martes, 30 de septiembre de 2014

ANTES DO DIVORCIO

ANTES do divorcio só procede algo sensato: establecer o xeito de que ningunha parte quede claramente desfavorecida. Cos matices que se lles antollen, a analoxía acae ao que está ocorrendo coa falta de acomodo territorial en España. Durante gran parte do tempo transcorrido desde a última Constitución, optouse por enganos eufemísticos. O primeiro nace do propio texto constitucional ao confundir peculiaridades culturais con privilexios económicos ; e a segunda polo truco ao que xogaron os dous partidos maioritarios e os nacionalistas facendo crer que existía lealdade e interese común, cando todo evidenciaba a conveniencia numérica para que cadrasen a gobernabilidade do Estado por parte duns e a preparación a conciencia do día da separación por parte dos outros. No medio, o resto das comunidades que, históricas ou non, non estaban dispostas a ser menos ca ninguén, de aí a inercia do café para todos, pois, parece lóxico, non se acaba de entender por que se é bo o cupo para vascos e navarros non o ha ser tamén para cataláns, andaluces e murcianos. A non ser que aceptemos sen máscara que os separatistas chantaxean a ferro quente polo seu afán irrenunciable de non ser coma todos nin estar dispostos a colaborar solidariamente.
Neste momento -repartan as culpas como lles apeteza- está claro que hai dúas partes do territorio que traballan para conseguir o divorcio, deixémonos de panos quentes. Toda a súa política, como vén sendo desde que perderon o medo á involución militar despois da morte do ditador, non busca máis nada que lograr unha soberanía plena. Negar isto é perder moito tempo. Aceptalo é situarnos no camiño da solución menos mala, porque cantado está que ningún divorcio resulta favorable para ningunha das partes, do mesmo modo que o está que se un quere irse, por máis que unha parte ceda, o único que se logrará será unha separación inxusta. Así pois, só queda un último intento: retocar a Constitución coa maioría de votos posibles deixando ben claras as liñas de financiamento das comunidades (todas por igual), dando a autonomía que se considere beneficiosa pero esixindo a lealdade imprescindible e establecendo moi claras as condicións para quen desexe marchar. Se aínda así (como parece que será) algúns insistiran en que desexan marchar, que marchen. Pero coas contas claras e respectando ao milímetro as regras democráticas.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

RAJOY: DISCRECIÓN E DESCARO

Se algo define a un político desde sempre é o descaro. Non coñezo característica que mellor os defina. O descaro de mentir sen ruborizarse, de desdecirse, de enganar adrede, de explicar o inexplicable e de tratar coma bobos a quen os escoita. Canto mellor practica esta arte, mellor lle irá na carreira polo poder. De tal maneira que case soa a oxímoron atopar un político triunfador e vergonzoso. Quen non posúa un temperamento dado ao descaro ou non sexa quen de se ir facendo experto nesta arte, mellor que abandone a ambición política, non elixiu ben a súa vocación. 
Exemplo palpable de tal tese témola na explicación que o actual presidente do goberno nos deu para abortar a lei do aborto e, de paso, facer dimitir ao ministro Gallardón. Disque a razón era a división social que se creaba e, sobre todo, que non se pode aprobar unha lei destinada á súa anulación en canto entre outro goberno. Que descaro! O mesmo se podería dicir da lei de educación  que nesta lexislatura se aprobou pola brava da maioría absoluta e parece destinada, coma todas cantas leis educativas se veñen aprobando cada oito anos, a ser abolidas en canto cambie o goberno. Se molesta especialmente este tipo de sandeces é porque nos trata aos cidadáns coma bobos plenos. Son explicacións de tal simpleza que estraña a desenvoltura coa que se dan, pero quen as propaga nin se inmuta, acostumado como está a que, unha tras outra, pasen sen pena nin gloria por diante do noso nariz. Coméntase, si, o evidente vese, pero as repercusións son nulas, de aí a persistencia neste modo de actuar. 
Porque non é novo nin propio deste presidente de goberno tal actitude. Nin tampouco desta época. Desde sempre o gobernante xoga co pan e o circo, coas verdades a medias e interesadas, co engano puro e duro e con sofismas coma se fosen argumentos de peso. A clave reside en facerse dono da posición, despistar, ganar tempo, avanzar nos propósitos aínda a costa de manifestar un claro desprezo pola intelixencia dos gobernados. Pero con ser moeda común de tódolos gobernantes e tempos, non sobra centrarse nas evidencias do presente, son as que nos incumben e as que convén desenmascarar aínda sabendo o escaso efecto para desanimar aos emisores. 
Regresando ao caso recente da lei do aborto, Gallardón defendeuna como mellor soubo e ata con paixón e xa ven o pago que recibe. Porque ninguén dubidará que a lei non era do ministro defenestrado senón do goberno. O anteproxecto fraguouse no seo dun goberno que presumía de estar traballando nunha lei claramente anunciada no seu programa electoral. A única, porque todo o aprobado ía precisamente en dirección contraria ao prometido. E para unha lei que pretendían axustala ao programa teñen que tronzala cerca da madurez, cando xa ningún suposto xustifica tal aborto, porque isto si é matar a unha lei case viva. Non entendan que lamento que a lei non progresase, non analizo iso senón o proceso de falta de principios, engano e conveniencia deste goberno que ora nos vende coherencia co seu programa electoral e ora sensatez para non aprobar o que outros están dispostos a abolir. Un verdadeiro cachondeo, agora que aquel alcalde de Xerez anda en horas baixas diante da xustiza. 
Este presidente demostra cada día unha maior facilidade para desdecirse e inventar escusas que non sei se obedecen ao sentido común ou porque é así como Deus manda, acolléndome aos dous comodíns que máis lle veñen á boca. Sexa por polo que sexa, está claro que non carece do descaro necesario para dicir ou calar o que faga falta con tal de facernos crer que se cumpre o seu plan trazado de cara a ganar as próximas eleccións, a saber: collín un país en ruínas por causa dun presidente anterior inepto, vinme obrigado cambiar o rumbo do meu programa para, a base de sacrificio, situarnos economicamente na estela da recuperación e, con catro anos máis que confíen en min, isto queda endereitado para moitos anos. O discurso é claro desde o comezo da lexislatura e vaino cumprindo paso a paso, interpóñase quen se interpoña, sexa Bárcenas (silencio), lei do aborto (cargarse a un ministro) ou o que estea por chegar. Non só é hábil cos tempos como case todo o mundo lle recoñece, tamén é implacable, nin se lle move un pelo da barba cando dá explicacións peregrinas e non se lle nota a máis mínima culpa cando debe cortar cabezas. Espera, apártase, repite a lección do día (herdanza recibida, herdanza recibida; melloramos, melloramos, falta moito por facer pero imos no bo camiño) e continúa airoso sen que nin Aznar, nin Botella, nin Camps, nin Bárcenas, nin Aguirre, nin moito menos Gallardón, lle supoñan un obstáculo na súa ascensión ao segundo alto de montaña que ten á vista. Porque ser un ciclista discreto non supón que careza do descaro necesario para chegar á cima na posición que lle interesa. 

PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

domingo, 21 de septiembre de 2014

A UN PASO DA SANTIDADE


                                            



            Líbreme o ceo de poñer en dúbida os méritos das personalidades dos negocios falecidas nestes días nin dar a entender que ser rico é pecado. Pero polo lido en tódolos medios e sen practicamente excepción, ben poderiamos dicir que a primeira quincena deste setembro veu dominada polos cantos elexíacos e o panexírico sen disimulo. Desde as máis altas instancias do goberno, pasando por conselleiros delegados de medios de comunicación, sindicalistas, corredores de coches que se apuntan ao sétimo lugar por carreira, exempregrados dos falecidos, articulistas, economistas, compañeiros nas altas cimas do triunfo económico e ata unha exministra de defensa que aproveitou para presumir que estudou compaxinando a universidade con traballos no Corte Inglés, todos nos recordaron o sobrios, traballadores, innovadores e triunfadores que foron os tristemente desaparecidos. Os dous o colmo da discreción, da laboriosidade, da honradez e da eficacia. No caso de Botín incluso abundan os escritos traspasando non só a herdanza bancaria do pai á filla, senón tamén xa as súas virtudes, que, indubidablemente e como parece cantado,  disque discorrerán polo mesmo camiño de gloria en Europa e no mundo enteiro. Amén.
            Coa morte soe ocorrer, non só no caso de personalidades de contrastado éxito económico, que os defectos do defunto desaparecen por ensalmo e só relocen as virtudes. Parece unha resposta benévola da comunidade ante quen nos abandona e perde a gracia da vida. Coma se os que continúan vivos sentisen certa vergonza – farisea, no fondo a comprobación de que outros morren é confirmación da propia sorte- de que a quen lle tocou irse pola chamada da morte non lle puidesen valer algo máis os que seguen vivos, xa que non acompañalos, polo menos pospoñer o triste e definitivo paso. Se cadra por iso, coñecida a morte de alguén que enche primeiras planas de todo un país, soa a desatino ou incluso desapiadado meter o dedo nos fallos e defectos de quen aínda ten o sangue quente. O que non deixa de gardar certa lóxica, tempo haberá para que quen entre na historia reciba as críticas necesarias ao seu debido tempo e con certa perspectiva. Aínda así, unanimidade tan rotunda, louvanzas tan esaxeradas e loas tan propagadas non deixan de sorprender nunha sociedade que se di libre e plural. Porque tanto apresuramento en eloxios sen fisuras máis semella adulación e servilismo diante do poderoso cabaleiro  don, dondorindón, don diñeiro.
            Resulta tamén sorprendente que moitos destes eloxios coinciden no grande servizo prestado á marca España. Non sei. Sobre a marca España cada vez síntome máis inseguro. Aquí marca España é o corredor Alonso cando gana, a selección de fútbol aínda que sexa de lembranzas, a de baloncesto o día antes de perder, un director de cine de éxito se non critica abertamente ao goberno de quenda, un cociñeiro que pasa horas enriba dun mexillón para que o poidamos sorber en lugar de o comer como Deus manda (diría Rajoy),  unha moza á que ninguén prestou nin unha miga de atención e de repente chega cun título nunha especialidade deportiva que ninguén practica, un político mentres non se lle descobre que é un miserable corrupto, unha monarquía antes de cheirar a podre ou un empresario no que se concorda que é un lince emprendedor ata que se sabe que todo canto vendía era fume e se empobrece. Non digo que non no caso dos acabados de falecer. Se cadra no Reino Unido téñennos moito respecto porque alí chegou o Santander e os turistas admírannos porque poden mercar nuns grandes almacéns. Non digo que non. Iso da marca é moi difícil de entender e para min que o único que, de momento, resiste é Nadal (queira a Virxe do Cobre que ningún despacho de economistas e avogados pícaros non nos entrampen ao rapaz levándolle os cartos a algún refuxio fiscal), se aos deportistas de elite nos referimos, pois doutras actividades parece que ser que, a pesar dos esforzos por lle dar categoría de marca, nunca a tal dan chegado. Por cada intento de converter a Arsuaga ou Barbacid en marca, máis de cen pola vía do espectáculo e da práctica deportiva se interpoñen, aínda que sexa de maneira efémera, como claros vencedores. Se agora se nos foron dous de peso no campo dos negocios, pouca marca nos queda.  

            En resumidas contas, que a primeira quincena de setembro váisenos en eloxios e panexíricos unánimes. E sorte tivemos que os representantes das comunidades eclesiásticas anda calados e a outros quefaceres nestes momentos (supoño que a igrexa católica contentaríase co seu protagonismo nos respectivos actos funerarios diante de tan principais personalidades asistentes), porque se tamén a eles se lles dera por pedir vez nos papeis para agradecerlles os favores prestados, estariamos a un paso de propoñelos para a santidade, e se non para a santidade porque esaxero, para a beatificación, seguro. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

SOFÍA

HOXE cumpre oitenta anos Sofía. Sofía Loren, claro. Os oitenta anos máis elegantes que se poidan de- sexar. Esa muller criada nun bar para americanos en Nápoles, no que súa nai tocaba o piano. A mesma que pola súa beleza concursou para abrirse paso no mundo do cine e acabou rodando con De Sica, Scola, Mann, Cukor ( foi a Hollywood aínda que regresou a Italia, como na casa en ningures). Sofía Villani Scicolone, abandonada ela e a nai polo pai, abríndose paso nos duros anos da segunda gran guerra do século pasado, alcanzando o éxito polas trazas de Anna Magnani engastadas nunha beleza implosiva alumeada por dous ollos de debuxo divino. Con carácter, doce, pícara, diva, flexible coma un vimbio, Sofía atravesaba a pantalla para explicarche o que sente unha muller atada a un marido e descobre a un Mastroianni veciño ao que lle regala todo o desexo só tendendo roupa branca nunha azotea; furaba coa mirada a Charlton Heston, O Cid, mentres ela, Jimena, se sobe sobe el para lle recorrer cunha palla o rostro engaiolado; conquista a quen mira só por un riso aberto, unha frase que se espeta coma unha punta, un desplante que te deixa mudo.
Disque en México o magnate Slim prestará un dos seus museos para celebrar como se merece os oitenta anos desta diva inmarcesible. Ela ,que aínda chora a Mastroianni con quen tantas veces rodou, que non esquece o erotismo suave e contido destilado en El Cid, que se ve entre xirasoles, dúas mulleres, unha condesa en Hong Kong e na fidelidade ao seu Pigmalión Ponti, aguanta con maxestoso estilo o paso do tempo coma ningunha. Venerada en Cannes, Venecia e nos Óscar; homenaxeada sen límite na casa, tamén fóra, aínda que nunca en Hollywood recollera o éxito que alí se calcula en dólar, segue cumprindo os compromisos coa distancia e pulcritude que lle corresponde, lembrando ao seu único marido e admitindo que Brando non era o seu tipo. Non se sabe se será certo que dixo iso de que o adulterio é un xogo ao que eu non xogo. Sexa como sexa, para os que enteamos a nosa adolescencia aloulados coa súa beleza, dá xenio contemplar o tempero desta diva octoxenaria. Dentro dunha semana tamén entrará nesta idade definitiva outro mito erótico daquela, Brigitte Bardot, moneca á francesa que agora se recluíu co seu mal envellecer nun esaxerado amor aos animais. Nada que ver unha coa outra. O divismo de Sofía nunca esqueceu os seus inicios naquel bar de Nápoles.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

lunes, 15 de septiembre de 2014

DE COMO COMEN OS POLOS E DA COLOR DOS OVOS

No brillante libro de Thornton Wilder, “Los idus de marzo”, no diario-carta que o César lle envía a Lucio Mamilio Turrino, na illa de Capri, quéixase de que goberna a innumerable homes pero debe recoñecer que está gobernado por aves e tronos, augures, arúspices, vixiantes do ceo e coidadores de polos. Ata tal punto que estivo a piques de perder unha batalla por culpa dos polos que miraban ao ceo e non querían comer e as galiñas andaban atravesadas. Os augures non prognosticaban nada bo. Menos mal que el e máis Asinio Polión deron pola noite un paseo polos bosques, recolleron ducias de gurgullos, picáronos miúdos cos seus coitelos e tiráronos diante da gaiola dos animais. Ao día seguinte, os coidadores sacaron os polos para realizar a proba, pendente o exército da súa conduta; miraron un chisco para o ceo pero, de súpeto, vendo a comida que se lles ofrecía, abriron os ollos, lanzaron gritos de larpeiros e voaron a comer. O deuses xa eran propicios. César lanzouse á batalla de Colonia e venceu. Non sei que pasaría se a sandadora Adelina, a vidente de Pujol, asesorara nos tempos de César, probablemente abriría un ovo, miraría a color e decidiría se o experto e valeroso xeneral debería ou non atacar. Se alguén estaba desconcertado polo escándalo da fortuna amasada pola familia do expresidente catalán, agora non sairá do seu pasmo ao coñecer os seus tratos con Adelina. Eu mesmo quedei trastornado durante os primeiros momentos, pero deseguida recapacitei e admito con serenidade o que nunca deixou de ser práctica entre tódolos gobernantes do mundo: recorrer á superstición como apoio das súas decisións. Porque aquí o terrorífico non é que Pujol se encomendase a Adelina para que lle anulase o tic, nin tampouco, con ser o colmo da mesquindade, que chegase a facer negocios con ela enviándolle clientes, senón ter que admitir, sen unha regaña para a dúbida, a confianza na ignorancia de homes cosmopolitas, cultivados, dominadores de linguas e con proxectos salvíficos para o seu pobo. Por Hércules, en mans de quen andamos! Que agora Adelina se despache a gusto chamándolle piolloso e aparvado a toda unha figura da historia de Cataluña merecería a pluma de Valle Inclán e non a miña. Se nun teatro escenificasen as consultas e momentos de asesoría entre Adelina e Pujol, o esperpento daría para risos, críticas e aplausos sen límite. Como non é teatro senón pura realidade elevada polos medios a consumo de todos nós ávidos de entretemento da máis alta voltaxe, aquí seguimos pasmados escoitando o despecho de Adelina, abrindo os ollos para saír do estupor e comentando da maneira que mellor sabemos para aliviarnos de tanto desconcerto. Non parece verdade que de Roma a hoxe, coa Ilustración polo medio, as revolucións, a industrialización, o asentamento de parlamentos e o vertixinoso avance tecnolóxico destes días, un presidente se dedique a consultar a videntes nin pretenda eliminar a envexa atento ao que unha sandadora poida opinar ao escachar un ovo. Admitamos que tronos, augures, pitonisas e coidadores de polos montasen un grande negocio arredor dos gobernantes romanos; que o senado servise de pouco ante a predición dunhas aves de mal agoiro; que o propio César consultase antes de iniciar a batalla se comen ou non os polos. Pero que na neste mundo de millóns de datos ao alcance dun minúsculo ordenador, de universidades cheas de científicos con experimentos contrastados, de analistas con posibilidades de cruzar cantas variables se lles antollen para conseguir ao momento resultados incontestables, un presidente que se di culto, lector, reflexivo, ben asesorado por ben pagados expertos nas distintas disciplinas, teña que acudir a que unha sandadora de O Carballiño emigrada a Andorra lle explique o seu futuro e o das súas decisións mirando a color dos ovos, manda moito carallo! E disimulen a expresión, pero non queda outra. Chegados aquí, o que parece evidente é que nin a modernidade máis feroz é quen de eliminar esas tendencias atávicas que en nós habitan. Cando o medo insufrible nos ataca, cando a desconfianza se instala na persoa máis reflexiva ou se o poder é tanto que estamos dispostos ao que sexa por conservalo, volvémonos inxenuos, acríticos ou estúpidos e acudimos ao terror dos tronos ou ao voo dos paxaros para que nos tranquilicen, nos devolvan a confianza ou nos aseguren que continuaremos no poder. Así estamos neste comezo de século desconcertante: nas mans de augures e nos de meigas que saben da vida mirándolle a color aos ovos.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

TRIERWEILER DÁ ONDE DOE

ANDA moi preocupado e vese na necesidade de aclarar o seu respecto polos humildes o presidente de Francia, señor Hollande. Por se non lle fose mal dabondo, a súa exmuller, despechada, escribiu un libro que voa das librerías igual que ela voou a África despois de deixarlle o recado ao exmarido. Planificada a vinganza en perfecto secreto, o nada valorado presidente francés debe sumar ao descrédito da súa política estes problemas de alcoba que a tanta xente parecen interesar. Se as librerías estaban murchas polas escasas vendas, o libro da exprimeira dama, señora Trierweiler, supón unha alegría, pois, ao parecer, véndese coma rosquillas nunha romaría. Isto non fai máis que insistir na curiosidade irrefreable á que somos dados diante do desvelo de segredos íntimos. Non haberá tempo nin cartos para ler e mercar libros de ensaio, poemas ou narracións, pero nunca faltan nin cartos nin tempo se dunhas revelacións morbosas se trata. Máis aínda se a quen se zorrega é a un presidente da república.
Con motivo desta publicación, algúns libreiros franceses entraron nun proceso de snobisme intellectuel negándose a vender o libro da abandonada dama Trierweiler. Din estes libreiros que non teñen vocación de ser a bolsa do lixo nin da xornalista rabiosa nin do presidente namoradeiro. Que nos seus estantes quedan moitos libros de Balzac, Dumas e Maupassant, pero que non están dispostos a vender ese desafogo por escrito. A ver o que lles dura o propósito. ¿Valentía? ¿Arroutada? Por máis que nalgunhas librerías non se expoña o libro, a operación de venda da xornalista Valérie saíu redonda. Non seguirá de primeira dama, sentiríase humillada diante do país polas infidelidades do presidente, pero non se dedicou a andar de chorona polos currunchos. Aproveitou o fracaso para transformalo cando menos nun éxito económico e golpea ao marido traidor onde máis lle doe: creando a sospeita entre os electores máis desfavorecidos de que na intimidade se ría deles. Unha verdadeira bomba que, sexa ou non certa, non lle será doado desactivar ao caído en desgraza presidente francés. Que en uns cantos libreiros pretendan elevar a bandeira da corrección é irrelevante. Trierweiler terá lectores a miles e Hollande chorará pola súa mala cabeza agochado nos salóns do Elíseo. Porque está claro que os dramas íntimos gustan, escríbaos unha muller despechada ou Shakespeare.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

domingo, 7 de septiembre de 2014

CONTO DE CEGO DE MARIANO RAJOY

Mágoa que o presidente do goberno non pase esta fin de semana por Pontevedra para se disfrazar de besteiro ou copeiro maior á beira do correxidor Lores na máis afamada e loureada feira franca do reino. Non por orixinal, vive Deus, pero si por oportuna e ben callada nun contexto sempre proclive á mascarada. E viría ben que nos visitase o presidente non só por ese argumento manido que tanto vai á boca dos mandatarios: serviría de grande publicidade para a cidade, atraendo novas masas de turistas e riqueza, senón porque podería aproveitar para dar outro golpe de manivela festivo á choiva miúda da propagación do éxito económico no que nos atopamos. O inicio do rosario de éxitos conseguidos polas reformas profundas (que se deben continuar) comeza sempre polo primeiro misterio: a prima de risco andaba nos 600 puntos e témola agora arredor dos 132. E quedan o presidente e outros oficiantes seus tan cheos e contentes, orgulloso da súa apócema coa que conseguiron derreter o fervente aumento da prima nos primeiros meses do seu goberno, por suposto ben acendida nos tempos esquecidos do inepto Zapatero. E a onde queira que vaian escoitar ou ler sobre o asunto, axiña un deputado de provincias, outro europeo, mesmo algún concelleiro espelido e con fame de medrar, insisten no argumento irrebatible: miren, miren os números, as cifran non enganan; estabamos a máis de 600, imposible manter aqueles intereses, e agora, relaxados, tirando cara os 100. Descargada esta tromba de obxectividade, os argumentadores descansan aliviados, satisfeitos, pensando que por ese flanco non hai retruque posible. Asentado así un primeiro misterio de éxito rotundo, os seguintes veñen en por si. Claro que este primeiro, a pouco que o miremos detidamente obriga a que nos fagamos algunhas preguntas. Porque si, é certo e indubidable que pasamos de 600 a 130, pero convén saber o porqué. Se comparamos a prima do Reino de España coa de Italia, Portugal e Greza (por buscar países mediterráneos en situación similar) comprobamos que, se a nosa baixou, a deses tres países tamén. Si, tamén a de Greza, aquela que andaba por riba dos 1000 agora baixou aos 485. E en Portugal non pasa dos 230, mentres que en Italia non supera os 151. Todos baixaron. Portugal e non digamos Greza en proporción moito maior. Será que as reformas profundas de Rajoy se estenderon nos seus efectos aos países limítrofes? É mérito del e do seu goberno esta baixada na prima? Non sei por que me dá que agocha algo de trampa este primeiro argumento que se quere presentar como sólido e indiscutible. Pillabáns! Porque unha de dúas, ou a baixada responde a razóns de índole internacional en moi pouco debidas ás medidas deste goberno, ou o peso das reformas de Rajoy e os seus eficaces ministros teñen tal repercusión na economía mundial que merecerían unha análise rigorosa e detallada para inscribir na historia da economía. O título do estudo podería ser algo así como: A repercusión das medidas do goberno de Rajoy na caída da prima de risco nos mercados internacionais. Pinta ben, non si? Pero claro, este conto, mellor que en estudos rigorosos cadraría na mascarada da feira franca desta fin de semana. Disfrazado o ilustre santiagués-leonés-pontevedrés do que el desexe ( se non quere disimular moito, de ilustre xurista para seguir a tradición) podería alardear na Praza da Verdura, na da Leña, na Ferrería ou onde mellor lle acaese, as bondades e milagres das súas profundas reformas económicas – equitativas e ben repartidas, aquí si que lle arde o eixo- de cara a un futuro de pleno emprego. Ningún marco tan axeitado. Ou se aínda preferise máis éxito, mudar por unha vez de status social e converterse en cego. Asentar nas escaleiras do vello edificio da Facenda e alí cantar acompañado dunha zanfona as obras e milagres dos éxitos obtidos por tan equitativas e sensibles medidas tomadas. Nenos, parados, vellos dependentes, mulleres explotadas, mozos desencantados, todos aos seus pés escoitando este canto de cego en festa nunca mellor ideada. E cando rematase unha vez o conto, comezalo de novo, anunciando como é debido o miolo do asunto a todos cantos queiran escoitalo e crelo: Veñan señores, damas e cabaleiros, veñan escoitar a historia de como os éxitos do noso goberno se exportaron polos países da contorna, pasando de ser pobres de pedir a posibles ricos todos, con traballo e bo emprego, grazas á sabedoría, determinación e bo goberno do presidente don Mariano Rajoy Brey, desta nobre cidade veciño, case nado... Claro que, os da troula paran unha miga para escoitar o canto do cego, xa lles soa o conto, abandonan o lugar e continúan de esmorga.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

PAN CON MAZÁS

POLO serán, levantada unha miga de aire, para facer fronte á fogaxe, sentamos meu pai e máis eu no xardín murcho por causa da carballeira tan encima, a que tanta sombra dá. Miña nai vén a onda nós para preguntarnos se queremos algo de merendar. El xira a cabeza lentamente pero sen que outro triste xesto lle cambie o rostro. Insístolle: unha mazá entre os dous? Eleva o ombreiros como dicindo: tanto me ten, agora todo tanto me ten, como ti vexas. Vou por tres mazás caídas hoxe da maceira. Parecen chegadas. Pero pregúntolle a el, que antes era sempre moito máis fino no diagnóstico. Move os labios e os ollos nun aceno que semella desconfianza, se cadra considera que están verdes. Porfío e mondo unha. Doulle un anaco para que probe. Está chegada? Asinte coa cabeza, pero sen ganas, canso, carente de todo interese. Mamá traelle unha codecha para que a vaia intercalando coa mazá, sabe que lle gustaba moito. Imos comendo a modo anacos de mazá e de pan. E compartimos xuntos a tarde. El mira cos seus ollos augados por entre as polas da carballeira, come co automatismo que aínda non perdeu, pero percibo un goce mínimo do sabor e do momento. Acabamos as mazás. E o pan. Ao se ir o sol, para el xa vai algo de frío e para min tamén. Entramos na casa.
Mentres andamos a modiño, termando del para que non caia, acórdame cando sendo neno –e non tanto– observaba a pericia coa que mondaba a mazá nunha soa operación, deixando a pel nunha espiral perfecta e tan fina que se vía o día a través dela enriba do prato. Logo, anunciando a excelencia da mazá chegadiña, dábame os mellores anacos dicíndo: come, meu neno, come, que isto sabe que rabea. Acabada a primeira, preguntaba se continuabamos con outra e así tres ou catro compartiamos ata que remataba a merenda ou a sobremesa. Teño escrito varias veces sobre eses momentos gravados na memoria longa, sempre co título de Mazás con pan. Hoxe cambiaron as tornas. O neno que se concentraba naquel rito de afecto e agardaba a mellor tallada é o adulto que atende como mellor sabe a un pai esgotado, vencido e rendido. E dálle pan con mazás para lle aledar no posible esa vida que se vai, que se vai apagando coma unha vela e só deixa unha mirada de desconcerto, de baleiro, de tristura infinitos: como é posible, parece preguntarse, como é posible que a vida teña que acabar así, non saboreando nin unhas mazás con pan.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

jueves, 4 de septiembre de 2014

OS PLÁTANOS

SE só ocorrese unha vez ou dúas, non o contaba, pero xa é a terceira. Vou ledo a realizar a compra da semana, examino detidamente os plátanos de Canarias, mírolle os lunares, observo a color amarela para ver se están maduros e métoos na cesta. Non me gustan verdes, tampouco pasados, por iso comprobo por color e tacto se estarán no seu punto. A sorpresa leveina por primeira vez con dous dos sete que elixira: maduros na aparencia pero completamente podres por dentro. Pensei que sería un accidente, algo que lle pode pasar a calquera comerciante. A segunda vez xa non foron dous, pasamos a catro; e a terceira, seis de sete. Completamente podres, abría un e ao lixo, outro, e outro, e así ata seis. Insisto en que no aspecto exterior todo indicaba que estaban perfectos. Un puro engano.
Tirados os seis na bolsa acordeime do presidente do supermercado onde os merquei, famoso polo éxito da súa empresa, modelo disque en varias universidades do mundo polo seu bo ollo comercial e a súa próspera contabilidade. De tanta sona, o citado presidente, tal e como soemos facer con frecuencia neste país, que aproveitamos a quen sabe vender laranxas para que nos dea leccións no só de economía senón tamén de valores, ética e estilo de vida, impartiu unha sintética clase maxistral. As súas declaracións deran moito que falar nos medios de comunicación a profesores de economía, política ou ética. A teoría non se caracterizaba por ser complexa. Viña a dicir que a clave do seu éxito era o traballo duro e constante, sen descanso, e que, por extensión, o país debería traballar moito máis, con máis ímpeto, con moitas máis intensidade. En definitiva, que o mellor remedio que el coñecía para saír adiante consistía en traballar coma chinos. Pois ben, eu estou disposto a escoitar as recomendacións dese empresario de éxito, non teño inconveniente en dedicar algún tempo a considerar as vantaxes e inconvenientes da súa proposta. Pero, por favor, igual que eu escoito as súas opinións respectables, gustaríame que atendese á miña sincera advertencia: os bos empresarios teñen que prestar moito tino para que os plátanos que venden por maduros ao abrilos non estean podres. Claro que el, como consecuente defensor do libre mercado, de seguida me poderá ofrecer como remedio que realice as miñas compras semanais noutro establecemento. Unha suxestión que non desprezo.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

PAGAR POR NON COMER

Conta o meu admirado Vargas Llosa, que desde hai vintesete anos non deixa de pasar quince días ao ano nunha clínica de Marbella para dedicalos ao xexún. Se lle fago caso, alí, disque nun ambiente de relax e coidados exquisitos e na compaña da súa prima esposa Patricia, pode dedicar a mañá ao sosego e placidez do qi gong e a tarde á escritura e lectura. Ás comidas, unhas sopas puras para lavar corpo estragado e alma intoxicada. É dicir: puro e duro xexún, pasar fame. Talvez pola necesidade do que se coñece como consistencia cognoscitiva, o Nobel de Arequipa xustifica as bondades da fame en que non en van tódalas relixións de occidente e oriente, desde tempos moi antigos, veñen recoñecendo a necesidade e bos efectos dun tempo de descanso ao corpo nas funcións dixestivas. Non vou ser eu agora quen poña en dúbida as bondades do xexún, coñecidos máis achegados teño que tamén dedican parte das vacacións a pagar por non comer e a súa saúde non é peor cá miña. 
Pero se emocionado noto no seu artigo a don Mario polos beneficios da vida ordenada e un tanto monacal arredor de non comer, entusiasmado se manifesta nos poderes calmantes do qi gong, práctica chunesa milenaria esgazada do tai chi. Ao parecer, eses movementos suaves e lentos, harmoniosos, que axudan a respirar con conciencia e tranquilidade, aportan o repouso e paz necesarios para volver con forza aos compromisos da vida, máis tratándose dunha vida coma a del obrigada a cócteles –case tan mortíferos coma os mólotov- , actividades culturais, exceso de voos e xornais laborais esaxeradas. Esa lentitude de movementos en brazos e pernas case infinita, espaciada, que grande cantidade de persoas practican ás horas moi temperás e que eu observei nas prazas mala copia de París no novo Pequín, parece ser que convencen a cumpren a súa función no autor de “Conversación en la catedral”; se cadra moito máis motivado desde que lle dirixe as sesións Jeannete, unha moza tan grácil e flexible á que ve a punto de levitar e desaparecer, xa se sabe que a escritura, condenada, sempre di moito máis do que en principio pretende dicir. Mais, sexa como sexa, inclínome a crer que o qi gong conta coa capacidade de aniquilar a nosa agresividade, de nos instalar nunha respiración total e de aplacar moitas ideas irracionais e manifestacións psicosomáticas que nos atormentan. Se a isto lle sumamos un horario de monxe, instalacións como supoño e coidados esmerados en atención, calquera non sae de aí co corpo renovado e o espírito equilibrado. O que me mantén algo escéptico, sen dúbida debido á influencia paterna, é a necesidade de pagar por quince días a sopiñas. 
Aínda non tiven ocasión de lle contar o conto a meu pai, e, tal como está, dubido que preste moita atención. Noutros tempos si; noutros estouno oíndo coa súa sorna: non me parece de xente ben lista pagar por non comer... Coma cando, despois de observar un bo anaco a un mimo, ou equilibrista, ou malabar, non sei quen era o que actuaba nunha praza pública, sentenciou: os traballiños que hai que pasar por non traballar... Pero agora non está o forno para bolos. Aínda así, intentarei informalo, non sobre o qi gong, ao que seguro criticaría con que hai actividades tan relaxantes moito máis produtivas, senón dos beneficios do xexún. El tan obsesionado agora na súa vellez con non perder fame, síntoma de que o final se achega, probablemente non entenda forzarse a pasar fame cando, por desgraza, seguro que xa virá o tempo non que un o que debe é esforzarse por levar algo á boca. A quen se educou noutro tempo e noutras necesidades, o de pasar fame por gusto nunca lles acaba de convencer. Máxime cando eles padeceron o rigor da fame de verdade e o do dominio das conciencias por parte do catolicismo máis represivo, aquel que sometía a un feroz control os venres e a coresma, o xexún e a abstinencia. Superados aqueles tempos, agora que non falta comida no alzadeiro, que a conciencia non se laia por comer carne en venres e nin tan sequera se sabe cando comeza e remata a coresma, que lle veñan gabando os beneficios do xexún, non os convence. 
Tratarei de lle face ver que non todo se pode medir pola vara estreita da pequena experiencia privada, que a saúde empeora tanto por comer moito e mal coma por non comer, que dentro dun plan dirixido e regulado por expertos médicos, privarse de comer e facelo a xeito resulta moi renovador e reconstituínte. Tódolos argumentos que se me veñan á cabeza tratarei de lle expoñer, pero estou case seguro de que non haberá quen o apee do seu xuízo inicial: pagar para non comer, non é de xente ben lista. E se me atrevo a contrarialo: pero se quen defende iso é todo un premio Nobel. Seguro que me responderá: e quen che dixo que tódolos premios Nobel son listos? E non me quedará máis que calar. 


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA