sábado, 31 de marzo de 2012

DE COSPEDAL EN "MAD MEN"

Cando vía a Dolores De Cospedal nunha comparecencia como xefa do seu partido, dábame voltas a mesma pregunta na cabeza: onde vin eu a esta muller, onde está o seu lugar exacto? Lendo estes días que regresa a serie «Mad men», caín da burra. Aí, aí é onde sempre imaxinei a esta muller, na oficina de publicidade, como xefa de secretarias, con esa estética de elegancia fría, de beleza impenetrable, corrección á que non se lle move un cabelo, coa distancia e friaxe propias dunha secretaria con experiencia, coñecedora de todas as interioridades dos xefes, atenta e disposta a todo por manter o seu rol de poder na oficina. A pulcritude da inane corrección chega ao punto de confundirnos, non sabemos se fala un ser sofisticado, artificial, creado por e para a corrección inquebrantable ou unha muller de carne e óso, con marido, que gana máis de 400.000 ao ano, ambiciosa e con moito poder dentro do partido e todo na comunidade de Castilla La Mancha. 
Que ten marido parece probado. De Cospedal, igual que Villalobos, Aguirre e Santamaría ten o mérito de ser política á que se lle pega marido, non ao revés como acostuma a ser. (Botella nunca poderá facernos esquecer que é muller de, e por parte do Psoe, quen fora todopoderosa, a vicepresidenta agora desaparecida agás nun lóstrego final para confirmarnos que existen bos cirúrxicos plásticos, nunca se lle asociou marido aínda que si un magnífico fondo de armario). Andan moi pendentes agora os medios dos maridos destas mulleres con poder, como se estando á súa beira se fosen aproveitar de vantaxes inadecuadas. Non o creo. Demostrouse coa Thatcher e con Merkel que os maridos saben adaptarse a un segundo plano ás mil marabillas. Aquí non han ser menos. Que De Cospedal se bandea ben nas alturas do poder, á vista está: gaduñou ata a cima calada e nela segue sen que ninguén lle tusa. A non ser que Arenas, desenganado de que nin á quinta será presidente de Andalucía, se lle dea por escaravellar intentando regresar ao pasado. E que goza duns emolumentos substanciosos ela mesmo o dixo, non serei eu quen dubide das súas boas mañas para traballando tanto, merecer tanto. 
Nunha enquisa desas que con frecuencia se realizan para encher páxinas por encher, preguntábase aos españois con que política estarían dispostos a correr unha aventura. Saben a quen elixían maioritariamente? Atinaron: a De Cospedal. E creo saber a razón: latexa no inconsciente erótico masculino o desexo pola secretaria perfecta de «Mad men». Claro que moitos dos que contestaron elixíndoa a ela como soño luxurioso probablemente non visen a serie pensada por Matthew Weiner, pero no arquetipo colectivo do varón medio aínda aniña a fantasía da aventura coa secretaria perfecta: pulcra, atenta, coñecedora dos desexos e necesidades do xefe mellor ca el mesmo, previsora, leal, discreta, por ela nunca se ha saber nada. Se cadra por iso gusta ou se soporta ou se lle aguantan á dirixente do PP esas comparecencia baleiras, planas e previsibles que a calquera outro non se lle perdoarían. Por que atendemos aínda que só sexa unha miga a un busto que fala sen dicir nada, nin seria nin sorrindo, nin aberta nin pechada, inmutable, imperturbable? Por idéntica razón a que ninguén se atreve na oficina coa que coñece as interioridades de cada membro do grupo, coa que escruta no máis fondo dos intereses e ambicións de cada un, coa que manexa e trama os fíos de cada movemento, ascenso e despido. 
En canto á estética, non ignoro que De Cospedal viste co gusto e discreción dunha dama actual, pero corresponde no íntimo á estética daqueles executivos ao Don Draper, rodeados de secretarias listas, dispostas en poucas décadas a desprazar ao elegantísimo Don do seu despacho principal. A nosa política probablemente xa non ocupase na serie o papel de xefa de secretarias, ascemderçoa sen complexos a un dos despachos principais e mesmo podería ter ao seu carón como asesor a un mozo esperto acabado de saír do forno dunha universidade americana, pero non nos enganemos: o seu lugar está aí, en «Mad men». Usa idéntico perfume, peiteado, maneiras. O estilo vén dende aqueles tempos. O «élan vital» que move a súa figura pública aliméntase nas pulsións daquela febre. Por iso nos sentimos unha miga paralizados, consentidores, á expectativa, sorprendidos. Ninguén se atreve a criticala en serio. Non di nada. Nunca se lle coñeceu idea algunha. Non destaca por nada. Pero... Por algo estará aí repetindo día a día as píldoras informativas frías, anódinas, prescindibles, correctas. Que non viron «Mad men» e non saben a que me refiro? A que agardan para vela? Non tardarán en identificar a De Cospedal con algunha das mulleres que alí aparecen.

lunes, 26 de marzo de 2012

PIEDADE. SÍ: PIEDADE


TERRA

OS PESCADORES E NAVEGANTES, INCLUSO NA GUERRA, AXUDAN AOS OUTROS HOMES SEN PREOCUPARSE DE QUEN SON. O MAR É TAN PERIGOSO QUE OS HOMES SENTEN A NECESIDADE DE AXUDARSE MUTUAMENTE. E NA TERRA?


                                                                      FOTO MOISÉS SUÁREZ
             

CRUZ DE OLVIDO/LILA


domingo, 25 de marzo de 2012

DE BOA NOS ESTAMOS LIBRANDO


DENDE que vivimos no reino da verdade, todo vai collendo outro color. Certo que, tal e como corresponde a un goberno que non nos mente, ninguén se fai ilusións sobre o crecemento do emprego, porque xa os paladíns da verdade se encargan de nos dicir cada dúas por tres que de momento, nada. Todo estaba moito, pero moito peor do que se dicía (e mira que se dicía) e polo tanto toca sufrir as consecuencias. Así pois, non convén ilusionarse nin enganarse con trampas e mentiras propias dos tempos da falsidade. Agora que vivimos na claridade e na certeza ninguén debe enganarse: a economía seguirá mal e non se creará emprego. Para que isto se produza, dinnos, haberán de realizarse reformas profundas, serias, de verdade, non de mentira como as que se viñeron facendo no pasado (enténdase baixar soldo a funcionarios e pensionistas), a pesar de que na intimidade se lle ofrezan oracións e cera á Virxe da Barca polos sucios recortes aplicados dende o anterior goberno derribado, por descontado que polos seus abundantes méritos aniquilado e de todos esquecido. Pero volvendo ao actual que é o que nos debe ocupar, instalado como dicía no discurso da verdade,de non enganar como máxima de fiabilidade e achegamento ao cidadán, atopou unha fórmula comunicativa de grande valor e innovación, que nos tranquiliza.
Como a verdade ás veces doe e, aínda que calculada e con tempos medidos para arrincar dela a tallada correspondente, non convén servila en prato único, os cociñeiros do discurso imperante introduciron un elemento a un tempo pícaro e, como dicía, relaxante. Non creamos emprego, din; con estas medidas fondas, duras, dolorosas, non salta automaticamente o resorte da maxia que ía dar confianza aos mercados, crédito ás familias e baixada de impostos, riqueza e emprego por millóns, pero evitamos perder outros catrocentos mil, cincocentos mil, un millón, os empregos que segundo o momento nos conveña evitar. Mira ti por onde, instalados no reino da verdade, todo cadra e coincide nun cadro completo estimulante da paciencia, o sacrificio e a resignación. Perdidos e sen rumbo coma no bolero os partidos da oposición, recluídos no niño familiar os excluídos do sistema e apuxadas as recitas salvadoras polos ventos teutóns da física e química Merkel, o futuro inmediato preséntase relaxado e confiado. Agardemos. Confiemos. Ninguén parece ofrecer nada mellor, a ninguén se lle ocorre remedio con mellores garantías para recuperar ao moribundo. Así as cousas, non cuspamos ao ceo, agradezamos vivir na verdade e saltemos de ledicia por librarnos da que nos estamos librando. É se cadra vostede un inconformista iluso e irredento dos que critica que están acabando con todo e non cre que así se cre emprego? Ai si? No ve que se está evitando chegar aos 8 millóns de parados?

CINE AMABLE


Se o que desexas é ver unha historia doce, amable, fácil para o sorriso, non carente de agudeza e cunha boa dose de esperanza, esta pode ser a película. O cine inglés é difícil que non alcance un mínimo de dignidade. Neste caso tampouco defrauda, sobre todo pola magnífica selección de actores: un pracer ver tanta experiencia xunta. Humor intelixente, romanticismo na súa dose xusta, un acercamento superficial pero interesante á India. En fin, unha película da que se sae co optimismo que nos dá saber que nunca é tarde para crer no que se soña. Porque as cosas ao final sempre saen ben, e se non saen é porque aínda non chegou o final.

MESSI:AGARDANDO A HORA DO RECREO

Douglas Fields e George Bartzokis sosteñen que no proceso de aprendizaxe resulta fundamental a mielina. Todo movemento, pensamento ou sentimento humano, din, é un sinal eléctrico que se transmite a través dunha cadea de neuronas, dun circuíto de fibras nerviosas. A mielina é unha capa illante que envolve esas fibras nerviosas e que aumenta a forza, velocidade e precisión do sinal. Canto máis activamos un circuíto determinado, maior é a cantidade de mielina que optimiza ese circuíto, de modo que os nosos movementos, pensamentos e sentimentos vólvense máis fortes, rápidos e precisos. En canto un circuíto está ben recuberto de mielina a base de repetir e cometer erros unha e outra vez dende unha idade moi temperá, esa conduta automatízase coma algo completamente natural. Adquirida de tal maneira unha habilidade (tocar o piano, xogar ao tenis , ao golf ou ao fútbol), esta chega a percibirse como tan natural que se expresa como algo non aprendido, senón coma se un nacese co ese don pola graza de Deus ou por unha benéfica carga xenética. Pero non. Con ser a xenética un poderoso libro de instrucións, a habilidade adquírese pola activación do nervio no que se produce a aprendizaxe, e canto máis veces se repite, canto máis se practica con constancia e fe, máis se afirma e automatiza, porque maior é a cantidade de mielina que o envolve, conseguindo así que os sinais viaxen máis rápido, de maneira máis precisa, máis natural se así lle queremos dicir. Darwin dixérao á súa maneira: Sempre sostiven que, salvo os bobos, os homes non se diferencian moito en intelecto, só no tesón e no traballo duro. Aristóteles cravouno nunha frase mínima: A excelencia é un hábito. E, como insiste Dan Coyle no seu libro “Las claves del talento”, ninguén chegará a ser excepcional en algo se non practica dende moi neno coa teimosía de quen ama tanto o que fai que chega a confundirse cunha obsesión. A excelencia de Messi é digna de análise moito máis aló do que a un lle guste o fútbol. Resulta tan natural, tan preciso e veloz (máis aínda co pensamento que coas pernas), tan incansable, e véselle tan concentrado e feliz no que realiza que serve de magnífico exemplo para entender as claves da aprendizaxe ben asentada. Porque o mérito e a sedución primeira e principal deste futbolista radican na súa normalidade física. Ningunha condición física inicial faría prever que nel se agochaba tal fenómeno. Calquera experto ao axexo de figuras deportivas é moi probable que, sen velo xogar, de neno, dada a súa constitución física, non apostase por el. Sen embargo, aí o teñen coa súa escasa altura forzada con tratamentos médicos, co seu físico miúdo, deixando sentados a verdadeiros atletas, guindando coma monecos a rudos e poderosos defensas, atraendo tras de si a tres e catro homes desesperados incapaces de tiralo ao chan, nin falemos de quitarlle a pelota. Miren a planta dos esbirros que cada semana distintos adestradores preparan para mordelo, intimidalo, aburrilo. Todos acaban desesperados, rendidos, admirándoo e pedíndolle a camiseta. A súa seguridade é tal que nin enferma. Xa non digamos que o lesionen, ata aí parece aliado con todos os deuses, de tan flexible, habilidoso e resistente que é, senón que nin unha gripe o ataca. Podería xogar se me descoido todos os días da semana. Goza tanto co que fai, resúltalle tan fácil e natural, que para el non é esforzo, simplemente xoga ao que lle gusta, enreda co que mellor aprendeu e lle sae de maneira automática. Eu escribira noutra ocasión que é o mellor non recreo. Sí, é o mellor non recreo, pero ademais, e aquí radica a esencia, está sempre no recreo. Tal e coma nenos aos que lles gusta o fútbol desexan e agardan ilusionados a media hora na que gozan coma ananos xogando, así se comporta o mellor futbolista do mundo, o que atrae as miradas de todo o planeta guste ou non o fútbol, o que gaña máis de trinta millóns de euros ao ano, o que é capaz de ilusionar a nenos, facer babear a políticos, conseguir que estadios de case cen mil persoas escenifiquen a liturxia da admiración e millóns de letras e imaxes se centren na súa habilidade. Enrique Vila-Matas, tan fino introducindo literatura na literatura, ao analizar a Messi non ve un burro a catro pasos. Di que nos fai a todos vellos. Que vai facer, home. O que nos transforma é a todos en clarividentes: ao velo distinguimos a habilidade da torpeza, a facilidade do complicado, a beleza da fealdade. E recoñecemos que hai seres superiores grazas ao seu esforzo. E admirámolo. E non nos custa admitilo, nin o envexamos, participamos da súa gloriosa habilidade coma se, ao ver que alguén da nosa condición logra tal dominio, nós participaramos dalgún xeito da súa intelixencia, perfección e naturalidade. Dalgunha maneira, admirándoo tocamos unha miga da excelencia. Ese asombro diante da mestura de baile veloz, flexibilidade, sutileza, precisión, anticipación, fortaleza e finura en estado puro que conforman a habilidade de Messi, convértenos en concelebrantes do gozo da perfección. Ao velo, sabemos que a graza da habilidade está na execución dun automatismo que non se vixilia, nin se xulga, ni actúa, nin coñece ansiedades. Messi non xoga para un estadio de 100.000 persoas, nin para as televisións do mundo, nin para ser o máis rico, nin para que o vexan. Aí si acerta Vila-Matas: o máis visto no mundo enteiro non quere que o vexan. A graza dos xenios está en que na realización da súa obsesión, logran o que con penalidades, malas artes e trampas outros non conseguen nin de lonxe. A aprendizaxe do xenio está tan ben asentada, tan firmemente recuberta de mielina, diría Fields, que compartimos con el a grandeza de que algún dos humanos sexa quen de realizar con seguridade, coma se nada, con perfección e beleza, aquelo que parecería imposible agás para os deuses. Mentres a maioría nos esforzamos por ir trampeando coas nosas mal adquiridas habilidades, os verdadeiros mestres, os obsesivos dunha acción, os que a aprenderon dende nenos a base de práctica, práctica e práctica, acaban por executala coa facilidade de quen goza cada día no recreo. Por iso Messi non necesita falar, nin aparentar, nin esixirse, nin castigarse, nin crearse máis altos obxectivos, nin é nin deixa de ser humilde: simplemente aproveita cada recreo para pasalo bárbaro co que de verdade ama. Coma un neno feliz que vive para que chegue a hora do recreo.

sábado, 24 de marzo de 2012

BACH/QUASTHOFF

Levántate corazón puro. Levantémonos, aínda quedan corazóns puros, beleza pura. 

NAQUEL TEMPO CHOVÍA

                                                                                   Foto Moisés Suárez 

jueves, 22 de marzo de 2012

RECORDAR. INVENTAR. MENTIR.

Cada vez que recordamos algo, cambiámolo. Nunca recordamos o mesmo igual. O noso mecanismo para recordar fuciona coma se a un ordenador, cada vez que lle cargaramos un arquivo, perdera unha parte dos datos. A nosa memoria perde datos, quédanlle espazos libres, prodúcense ocos que necesitamos encher. Por iso os nosos recordos están cheos de invencións a conveniencia, ás veces para facelos máis belos, outras máis coherentes, incluso outras para que se adapten ao ton de tristeza no que dende o presente queremos recordar por completo e todo aquelo que está fragmentado. Mentímonos moito. A realidade é unha ilusión moi persistente. 


                                                                                        Foto Moisés Suárez

domingo, 18 de marzo de 2012

VOCALIZACIÓNS COPULATIVAS





LEO NUN XORNAL que os doutores Gayle Brewer e Colin Hendrie das Universidades Central de Lancashire e de Leeds respectivamente publican un estudo no que demostran que os ruídos e xemidos de moitas mulleres cando practican sexo son intencionados. Chámanlles a estes xemidos vocalizacións copulatorias. A experimentación vén dicir que moitas mulleres utilizan conscientemente esas vocalizacións como un táctica para aumentar a baixa estima do varón e para que vaia acabando cando elas xa se aburren ou se senten molestas. En definitiva, que non hai sincronía entre os laios, ruxidos e berros e o orgasmo propiamente dito. Das mulleres estudadas, o 25% admite que berra fóra do orgasmo un 90% do tempo, un 66% recoñece que utiliza tales manifestacións efusivas como aceleradores da exaculación do home, un 92% sabe perfectamente que cos chíos, bufidos, laios e afrontamentos elevan a moral do compañeiro e un 77% non ten inconveniente en aceptar que así o practican para que o compañeiro se sinta contento e descanse coma un touriño despois de quedar demostrado o fenómeno que é.
Descoñezo as pretensións finais deste estudo, pero antóllaseme que abundan experimentos referidos ao campo da sexualidade e dos afectos que, agás demostrar os prexuízos de quen formulan as hipóteses a investigar, pouco aportan á ciencia e ao ben vivir. No presente caso, non acabo de saber se o auténtico descubrimento é que as mulleres son conscientes de que berran, que saben da importancia que na relación pode supor a compenetración para elevar a estima e satisfacción do compañeiro ou, espero que non, simplemente escaravellar na falsa idea previa de que as mulleres poden e tenden a finxir máis e mellor que os homes. Se a relevancia do experimento radica na intencionalidade dos brúos ou saloucos, nada novo baixo o sol. Nunca oín que en tal estado as mulleres (os homes por descontado que non)perdesen a consciencia, quedasen reducidas a mero espasmo descontrolado e imparable incapaz de responder a calquera estímulo externo. Claro que serán conscientes ao longo do proceso e dedicarán intención, sabedoría e experiencia a canto realizan cos cinco sentidos. Como consecuencia, nada máis lóxico que utilicen aquelas artes (creo que tácticas tal e como din no estudo non é palabra adecuada) que incrementen a compenetración e pracer dos dous. Por conseguinte, non acabo de ver moito beneficio na investigación. Non vaia a ser, repito, que ao formular determinadas hipóteses se caia na trampa de alimentar a latente desconfianza inzada sobre a fiabilidade, con vocalización ou sen ela, da resposta sexual feminina. Porque, onde está escrito que deban sincronizar xemidos con orgasmo, inconsciencia con berros, involuntariedade con maior autenticidade do pracer?

sábado, 17 de marzo de 2012

MONTORO VAI NA BOA DIRECCIÓN

Dos dous ministros dedicados a tempo completo á economía (en realidade dedicados á economía están todos, todo é economía neste momento), Montoro cáeme moito mellor ca Luís de Guindos. Pura intuición. Mera simpatía. Haberá que deixar pasar tempo para comparar, pero, de momento, Montoro gana con autoridade. Por que? Porque evolucionou do menos ao máis dun xeito espectacular. E iso que non o favorece en exceso esa voz tan nasal, pero aínda así, os intentos de cada día por parecer ameno e sen tensión diante dos xornalistas, confiado e seguro no congreso, convérteno no meu preferido do equipo co que xoga o presidente Rajoy. Preguntaranse algúns: e Soraya non lle parece máis lista cá fame? Si, pero coido que acabará cansando. Soraya paréceme a Sánchez Vicario da política, una nena precoz, esforzada e traballadora, con memoria e labia, pero que talvez farte. Montoro vai adquirindo a categoría da experiencia, de ter vivido, de estar de volta. Quen o viu na época de Aznar e quen o ve agora! Daquela atento a superar a nota diante do xefe, agora sobrado, resabido, tranquilo por máis que treman os gonzos da economía nacional. É a vantaxe de actuar sen se ver xulgado, nin por si mesmo nin polos demais, de saber ben a lección e repetila coa relaxación que dá ter experimentado que pouco ou nada cambiará por máis que diga ou deixe de dicir. Sabe a doutrina que ha repetir para causar o mínimo dano ao goberno e ao partido, e repítea sen inmutarse, co sorriso nos labios, feliz, a razón e a fortuna están do seu lado. A última da súas saídas xa a coñecen: o único que teño seguro é a morte e pagar impostos. Frase non súa, disque de B. Franklin, pero que acae de perlas ao momento actual, sobre todo se queda aliñada co comodín ben aprendido e repetido por todos o membros do goberno: aplicación de medidas desagradables sempre tratando de ser equitativos, xustos e que non recaian sobre os máis desfavorecidos. E, por se aínda quedase algunha dúbida, acolléndose á bendita pésima herdanza que o anterior goberno lles deixou, sentencian que eles non baixaran o soldos aos funcionarios e aos pensionistas. Gabado sexa san Zapatero inútil e mártir, deberían axeonllarse cada mañá os do actual goberno dando grazas ao ceo, pois pola súa culpa, pola súa grandísima culpa, quedaron estes librados de ter que executar tan penosa e irremisible falcatruada. Pero volvamos a Montoro. Digo que vai na boa dirección porque nada máis acertado e eficaz dende o meu punto de vista que subir os impostos. Non queda outra. Pódense pintar de colores, bailar sardana con xisto e gaita galega de fondo, que, como non se ingrese máis, recortando a quen non ten, a non ser que liquidemos sanidade e educación, non hai maneira de equilibrar as contas. Hai tempo que moitos economistas de prestixio, e papóns coma min que os seguimos por mera boa intención, avogan por unha subida dos impostos. O que non sei é se a proposta que algúns facemos nesta dirección coincidirá coa de Montoro. Porque o ministro apúrase aclarando que aplicarán a recadación de maneira equitativa, pero eu de equitativa só lembro uns cines na Coruña que xa me parece que non existen. Que entenderá por equitativo e xusto o sr. Montoro e todo o coro de ministros que repiten idéntico salmo? Quererá dicir o seguro e simpático ministro da facenda que por fin se atreverán para que paguen impostos as multinacionais e as grandes fortunas? Andarán argallando algo el o seu compañeiro De Guindos para crear unha corrente de opinión en Europa que se enfronte en serio aos paraísos fiscais? Están adiantando que no futuro, en cada encontro internacional, o noso presidente xogará forte e sen complexos, con sentido común e como Deus manda, como a el lle gusta, defendendo que se acabe dunha vez con esta globalización do fraude? Non cómpre ir a Harvard para saber que os impostos só os pagan as clases medias nacionais. Non teñen maneira de actuar globalmente e non lles queda outra que soster cos seus impostos ao Estado. E polo mesmo, tamén é coñecido que os que realmente deberían contribuír proporcionalmente cos seus impostos non o fan porque dispoñen de mecanismos globais para escapar. Benvida sexa a simpatía do ministro Montoro e a súa evolución defendendo a evidencia de que hai que pagar impostos, algo que no hai nada, no tempo da oposición, equivalía a impensable, precisamente eran estes os causantes do mal, con eliminalos entrariamos de súpeto polo camiño da salvación. Alédanme os seus progresos. O que desexaría é que continúe, que afonde máis na cuestión, e, postos, que xa se lance e ataque de raíz o fraude fiscal e suba como se debe os impostos a quen llos debe subir. E que llos baixe a quen xa pagan máis do debido. Estarei atento á súa evolución.

lunes, 12 de marzo de 2012

OS IDUS DE MARZO

 Souben  da novela de Thornton Wilder por García Márquez. Lina tres veces e volvo a trozos determinados con moita frecuencia. Paréceme unha novela fonda e fermosísima.
A película de G. Clooney merece a pena. Semella un capítulo longo e redondo de "A ala oeste da Casablanca". Por momentos calquera diría que Aaron Sorkin dirixe algúns diálogos e fíos do guión. 
                        
Con todo, ao falar de "Os idus de marzo", sempre virán a min as cartas coas que Wilder vai perfilando a figura de Julio César, con independencia da fidelidade histórica.
                     


WE ALL GO BACK TO WHERE WE BELONG

PRIMAVERA/PAIXÓN

 
Este ano adiántase a primavera. Tamén a Paixón.

domingo, 11 de marzo de 2012

A FÁBRICA DE BETUME

O LUNS, 9 de febreiro de 1824, dous días despois de cumprir 12 anos, Charles Dickens entrou a traballar na fábrica de betume Warren. O seu traballo consistía en cubrir os tarros de pasta de betume con papel de parafina e, despois, cun anaco de papel azul, atáballe un cordel arredor, recortando con esmero e realizando a limpeza do papel e pasta sobrantes. Cando remataba unhas cantas ducias debía pegar en cada tarro unha etiqueta impresa. Así dez horas diarias, cun descanso para comer ás doce e unha pequena pausa para tomar un té a media tarde. El e máis o seu compañeiro Bob Fagin chegaron a ser tan expertos na realización da tarefa que, acomodados á beira dunha ventá para aproveitar mellor a luz, chamaban a atención aos paseantes que se detiñan para contemplar a habilidade dos raparigos. Pero o asunto non remataba aquí. A vida dos Dickens no estaba para bromas. Aos poucos días, o 20 de febreiro, seu pai, un debedor insolvente, ingresou no cárcere de Marshalsea, delito moi frecuente naqueles anos, pero que recibía un trato coma calquera outro delincuente e non se lle permitía saír da cadea. Tanto a fábrica de betume Warren como o cárcere de Marshalsea conformaron a personalidade do que non tardaría en ser un xenio literario dunha fama e prestixio extraordinarios.
Por aqueles anos, o neno Charles gardaba para si todo o que se lle pasaba pola cabeza. Non só o Londres sucio, o do pai encadeado ou que permitía traballar a nenos servindo de espectáculo para os viandantes. Tamén enchoupaba ao neno escritor o Londres dos teatros e espectáculos de variedades, e o do semanario The Portfolio, onde lía mesturados a divulgación e o entretemento, relatos de terror, execucións, asasinatos e escenas da vida diaria da cidade, a cultura popular que forxou o seu camiño literario. Charles pasaba o domingo visitando a seu pai no cárcere e ao solpor regresaba a Camden Town só, reservado, angustiado, matinando. Esta maneira calada de observar e sentir contrastan co creador de ficción que había de abrirse en canal a todas as emocións, pero que oculta como de verdade era el, calando o que realmente sentía. Talvez por iso a imaxe dos nenos das súas novelas sexa a de quen está sempre en perigo, maltratado, indixente, fráxil, enfermizo, explotado, desvalido e orfo, como nos di Peter Ackroyd na súa documentada biografía. Pero non nos enganemos. John Dickens saíu da cadea ás 14 semanas e volveu ao traballo. O neno Dickens non se sabe con certeza se foron seis meses ou un ano o que permaneceu na fábrica Warren. Pero ao pouco de saír, o neno apoucado e calado converteuse nun rapaz esperto, ocorrente, agradable e saudable. Con 14 anos xa lambera as feridas e estaba capacitado para superar calquera calamidade. Hai persoas ás que nin cubertos de betume se lles apaga o brillo e a luz coa que nacen.

CALMAR O CORAZÓN

Do 9 ao 10 de abril celebrarase en Madrid o II congreso sobre a felicidade. Científicos expertos na divulgación como Punset ou o psiquiatra Rojas Marcos participarán na xuntanza. Polo momento, o Instituto Cocacola sobre la Felicidad, institución encargada do congreso, xa lanzou algunha noticia que contrapesa coas últimas do CIS. Mentres o centro de investigación sociolóxica nos aplana coa contundente porcentaxe de xente (84%) que non ve miga de esperanza, os analistas que van tratar sobre a felicidade dinos que, a pesar da crise, dous de cada tres españois ( un 67,83%) séntense felices. Agradécese que nestes momentos haxa quen se dedique a pensar na felicidade. Cando todos os motivos de esperanza parecen podados polas malas novas económicas de cada día, que expertos e divulgadores se reúnan para descubrir o felices que somos ou podemos ser, a pesar todo, ten o seu mérito. Que a reunión estea pagada por unha multinacional de bebida con chispa é irrelevante. Ou non. Porque moito mellor é que as multinacionais se dediquen a indagar sobre as razóns da nosa felicidade e non en como deixarnos sen pernas. Ou sen corazón. E ademais incluso puidera exercer efecto contaxioso, pois non ben esta noticia saíu aos medios, Standar&Poor's anunciou sen reparo que a crise inmobiliaria acabará no 2013 e a macroeconómica no 2012. Aí quería ver a Standar&Poor's e axiña espero que a copien unha detrás doutra todas as axencias que con tanta furia e teimosía nos inxectaron o veleno da desconfianza e pesimismo extrems que nos consumen. Dirán algúns, con razón. Si e non. Puidera ser a economía tamén un estado de ánimo? Non. Non me embarrancarei neste xardín inexplicable e no que embazan ata os máis afamados dos capacitados. Non sei se é ou non un estado de ánimo, poida que non, pero o que parece innegable é que necesitamos luces de esperanza. O peor que nos regalou a dereita medrada e altiva, intratable, é a terrible desconfianza e a melancólica resignación. Primeiro meteunos neste embrollo, logo convenceunos de que todos a partes iguais tivemos a culpa por non aforrar o debido e ao final, tan desorientados coma cando non souberon atallala, machácanos con que non hai motivo para a esperanza e nada mellor que resignarse ata novo aviso. Mentres se ansiaba alcanzar o poder había que ridiculizar con saña o máis mínimo xesto de esperanza. Abofé que o consegurion con mestría. En canto se alcanzou, o que procede é incrementar a dureza da situación para, instalados no medo, a ninguén se lle ocorra dubidar canta submisión se ordene, non sexa que todo sexa peor, sempre se pode empeorar. Pedimos sacrificios porque somos sensatos e razoables. A calar. Claro que algúns xa deben estar de volta no camiño dos recortes e intúen que, tal e como algúns economistas heterodoxos prognosticaron dende o comezo, sen estímulo non só se incrementan as penalidades dos perdedores, senón que pode correr risco a ganancia dos que sempre ganan. Se cadra por iso multinacionais da chispa e as axencias máis aleutas dan os primeiros pasos na liña de ir abrindo unha miga de luz, non sexa que a escuridade sexa tanta que perdan a vista e ata os ollos moitos máis dos que estaban previstos e aceptados. Como a interdependencia entre os feitos e a interpretación que deles se realiza parece algo máis ca unha hipótese simpática, se cadra os encargados da interpretación deron no acordo de ir manifestando as primeiras sinais de cambio, ao tempo que se afrouxa na arte de meter medo igual a propia realidade vai collendo outro rumbo. Un dos científicos que ten previsto asistir ó congreso sobre felicidade do que lles falaba ao comezo é o profesor da universidade de Harvard Mario Alonso Puig. El foi quen dixo que a felicidade non é un benestar subxectivo, como sentirse quentiño en inverno ou tomarse un refresco en verán (xa me dirán como o patrocinador permitiu exemplo tan pouco conveniente). Parécelle que a felicidade é algo que calma o corazón. A min tamén. Cando o corazón se atropela, se anica ou perde o control, imposible resulta o goce da alegría, antesala de calquera anaco de felicidade. Á sociedade ocórrelle outro tanto. Para que se lle calme o corazón, ademais de contar coa calor mínima para non morrer polo frío debaixo dunha ponte, necesita de palabras animosas e esperanzadas. O mesmo profesor Alonso Puig explica a relación: as emocións afectan á saúde, porque a utilización de palabras negativas distorsionan a percepción da realidade. A nosa saúde depende das palabras, do que nos digamos. A saúde da sociedade igual. Non mellorará mentres o negativismo interpretativo e os prognósticos se ceben con insistir e alarmar con datos pésimos. Talvez chegou xa a hora de ir transformando o catastrofismo en esperanza razoable, o sacrificio en confianza a medio prazo. Con chorar nada se consegue. Adiantando desgrazas, salvo quen xogue con cartas marcadas para beneficios dobrados, ninguén mellorou nin saíu das dificultades. Se de verdade queremos ir detrás da calma do corazón, a porta de entrada non ha ser outra que ir comezando polas palabras que tiren de nós cara a confianza e a esperanza.

lunes, 5 de marzo de 2012

SOMOS RACIONAIS...

Ata que deixamos de selo.
Un home de mediana idade é diagnosticado de cancro. Desesperado, fai dous intentos de suicidio. Ingresado, dase a fortuna de que o equipo oncolóxico sabe tratar o cancro e este desaparece. Anulado o perigo, o suicida di entender a situación e convence a todos de que está  tranquilo ; desapareceu o motivo. Tan axiña como o dan de alta e  regresa á casa,  suicídase. 

DALLA E PAVAROTTI

INTERNADO

ASIA. Tempo de guerra. Varios ingleses encadeados padecen fame e tortura. Durante a noite, cando todos mal dormen polas feridas, a calor abafante e porcallada da cela, un deles, entre suores, berra no medio do pesadelo: Non, non máis, por favor, meu Deus, máis non... Outro preso, por mágoa, espértao. Ao volver en si, o do pesadelo, entre suores e co medo espetado nos ollos, acláralles con voz entrecortada: soñaba que estaba no colexio interno, en Tonbridge. Esta é a anécdota da que se serve Christopher Hitchens nas súas memorias para darnos idea do que pode chegar a ser a dureza traumática dun colexio interno na Gran Bretaña. Aínda recoñecendo o punto provocador do recurso, a min non me sorprende demasiado, sei de que vai o asunto.
Cando lin as memorias de Castilla del Pino, algo que me chamou especialmente a atención no seu primeiro volume, Pretérito imperfecto, foi a descrición que realiza da súa entrada sendo neno ao internado dos Salesianos en Ronda. O repaso detallado e unha miga rancoroso do psiquiatra durante os catro anos (do 1932 ao 1936), nos que estudou e se formou entre "curillas" como el lles chamaba, marcárono dunha maneira que aínda aos setenta e catro anos, cando lembra con prodixiosa memoria cada detalle, non pode ocultar as humillacións padecidas. E digo que me chamou a atención, porque cada decorado interno, réxime de vida, actuación dos superiores, relacións entre iguais, control da conciencia e métodos punitivos, son idénticos aos que eu vivín nos primeiros anos de vida en Belvís, só que trinta anos despois. A vida de internos no seminario no ano 1963 era idéntica, cravada, á dos que estudaron nos salesianos de Ronda en 1933. E se non igual, en algúns aspectos parecida á do amigo de Hitchens soñando na cadea de Asia. Non quixera caer no morbo de entrar en detalles das experiencias dos dez anos que nada achegarían. Só recoller a idea que se pode extraer das memorias dos dous escritores citados: apréndese a vivir en lugares tan inhóspitos. E non só iso. Coincido en boa parte co resumo que Hitchens fai do seu paso polo internado inglés poucos anos antes: "Para min, a experiencia de que me enviasen lonxe da casa a unha idade tenra foi, pese a calquera costo, emancipadora. Agora podo dicir que non lamento que non haxa máis 'Cómase ese cordeiro, Hitchens' ou 'Agáchese sobre esa cadeira, Hitchens', pero hai algo en min que espera que non todo se convertese nun reforzo positivo da personalidade, cun constante reparto de notas altas por unha simple cuestión de autoestima". Sobran argumentos para non botar de menos aqueles métodos, pero non sexa que nos pasemos en non ter que adaptarnos a nada inhóspito. A vida tamén é inhóspita.

ATAR CURTO AOS CARTOS



Sexamos ordinarios. Falemos de cartos. Fernando Ónega confesou hai uns días que viu cartos cos seus propios ollos na milla de ouro de Madrid. Segundo o xornalista de Pol, apostado diante dun escaparate dos prohibitivos, como quen busca bolso para lle regalar á muller, asexou nas tendas exclusivas e comprobou que os empregados embolsaban a feixes billetes de douscentos sen descanso. Froito de tal observación, concluía Ónega, cartos haber hainos, que os viu el, e non se moven en tarxetas nin en billetes de cincocentos, senón de douscentos. Non discutirei eu as capacidades de observación e dedución do vetarano xornalista instalado en Madrid, pero permítanme que lles conte o que eu veño asexando sobre eles sen necesidade de me apostar na milla de ouro de Madrid, vendo como as clases acomodadas os cepillan en marcas que autenticamente diferencian. Na miña pobre, profana e distante experiencia na observación da dinámica propia que se gastan os cartos, comprobei que a súa ilusión primeira e innegociable é a de ser libres, libertarios máis ben, dirían os nosos primeiros instrutores na moral. Libertarios por canto a eles o que máis lles pide o corpo é ir aló onde mellor se reproduzan, sen importarlles nada nin ninguén. Reproducirse sen fin, pero a poder ser sen cambiar de familia, unha vez coñecen unha dinámica familiar, prefiren non realizar grandes mudanzas internas. Esa é a esencia dos cartos. Por iso non convén facer caso ás cancións de berce coas que nos tratan de convencer dicindo que o que lles interesa é crear riqueza, postos de traballo, innovación e progreso. Contos chinos. Os cartos o que pretenden é amasarse, reproducirse ao máis mínimo costo, permanecer nas mesmas mans e viaxar aló onde sexa necesario para non contribuír en accións, proxectos ou obrigas que os repartan ou espallen. Por iso agora se acomodan ben en China (a eles iso do benestar e dos dereitos non lles preocupa en absoluto). E gozan coma ananos nos paraísos fiscais, claro, illas e redutos xeográficos mínimos nos que eles, tan cosmopolitas e grandiosos, se senten acubillados e acariñados coma en colo de nai. Ninguén máis cosmopolita que os cartos. Non teñen patria nin fronteira. Olen os lugares idóneos para fermentar e aló se instalan. Foxen da regulación o do control. Matinan coma fervenzas na forma de atopar regañas para non parar nas arcas do Estado nin no investimento social, a non ser que traian asociadas vantaxes de rebote. Non lles gusta repartir nin igualar. Saben urdir as mellores tramas para concentrarse. Son o demo. Din os expertos que cumpre a tripla función de calcular valores, facilitar o comercio e acumular riqueza, pero, das tres, a que máis lles apetece é a terceira. Acumular. Amasar. Concentrarse. Exhibirse ou agocharse en función das circunstancias. Pero sempre acumular. E para tal fin, os cartos non se andan con miramentos. Premen, acurralan, chantaxean e dominan. Buscan o poder como fórmula máis directa para alcanzar o seu instinto básico. Por iso a relación entre política e cartos vén con treboada dende os inicios. Sérvense e poténcianse mutuamente, necesítanse coma amantes neuróticos, destrúense e amíganse porque non poden vivir separados, pero xuntos tampouco atopan harmonía. A pulsión dos cartos por andar á súa e non respectar norma nin lei, acaba por deixar en ridículo aos políticos, sométenos ás máis evidentes humillacións, pero reenganchan noutro intento de conciliación, de proxecto único, no que se intenta facer crer que os cartos non gardan dentro o veleno incontrolable da acumulación e de do desprezo por todo o que non sexa medrar en concentrarse en poucas mans. Na relación cos cartos véñense dando dúas liñas básica de actuación: a de deixalos ao seu aire, libres e libertarios, facendo o que lles peta, eles saben ben como e por onde dirixirse para xerar riqueza. E a dos que sosteñen que hai que atalos moi curtos. Mantelos a raia, vixialos, establecer mecanismos claros e firmes de control para que sirvan a fins dinámicos pero decididos en favor das persoas. Que hai cartos está claro, coincido con Ónega. Que fan o que lles apetece, tamén. Dise que lles gusta a seguridade e a confianza. Non exactamente. Gústalles sobre todo contar con refuxios seguros, onde eles son o rei e a lei, pero para actuar prefiren sempre as condicións sociais que permiten a rápida acumulación e concentración. Cómpre con urxencia, a nivel global, que é o seu hábitat, establecer mecanismos claros de control. Mentres non os atemos curto, estamos condenados a someternos ao seu impulso caprichoso. E os cartos deben estar ao noso servizo, non nós ao deles.