martes, 28 de abril de 2015

ASESORES NUN MAR DE PODREMIA

NON cabe maior sorpresa nin asombro. Calquera noticia que saibamos a partires de agora soará a coñecida. Nada nos pode alarmar, non somos xa susceptibles de alarma social. O mar de podremia que se estende sobre a clase dirixente é unha tona de detritos pestilente á que acabamos por nos acostumar. Está demostrado que a capacidade de adaptación dos humanos fixo posible a evolución, por iso o noso ulido recicla para que poidamos soportar tal peste, ata o punto de que, por sobresaturación, xa nin nos cheira. Oímos Bárcenas, ERE en Andalucía, Pujol, Rato, Trillo, Martínez Pujalte, Barberá, Monedero, PP, PSOE, CiU, Podemos e parécenos sentir cantar carros en corredoiras informatizadas, cantos planos e reiterativos que só producen fastío, xa nin rebeldía. O cansazo e tal, a confirmación diaria de que todo cheira a podre é tan evidente, que nos defendemos coa indolente resignación de quen xa non quere escoitar máis, admite que o mundo funciona así e nada poderá cambialo. Tanto ten que sexan de esquerdas ou de dereitas, relixiosos ou ateos, do Opus ou marxistas renegados: todos sucumben á tentación dos cartos e do poder. Conclusión que leva á inacción e desespero indesexables.
Das últimas novas -isto cando escribo, cando me lean probablemente xa se coñezan outras máis frescas-, a que máis me sorprende é a dos asesores Trillo e Pujalte. Isto de asesorar -verbalmente- parece o negocio máis rendible nas últimas décadas. O que valen unhas palabras ben dadas... Que a sabedoría de Trillo chega aos pés da mesma raíña de Inglaterra hai tempo que o sei. "Manda huevos" co embaixador. É capaz de pillar máis de 450.000 euros por uns consellos ben dados no momento oportuno. E Pujalte? Pois aprendendo, que el non realizou a tese sobre Shakespeare coma o embaixador, pero pillando o que se pode, son moitos anos de deputado e non convén perder oportunidade. Os dous pertencen ao Opus, dato que non debera significar nada, pero que tampouco convén ignorar. Agás nos tempos en que os consellos dos confesores de reis valían as súas comas en ouro, non coñezo actividade tan ben pagada coma a de asesor. Hoxe ser asesor para executar o mal (xurídico, económico, político) parece a única actividade que respectan os reis do mambo, que son, vaia casualidade, os que menos relocen nos escándalos. Asesores nos dea o ceo para conseguir orientarnos neste mar de podremia.

COMPARACIÓN REPUGNANTE


           Os que moito opinamos, por relaxación e preguiza, tamén polo atrevemento propio da ignorancia, convertémonos demasiadas veces en frívolos e superficiais. Dígoo coa experiencia de máis de vintecinco anos escribindo sobre o divino e humano, que me coloca ás veces diante de escritos propios sobre os que non imaxinaba puidese ter criterio fundado, polo que deduzo que están máis guiados polo descaro que polo fundamentado. Por iso sei que tanto os que opinan coma os que informan son ás veces lixeiros por non dicir crueis diante de determinados feitos. E nada do dito ou escrito queda sen consecuencias. Mínimas ou imperceptibles en moitos casos, sobre todo se quen as di ou escribe representa unha voz insignificante, pero con repercusións á fin.
            Existen feitos do ámbito persoal e íntimo que nunca deberían formar parte da “información” que fura a fronteira do morboso á saña. Agás naqueles medios que se dedican aberta e declaradamente a comerciar coa vida de quen a expón a mantenta con fins monetarios, non me parece materia de información rigorosa escarvar nas desgrazas persoais dun político máis aló do indispensable. Que un exministro de xustiza sexa denunciado por algo tan grave coma o maltrato, ata que exista sentenza firme, datos obxectivos, non merecería as primeiras páxinas de ningún diario durante case unha semana enredando con hipóteses, sospeitas, aclaracións, desmentidos e rancores propios dunha ruptura matrimonial. Mergullarse nas augas ferventes dun conflito tan íntimo, sen feitos claros aos que se poder agarrar, equivale a sementar dúbidas de tal repercusión que na maioría dos casos supoñen o afundimento definitivo dun personaxe público. No caso de que todo quedase nun conflito sen tradución penal, ningunha sentenza, nin rectificación, nin nota aclaratoria pasado o tempo poderá devolver a dignidade e prestixio de quen foi derreado e humillado, tanto profesional coma persoalmente. As sospeitas aniñaron entre os lectores, a desconfianza medrará ou caerá coma case todo no esquecemento, pero en canto se remexa, algún dato reavive as brasas da memoria, o xulgado regresará á condición de maltratador, porque algo haber houbo...
            Poucos asuntos, pola súa delicadeza e fraxilidade, esixen maior cautela no seu tratamento. De fondo berra con razón a incompresible vergonza dun número insoportable de mulleres que morren cada ano a mans de homes incapaces de entender que non son donos, nin amos, nin señores, nin gardiáns das súas mulleres, ás que non queren, só pretenden dominar e controlar, froito dunha mala educación velenosa inoculada por unha sociedade machista. Con tal pano de fondo, tódalas medidas de prevención son poucas, enténdese que leis, rexeitamento social, educación e concienciación diaria exerzan vixilancia severa. Con razón, confirmados os feitos, para que sirva de exemplo e lección, ningún infractor, sexa quen sexa, pode quedar oculto ou resgardado do rexeite público. Pero precisamente pola gravidade que tal acusación alcanza, ningún adobío informativo achegado ao color amarelo e á renda tan morbosa como fácil debería permitirse un medio que se considere obxectivo e rigoroso.
            E se sutileza e prudencia se lle esixe a quen debe informar, que dicir das artimañas utilizadas na confrontación política? No presente son ben coñecidas as liortas por causa da corrupción, lastre que cobre de pezoña a actividade de tódolos partidos e que desencanta ao cidadán. No cumio da putrefacción atopamos repartida a porcallada en tres grandes partidos: os ERE de Andalucía para o PSOE, Bárcenas e todo o que o rodea para o PP e o caso Pujol para CiU. Tres picos de corrupción difíciles de superar. Como complemento, ao partido no goberno estálalle a desvergonza de Rato. Compréndese que rodeados de tal grao de podremia acudan a canta trapallada narrativa se lles ocorra: lanzarse detritos uns aos outros; inventar escusas incribles; recorrer a desculpas infantís; pretender facer bobo ao cidadán; desorientar con informacións atravesadas; manipular e agochar datos; acollerse a que o tempo todo o esquece; pedir perdón coa boca pequena; falsos actos de contrición; prometer para saír do paso; mentir como só os cara lavadas saben mentir. Compréndese que no reborde de tanta porcallada non saiban a que acudir e boten man de canto se lles vai ocorrendo no día a día da resistencia para non afogar na cloaca. O cidadán, sabio, curtido, vai calibrando cada escusa, cada mentira, cada hipócrita arrepentimento con vistas a tomar as decisións menos malas – boa xa sabe que non queda ningunha- cando chegue o momento, e ata entende que por algún lado han de fuxir, polo que é moito máis benévolo do que se merecen. Agora ben, existen raias que ningún político debería traspasar, territorios nos que non está permitida a frivolidade, a ignorancia e moito menos a malicia miserable. Que se vexan coa auga ao pescozo pola súa culpa, pola súa grandísima culpa, non lles dá ningún dereito a establecer comparacións entre o caso Rato e o do un exministro denunciado por algo tan grave como delicado, pero estritamente persoal, que non resiste ningunha decente comparación. Levar a loita política a estas comparacións extremas é simplemente repugnante.

domingo, 19 de abril de 2015

ASI FOI A BATALLA, EDUARDO

         Sobre moitas cousas podería escribir esta semana, pero, parafraseándoo, teño a Galeano atravesado nas pálpebras e non podo durmir; quero dicir un cento de cousas, pero atráncase Galeano na gorxa, e  nada podo dicir. Poida que non llo saiba contar como el se merece, pero debo intentalo. Morreu Galeano, o do perfil patricio, un césar dos da nada, dos indíxenas, da palabra cadenciosa, das veas sangrando polos débiles e sen ninguén que por eles fale. Desaparece a voz azul, rubia, elegante, clara e concisa daqueles que debían tragar humillación, inxustiza e medo. Unha voz política, contraditoria, errada moitas veces, pero valente e coa opción ben definida: a favor dos que non teñen voz. Mais non insistirei no que xa nestes días despois do pasamento se leva dito. Só lle quero contar un partido de fútbol, a el que tanto o amaba. Sei que agora terá tempo para ver os partidos a conciencia, coa poesía que a el o fútbol lle esixía, pero o que o martes xogaron en Madrid probablemente aínda non o puidese ver, leva pouco onde queira que estea, non estará de todo aclimatado e afeito e, con seguridade, non atoparía momento aínda para dedicarse  á contemplación  da batalla entre dous equipos de Madrid. Poida que non llo saiba narrar como a el lle gustaría, os de Montevideo ven o fútbol con ollos que nós non temos, pero debo intentalo.
            Non era noite pecha cando no estadio comezou a rodar a pelota polo pasto. A expectación, máxima. Os xogadores do R. Madrid atacaron dende co inicio cunha velocidade, soltura e naturalidade incontestable. Os do Atlético, sorprendidos, deambulaban aloulados detrás da pelota e dos xogadores de branco. Nos palcos principais políticos, homes de negocios e famosos miraban atentos e en silencio; no resto das gradas, seareiros dun e outro equipo, ataviados coas cores, bufandas e gorras propias da tribo, cantaban, berraban, insultaban e lamentaban cada medo, esperanza, emoción sublime, como ti ben dixeches, xogar sen seareiros e coma bailar sen música.
            Non tardaron os mercenarios do mundo concentrados no equipo branco (no fútbol non hai patrias) en abrir polos flancos a defensa atormentada do Atlético. Dirixida dende o centro por croata, colombiano e alemán a arma afiada dun de Gales, axiña o arco dos do Atlético se viu bombardeado por zapatazos lanzados con malicia velenosa. Pero por arqueiro contan os de Simeone, un arxentino vestido de puro negro cargado de paixón, cun gato chegado do Olimpo esloveno, flexible e de reflexos espirituais, capaz de interpoñer man, brazo, pé ou corpo todo diante de calquera balón que pretenda entrar na súa rede. Medio deus este rubio efebo frustrou cada intento dos mercenarios de Gales, Francia e Portugal recrutados para as filas do R. Madrid. Nada puideron facer por máis que os dianteiros de Francia e Gales (o portugués está tan pendente de si que se perde en innumerables batallas) acosaron sen piedade a portería contraria. Áxil o de Gales venceu pola súa banda cantas veces quixo ao que pretendía detelo; hábil o francés, non se sabe se indeciso ou xeneroso, desperdiciou ocasións de fusilar de morte . De calquera maneira, o semideus esloveno, porteiro a quen o mesmo Camus estou seguro envexaría se puidese velo, agardaba frío e felino, atento e seguro disposto a atrapar ou despexar calquera pelota que se achega ao arco. Incluso o colombiano chamado James, con ese pé esquerdo preciso coma unha máquina xermana, atopou o único oco polo que lanzar un disparo traidor, pero tamén aí chegaron as alongadas mans do arqueiro Oblak, que así se chama este esloveno de antepasados homéricos.
            Pasaban os minutos e os seguidores do Atlético só podían encomendarse ao seu porteiro, pois ata o teu compatriota Godín, tan bravo e concentrado sempre, perdía pelotas en zonas prohibidas. E nestas, outro atleta galo esvelto, case pluma, irmán do dos pés lixeiros, voa por enriba do pasto, anxélico, o balón diante del, os contrarios esgotados e caidos ao seu paso coma abrasados por unha potencia divina, ata alcanzar o punto onde se debe centrar para que na área o asasino remate o plan. Raphaël Varane , así se chama o galo irmán de Aquiles, voou polo Vicente Calderón no só neste instante senón cantas veces quixo, sixiloso, arteiro, anulado as escasas ocasións nas que os contrarios conseguían parar a pelota. Pero nin así os do R. Madrid conseguiron traspasar a liña defensiva de Oblak. E acabou a primeira parte da batalla.
            Na segunda, talvez desanimados os de branco por tanto fracaso, a batalla pasou de veloz, leda e florida a cruel e sanguinaria. Un heroe chegado de Croacia, alto e nobre, rudo, tenaz, infatigable, cargou sobre o seu lombo a responsabilidade de entrar no corpo a corpo definitivo . Un turco aproveitou para demostrar que non só en Arxentina e Uruguai saben coser a pelota ao pé. O sangue manou da fronte do heroe Mandzukic como proba de que a batalla ía en serio e sen posibilidade de negociación. Mais non houbo goles. Os deuses decidiron que terán todos outra oportunidade, os dos pés alados e os do sangue na faciana, os chegados do centro de Europa e de alén do mar, contarán con outra noite para dirimir a vitoria. E nesa si, todos os uruguaios e os que non o somos, gritaremos gol.


UNHA CASA QUE SOA A GLORIA

SE estiveramos plenamente convencidos, as leis favorecerían a infancia e o que a rodea. As institucións, o traballo, a educación, os investimentos dirixirían o seu propósito para estimular a natalidade, conciliar a vida laboral coa crianza, potenciar as escolas infantís, gastar sen medo en actividades antes dos catro anos, sabendo que a longo prazo incluso economicamente é máis rendible. Estudos económicos garanten aforros considerables se os recursos empregados na adolescencia se adiantasen en políticas educativas preventivas nos primeiros anos. Neste país son malos os tempos para parir e criar. A paternidade a cada paso máis responsable (outros poden tamén ver indicios de egoísmo) non acepta ter fillos e educalos de calquera maneira. As mulleres pospoñen a decisión de ser nais. En tódalas épocas, por suposto que non é esta a peor, ter fillos e educalos esixiu valentía, pero nesta talvez doe máis constatar as dificultades ao saber que si existen países non tan arredados de nós que o xestionan de maneira máis racional e beneficiosa para as mulleres e o conxunto da sociedade. Gastar na boa crianza e na educación infantil será sempre un investimento rendible.
Entre os cometidos que procuraría unha racional política de familia e infancia estaría a de facer experimentar ao neno a grandeza de chegar a esta nova casa, ao mundo. A vida aniña nun ambiente idóneo, morno, perfecto de equilibrio. Nada medra máis seguro e confortable ca un feto dentro da nai. Pasar pola brusca entrada neste mundo inicialmente inhóspito esixe condicións compensatorias en coidados, estímulos, afecto e tenrura que serán determinantes para a vida adulta. A familia debe contar con cantos máis medios para proporcionar esa estabilidade, as condicións sociais han ser as máis adecuadas para realizar as funcións primeiras de adaptación. Garderías, flexibilidade laboral (a tan desexada flexibilidade), escolas infantís e especialistas capaces colaborarían co entorno familiar nesa dirección. Iso, e non só o PIB, é medrar, prosperar, ser ricos. Galeano, que nos deixou estes días, dicía que aos nenos préstalles escoitar a música de Mozart dende moi cativos porque experimentan a ledicia de chegar a unha casa que soa a gloria. Pero para iso ha de potenciarse unha política de axuda á familia que permita nacementos e unha boa crianza. Díxoo Sartre: decide a infancia.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

lunes, 13 de abril de 2015

DOMÍNGUEZ E NIÑO JOSELE


EMIGRANTES

NAS últimas manifestacións que lle escoitei e lin a Emilio Lledó repite a experiencia que PARA el supuxo emigrar a Alemaña, sendo un mozo con 53 kg despois de facer o servizo militar. A viaxe a Heidelberg de aquel aprendiz de filósofo márcao para o resto dos días. Por iso agora, ben avanzados os oitenta, volve unha e outra vez a aquela experiencia xuvenil que tanta repercusión tería na súa vida, no só no campo intelectual. Trae os recordos para combater o estereotipo de que os andaluces son vagos, non pode soportalo despois de ver a aqueles emigrantes de Xaén, Sevilla, Almería, Huelva, a finais dos anos 50 e comezos dos 60 do século pasado, traballando 12 horas diarias, malvivindo en barracóns, coa única ilusión de xirar 1000 marcos ao mes á familia que resistía na miseria da postguerra. E vénlle á cabeza a dedicación a ensinar gramática alemá a quen nin aprendera a española. E rebélase, non lle parece xusta a simplificación. Enténdoo. Eu que vivín a experiencia na melloría dos anos 70, cando xa moitos regresaban, e só por meses de verán, tampouco o dei esquecido.
Moitos mozos de hoxe tamén emigran. Talvez os mellor formados, os máis valiosos. Pero xusto é admitir que as condicións non son idénticas. Non digo con isto que non teñan dereito os nosos licenciados a exercer aquí as súas profesións ou a dedicarse con garantías a investigar. Nada máis lóxico e beneficioso para o país que aproveitar o investido en formar a unha xeración de profesionais capaces. Nada tan doloroso como formarse con esforzo en enxeñería para logo ter que se conformar cun posto moi por debaixo da capacitación nun país estranxeiro. Con todo, as expectativas nesta sociedade global serán cada vez máis abertas, os profesionais e investigadores desexan CONTACTOS non tan apegados ao lugar de nacemento. A mobilidade e permeabilidade entre europeos e incluso outros continentes traspasará medos e prexuízos que agora nos atenazan. Non é lóxico que mozos preparados deban buscarse a vida de camareiros en Londres, pero non podemos ignorar que no futuro será frecuente que moitos exerzan a súa actividade profesional sen barreiras xeográficas. Deixaremos de ser emigrantes cando elixamos traballar en Berlín ou San Francisco. De momento, parece que non hai elección.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

O CANTADO FRACASO DE VAROUFAKIS




           
            Ás miñas amigas gústalles a rabiar o ministro grego de economía Varoufakis. Disque é a expresión sublime da masculinidade, do heroe, da potencia homérica, do clasicismo exento de enfeites baleiros e chocos. Atráelles ese rostro labrado con algo máis de dozura que as esculturas de Leiro, pero con idéntica fortaleza, tamén ese cranio rotundo, e ese corpo consistente e esvelto. Tamén, claro, aprecian que fala un inglés non aprendido hai tres días, que se ve afeito a ambientes onde as guerras intelectuais son coma un xogo e que se desenvolve con gracia informal onde outros só saben ir co uniforme de executivo encorchetado. Saber cabalgar con destreza unha moto de grande cilindrada tampouco repele. Que a súa política sexa máis ou menos realista e que con el Greza saia da triste situación económica que vive é asunto sobre o que se cadra non se dan posto de acordo nin as miñas amigas nin moitos outros, máis ben se desconfía da súa eficacia, pero sobre o anteriormente enunciado, o acordo é unánime e parece que un político así era hora que chegase, e non podía vir de outro lugar que non fose de onde se contaron as fazañas de Ulises.
            A min tamén me gusta Varoufakis. Por todo o dito e porque encarreira a proba do nove para saber se realmente do mundo universitario á política as aplicacións son posibles. Do mundo universitario que non coincide co pensamento máis habitual, claro, porque dos que van a favor da corrente xa contamos con experiencias de sobra de que si é posible, máis aínda: que case se produce un efecto vasos comunicantes sen poder distinguir entre o que vai da universidade ás finanzas ou no sentido contrario. Co flamante ministro grego estaremos en condicións de comprobar se aínda quedan azos para confiar en que a política se impoña aos intereses dun xeito de entender a economía, a riqueza e o progreso.
            A lei que impera dende finais do século pasado, coas vantaxes e inconvenientes da globalización, obriga a que os políticos anden a tombos intentando cadrar os intereses dos cidadáns sen se ver aniquilados polo peso dos poderes económicos. Un xogo perverso no que a pretensión de contentar á maioría dos seus votantes choca case de fronte co interese aberto dos enramados económicos que os poden asfixiar e guindar fóra da circulación en menos que canta un galo. Por iso a desconfianza do cidadán cara os seus elixidos. Por iso a desesperanza do político ao solicitar unha miga de autonomía que logo ha intentar encaixar coas presións, esixencias e chantaxes dos que realmente saben cara onde e como queren que discorran os destinos da economía. A diverxencia móstrase a cada paso máis evidente: medrar, ir ben a economía non sempre coincide con que lle vaia ben á maioría dos cidadáns. O exemplo máis evidente témolo neste melloramento incipiente do que o goberno se quere valer para convencernos de que apostamos ben e deberemos seguir facéndoo se non aceptamos que todo escache e se esfarele nos comezos da melloría. Crecemento e creación de emprego son variables que se utilizan para demostrar que a mellora non ofrece dúbida. Non se desprezan datos así. Por suposto que non. Pero é síntoma realista de melloría?

            Os defensores de que non se coñece outra maneira para progresar, insisten en que grazas a que as grandes empresas recuperan ganancias acabaremos todos por recibir algún froito desas ganancias. Ningunha fórmula demostrou ser mellor: ganan os grandes, algo ganarán os débiles, na medida e proporción que se poida, pero algo chegará a eles. Non medran os grandes, fundímonos todos. Este é o camiño, non convén saír fóra del. Outros, con visión distinta, consideran errada esta entrampada estratexia que só leva á desigualdade e á incongruencia insostible. Arranxos con tendencia á precariedade no emprego, salarios paupérrimos, condicións de sometemento con difícil rebelión, exclusión e diferencias entre maiorías resistentes e elites privilexiadas e dirixentes.             Entre os defensores de que unha economía distinta é posible poderiamos situar a Varoufakis. Medios de todo o mundo veñen cantando os seus fracasos antes aínda de que se produzan. Coma se os arúspices máis tétricos ditasen o seu canto triste, os grandes medios encárganse de nos adiantar os fracasos, traizóns e desastres que levará a Greza o intrépido heroe que xoga a fazañas ilusas abusando da confianza dos crédulos perdedores. Os desesperados depositan a confianza nun atrevido ilustrado que enreda con teorías de xogos á conta da súa desgraza. Outros, sen embargo, agardan con esperanza que un propósito político asentado na prioridade de desfacer a desigualdade demostre unha nova capacidade de acción económica. Que sexa posible ou non é curiosidade que se impón á voz dominante do fracaso cantado. E no caso de que este se confirme, o que procede é unha análise rigorosa das súas causas, porque se cadra non toda a culpa debe recaer sobre o atractivo Varoufakis.

domingo, 5 de abril de 2015

COMPAIXÓN, MEU DEUS


O DÍA 9 publicarase en España a nova novela de Umberto Eco. Engastallada a súa sabedoría nos oitenta anos, o intelectual italiano reflexiona coa lucidez que o caracteriza. Como anda de promoción, concede entrevistas. Na última que lle lin, ENTRE outras cousas, volvía ao vello asunto por el tantas veces tratado sobre as verdades que moitos libros conteñen aínda por riba do que o autor quixera expresar. Con límites, claro. Por máis que se lea unha poesía ou unha boa novela, e por máis que o libro diga ou nos interpele sobre aspectos que non entraban no plan de quen o escribiu, nunca poderá dicir algo para o que non está capacitado. Se o que queremos é saber como é a cidade de Chicago, por máis que leamos e interpretemos e reflexionemos enriba de “O nome da rosa” nada imos sacar. Si, sen embargo, se cadra, se nos aplicamos ou indagamos sobre os mosteiros en Galicia. Con todo, o certo é que os libros (as obras de arte) superan en ocasións as pretensións ou plans de quen os escribiron, os lectores entran nun diálogo con eles e as interpelacións dan para hermenéutica e comprensión superiores as inicialmente pensadas.

E non só interpelan e abren luz. Tamén reprochan. Isto escoiteillo a Emilio Lledó. O filósofo sevillano, tamén ben superados os oitenta, segue reflexionando con paixón e claridade. Referíndose á importancia que para el tiñan os seus libros, admitiu que ás veces ata sentía que Aristóteles, Kant ou Antonio Machado se queixaban do tempo que non se paraba a repasalos. É tanta a sintonía, a interdependencia entre lector e autor, que en ocasións recibe o reproche pola tardanza en volver a determinadas lecturas. Igual que os libros interpelan, sacoden, chaman ou reprochan, tamén a música. A min hai pezas musicais que me petan á porta para que non pase tanto tempo sen escoitalas. COMA se a preguiza ou desatención cara a elas supuxese un acto de infidelidade. Pasoume nalgún tempo coa “Paixón segundo S. Mateo” de J.S.Bach. Agora non, dende hai arredor de dez, cada primavera sinto a necesidade de escoitala coa calma e pausa que se merece. E será raro que me esqueza. Coincidiu este ano a audición co suceso do avión do Alpes e a conduta do copiloto alemán. Non insistirei sobre esa catástrofe. Moito se dixo e tal vez xa esteamos saturados de informes médicos, necesidade de medidas de precaución maiores e todas as manifestacións de asombro e desconcerto que se nos ocorran. Só aproveito para extraer unha conclusión que me parece ben acaida e da que non me dou desapegado canto máis escoito o “Erbarme Dich, mein Gott”: estamos perdendo a compaixón, falta misericordia.
Os homes podemos (debemos) escaravellar nas sinapsis e nas compoñentes químicas que entrelazan neurotransmisores


Rodeados de explicacións psiquiátricas e neurolóxicas, de tecnoloxía case infalible, de protocolos previsores rigorosos, esquecemos algo esencial: somos seres necesitados de compaixón. E debemos aprender a compadecer. A psicoloxía hoxe prefire elixir o término empatía, algo que non me acaba de convencer. Este término nas mans das ciencias sociais enferrúxase sen querer coa utilidade da maquinaria laboral, da comenencia, do utilitarismo. Ser empático é bo para motivar a un equipo, para producir mellor, para vender máis, para sentirse mellor un consigo mesmo. Si, seino, é tamén poñerse no lugar do outro, pero esas neuronas espello que tanto teñen que ver con esa tendencia propia dos humanos, non explican con plenitude de igual maneira que compaixón, misericordia. O cristianismo, tal vez porque na súa veta fonda o verdadeiramente misericordioso só é Deus, entende moito mellor este concepto e deixóunolo expresado sobre todo na música . Tanto a carencia COMO a manifestación graciosa de compaixón en ningunha expresión artística chega ao grao da imaxinería ou da música cristiá. Estar á beira do que sofre, entender o seu choro, chorar con el, exprésao a arte cristiá mellor ca ningunha outra. Os corpos esgazados e as almas secas pedindo misericordia en ningunha outra manifestación artística alcanza tal plenitude. Para recoñecelo non fai falla ser crente.

Os homes podemos (debemos) escaravellar nas sinapsis e nas compoñentes químicas que entrelazan neurotransmisores. Investigar con paixón e rigor nas estruturas biolóxicas que nos modelan para actuar dunha maneira ou doutra. O que levamos avanzado no coñecemento das causas da acción é un milagre. CONTINUAR afondando nelas é unha obriga inescusable. Canto máis avancemos, con probabilidade máis recuperaremos a evidencia de que fronte a toda competitividade, individualismo, abdicación de responsabilidade por desprazamento á enfermidade, haberemos de admitir a necesidade da compaixón. E a compadecer tamén se aprende. Resulta un paradoxo que bebendo da cultura onde Bach foi capaz de crear a suprema beleza expresando o anhelo de misericordia, a un mozo non lle trema o pulso levando á morte a 150 persoas unicamente por causa da súa infantil, ególatra e inmisericorde visión da vida.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA