domingo, 28 de agosto de 2016

UN CURA NEGRO EN SAN ANDRÉS DE TEIXIDO

UN pode ter fe ou non, pero chegados a San Andrés de Teixido parece imposible que non se instale nun a fe na fermosura do universo. Caendo o sol, os acantilados como querendo termar da potencia do mal, a luz que se vai apagando cando a mirada xa non dá máis de si. Un lugar ao que un baixa coa misteriosa dúbida de se o home busca estes lugares para acordarse de que non é nada, só unha muxica de conciencia que pode aprezar a grandeza do mundo, a súa beleza, a complexidade dunha natureza que se goberna non sabemos se por si mesma ou por algunha forza creadora capaz de unificar destrución con progreso, beleza con maldade, ou un vén co oculto orgullo de vernos capaces de mesturar simbolismo e transcendencia co medo e a confusión. Para non ir de morto fun en vida xa varias veces, sempre co contento que brota dunha viaxe a un lugar no que se mestura a superstición coa beleza, a maxia coa fe, a romaría co temor. É día souto, pero aínda así abundan os visitantes. Moita xente maior, pero tamén mozos, emigrantes, algún estranxeiro que andan por fóra, sentan a contemplar a caída do sol, pasmados de paisaxe tan fermosa. 
Na capela, sen estar repleta, moitos crentes acenden velas, deixan mensaxes de súplica en papeis de libreta cuadriculada e pasan a bicar un santo de madeira que sostén un cura que con paciencia e seriedade vai poñendo nos labios de cada devoto. O cura é negro. Non tiven a viveza de agardar a que acabase para ter unha palabras con el, gustaríame saber a súa procendencia e os pasos dados para chegar dende o seu mundo a este lugar tan arredado do seu. Arredado? Non, probablemente moi achegado. Reflexionando con calma dei en crer que talvez unha mentalidade africana estea hoxe máis cerca de comprender esta realidade entre paganismo, esperitualidade inespecífica e cristianismo que de todo se apropia. Probablemente moitas das persoas que acuden solicitando calquera favor a San Andrés, pasan o resto do ano nunha apatía relixiosa sen compromiso. 
Pero o emigrante que leva anos no Reino Unido e trae consigo uns amigos nativos, explícalle con paixón ao estranxeiro a potencia milagreira do santiño. Presume do número de persoas que ponden certificar o poder do santo por múltiples melloras na saúde, reconciliacións familiares ou peticións de egoísmo inconfesables. Si, explicalle a muller que parece cultivada á amiga inglesa, ver isto sei que invita a pensar en suborno aos poderes divinos, por iso quen pode acende máis velas e ofrece máis a cambio de que se lle cumpran as peticións, pero aínda así moitos vimos coa confianza porque o Santo é bo e por pedir non se perde nada. Afirma a muller que tódalas vacacións pasa a facerlle unha visita e mal non lle foi na vida. Gustaríame saber a interpretación do cura negro. É probable que entre a súa educación inicial exista u­nha conexión profunda con esta misteriosa realidade de beleza, fe e superstición, por máis que se vernizase coa teoloxía que lle esixen para facelo crego.

DE VERBENA EN VERBENA

Varela chegou ao internado cando o meu curso xa estaba en cuarto de humanidades. Procedía dos Paúles de Marín, pero nunca soubemos as razóns do seu traslado. O seu físico non chamaba a atención excepto polo pelo, negro, rebelde, rozando o límite do largo permitido; tiña o costume de mollalo en auga fría polas mañás, pasáballe os dedos cara a atrás para peitealo e chamaba a atención do ben que lle sentaba. Polo demais, os pómulos sobresalínan pero sen graza, o nariz con ser equilibrado ensanchaba bastante na ponte, e a boca, fina, permitía un riso frecuente pero sen brillo. Fácil no trato axiña se integrou. Non era alto nin tiña pinta de maior, pero o seu estilo cadabra co adulto de tarbena, enteirado de moitas cousas da vida real que nós non coñeciamos. Manexaba o dereito consuetudinario galego coma un auténtico experto. Sabía de pasantías, marcos, montes comunais, distribución de augas, dereitos adquiridos por aluguer e, sobre todo, controlaba os asuntos de  herdanzas coma un experimentado notario. Os seus temas de conversación, en contra do normal entre adolescentes nun internado, acababan sempre informándonos sobre os dereitos do que levaba a mellora, da necesidade de facer as partillas ao seu tempo e do mal que se portaban moitos fillos coas viuvas despois de repartir terras e apeiros. Cando os temas de conversa discurrían cara o habitual entre nós, el calaba ou desaparecía coa escusa de que aínda debía rematar un traballo ou acabar de memorizar un tema. Nós quedabamos indagando por onde andaban as últimas fotos de mozas espidas que entraran de contrabando grazas aos externos, cales eran as actrices máis atractivas do momento, riamos meténdonos con quen decidiamos era o  que se masturbaba máis ca ninguén, e fantaseabamos con porder nalgún momento tocar un corpo de muller.
            O curso pasou sen pena nin gloria. Os datos  que o neno adulto Varela nos disparaba fartáronnos.  Por fin chegaron os exames, as notas e as vacacións. Cada un regresou á súa aldea, vila ou cidade. Varela vivía por algunha aldea de cerca de Caldas de Reis. O verán voou e axiña nos atopamos de novo en setembro. Nada novo habería no comezo de curso se non fose pola transformación impensable de Varela. Acabouse a pose de adulto de taberna, remataron as longas explicación sobre parcerías e o problema do leite, xa daquela tiña Galicia problemas co leite. Nada do que presumía no curso pasado tiña o máis mínimo interese para o novo Varela. Agora era un mozo de aldea que pasara o verán de verbena en verbena e controlaba esa diversión e goce coma ningún de nós nunca puido imaxinar. Acompañado dun par de amigos da parroquia, dera en lanzarse ás verbenas e en agosto xa conquistaba a eito. Aprendera, dicía, a coñecer as mozas con só pedirlles saír a bailar. Axiña sabía se podía arrimarse ben, ventre con ventre, e desfurtar desa sensación inenarrable de compartir calor dous ventres novos, descoñecidos; había algunhas que permitían iso pero máis nada; outras, talvez máis románticas, poñían as mans por diante como protección contra contactos corpo a corpo, pero se o mozo era sabio, coñecía as palabras adecuadas e ía achegando a cara ao seu colo, ela deixábase  bicar con suaviade, bicos miúdos e frecuentes,  achegando a orella á boca do seductor para recibir máis palabras fermosas ou cursis. Non negaba que recibira algunha labazada por equivocarse na lectura do perfil da moza, pero en xeral repetía que en agosto eran poucoas ás que non lle pillaba o caletre e podía facer delas un pandeiro. Iso si: aínda nunca puidera chegar ao obxetivo último, realizar o acto completo, estivera a punto con unha de Amil, pero debeuse equivocar nos últimos pasos que ela cambiou de opinión e pechouse con firmeza. Pero asegura que para o verán próximo estaba feito. Regresaría perdida a virxinidade e cuberto de moita máis experiencia . Daquela non existía a Panorama, pero si a París de Noia e os Satélites e os Sprinters e a Saratoga. El e os colegas sabían das verbenas da rendonda onde máis había para elixir e aló ían cargados de ilusión. Non se trataba de bailar ben, dicía, senón de conseguir que as mozas se esquezan de bailar.

            O curso pasou. Chegou de novo o verán e todos regresamos ás nosas casas convencidos de que sen setembro Varela regresaría con máis aventuras que nos contar. Pero en agosto, no xornal, unha noticia rachou o verán coma se desaparecese a luz de súpeto. Un turismo atropelou a un grupo de mozos que regresaban dunha verbena. Un non chegou vivo ao hospital. Era Varela. Agardo que o verán dos meus lectores non se lles rompa dun xeito tan tráxico. Seguro que andaron de verbena en verbena e chegarán mortos ao traballo. Pero é así. O verán é para cansar de tanto desfrutar. Deséxolles forza para volver ao traballo.

lunes, 22 de agosto de 2016

TAPADAS NA PRAIA

CANDO as mulleres do interior ían tomar as augas á Lanzada ou Riazor (non hai tanto tempo), case ningunha sabía o que era un traxe de baño. Mollaban os pés, erguían os vestidos para non mollalos, tapábanse cando podían, nin pola cabeza lles pasaba a posibilidade de vestir doutro xeito para entrar no mar. Hoxe nin do interior nin do exterior, non hai muller nin home que tema vestir cómodo para ir á praia. Miña madriña, que conta 94 anos, ata os 90 andou sempre con pano na cabeza. Non doutra maneira se sentía segura nin guapa. Así ten a pel branca coma unha monxa de clausura. Chegados os 90, por influencia das netas, que a peitean e animan a que se poña guapa, deixou o pano, mostra o seu cabelo branco, anda toda crecha e nunca tan liberada se veu. Non gastaban aínda non hai tanto u­nha congregación de monxas unhas pamelas ou cofias brancas, enormes, aladas e amidonadas, que se hoxe as vise un rapaz pensaría que saíu unha nova película de ciencia ficción e el sen sabelo? Polos anos 60-70 do século pasado, os escándalos que causaban as turistas do norte poñendo bikini con toda naturalidade nas nosas prais foron monumentais.
 Eclesiásticos enfurecidos pensaban, inxenuos, que tal costume era cousa do demo e nunca se implantaría na católica España. Xa ven o que tardamos en mudar os costumes. Hai varias xeracións que non entenden a praia sen bikini de dúas ou unha peza. As sociedades avanzan e mudan maneiras con certa flexibilidade. 
Igual debería ser o problema co que Europa se atopa nestes momentos, mulleres de sociedades con costumes moi diferentes, que prefiren entrar na auga cubertas de pés a cabeza. Por min como se quixesen bañarse metidas nun tonel. Non mete máis medo ver saír da auga a un submanista recuberto en neopreno e armado de fusil de buceo? O problema radica no que sabemos dese costume no vestir. Reflicte a escravitude que as mulleres desa cultura padecen. Dominadas e ignoradas deben obedecer unhas leis relixiosas que non cadran cos dereitos democráticos que noutros lados logramos. O problema de fondo é o de sempre: sociedades que continúan sometidas a unha lei relixiosa que está por riba do poder civil. Culturas que aínda non pasaron pola ilustración e nas que a relixión segue dominando baixo hermenéuticas atrasadas, incompatibles coa ciencia, cos dereitos humanos. O problema é, polo tanto, de escravitude, das mulleres escravas nunha sociedade que aínda non se despegou do dogmatismo do poder relixioso.
O vestido importa menos. Non temos entre nós, por máis que anden espidas, mulleres escravizadas? A lei, logo, debería centrarse en prohibir a evidencia da escravitude. Se cadra é unha perda de tempo lexislar sobre o superficial. Por min que homes e mulleres, na cidade ou na praia, vistan como queiran, o que non se pode baixo ningún concepto e tapar os ollos diante da escravitude. Aí si todos han respectar a lei. E quen queira vivir entre nós, non lle queda outra que aceptar as leis aínda que non cadren coa presión relixiosa que padecen.

O BOSQUE DA FONTE AGOCHADA

NAQUEL LUGAR había un bosque tan inmenso coma vello, ninguén lembraba dende cando era así. Ocupaba unha extensión tan grande que os mellores expertos do bosque reuníanse con frecuencia para delimitar as súas dimensións, marcar os lugares perigosos, os máis fermosos, os camiños novos, coidar dos antigos, planificar plantacións novas, coidar dar árbores enfermas e decidir que anaco estaba preparado para a corta, cada certo tempo vendíanse toneladas e toneladas de madeira que daban grandes beneficios ao pobo, por iso, cando a venda de madeira ocorría, as festas duraban días e noites seguidas, cargadas de cantos e de alegría.

Dende antigo sabíase que o segredo do bosque atopábse nalgún lugar oculto que aínda ninguén dera con el: unha fonte de caudal inmenso da que brotaban augas que corrían en tódalas direccións e enchían o bosque de arroios, fervenzas, regatos suaves, fíos finísimo de auga que deitan música delicada e constante. Non importaba que viñeran días de lóstregos e tormentas ruidosas, nin meses de seca, sol do que abrasa, nin tampouco semanas de chuvia miúda que se espalla entre ás árbores coma pingas de tenrura. Tampouco cambiaba nada se as folerpas de neve queríann durante algún inverno pousar nas copas das árbores e darlle ao bosque unha blancura diferente á de cando o sol se coa por entre as follas dos castaños ou dos carballos. A fonte resistía tódalas condicións da atmosfera poque debía ser tan inmensa, de pedra tan boa, tan fonda, que nada trastonaba o seu programa: dar auga regulada, ao seu tempo, para as árbores e as persoas, para a terra na que se asentaba tanto silencio ás veces, o ruxir do vento contra a follas outras.

Aprendían os nenos a vivir co bosque e ir detrás da fonte agochada aínda on ben comezaban a falar. Sabían polos pais e avós que dentro do bosque había un tesouro que atopar e, sen deixar aoutros labores, todos no pobo se dedicaban a planifacar excursións, expedicións serias, camiñatas de nenos a ver se alguén, por fin, dunha vez daba co lugar onde a fonte se agochaba. Pero tantas viaxes ao longo de moitos anos non deran resultado. Mais non pobo non se desanimaban, non perdían a fe, e así educaban ao fillos para que desfrutasen, investigasen, enredasen e se relaxasen no monte. Os mestres acompañaban aos alumnos ao bosque para aprender o nome de tódalas árbores, difícil de tantas que había; enredaban con xogos de pistas para perderse e atoparse; aproveitaban para estudar nos días nas que a calor non permitía estar a gusto na escola; aprendían en silencio a escoitar a natureza; camiñaban en días especiais por se tiñan a fortuna de dar coa fonte agochada.

Os maiores tamén aproveitaban días de folganza para meterse ata o maior espesor e distinguir o cantar dos paxaros, os sonidos dos réptiles, o crecemento das árbores ultimamente prantadas. E buscaban tamén con ansia a fonte agochada, pero pasaban anos e ninguén daba con ela. Dunha vez un grupo que se meteu cara o norte e realizou unha expedición de máis dun mes pensou dar con ela, abriuse un claro entre as árbores, un prado inmeso estendíase verde e fresco nun rectángulo enorme, e todos correron cara o centro onde si broba unha fonte, fresca, potente, de auga cristalina, pero examinada polos expertos comprobouse que só podía ser unha das moitas que imitaban á verdadeira, á agochada, pero nin polo caudal nin polas dimensións podía ser a que correspondía á grandeza de tan belo bosque.

A pesar dos traballos de a diario - o pobo non era de fantasía, esixía esforzo e traballo a cotío-, nas casas sempre se atopaban ocasións para contar aventuras referidas ao bosque. Algúns acordaban e contaban de cando algún animal atravesado metía medo polas noites, de alguén que se perdera esixindo o ratreo da comunidade para atopalo, algún regato no que dicían se atoparan sete pedras preciosas e incluso había quen aseguraba que nalgún tempo se escoitaban en plena noite coros de voces graves cantando cantos tristes e melancólicos.

Pero o evidente é que pasaban os anos e a fonte agochada seguía sen aparecer. Si apareceron grupos de descontentos entre os habitantes criticando que se estaba ilusionando aos nenos cunha fonte inexistente, coma se o seu escepticismo aportase algo. Mais axiña os vellos, os mestres, os directores da comunidade apagaron esas voces incrédulas convencidos de que mentres estivesen centrados en atopar a fonte agochada, o bosque continuaría sendo a fonte da súa vida. E así foi, seguen no pobo gozando de todo canto o bosque lles dá e nunca cansan de buscar a misteriosa fonte agochada. E o bosque non arde.

sábado, 13 de agosto de 2016

ROMARÍA EN ESTOCOLMO

EN Estocolmo ía unha temperatura ideal. O día, claro, alegre, invitaba a saír á rúa a mozos e vellos. Por calquera rúa da cidade mesturabánse mocidade, turistas, ciclistas, vellos con aparencia de maduros. Todos parecían aledarse de xornada tan luminosa entre auga e verde, zonas peonils, comercios ateigados de compradores. Os viaxeiros, esquecidos de autobuses turísticos, guías, plans programados, tamén andabamos con plena liberdade contemplando, descubrindo aquí e alí, parando diante de grupos de artistas de rúa que ofrecían boa música, números sorpresa ou riso entendible sen idiomas. Sempre me gustou atender aos músicos de rúa. Moitos sei que non pasan de mediocres intérpretes, pero hai algo neles que me chama e me invita a prestarlles unha miga de atención. Se non é polos valores musicais, algo me parece que aprenderei observándoos.
 Nunha rúa actuaba un trío formado por trompeta, saxo e baixo que daba xenio escoitalo. Despois seguimos camiñando. Apartámonos algo da zona máis concurrida. Baixamos por unha ponte que parecía nos separaba do carozo da actividade vital. Nesto, que ao lonxe me parece escoitar unha muñeira. Unha muiñeira en Estocolmo?
Fomos detrás do son, apartámonos aínda máis do centro e si, noutra ponte, con moi pouca xente pasando por alí, un mozo tocaba a gaita. Achegámonos, claro. Deixamos que rematase a peza. O rapaz gastaba unha melena rizada e longa e unha barbuxa feble, coma de la mal estendida pola cara. Moi moreno. Non, non era galego. Era chileno, da Patagonia de Chile. Levaba un ano polo mundo vivindo da gaita. Unha experiencia única. Fóralle moi ben economicamente en España, sobre todo no sur. En Galicia estivo pero non se atrevera a tocar, eran moi bos os que escoitou.
Agora levaba dous meses en Estocolmo. Non era que fosen moi espléndidos, moito máis en España con ser máis pobres, pero “las chicas son muy lindas” e pensaba quedar aínda outra temporada. A policía non se metía con el, tocaba onde lle parecía, ía resistindo, e se prosperaba a relación que acababa e encetar incluso pensaría en preparar papeis para poder establecerse. Si, vai frío e escurece cedo. Pero “como ya dije, las chicas son muy lindas”. Como non elixes un lugar máis concurrido para tocar, pregunteille. Non elixo.
Elíxenme os lugares a min, hoxe pareceume que soaba moi ben aquí esta muiñeira e púxenme a tocar e algo cae, mostrounos o cestiño con algunha coroas e euros. Antes de nos despedir explicounos que a gaita estaba feita de madeira da Patagonia, que a quería de verdade, non era unha feita polos Seivane, pero a el dáballe sorte e levábaa coma ouro en pano aló onde ía. Despedímonos e comezou cunha nova muiñeira. Ao nos ir alonxando do lugar e son, parecía coma se Estocolmo estivesen de romaría, de festa do patrón. Logo, outra vez no barullo do centro, con músicas e aires completamente distintos comprobamos que si, que con este sol e esta luz Estocolmo era unha auténtica romaría internacional, onde os festeiros, educados, apresurados, apuraban cada lisca de luz, de calor, de festa antes de que volvese o frío e a escuridade. 

viernes, 12 de agosto de 2016

REVE ABANDONA A ORQUESTRA

Nas primeiras horas da mañá do luns, estaba abrindo o día,  Reve chegou ao pequeno piso alugado dende mediados  de xuño, pechou as persianas, deitouse na cama e antes de quedar durmindo dixo en alto: “A tomar polo cu. Acabouse a Caribe. Que toque con eses idiotas a nai que os pariu”. E durmiu todo o día. Estaba morto.
Seu pai, nacido en Guláns labrego e aprendiz de músico, conseguira facer carreira musical e militar cando foi á mili. Nunca logrou ser un músico como a el lle gustaría, pero si unha vida digna, asentou en Segovia na Academia de Artillería, casou e tivo un neno no que depositou toda a súa frustración: había de ser músico de categoría, el tiña oportunidade, podería mandalo ao conservatorio, non á escola de noite de Guláns . Con esa idea púxelle Reveriano en contra do parecer da nai, pero a súa admiración por Reveriano Soutullo era tanta que pensou que ao lle impoñer ese nome, o rapaz tería medio conservatorio aprobado. A  nai foi a causante de que dende que o bautizaran lle chamasen Reve, non lle gustaba, pero aceptábao mellor que Reveriano, nome que acabou odiando con idéntico silencio co que se foi apartando do seu marido ríxido, frustrado, dominante ata o impensable.
A vida de Reve foise guiando polos ditados rigorosos do pai ata que chegou á xuventude alta, que rachou con todo. Fora tanto o autoritarismo do pai que colleu polo carreiro oposto e largouse a Madrid enfadado con todos e con todo. Por suposto sen acabar os anos de piano, só cunha formación básica, pero suficiente para ir pillando chopes en distintos hoteis para tocar polas noites. O certo é que Reve tiña certo don e con gusto e a boa elección do repertorio acabou por entrar en hoteis de categoría e axiña fixo cartos para levar unha vida nocturna atrevida e de troula. Coñeceu ben os ambientes madrileños despois de que remataba o traballo, probou dos praceres e sensabores dos excesos, pero mantivo a serenidade suficiente para conservar os traballos e seguir cun nivel de vida aceptable. A Segovia ía de pascuas en ramos para a ver á sufridora de súa nai, a poder ser sen tropezarse co pai.
Pasados uns anos neste estilo de vida coñeceu unha rapaza que o sosegou durante un ano, tempo sufienciente para lle facer crer que sentaría cabeza e podería formar unha familia. Casou. Unha voda sencilla e case secreta e a ou pouco tempo tiveron unha filla. Pero o seu asentamento foi efémero. Ao pouco de ter a nena o corpo pediulle outra veza andar de farra e todo acabou como tiña que acabar: a muller deixouno cansa das súa irresponsabilidade e de regresar á casa  un día si e outro tamén fóra de hora e en pésimas condicións. Só, aburrido de Madrid, divorciado, decidiu cambiar de aires. Soubo por un amigo que en Lanzarote abrían un grande e luxoso hotel, probárono e, coa experiencia adquirida, non dubidaron en contratalo. As parellas de alemáns, ingleses e españois que ás noites ían ao salón para tomar unha copa, quedaban sempre satisfeitos pola mestura equilibrada e gustosa que facía nas súas eleccións: unha miga de Schumann fácil, de Chopin, tangos, boleros, algo de Falla e o público acababa escoitando, algo pouco frecuente nestes casos. Despois do traballo o plan consistía en algo de piscina e moito de botar ollo para atopar muller – case sempre estranxeira- para pasar unha ou dúas noites, nunca máis de tres.
Así se foi aclimatando ao vento de Lanzarote, ata que unha noite, en plena actuación, notou a mirada fixa nel dunha muller especial. Estaba acompañada doutra sen miga de graza. Pero ela, sen ser espectacular, tiña un aire entre tenro e atrevido que o ataron durante todo o tempo que tocou. Coa práctica que lle sobraba, nun descanso, acabaou tomando unha copa con elas e axiña soubo que a muller especial estaba de loito por divorcio, era profesora de latín nun instituto en Galicia e que, cando acabase a actuación, volvería con elas – con ela, a compañeira foi boa amiga e desapareceu- para continuar coñecéndose. Coñecéronse. Ao contrario do seu hábito, con Helena pasou os dez días que permaneceu na illa. Cando marchou quedoulle pena e quedaron en que el iría a vela a Galicia en canto puidese. Tardou máis do que Helena supuxo, pero morto o pai, arranxados os asuntos mínimo de herdanza e depositada súa nai na residencia para mayores de militares do Guadarrama, sen saber o porqué decidiu coller o coche e viaxar a Galicia.

Helena non era a mesma de Lanzarote. Decepcionouse. Alugou un piso nun barrio barato na mesma cidade ca ela, e como comezaba o verán fichou como teclista pola orquestra Caribe. Non aguantou máis que o mes de xullo. A primeiros de agosto, despois da actuación nunha aldea infernal, onde só uns vellos e catro borrachos miraban aparvados para as dúas rapazas que gritaban ensinando perna e teta, acabou tan farto e desesperado que optou por mandar todo á merda. O luns durmiu todo o día. Pasadas as doce da noite espertou e púxose a fumar pensando que sería a partires de agora da súa vida.

martes, 9 de agosto de 2016

DINASTÍA ORTEGA MURILLO

BOTARON a Somoza os Sandinistas que encheron de ilusión a millóns de progresistas do mundo. Un grupo de revolucionarios entre os que se mesturaban intelectuais, católicos comprometidos coa teoloxía da liberación, marxistas, valentes e bastantes cínicos arrribistas. En España, como diante doutras ilusións fallidas, progresistas inxenuos abrazaron a causa coma propia, tiven incluso compañeiros de universidade que marcharon a Nicaragua coa fe do apóstolo dispostos a dar anos da súa vida axudando como médico ou mestre nun proxecto que prometía unha sociedade nova, igualitaria, libre, liberada de sátrapas propietarios dun país para o seu propio Interese e beneficio.
O resultado daquela ilusión témola á vista: o retorno dun sátrapa saído daqueles revolucionaros, axudado por unha muller aínda máis ambiciosa e desapiadada, dispostos a converterse na nova dinatía sustituta dalquel Somoza execrable. Ortega a a compañeira Murillo son unha parella de fotonovela triste e cruel para un país sen chispa de sorte. Daqueles revolucionarios, Ramírez, escritor, sofre desengañado comprobando a súa inútil entrega naquel proxecto escorado cara a peor das traizóns. Cardenal, o cura de Solentiname, poeta, iluso convencido de que entre fe e marxismo podería darse o paraíso co que soñaba, recordará o merecida que fora a reprensión do Papa que tanto criticaron os católicos progresistas deste lado da historía. 
Como sempre, cómodos, coa mirada distorsionada polo propio confort, parecíalles duro e inxusto un Papa que entendía á perfección a estúpida axuda, idiota útil, que prestaba a cínicos impostores que en realidade levarían os feitos aos seus ambiciosos e sucios desexos. Unha mágoa a cantidade de esforzos, sacrificios e incluso mártires (caso do Salvador) de católicos ilustrados, comprometidos, que dedicaron a vida a tratar de que se cumprise o compromiso da fe coa probreza. Triste o destino e pouco rendible empreño de mártires coma Ellacuría, teólogos como Gutiérrez, Jon Sobrino ou Leonardo Boff . E desatinada a vision de García Márquez, sorprendendo como sampre dándolles unha publicidade asombrosa ás súas amizades políticas tan perigosas (Fidel, Torrijos) , confiando ata nun guerrilleiro voluble, estraño e ao fin un mercenario atípico, escribíndolle un artigo precioso: “Edén Pasotra” ao que calificou como “el hombre que nunca duerme”.
O que nunca descansou foi Ortega, o máis tenaz, o máis ambicioso. Resistiu a tódalas contrariedades ata destruír o parlamento, confeccionar unha constitución á medida e facerse dono do país ao estilo do tan desprezado Somoza. De Soma a Ortega e a compañeira Murillo pasou o país por unha guerra de esperanza, desconfianza e desencanto que nos deprime e fai temer que todo intento revolucionaro, por comprobación histórica, acaba nun eterno retorno de desgraza e represión. Haberá que explorar outros camiños, este parece esgotado. Claro que algúns, impermeables aos feitos, aferraranse a que culpa foi só dos EE.UU. alimentando a contrarrevolución.

O PRIMEIRO DÍA DE DESCANSO

O plan era erguerse cedo, pero a única que o fixo foi a nai. O pai, media hora máis tarde; os fillos, dúas horas despois do previsto. Quen máis empaquetou e organizou foi, claro, a muller. O pai dedicouse a instalar no coche unha baca para levar enriba a lancha pneumática na que se empeñara ía facer de mariño a 20 metros da area. Os rapaces, coas tabletas na man, almorzaron peterreando e poñendo dos nervios á nai. Por fin, despois de varias viaxes do piso ao garaxe, saíron á estrada ás 9,57. O previsto era estar ás 8, un atraso aceptable.
            Na circunvalación o atasco era monumental. A maior parte do tempo estaban parados, e cando conseguían arrancar, non por riba de 20 por hora, nunca avanzaban máis de dous quilómetros. A nai comezou a poñer cara de poucos a migos, pero o marido tranquilizouna: isto é á saída da cidade, unha vez na autovía, aclararará o tráfico e iremos coma tiros. Non tal. A 30 quilómetros seguían nunha caravana monumental que só lles permitía avanzar en lento acordeón . Entón tamén lle chegou o desespero ao pai. Menuda puta merda de circulación. A nena, resabiada, repéndeo: papá, esa boca... Pasan as horas e avánzase pouco. A calor, sen embargo, sobre a un ritmo do demo. Ás 11,32 xa están a 32 graos. O aire acondicionado corta. A nai protesta: o próximo coche quéroo con climatizador bizona, non aguanto este frío, vou enfermar. O home xustifícase: é que con esta calor, se non poño frío, non dou conducido; e do coche con climatizador bizona vaite esquecendo, haberá que aproveitar este ata que morra. Silencio.
            Os nenos entretéñense cos trebellos electrónicos, pero todo ten o seu límite e comezan cun diálogo amable: que non me toques, imbécil, di o rapaz; que cales, subnormal, responde a rapaza; pija de merda, sobe o tono o rapaz; mamá, reclama axuda a nena, despois berrarasme se lle casco, porque lle vou cascar a este anano... A nai perde o control e dá un berro que desconcerta ao conductor: aínda imos ter un accidente, foder, isto non hai quen o aguante, quéixase. No primeiro bar de estrada que ve dá un volantazo, para e di que vai tomar un café. A nai toma outro, ben cargado. Os nenos, sen soltar as máquinas, piden refrescos rebosantes de zucre. Regresan ao coche sen mediar palabra. O sol, o tráfico, as guerrillas dos rapaces, o cansanzo de todos, crea un clima enfurruñado, seco, triste.
            Despois de moitos quilómetros aparece un claro. Pódese circular á velocidade permitida e adiántase algo. Pero axiña chegan a unha encrucillada de varias estradas nas que de novo se forma en umbudo que os mantén freados.Chegan áo pobo de praia ás 4,46. Sen comer. Sedentos. Escaldados. Fartos. Polo GPS atopan o edificio onde teñen alugado o apartamento, pero sitio para aparcar, tal e como lles xurara o propietario que había a patadas, nin un. Despois de voltas e voltas, desesperados, ven un mozo á beira dun coche con intención de saír. Pregúntanlle e si: saio agora, di. Pero agora convértese nun tempo interminable porque senta no capó falando cun colega e parece que teñen asuntos serios que aclarar. O pai, fóra de si, pregúnta de novo: pero saes ou non? O mozo, altivo, mírao con desprezo: se tes présa, lárgate, tío, eu non te mando agardar. Por fin vaise. Pero como nunca veñen soas, o cálculo do espazo cubicado polo condutor non coincide coa realidade: o seu coche non entra e non entra. A nai enfurécese pola torpeza do marido. O marido xura. Os nenos entenden que o asunto está chegando a un punto no que non convén dar chío.

            Son as 5,42 cando por fin logran aparcar. Buscan antes ca nada un lugar onde beber e comer. Atopan axiña un. Sentan. Unha moza do leste, polaca, ucraína ou letona, belísima, achégase para atendelos nun español moi aceptable. O marido cambia de cara. Ri.  A muller mírao con ollos coma coitelas. Non tardan en servirlles pementos afogados en sal e aceite de motor, como diría Jonathan Franzen; as luras, igual, chorrean e saben a óxido férrico; o polvo á feira está duro coma unha correa de albarda, non se dá tragado. Pagan. Chaman ao propietario para que lles entregue o apartamento. Tarda. Pasa das 19 horas cando chega desculpándose . Soben en dúas veces, no ascensor non caben os cinco. Ao entrar, á nai case lle dá unha volta: tantos cartos por quince días nestas paredes deprimentes. Si, cumpre o adiantado: dúas habitacións, un salón, unha cociña e un baño. Pero as portas parecen de cartón; as ventás de aluminio puro transpórtana aos anos setenta, cando nena; o salón, a única peza que disque tiña vista ao mar, dá a un edificio de máis de dez pisos que non permite ver absolutamente nada. A cociña non quere nin mirala. As pezas do baño, rosa enfermizo, retiran as ganas de vivir. Por non armar lío, aceptan as chaves. Sentan nas cadeiras rachadas. Os nenos volven ás maquinas. O pai tómbase, está morto. A nai, cun fío de voz, acepta: canto mellor non estariamos na casa. O pai, para animala, di sen fe: iso é porque estamos moi cansos, mañá verás todo doutra maneira. A nai  pecha os ollos: si, mañá terei que cociñar...