lunes, 28 de febrero de 2011
UN DATO (MÍNIMO)
Dixo algún economista, probablemente Viçens Navarro, a que, na súa senectude, dáselle por comparar estes datos, que mentres o traballdor español paga en impostos un 74% do que paga o seu homólogo sueco, un empresario español paga o 30% (o 30%¡) do seu homólogo sueco. Se o dato é certo, agora me explico o porqué imos como imos: algúns están abrasados a impostos...
BANQUEIROS
Pregunta o entrevistador: É razoable que os banqueiros sigan cobrando os bonus récord? Resposta: Se na década previa á crise, os principais banqueiros de Londres tivesen ingresado nunha conta o 10% das súas ganancias, esa conta ascendería hoxe a 50.000 millóns de libras Esa é exactamente a suma que o contribuínte británico tivo que adiantar para salvar á banca. Fin da resposta. Quen a dá ? Non teman nin se rían, nin un revolucionario anacrónico nin cómico aburrido: Gondon Brown.
JUDIT DE MÁRAI E SIMONINI DE ECO
A criada de "La mujer justa" de Márai nada ten que ver co antipático Simonini de "El cementerio de Praga" de Umberto Eco. Aínda así, para que se vexa que nada hai novo baixo o sol, menos no Piamonte, recollo as palabras coas que a dura Judit se ri dos ingleses. A protagonista do autor que daquela era húngaro e hoxe sería eslovaco talvez non teña a lingua tan longa como a do capitán de Eco criticando a franceses e teutóns, pero deféndese ben. "Porque los ingleses son casi tan difíciles de entender como los ricos. Hay que tener mucho cuidado con ellos porque siempre están sonriendo, incluso cuando están pensando en alguna maldad. Y son capaces de mirarte con cara ingenua, como si nu hubieran roto un plato en su vida. En realidad non son tan estúpidos como parecen, sobre todo cuando quieren engañar a alguien. Pero incluso cuando te toman el pelo siguen sonriendo con amabilidad".
sábado, 26 de febrero de 2011
CON MARK SPITZ E MAO EN PONTEMUÍÑOS
Pensarán, con algo de razón e coa que está a caer en Libia aínda máis, que teño ganas de monadas para andar mirándome o embigo co meu afán por aprender a destempo o que debería ter aprendido ao seu, pero é que un non se dá liberado dos seus demos por máis que o pretenda. E a min neste momento a piscina lévame a ansia. Chego a primeira hora da mañá á olímpica de Pontemuíños, prepárome co meu carapucho enriba da calva brillante, axusto as gafas tal coma un mergullador de alta escola e véxome coma un Mark Spitz sen cabelo nin bigote, sen músculo nin miga de fibra dos que mostraba aquel campión da miña nenez, pero coa ilusión de quen non conseguirá nin sete, nin dúas nin unha medalla, mais pode ulir a gloria de cumprir o seu propósito antes de que as praias se enchan de veraneantes e un poda gozar das primeiras horas do día ou das do sopor entregando o corpo á auga coma nunha ofrenda á natureza, e síntome satisfeito e pleno coma neno ao que lle regalaron o caldeiro e pala de area polos que tanto chorara. Son praceres que só se aprecian coa madurez.
Claro que está mañá, talvez polo magnífico artigo de Miguel A. Murado que falaba dos oleoductos da ira en Libia, mentres trataba de trenzar respiración co movemento das pernas e dos brazos, acordeime dos esperpentos en que acaban os revolucionarios igualitarios, que disque buscan a igualdade e a xustiza social. Ai, miña madriña, que mágoa. É que podían amosar eivas, que as teñen todos os gobernantes que foron e serán, pero o ridículo e a miseria dalgúns deles non é doada de comprender. Esquezamos a patolóxica e miserenta crueldade de Stalin. Esquezamos a Fidel que resiste pisando na illa coa charlatanería e insolencia dun iluminado. Esquezamos se lles parece as excentricidades de Gadafi transmitidas aos seus fillos. ¿Acórdanse do poeta , do autor de O libro vermello, do grande timonel que inspirou a revolución cultural? Si, Mao. O gran nadador, o que recorría nos momentos de maior crise do seu sistema a mostrar a súa fortaleza nadando. Utilizaba a natación para demostrar ao seu pobo que o seu líder indiscutible seguía en forma, pletórico, lúcido, capaz.
Ufff. Pensando nestas cousas, porque Fidel tamén fixo as súas demostracións de deportista excelente, comezo a frouxear na miña vontade de mellora na natación. Tomen nota de cómo se poden turbiar os pensamentos: un entra na auga pensando en Mark Spitz ( para min os Phelps e Thorpe son máquinas do futuro) e acaba desanimado lembrando ao nadador dictador Mao. Nos adestramentos hai que manter a concentración e ter tino con qué se pensa, pódense perder décimas de segundo inestimables por culpa dun monstro que dedicou a súa maliciosa loucura a esmagar a vida de xeracións.
lunes, 21 de febrero de 2011
GROLIÑOS DE AUGA DE PISCINA
Reproduzo embaixo un artigo de hai algúns anos para que se vexa que o paso do tempo non impide seguir afogándonos, pero vivindo. Como a idade xa avanza, non me parecía conveniente seguir co meu estilo de nado de interior, ese que suplica con vergonza aos vixiantes da piscina que estean atentos por se en calquera instante un precisa que o rescaten, e propúxenme un plan de aprendizaxe autónomo e rigoroso de nado. Perfectamente convencido, buscando apoio teórico entre amigos e expertos, iniciei as miñas matutinas sesións de aprendizaxe nunha piscina olímpica, tampouco vai un aprender en calquera poza de mala morte. Con fe e vontade que para outras tarefas quixera, ás oito da mañá aí me teñen tres días á semana, chova ou trone, camiño das procelosas augas da piscina olímpica de Pontemuiños. Os primeiros bracexos prometeron resultados inmediatos. Parece que o cerebelo aínda non está danado de todo e a base de tenacidade e constancia fun collendo o ritmo da respiración, a harmonía no movemento e a seguridade para me ir desprazando dentro da auga ao estilo que se coñece como a braza. Cando máis satisfeito me sentía por este progreso, unha chuzada ao saír dunha destas sesións, mentres me duchaba, coma un balazo nas costas que me fixo pensar nun cólico nefrítico ou calquera mal dos que fulminan para sempre a vida dun humano, levoume a consultas e consellos que me conduciron á máis penosa das decepcións: para o que se cría que era a chuzada - un ataque de ciática- o peor que se pode facer é nadar á braza. O meu esforzo ao garete. Pero como o desánimo nunca debe poder coa vontade de quen anda detrás dalgún obxectivo nobre, de contado transformei a pena en ganas: habería que dominar o nado de costas e logo o crol. O de costas, talvez por tomalo coma descanso, non tardei en pillalo. Pero o crol...non afogo porque herba ruín non morre. Cando non levo cloro á gorxa éntrame auga polo nariz e a contagotas vaime producindo tose que non dou tusido, e cando non son as pernas as que coma un momo se van afundindo sen me dar conta, bracexo cos meus braciños anémicos de músculo coma as aspas dun muíño descompenetrado, ora levantando escuma coma un peixe bravo, ora febles e engruñados coma se buscasen apoio nas augas que se abren sen ofrecer resistencia. A cabeza xira, érguese, afúndese, vira e pide auxilio cando pola boca non entra aire e á fin, para me serenar, volvo á braza prohibida, uns instantes como refuxio, para volver outra vez, con calma, recuperando aire, ao intento de adquirir o hábito que me permita coordinar movementos, respiración e impulso como vexo en nadadores que me pasan polas rúas da beira, coma balas, disparados, perfectamente acomplados á auga, avanzando coma tiburóns no seu propio medio. Moitos días, antes de me tirar á piscina, coa escusa de que trato de colocar ben as gafas, aproveito para tratar de aprender destes nadadores expertos, pero nada aprendo, só con envexa contemplo que teñen perfectamente interiorizados os movementos, que non necesitan pensar, que o automatismo está ben fixado no seu cerebro e con só deixarse ir, brazos, respiración e pernas acóplanse nun deslizarse fermoso, sen resistencia, dentro da auga. De todos os xeitos, ás oito da mañá guíndome á piscina para tragar os groliños de auga clorada que faga falta: de min a auga non se ri, e antes de que chegue a hora veraniega de volver a tragar grolos de mar, como me chamo Miguel que hei de saír nadado a crol. Mal ou ben, pero sen afogar.
GROLIÑOS DE AUGA DE MAR
Laureano Domínguez, científico de Antioquia (Colombia), leva toda a vida investigando sobre os beneficios nutricionais da auga mariña. E di que a auga do mar pode ser un paliativo de enfermidades de tipo cerebrocardiovasculares que se orixinan por falta de aporte de oligoelementos durante a primeira e a segunda infancia. Ó parecer, xa un fisiólogo francés de principios do século XX, René Quinton, demostrou a identidade fisioquímica entre o plasma do sangue e a auga do mar, ata o punto de utiliza-la como substituto do plasma sanguíneo, realizando transfusións deste abundante elemento, porque esta contén tódolos elementos básicos para a vida nunha proporción correcta. Velaí, pois, a auga do mar coma un excelente nutriente e un magnífico revitalizador celular.
Eu non é que coñecese para nada as investigacións dos profesores Domínguez e Quinton, pero xa desde pequeno veño realizando os meus humildes experimentos. O primeiro recordo que gardo de me bañar na mar salgada está acompañado dun par de sorbos que me houberon de afundir para sempre nos fondos mariños de Gandarío. Inexperto nadador procedente das terras interiores de Arzúa, temeroso diante da grandeza de tanta extensión de auga, atrapado polo misterio de potencia tan sonora, brillo tan intenso e ventos tan ameazantes, introducín o corpiño de neno feble na friaxe das alodadas augas. Coa primeira ola notei que me subía polas pernas unha incerteza que estarrecía, meu pai insistía que non pasaba nada, que non tivese medo, non fose caguiñas, que todo me había de ter mérito e me había de sentir fresquiño e ledo se era valente. E fun. Fun valente de moito nabo: por lle dar gusto, e porque me estaban entrando unhas ganas de mexar que non resistía, tireime coma unha prumiña disposta a afogar sen a máis mínima resistencia. A primeira impresión foi tan aguda, tanta a angustia, que abrín a boca para non quedar sen aire, e aí, aí mesmo foi cando traguei a miña primeira carga de oligoelementos mariños. Coma aproximadamente un xerro de litro debín beber no primeiro trago. Meu pai, intentado facer de min un mariño competente, continuou animándome: “Veña, home, ¿a que tes medo? Eso non fai mal ningún. Xa verás cando nades que gusto che vai dar”. Expulsando auga por onde podía, tratando de me amarrar ó que non había, fundíndome unha e outra vez, desconcertado, de novo abrín a boca, acabábase o aire e non tiña pensado entregarme tan fácil á morte, polo que outra dose de oligoelementos entrou en min deixándome nun estado de case inconsciencia e abandono total á potencia do mar. Menos mal que meu pai optou por prestarme o seu brazo seguro no que me aferrei tremendo, desexando que o mar abandonase para sempre a miña garganta, a boca, os ollos, os oídos.... “Non teñas medo ningún, parviño, que isto é máis doado do que parece”, animaba en min papá. “É que houben de afogar, traguei moita auga”, conseguín explicar tremendo. “Por moita que tragases, non che ha facer mal”, sentenciou el.
E mira ti, non é que me fixese mal, é que desde aquela, porque persistín nos meu groliños con moita frecuencia, estiven cargando o meu organismo de elementos básicos, previndo enfermidades cardiovasculares, complementando a miña deficiente nutrición, pois, como xa deducirían, moi comedor nunca fun ata que lle pillei o gusto, que foi exactamente cando debería empezar a comer menos. Pero ó que íamos, que un sen saber, vaise nutrindo desde a infancia de substancias que o manteñen en pé, a pesar de que en moitos casos teñamos a impresión de que imos afogar.
domingo, 20 de febrero de 2011
EXPERIENCIA E COÑECEMENTO
A adquisición de novas aprendizaxes ten lugar por un proceso que vai da experiencia ao coñecemento. Para cambiar unha situación problemática, antes hai que cambiar o obrar e, como consecuencia, o pensar. Facer para aprender. O que se experimenta, apréndese; e se vai tinguido de emoción, non se esquece.
O PAN DE EXIPTO
A ÚNICA VEZ que viaxei a Exipto levaba fresca a lectura de El callejón de los milagros. Nunha viaxe guiada pouco puiden ulir do que Naguib Mahfuz destila nesa magnífica obra. Un viaxa sempre cos esquemas mentais que previamente foi elaborando e procura, aínda que non llo pareza, facer coincidir o que vai vendo coa información previamente sedimentada. Aínda así hai aspectos que rompen os esquemas, que non agardas e te sorprenden máis aló do agardado. Certo que os monumentos, as explicacións ilustradas dos guías, templos, mastabas, pirámides e areas concordan co que esperabas; que o traslado polo Nilo non te sorprende de tantas veces visto en películas e reportaxes; que a noite acaba como supuñas na danza do ventre e nas reviravoltas imparables do derviche; e que as compras no Jalili están tan cargadas de regateo e turistas como era fácil prever.
O Cairo, porén, rompe toda idea previa. A cidade. O conxunto. Desde que montas nun taxi, no que parece que levas conectado o tubo de escape na gorxa, ata que te despides, vives nunha intensidade sensorial frenética. A vitalidade dos nenos por tódolos lados, os pisos nunca rematados agardando polo matrimonio próximo, os ulidos que narcotizan, os que seducen, os insoportables; o rebumbio constante, o espertar coa chamada ao rezo do muecín, que nun canto encadeado vai enchendo a cidade non se sabe se de ledicia, esperanza ou pranto; a grandiosidade das mesquitas, as rúas que de súpeto se converten en lugar de oración, o acendido verbo dos clérigos perforando o venres invitando sabe Alá a que... Pola cidade mesturábanse cabalos esborrexendo, castigados polo látego do amo, automóbiles de luxo entre miles de vellas carracas que ninguén se explica como poden resistir tal velocidade e maltratamento, burros, peóns autóctonos que saben cando e como cruzar, foráneos que agardan en balde a que un semáforo lles dea preferencia. Anarquía. Vida. Tanta abundancia arqueolóxica como desorde nos museos. Tanta potencia e forza na xente que un intuía que unha cidade así, en cada portal un zapateiro, un artesán, un vendedor de nada ou de contos, pero á fin emprendedor, non estaba disposta a pasar sen pan. Porque quedar sen pan é o que nunca permitirá un país cargado de nenos, rodeado de antenas parabólicas, internet e turistas que chegan de tódolos lugares do mundo. Talvez por iso a imaxe que nunca dou esquecido da cidade é a dun mozo enriba dunha bicicleta, zigzagueando contra sentido do infernal tráfico, cargando na cabeza unha táboa longa e ancha acugulada de bolos de pan. Á volta lin El edificio Yacobián, explicación interior de todo canto vira por fóra.
O Cairo, porén, rompe toda idea previa. A cidade. O conxunto. Desde que montas nun taxi, no que parece que levas conectado o tubo de escape na gorxa, ata que te despides, vives nunha intensidade sensorial frenética. A vitalidade dos nenos por tódolos lados, os pisos nunca rematados agardando polo matrimonio próximo, os ulidos que narcotizan, os que seducen, os insoportables; o rebumbio constante, o espertar coa chamada ao rezo do muecín, que nun canto encadeado vai enchendo a cidade non se sabe se de ledicia, esperanza ou pranto; a grandiosidade das mesquitas, as rúas que de súpeto se converten en lugar de oración, o acendido verbo dos clérigos perforando o venres invitando sabe Alá a que... Pola cidade mesturábanse cabalos esborrexendo, castigados polo látego do amo, automóbiles de luxo entre miles de vellas carracas que ninguén se explica como poden resistir tal velocidade e maltratamento, burros, peóns autóctonos que saben cando e como cruzar, foráneos que agardan en balde a que un semáforo lles dea preferencia. Anarquía. Vida. Tanta abundancia arqueolóxica como desorde nos museos. Tanta potencia e forza na xente que un intuía que unha cidade así, en cada portal un zapateiro, un artesán, un vendedor de nada ou de contos, pero á fin emprendedor, non estaba disposta a pasar sen pan. Porque quedar sen pan é o que nunca permitirá un país cargado de nenos, rodeado de antenas parabólicas, internet e turistas que chegan de tódolos lugares do mundo. Talvez por iso a imaxe que nunca dou esquecido da cidade é a dun mozo enriba dunha bicicleta, zigzagueando contra sentido do infernal tráfico, cargando na cabeza unha táboa longa e ancha acugulada de bolos de pan. Á volta lin El edificio Yacobián, explicación interior de todo canto vira por fóra.
MASCANDO PORTO
Apaguei as luces, mellor quedei sen conexión eléctrica, unha das noites pasadas, a pesar de saber á perfección que pouco mal lle ía causar ás eléctricas e que todo se reduciría a un tempo de escuridade testemuñal. Pero resultou saudable o descanso de luz, tal vez porque aproveitei para centrarme na violencia da tempestade, na furia da auga e do vento, na muller xusta e no delicioso que está un bo porto, bebido como é debido.
Que ás grandes eléctricas lle traería sen coidado a miña desconexión tíñao completamente asimilado, aínda así o meu propósito era cumprir coa protesta, pero se non chega a ser por un accidente estúpido nin co acto testemuñal tería cumprido. E como azar enreda coa memoria silenciada, mira por onde, ás dez da noite déuseme por acender unha lámpada no medio da tormenta exterior e vin que o cable estaba rozado. No intento por arredar os fíos para non fixesen contacto, ao tempo que un lóstrego de forza celeste rañaba nos vidros da miña fiestra coma unha demo de luz cegadora, fío con fío bateron nun chispazo de ulido a chamusco inutilizando no diferencial que me deixou na completa escuridade. Caín aí na conta de que era o momento da desconexión e xa nada fixen por devolverme á luz ata que supuxen que os donos da claridade deberían ter noticias do meu cabreo. Claro que a escuras queda calquera sabendo que con volver as teclas do diferencial á posición correcta volve ao instante a electricidade, e máis se durante ese tempo un goza na escuridade dun porto docísimo. Mais non sexamos escépticos nin en exceso críticos, que algo luminoso sempre xorde das accións de protesta.
Concentrado no difícil que é facer coincidir as vontades de moitos detrás dun interese común e dirixido cara un obxectivo, pois se preguntaramos a cada cidadán que seguía gozando da luz, menosprezando a protesta con argumentos ou sen eles, seguro que unha grande maioría coincidiría en que o abuso das empresas é inaceptable, pero que a resposta, o momento ou a súa eficacia, tamén coincidirían moitos, é estúpida, inútil ou ridícula ou, simplemente, pola comodidade que se merecen non están dispostos a mover un dedo para baixar as teclas do diferencial e quedar sen o programa de televisión que apetece, sen a conexión de internet que se precisa. E pasando así da abundancia á tribulación, acordeime daquela frase de Shakespeare segundo a cal a abundancia e a paz xeran covardes, mentes que as tribulacións son a nai do valor. Se cadra algo diso é o que nos vén pasando: levabamos demasiado tempo instalados nunha abundancia pacífica e enganosa que nos conduce sen querer á covardía, veremos se as turbulencias do momento nos regalan algo de valor.
A tormenta non cedía, nin cede, que mentres escribo segue enrabechada poñendo a proba a nosa fortaleza. Tronos de brúo envolvente certificaban que as espadas de luz zigzagueando na noite non avisan de balde. E da man da covardía e do valor remoín no libro que deixara na mesa antes de me pór cos cables causantes do acordo de que a pesar de quedar sen luz por un cortocircuíto xa antes tiña pensado queixarme a escuras. E foi coas letras frescas de Sándor Márai en “La mujer justa” que empatei covardía e valor en abstracto con valor achegado, íntimo, case heroico, que se precisa para deixarse amar sen reservas. Pois é probable que a maioría da xente non poida dar nin recibir amor porque é covarde e orgullosa, porque ten medo ao fracaso; dálle vergonza renderse a outra persoa porque teme que descubra o seu segredo, o triste segredo de cada ser humano: que precisa de moita tenrura, que non pode vivir sen amor.
E así, mascando porto , como aprendín de Naipaul que se debe beber o viño portugués, fun apalpando a confortable quentura de ver dende un refuxio sólido e seguro a friaxe da tormenta exterior, experimentando a fácil valentía de quen pode gozar de luz con un acto de vontade e a comprobación de que, en contra do que escribe Márai, un xa carece de toda vergonza, porque desde hai tempo sabe que os humanos non fan máis que lanzar lóstregos de auxilio no medio da noite pedindo coa forza dun trono tenrura e amor.
domingo, 13 de febrero de 2011
O ESPÍRITO CRISTIÁ DO FMI
Que tempo nos toca vivir, Señor! Mellor dito, padecer. Aquí seguimos dando paus de cego, desorientados e perdidos, agarrándonos por unha banda coma posesos á razón instrumental máis pura, a que nos situou onde estamos, e pola outra refuxiándonos nunha regresión ao máis tenebroso de modelos que parecían esquecidos. Parecían, porque non. Abonda con mirar ese prurito que lles entrou a algunhas empresas – das potentes, non pensen, as outras, xa se imaxinan, tiveron que pechar- con lles regalar aos empregados que aínda non despediron libros de aleutos especialistas da autoaxuda, deses que en trescentas páxinas saben cómo transformar a vida en optimismo, riqueza e felicidade. E non queda aí a cousa, que logo convocan a todos os executivos en fin de semana para, estudado o bestseller de quenda, “cargar as pilas” a base de psicólogos predicadores dalgunha nova teoría máxica e de actores que se dedican a interpretar modelos de comunicación diante dos sorprendidos traballadores, tratando de lles insuflar un potente espírito de conquista e confianza. Vamos, que as técnicas de motivación de San Ignacio de Loyola para os seus soldados da fe quedarían en ridículo diante das armas que hoxe utilizan estes cerebros da política empresarial. Saen destas sesións de activación coma auténticas feras da venda, da expansión e da conquista de novos mercados. Unidos todos na fe empresarial. Convencidos de que o triunfo está ao alcance de todos, todos líderes, todos creativos, todos donos de poderes máxicos cos que podemos comer ao cliente, ao mundo. Miren por onde, os vellos exercicios espirituais trasladados aos tempos de crise, co gallo de manter unidos aos necesitados fieis na fe do mercado.
Pero non contentes con esta regresión empresarial, institucións técnicas, formadas polas elites da formación mundial, frías, suponse, acóllense ao refuxio da culpa, recoñecida e expresada publicamente, ao máis puro estilo de arrepentimento e flaxelación cristiá. Velaí o informe do FMI no que se culpa, critica e recoñece que non deu unha. Que os seus directivos estaban na póla e non viron vir nada do que se aveciñaba, e se pregaron á ideoloxía dominante, tan ledos e felices, sen ulir nin de lonxe os aires da tempestade. E dan nomes, faltaría máis. Cae o peso da culpa sobre o equipo completo coas súas deficiencias organizativas, batallas internas, falta de comunicación, sesgos analíticos, presións políticas, autocensura e falta de supervisión e control por parte da dirección. Total, unha desfeita perfecta, ao fronte da que estaba o Sr. Rodrigo Rato, pero ben podería ser calquera outro, non fagamos agora leña da árbore dimitida. O curioso é que este xeito de se cubrir de cinza é un adianto do mércores que antecede á Semana Santa, época á que convido a todos os que formaron parte do equipo do FMI para que penen polas súas culpas, pois, que se saiba, outra penitencia non recibirán. Vexan, para mostra, cómo o Sr. Rato dirixe a Caixa Madrid ou como no futuro se chame, tanto ten caixa ou banco, o importante é a dirección que collen estas institucións financeiras. ¿Valentía, capacidade crítica?, poderiamos pensar. Si. Pero tamén se nos pode dar por, como dicía, invitar a todo o equipo que acompañou ao Sr. Rato para que pase a Semana Santa en España. Málaga, por exemplo, cidade na que o sr. Trillo, supoño que en boa sintonía con Rato – “manda huevos”-, demostra ano tras ano o seu apego á tradición de confrade e, a bo seguro, podería introducir a todos estes altos cargos para que penen, vestidos cos traxes pertinentes, a categoría nunca se debe perder, detrás dos magníficos pasos, polas rúas da cidade andaluza. E se Esperanza Aguirre ou Ana Botella queren lanzar desde unha ventá unha saeta, no viría mal. E así, recollidos e á vista de todos – por suposto a CNN debería mostrar imaxes a todos o mundo, para que aprendan os actuais directivos- , pagarían con dolor e bágoas polos seus moitos pecados cometidos. Tería a vantaxe de que, rematada a procesión , a zona está ben provista de ofertas tanto gastronómicas coma de danza e praceres varios, pois despois de tanta penitencia, convén algo de relax. Ofrezo esta posibilidade para os arrepentidos directivos do FMI, xa que, como coñecido é que todos continuarán ao fronte de altas e serias institucións financeiras, o lóxico sería que, polo menos, nunha liturxia tan emotiva coma bela, demostren que, así como saben esixir que se lles pague polo alto servizo que desempeñan, tamén aceptan recoñecer e penar polos seus pecados publicamente. Xa ven: a uns dáselles polos exercicios espirituais e a outros pola flaxelación pública. E quéixanse Rouco e Ratzinguer de que se están a perder os valores cristiás...
BOMBÓNS, RISAS E FLORES
Realizas unha proba rutineira, pero no curso do exame xa che xorden as sospeitas. Demasiada parsimonia, repeticións, preguntas indicativas de quen realiza a mamografía, debes volver. A dúbida queda prendida. Cómpre unha punción. Confírmase a temible palabra: cancro. Durante a espera gardaches o golpe case coma un segredo, só dúas, tres, catro persoas moi íntimas ás que prohibes que alarmen, que vaian espallando a mala noticia. Ao confirmarse abres as cancelas e córrese máis aló aínda dos coñecidos, que contigo comparten o temor, as consultas, as opinións, as experiencias, as esperanzas, que, compasivos e optimistas, deitan en ti.
Hai que operar. Canto antes. Convén non perder tempo. Durante os días de espera aproveitas para non perder un minuto: papeis, ordes, baixas, cadeas de probas, deixar organizado o traballo, revisar a roupa apropiada para a hospitalización, tranquilizar aos fillos, mirar para que ninguén se alarme más ca ti. Coma se os que puidesen padecer máis fosen os outros, non ti. Así tronzas un a un os minutos ata o de xusto antes de entrar ao quirófano. Nese instante están os máis íntimos a canda ti, veñen de lonxe e de véspera para que non te sintas soa. E non te sentes. Entras o máis relaxada que se pode entrar ao misterio de perder a consciencia sen saber se ao espertar quedarás sen un peito, se as probas inmediatas serán desesperantes. Espertas rodeada dos teus que xa se abrazaron e celebraron as primeiras palabras saídas do quirófano. Vés enteira e faladora, eufórica, drogada de medicamentos e de esperanza, coa irrenunciable preocupación de que ninguén se preocupe: ti estás ben, es forte, todos deben manterse seguros e ledos, vencerás. Aínda non ben espertas xa chamas o fillo de lonxe que non pode estar contigo para lle dar paz: saíches ben, seguirá todo ben. E agradeces cada palabra, cada recomendación, cada atención da enfermeira, do médico, dos que te coidan. Nos días posteriores recibes as visitas de cantos conseguiches que te quixesen e non deixaron de facelo pasara o que pasase: xúntanse familiares do primeiro marido, dos amores posteriores, os amigos de antes, os últimos, mozos, adultos. Véñente ver porque sacas esperanza da dor, forza da debilidade, e quérente.
Xa antes de recibir a alta, preparada para a batalla á que haxa que facer fronte, quimio, radio, incerteza, o cuarto vaise enchendo de palabras de ánimo, de risas sinceras, de bombóns e flores, moitas flores, que te confirman na túa inquebrantable decisión de seguir pelexando o que sexa preciso, porque a ti, este mal bicho ou o que sexa, a ledicia de vivir non cha vai quitar.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)