martes, 21 de junio de 2016

ESFOLANDO A PEDRO

COMA se unha grande onda arrasase ao pasar, hai opinións que o van anegando todo. E, agás estrañas rebelións, nada se pode facer contra elas. Tal é o caso do fracasado Pedro. Coma se dende o interior do ventre das primarias que o elevaron a onde está, unha voz pública saída non sabemos se do propio partido, dos contrarios ou de todos mesturados, deu en ridiculizalo esfolándoo vivo. Nin un día de espera. Acurralado polo sur, dende Ferraz e, claro, dende fóra, o político non tivo ocasión de reflexionar nin un triste minuto: cada segundo recibe un lategazo do que non é doado defenderse. Hai medios e xonarlistas especialmente ensañados con el, que non se dan nin un descanso na súa hostilidade. I­nútil parece un calificativo suave á beira dos múltiples que lle dedican. Por máis que examino, o único positivo que teño oído sobre el é a algunhas mulleres admitindo que é un mozo moi feito, guapo de verdade. Algo é algo.
Non. A min tampouco me parece un político brillante. Hai algo na súa maneira de comunicar que o achega a un estilo robótico, prefabricado, ríxido, que o aparta da zona máis emotiva do receptor. En canto ás ideas, nada que non se poida dicir de todos cantos o rodean: slogans, frases aprendidas, simplezas, repeticións, contradicións... Nin máis nin menos ca outros. Pero aínda así, non creo que sexa un político máis inepto nin zoquete que cos que compite. E algo sí demostrou: unha resistencia ás contrariedades envexable. Por que, entón, tanta animadversión contra o dirixente do PSOE?
Existe unha pulsión inconsciente dentro do partido incapaz de frear o seu suicidio? Elixírono os medios, caendo na dialéctica acosadora, por cadrar o seu perfil co do chivo expiatorio no que dá gusto mallar? Isto debe de pasar con Pedro. Un bo mozo que non comunica ben, capaz de resistir e defenderse, empeñado en levantar unha pedra de Sísifo que o seu popio partido lle puxo ao lombo para boicotealo resulta unha boa diana para que todos disparen contra el sen temor. Por iso non hai equisa, nin comentarista, nin soplo divino que non confirmen que é perdedor, que acabará co seu partido, que foi inxenuo, que non dá unha a dereitas nin a esquerdas, que é o peor debatendo, que non ten estratexia...
Non parece fácil que tantos desastres coincidan nun tempo sobre unha soa persoa, pero nesto consiste o moldeamento da opinión pública: ao final pode converterse en realidade o que os medios anuncian como unha profecía incuestionable. Creo que esta obsesión por atinar no seu fracaso é un erro. Non é el o inimgo, non será el quen impida que saímos deste retroceso. E se non, ao tempo: como se cumpran as profecías que tanta unanimidade e graza están causando a moitos, aínda habemos acordarnos do conto e botar unha chorada. A situación está tan envelenada que destruír ao PSOE non nos levará por mellor camiño.

A MONXA TERESA EN CITÉ SOLEIL

        Reporteiros con miles de voos á miseria e á guerra denuncian que moitas organizacións de axuda humanitrira os decepcionan. Algunhas parecen empresas de funcionarios ben pagados, con horario de país rico incrustadas en centros de reguxiados.  Outras non, son exemplo de entrega e compromiso nas situacións máis angustiosas do planeta. Pero no que coinciden tódolos observadores, sexan reporteiros,  diplomáticos ou comerciantes, ateos, agnósticos ou crentes, é na valentía e fortaleza heroicas das monxas e misioneiros cristiáns nas zonas abandonadas  ata por Deus.
            Vicente Romero insiste na mesma idea  no seu libro Habitaciones de soledad y miedo , máis de cincocentas páxinas acuguladas de experiencias dunha enorme riqueza ao longo de todo o mundo, pero escrito con frouxa estrutura e escasa graza. Mágoa. Mentres o lía enfadábame a cada páxina por ver estragada tan admirable información nunha narración tan descontrolada e desmaiada, sen miga de emoción. O magnífico reporteiro que é Romero como o demostran os seus anos recorrendo do Tibet a Sudáfrica, de Mostar a Potosí, ben plasmados en Informe Semanal, En Portada, Buscamundos ou noticias do telediario, non se percibe no libro. Pódese aprender, claro, da súa inmesa experiencia pisando os barrios máis cheirentos e vergonzosos do mundo, conectando con personaxes de toda condición, ditadores africanos, altos cargos de ONU ou da Cruz Vermella, diplomáticos, presidentes, nenos morrendo coa fame, mulleres violadas, chabolas pestilentes, hoteles do máis refinado luxo á beira da podremia, asasinos confesos, caníbales, ladróns, negociantes sen escrúpulos, soldados, borrachos, putas... Vietnam, Camboia, Siria, Tanzania, República Centroafricana, Somalia, Perú, Angola, Serra Leona, Paraguai... O mundo desfilou diante dos seus ollos que se abriron a toda realidade levando escrita neles para sempre a inxustia, a violencia e a barbarie dos humanos . E iso nos dá no libro tratando de fiar os recordos arredor de tantas habitacións nas que ao final só queda a soidade e o medo, tamén vergonza e mala conciencia cando se chega ao hotel onde un se pode lavar, cear ben e durmir limpo e cómodo, despois de gravar unha montaña feita vertedoiro na que remexen enxames de nenos, mulleres e homes feitos  tratando de atopar algo que vaia un céntimo no medio da merda.
            Pero entre tanto inferno e desespero, militares sanguinarios, intereses económicos nunca resaltados ou complicidades diplomáticas arrepiantes, aparecen lóstregos de fortaleza, de amor, de tenrura, de fe. Mozos namorados, nenos que se salvan, mulleres que resisten despois de ser ultraxadas, alegría entre a bosta, colaboración e hospitalidade onde case nada se pode comportir. E aí, neses lóstregos de esperanza será raro que non aparezan as monxas e curas de Burgos, Navarra ou Cataluña, Italia, Bélxica ou Francia, que entregan cunha determinación inexplicable a súa vida axudando aos demáis. Unha Monxa á que diante dos seus ollos  acuchilan a dúas compañaeiras na Alxeria da violencia máis atroz, aos dous anos aparece de novo no lugar do crime traballando coma se nada; o crego que leva a vida entregado aos máis pobres dos pobres nos arrabaldos de Asunción; o misioneiro que  aprende a lingua da tribo, que se fai un máis entre os nativos para colaborar levando un rego de auga, edificar unha pequena escola; o padre dos misioneiros Blancos que aguanta a desaparición dos aldeanos cada día que pasan xefes da guerra, que contempla cos seus ollos as atrocidades nunca imaxiandas, cabezas espetadas en baionetas, nenos xogando á pelota con  cráneos secos, nenas violadas diante das nais, soldados borrachos apuntando con ametralladoras modernas aos ollos cegados de medo... e segue no seu posto, e aguanta, e non marcha, e á noite, cando atopa alguén con quen falar, atrévese a pedirlle contas a Deus, que fai, onde se mete, pero sen perder a fe, a forza para seguir loitando; a monxa que ve arder a súa pobre misión onde se refuxian nenos e mulleres e non dubida en alquilar unha avioneta para salvalos, xa se pagará, a fortaleza e a fe están por riba de toda ameaza ou terror; ou a que circula nun catrolatas achacoso polo medio da soidade seca máis atemorizante.

            É misteriosa esa valentía, esa heoricidade. Algo animará tanta bondade. No medio da podremia, mentira, inxustiza, engano e corrupción,  merece a pena recordar as serenas palabras de Teresa, unha monxa das Hirmás da Caridade veciña de Cité Soleil, un dos infernos do mundo en Haití: “Yo soy políticamente analfabeta, pero tampoco hacen falta muchas luces para comprender las causas de la espantosa pobreza que se sufre aquí y en tantos otros países. El mundo está basado en la desigualdad. Y la caridad no sirve para nada, si no se cambia un sistema económico internacional que es radicalmente injusto”.

domingo, 12 de junio de 2016

QUEREN OS ELECTORES QUE OS PARTIDOS PACTEN?

DESPOIS das eleccións pasadas, todos os partidos dixeron que comprenderan o mandato dos votantes: negociar, acordar, ceder, pactar. Menos mal que o entenderon... Non formaron goberno e solicitan do votante un novo mandato. Polo que anuncian as enquisas, agás que Unidos Podemos pode estar por riba do PSOE, as ordes dos electores non se van a diferenciar demasiado. Non haberá ningunha maioría capaz de formar goberno necesitando outra vez negociar, acordar, ceder, pactar. Polo que se ve, tanto partidos coma electores coinciden plenamente: hai que pactar, pero como eu quero, necesito, me convén. Porque se os partidos deixan á vista que o que prima na súa xerarquía decisoria é a súa comenencia, non parece que o elector pense de maneira distinta, do contrario non se explican as tendencias de voto. 
Durante os meses de negociación ata que se chegou á inevitable obriga de convocar novas eleccións, cada partido tratou de culpar ao contario xomo causante da falta de acordos, pero o certo é que, obxectivamente, cos defectos que se lle queiran buscar, só dous fixeron algo por logralo. Ciudadanos e o PSOE, por suposto servindo tamén aos seus intereses partidarios, realizaron o esforzo de encetar un pacto. Cederon. Chegaron a unhas liñas de confluencia. O PP e Podemos xogaron abertamente a buscar novas eleccións. O PP nin se molestou, consciente de que ningún partido está disposto a pactar con eles (triste resultado despois de catro anos de goberno) e Podemos enredou coa habilidade que os caracteriza facendo teatro para distraer e continuar coa súa: chegar ao poder mediante unha maquinaria de propaganda lúcida e uns contidos a cada paso máis cínicos e incribles.
Por suposto que PP e Podemos culpan aos que o intentaron con mil falacias, pero o certo é que só Rivera e Sánchez intentaron aproximar posicións para avanzar nunha posible solución. Pois ben, se o votante se comportase de maneira coherente e non ao ditado da opción partidaria, o lóxico sería que estes dous partidos recibisen maior intención de voto como premio ao seu esforzo. Pola contra, son os castigados. O votante polarízase a fovor dos que de maneira máis clara desexaban volver ás urnas. 
Agora todos os partidos nos tranquilizan con que non haberá unha terceira volta. Será por medo ao ridículo e cansazo, pero en vista de como nos comportamos partidos e electores era o que nos mereciamos, porque o que corresponde agora é que se entendan entre o PP e Unidos Podemos., a ver se así é máis doado... Iso de que os dirixentes dos partidos len que o que os votantes desexan é pacto e acordo, paréceme un conto, o que saben perfectamente é que, o mesmo ca eles, o que realmente lles importa por riba de todo é impoñerse e liquidar ao contrario. O ben común, xa se verá despois. 

RAJOY NO RING DO ZAIRE

         Se hai dous seres neste mundo que gardan menos parecido son Muhammad Ali e Mariano Rayoy. Ata parece que escribir os seus nomes xuntos me causa un formigueo nos dedos que me impedirá continuar. Á determinación, elegancia, agresividade, provoación, intelixencia e valentía do boxeador falecido hai que opoñer a raposería, moderación, cálculo, tempero de opositor e as malas artes propias de quen dedican máis de media vida  á política, como é o caso do presidente de Goberno en funcións.  Se un pasará á historia como modelo de atrevemento e coherencia enfrontándose ao que fose con tal de escapar da escravitude e ser realmente libre, o outro entrará  por ser un político adaptado, realista e resignado,  con grandes dotes para o equilibrio, dedicando parte da súa vida a convencer aos cidadáns de que nada compensa tanto como  ser realistas, adaptados e resignados. Como Deus manda e o sentido común ensina. Mais sendo tan distintos, a estratexia do incombustible Rajoy parece calcada da que Ali utilizou fronte a George Foreman no antigo Zaire.
            Nalquel memorable combate, Ali, despois dun primeiro asalto no que exhibiu o seu don para o xogo de pernas e a súa figura atlética, flexible, moldeada polo canon de  beleza dos deuses, coma un heroe grego, optou por algo que a primeira vista parecería suicida: deitarse nas cordas, taparse, esquivar toda a furia dos gopes do contrincante coma se non lle quedase outra que aguantar ata caer redondo. Cubríndose con moito oficio e demostrando uns reflexos rápidos coma o raio, logrou que a maior parte do xenio frozudo de Foreman se perdese no aire, aínda que no tórax, brazos e cabeza recibiu un considerable castigo. Foreman, a medida que pasaban os asaltos, perdía confianza, golpeaba con menos potencia, sorprendíase de que aquel bocazas provocador aguantase tanto castigo e aínda tivese folgos para insultalo. Claro que Ali, veloz cos brazos case coma coas pernas, en posición imposible, lograba conectar directamente no rostro do ofuscado Foreman, a cada paso máis convencido de que tiña a negra consigo. Como así foi. No oitavo asalto, Ali decidiu que o rival xa tiña que estar esgotado e completamente desanimado, pillouno nunha contra, saíuse das cordas, atacou e conectou dos golpes demoledores. O xigante Foreman tombado non se dá erguido. Ali gana. O provocador dá satisfacción incrible aos seus seguidores.
            Na táctica de Rajoy nunca poderá darse un primeiro asalto. Nin ten xogo de pernas, nin é rápido, nin a elegancia innata forma parte das súas ferramentas. Por iso dende sempre utiliza o refuxio nas cordas, agocharse coma se non existira e permitir que o contrario golpee, coma se el fose só un saquete para recibir pallizas. Encaixa. Apenas devolve, só cando calcula que merece un respiro. Lévaas e os espectadores irrítanse: que fai, por que non actúa, a que agarda, como segue cubríndose e recibindo sen responder, como pensa ganar así calquera combate? Pero Rajoy non se inmuta. É fiel á súa práctica de anos, leva na política dende mozo, entende que esas son as súas armas, non debe utilizar as que non ten. Resiste. Cala. Deixa que os contrarios ameacen, lle zoupen, o acurralen, pero no perde a fe de opositor: hai que cantar o tema, repetilo no tempo adecuado, coa cadencia  debida, sen faltar á letra do artigo; hai que repetir os temas unha e outra vez, sen ofuscarse, con disciplina e o resto chegará por amecedura. Tanto lle ten onde se realice o combate: en Galicia, Andalucía ou Cataluña. Cada tema ten unha letra, repítese, fártase e abúrrese ao contrario que acaba por abandonar. Tanto ten o alcance dos golpes e de onde procedan: Bárcenas, Granados, Barberá... Nomes. El continúa nas cordas, tapándose, agardando, os golpeadores acabarán fartos, cansos, extenuados. Nada o atemoriza. Leva anos deitado nas cordas, non é un prodixio de cintura nin de reflexos, pero aguanta e sabe colocar os brazos de maneira que os directos nunca o guindan á lona. Resiste. Esgota ao contrario. Sae vencedor aos puntos.
            Sei que é un sacrilexio comparar a Muhammad Ali con Mariano Rajoy, pero hai que recoñecer que o político do PP é coma se estivese permanentemente no ring do antigo Zaire. Ninguén parece disposto a pactar con el, todos pretenden guindalo, dano por acabado en múltiples ocasións, incluso dende o propio partido, pero el segue á súa: agochado, soltando algunha man, resistindo, esgotando aos contrarios. Ata Aznar, tan enganchado ao exercicio físico, un Joe Frazier en miniatura, ridículo, acaba rendéndose á evidencia de que co mestre na estratexia do Zaire non hai quen poida. Por iso, con estar só no parlamento, sen ninguén con quen falar, acabará sendo de novo presidente do Goberno. O único propósito que o move dende que  se deitou contra as cordas.


sábado, 4 de junio de 2016

VENEZUELA ESTÁ CERCA

ANDAN os dirixentes de Podemos repetindo un argumento de escape centrado en dúas falsidades. A primiera di que Venezuela queda lonxe. Non é certo. Estará para eles que viaxaron alí coa frecuencia que agora non lles presta recordar, pero para min, que nunca fun, queda moi cerca. Porque moitos galegos traballaron alí duro e aportaron ao país en épocas en que se podía prosperar. E porque outros están agora presos nesta desfeita de fracaso máis evidente e estrepitoso. Por iso non é certo que se lle dea unha importancia informativa esaxerada.
Un amigo ten un familiar que alí se fixo moi rico, e nunca quixo retirar os cartos, dicía que Venezuela llos dera, en Venezuela estaban. Ata que non aguantou máis, claro, e tivo que arrepentirse do seu compromiso. Hoxe non da malvendido todo canto fixo ao longo da vida e tivo que regresar a Galicia, vello, canso, buscando axuda na familia. Así miles de emigrantes que se ven perdidos, atemoriados, fracasados. Que me informen de como evoluciona a situación alí non me parece un esforzo inútil.
Pero é que aproveitan esa situación e manipulan con ela os partidos contrincantes con fins electorais, minten por segunda vez. Tampouco é certo. Os cidadáns aos que lles piden o voto para solucionar os problemas de aquí teñen dereito a saber que pasou co asesoramento que prestaron alí. Deixemos de lado as admiracións persoais, que poden variar; tamén o financiamento, parece que montado o partido non se pode demostrar. Pero o que non poden tapar, salvo estupidez ou cinismo supremos, é que prestaron o seu saber político na configuración daquel socialismo que ía transformar América Latina.
É lóxico que queiramos saber se estes asesores que agora nos prometen sacarnos da crise e levarnos por un camiño de renovación democrática pensar utilizar idéntico catecismo que o ensinado a Chávez e Maduro. Eu quero que me expliquen se é que non seguiron as súas ensinanzas os dirixerentes bolivarianos e por iso fracasaron, se foron aplicadas, pero por ser aínda mozos ilusos foron eles os equivocados e aprenderon e agora xa saben que non se poden realizar ou se cren que foron factores externos (presións internacionais, boicoteos, demos ocultos encargados de facer fracasar tales experiencias) os que conseguiron que os seus bos consellos non chegasen a término. Que se expliquen.
É importante sabelo porque hai dous feitos innegables: eles foron asesores ben recoñecidos e pagados polos gobernantes dun experimento que ía converter Venezuela nun paraíso de igualdade e dignidade e o que está á vista é un país ao borde dunha guerra, desarticulado, pobre, corrupto e invivible. Non parece que mereza dúbida: ou se explican ou, se calan, todo fai pensar que temen ao bocazas de Maduro. Ata agora todo fai pensar que temen as represalias dese gobernante tan esperpéntico. E iso cheira moi mal.

HEROES DE PACOTILLA

Hai actividades de masas que levantan paixón, moven cartos e concitan espectadores, pero ningunha como o fútbol. Certo que está ben promocionado, que os medios case obrigan a saber del, pero algo intrínseco á propia actividade haberá neste xogo cando aló onde chega, con excpeción, de momento, dos EE.UU., levanta tal expectación e seguimento por parte de millóns de persoas. Tantas que por iso as televisións pagan cantidades astronómicas e os seus protagonistas (non só os xogadores) cobran salarios fóra do normal. O espectáculo cumpre a función de atraer a atención evasiva sen esforzo, de lograr unha perfecta adhesión polarizada que a nada compromete e dá oportunidade de descargar de maneira consentida a agresividade e o desprezo polo contrario, e alenta á reposición permanente do soño irrompible de que se pode vencer, aínda que sexa de maneira efémera.
            As funcións sociais de pertenza á tribo, gregarismo, catarse eufórica e irracional; a saída da agresividade, da frustración e a necesidade de atopar unha recorrente evasión; así como a falsa crenza de que animando, opinando ou xulgando aos protagonistas somos todos sabios e iguais (a masa asimílase por instantes ás elites coma se desaparecesen as diferenzas berrando ao unísono o canto de apoio aos dun e maldición ao enimigo) converte este negocio, espectáculo, deporte, nun fenómeno arredor do que xiran moitos intereses. Por iso as catedrais do momento son os estadios de fútbol, deseñados polos máis creativos arquitectos, centro de reunión da cidade; os medios de comunicación viven en función dos grandes contratos de emisión; os dirixentes políticos disfrázanse coas camisetas dos ganadores facendo o máis espansoso ridículo, ademais de pronunciar discursos aduladores, de baba, que dan risa por non chorar; os mellores negociantes entran nese mundo por “amor aos colores da cidade” e os nenos case dende o berce soñan con lograr o éxito dos heroes do espectáculo. Por suposto, tamén virxes e santos patronos reciben aos vencedores en ulido de santidade, onde se viu que os santos non estivesen ao tanto de onde se cocen os verdadeiros pegamentos sociais...
            Dicíase na época da ditadura que era Franco o que aloulaba co fútbol aos súbditos para adormentalos e así manipulalos mellor. Se levantase a cabeza... Se de opio se trata, ningún sistema é máis eficaz para lograr unha perfecta alienación que este chamado de libre mercado e liberdades democráticas. Nin o ditador máis feroz conseguiría éxito máis claro. Non existe tortura nin represión capaz de lograr a devoción polo fútbol como o realizan as prensas, radios e televisións libres que se encargan de sementar afeccionados, seguidores e fanáticos cunha efectividade indiscutible e indestrutible. O fútbol esténdese coma auga que todo o mergulla, aínda querendo non é doado librarse del. Os negociantes, os políticos, os amantes da cidade, os necesitados de mitos ou simplemente aos que lles gusta, arman un tecido tan ben entramado que, coma un tsunami, arrasa con todo.
            Entre todo este enramado, os máis visibles representantes son os xogadores. Mozos case sempre atléticos, moi ricos, que serven de modelo do que é o verdadeiro éxito. Derramando luxo, acompañados de mozas espectaculares ao ditado do ideal de beleza marcado pola moda, respectados e adorados polo público máis variado, constitúen un tipo de privilexiados sociais capaces de crear moda cos peiteados, cos corpos embarrañados de tintas, cos seus berros de guerra ou músculos de envexa. Porque en todo son envexados estes heroes modernos. Non digo que exerzan condutas dignas de emulación, pero si de envexa primitiva. Novos, ricos, saudables, admirados... E, por riba, o traballo non os mata. Cando se observan partidos destes que chaman do século e que se repiten cada dous meses, sempre me sorprende o brandos que resultan estes heroes. Parece incomprensible que atletas tan ben coidados, mimados, con equipos de fisioterapéutas, nutriocinistas, adestradores especializados, psicólogos, técnicos meigos e sen ter outra cousa que facer que adestrase para xogar unha ou dúas veces á semana (algo que moitos mozos realizan diariamente sen cobrar un peso) queden extenuados en canto se lles esixe un esforzo especial.

Será por ignorancia, pero sorpréndeme ver derreados a eses heroes tan atléticos, tan masaxeados e ben pagados, exánimes, sen poder coa alma por ter que correr durante quince quilómetros en dúas horas. Non chego a comprender como despois dunha esixencia fóra do normal (media hora de prórroga) acaban todos con calambres, tiróns musculares, abductores danados, sen folgos para se erguer da herba. A que se dedican, tan baixo é seu umbral de resistencia, onde, pois, se sustenta a súa heroicidade? Recoñezo a axilidade e resistencia de moitos, incluso a xenialidade de algúns (poucos), pero estráñame que se pague, enxalce e venere tanto a estes heroes de pacotilla. Será, se cadra, porque a maioría demostra dotes oratorias coma Demóstenes ademais de descaro para lucir peiteados e tatuaxes estrafalarios?