galicia? E iso só admite un si ou un non. E queremos sabelo. Os galegos necesitamos saber se estarán neste caso coas apreciacións de CiU (partido da casta onde os haxa) ou arriman o seu voto ao do PSOE e o do PP (partidos da casta que nos levan mareado dende o comezo do tempos, pero polo menos agora, respecto do AVE, teñen un plan posible). E para tal resposta válenos que veña por si bemol, sostido, rap ou despois dunha muiñeira. Pero si ou non, por favor. Só por saber algo. No caso do tren non caben falaremos de todo, estamos dispostos a abrir un debate, haberá que escoitar á xente, e toda esa metodoloxía de posposición ata ver por onde mellor dá o sol. Os debates xa estás esgotados, os estudos técnicos, mellor ou peor resoltos, son os que son, os investimentos aprobados por Blanco e Pastor avanzan cos atrancos propios dun tempo tan crítico, pero avanzan. Agora só cómpre saber quen apoiará que o proxecto se remate dunha vez segundo o planificado ou pretende enredar, retardar ou paralizar. Só por saber. Porque cada quen é libre de pensar o que lle pete, pero a min gústame que a miña neta me diga: avó, lévame no tren. E que sexa veloz





PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

martes, 3 de febrero de 2015

BULERÍAS


PUROS POBRES

CONTA Vallejo, o de La virgen de lo sicarios, o que reduce os seus mandamentos a non reproducirás, amarás aos animais e non votarás, que, cando de pequeno tocaba cartos, súa nai lle dicía: "Vamos, lávese las manos, m’hijo, que tocó plata". Que se podía agardar duns nenos educados así? Que saísen puros pobres. Porque existen pobres e puros pobres. Os pobres a secas poden ser de solemnidade, que é unha maneira grandiosa de ser pobre. Estes case sempre soen selo tamén por herdanza. A pobreza é algo bo de herdar. Un nace un día calquera, nun barrio adecuado, no país propicio e ten por herdanza un futuro de pobre sen complicacións. Non ha de esforzarse moito, sairalle a pobreza polos ollos sen querer. Tamén os hai de vocación, eses que senten dende a máis tenra infancia unha chamada interior que non para de lles dicir ao oído: únete á lexión de pobres, non desertes da chamada, cumpre o cometido para o que fuches invitado, compórtate coma un pobre en toda regra. E vai o vocacional e cumpre á perfección a súa misión. Dáse o caso de que algúns destes son capaces de rebelarse contra o seu destino. Constrúen un guión distinto do seu vivir, esfórzanse, loitan, son máis listos cá fame e acaban por saír de pobres. Non fai falla que lles diga o mérito que merecen.
Pero é que hai outros pobres que son puros. Non importa a súa extracción senón o bautismo familiar, educativo, relixioso, a ferro quente, que os introduce na contradición de fuxir constantemente da pobreza para permanecer nela. Os pobres puros poden nadar entre billetes, amorear riqueza na súa obsesión por fuxir dela, pero non o logran. Conseguen billetes por millóns, adquiren propiedades, non se ven na necesidade de temer polo seu futuro porque foron quen a protexelo nunha confortable estabilidade de riqueza, e, sen embargo, continúan a ser pobres. Ata rouban para deixar de selo. Pero non o conseguen. Cometen estupideces, erros infantís, vinganzas sen sentido con tal de seguir sendo o que son. Hai unha forza interior por riba da herdanza e da vocación que se encarga, por máis que se triunfe ou se roube, de que quen é puro pobre, o siga sendo. Viven na espantosa condena de afanarse pola riqueza para, unha vez lograda e contra o que dita a razón, regresar á pobreza. Amoreen a fortuna que amoreen, acaban chorando diante da súa riqueza porque saben que nunca deixarán de ser puros pobres.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

lunes, 2 de febrero de 2015

ENTRE O TRIKI, TRIKI E O TIC, TAC

A conduta dos políticos gregos das últimas décadas é o paradigma da inoperancia, corrupción e conivencia cunha oligarquía nefasta para os seus gobernados. Certo que este políticos foron votados polos cidadáns, polo que non poden quedar limpos de toda responsabilidade, pero que isto sirva como escusa para maquillar os atropelos deses políticos é inxusto. Ningún voto a ningún partido ou líder leva a intención oculta de que estes malgasten, enganen nas contas públicas e sexan tramposos coas institucións de control de Europa; ningún voto dos funcionarios, xubilados, empregados e parados gregos daba permiso para que unhas familias case mafiosas de políticos convertesen o funcionamento da cousa pública grega nun desorde xeral, podre e insostible. Por iso entendo mal as análises que falan dos gregos (todos) como culpables da súa situación, do seu fracaso, e por tal responsables todos por igual, polo que agora han de pagar e penar sen fin, ata que os débitos xerados entre corruptos políticos e avariciosos banqueiros queden saldados. Esta tendencia a unificar pobos nun destino común, coma se non existisen clases, é das que máis confusión xeran á hora de entender o que de verdade acontece. Entre corruptos, mafiosos, avariciosos e desprezativos coa persoa, non hai gregos, nin alemáns, nin españois, nin belgas, nin suízos. Son todos uns, con idénticos fins, con similares métodos, con demostrados abusos. Entre asalariados, xubilados e parados, aínda con diferenzas, non son tantas entre un grego, un español, un da Gran Bretaña ou de Francia. Por desgraza, aqueles países con menos tradición democrática (Greza, Portugal, España) soen contar con políticos máis corruptos, con institucións menos eficaces. A gran idea de Europa – probablemente a mellor do século XX- pretendeu unha unidade monetaria e económica sen dar pé a institucións que velasen para que os niveis de esixencia democrática (financeira e fiscal) fosen idénticos entre tódolos países membros. Os desaxustes estalaron e Greza converteuse no máis porcalleiro taller de reparación do desaxustado motor europeo. As consecuencias á vista están: un partido de extrema esquerda intentando devolver a esperanza aos desesperados sufridores gregos e un partido neonazi como terceiro en número de votos. 
A dúbida que agora pende sobre Europa é clara: servirá o éxito de Syriza para introducir variacións e flexibilidade nos métodos económicos da UE ou, por enfrontamentos ríxidos e a súa inexperiencia, desembocará nunha catástrofe tráxica en toda Europa? A maioría dos adiviños prognostica sen temor que o populismo destes pescadores na marfallada da desgraza grega só conducirá a maior dolor e pobreza. Parten do suposto de que se a desfeita grega chegou a tal grao é pola súa mala cabeza e peor goberno e agora só lles queda sufrir ata recompoñer a nave no medio da galerna. Non queda outra que aterse ás condicións dos prestamistas, ninguén lles mandou endebedarse desa maneira. É máis, algúns, para quecer o argumento acudindo ao propio peto, non dubidan en lembrarnos que tamén a nós, aos españois, os gregos nos deben case 30.000 millóns de euros, chegando incluso algunhas páxinas económicas (?) de internet a propor enquisas coas vergonzosas opcións: arrasar ese país da merda que nos debe tanto, follar ás súas mulleres ou, como son progre, continuar dándolle “paguitas”. Como ven, todo un debate de moi alto nivel: situar o enfrontamento entre populismos, a cada cal máis estúpido, para que entre europeos nos pelexemos por barrios. 
Se algunha conclusión se pode extraer desta reacción dos votantes gregos é que Europa non pode manter o piloto automático sen atender a razóns. Francia, Italia, Portugal, Irlanda e España deberían estar atentos ao que Greza propoña en Europa. Non para facer saltar as regras de xogo, non para dinamitar o conseguido, pero si para introducir criterios económicos e institucións que refagan Europa. Non pode ser que vivindo en democracia as decisións que toman os gobernantes elixidos sexan por normal aquelas que prexudican á maioría. Ou os gobernantes entenden isto, ou o choque entre populismos pode estourar en desastres que non conviría esquecer. 
Ao pouco de que Syriza celebrase o seu éxito electoral prometendo loitar contra a austeridade que desemboca en miseria, Demis Roussos, un cantante que só lembramos os que xa temos netos e que puxera de moda a canción do Triki, triki , faleceu despois dunha descomunal vida de éxitos e sombras, peso esaxerado, depresións clínicas, vendas millonarias e luxosas vilas nas que se fotografaba con rubias adornadas de pronunciadas curvas deitadas sobre o seu peito de oso. Acabouse o Triki, triki. Greza padece o protagonismo de situar a Europa na súa encrucillada. En España – si, xa sei, España non é Greza-, Podemos pretende seguir a estela dos de Syriza. Pablo Iglesias anda poñéndolle o Tic, tac do fin a Rajoy. Que non cante vitoria. Hai eleccións que obedecen ao convencemento de que xa non se pode ir a peor. Se cadra aquí aínda non se chegou a ese grao de desesperanza e resiste a veta conservadora como para que pese máis o medo a Pablo que a Mariano. Pero entre o fin do Triki, triki e a conta do Tic, tac, para min que Europa debería pensar seriamente en variar o rumbo.




PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA