domingo, 23 de junio de 2013

LISTOS E GUAPOS SEN ESPELLO


O INCOMBUSTIBLE Shimon Peres celebrou os noventa anos rodeado de personalidades e preciosidades. De Bill Clinton a Sharon Stone, foron moitos os convidados que o quixeron acompañar. Con tal motivo concedeu unha entrevista na que, ademais de analizar os temas inevitables do conflito entre os palestinos es os xudeus, tocou algo que para el sempre foi substancial: a ciencia. A súa gran preocupación durante anos foi a nanotecnoloxía, por iso apuxou para que Israel estea na cabeza deste campo da investigación. Pero a curiosidade científica que neste momento o mantén esperto é o cerebro. Masa tan misteriosa capaz de crear cerebros artificiais pero incapaz aínda de saber como se goberna a si mesmo, pois cústalle saber quen é o observador dos seus propios pensamentos.
A propósito deste interese científico, Peres propón que a civilización comezou cando o home descubriu o espello (miña nai sempre o di: parece que non tes un espello para te mirar). Porque se se ten un espello, di el, non miña nai, todo o mundo se lava pola mañá, sen gobernos nin ordes. Se tiveramos un espello para o noso cerebro da mesma maneira que o temos para a cara, a xente cortaría a uñas. Coñecida é a importancia do descubrimento das neuronas espello para explicar a empatía e a imitación entre os humanos. Pero me parece que non vai exactamente por aí a intención de Peres. Si, ten que ver coa falta de empatía, pero o que lle gustaría é que o ser humano atopase ese espello cerebral que lle puxese a conduta tal cal, limpa, sen deformación nin xustificacións interesadas diante dos ollos, a ver se así se aplicaba para andar máis aseado. Canto máis se coñece a podremia do mundo corrupto, violento e explotador, máis apetece que apareza un espello que nos avergonce e nos obrigue a cortar as uñas e non ser tan porcos. Nunca se lles pasou pola cabeza como se verían a si mesmos algúns destes descarados malfeitores que nos rodean se realmente tivesen un espello que os puxese fronte á súa chulería? É buscar un espello máxico. Para os cara lavada e os cheos de si só existe un freo eficaz: o control desde o exterior, sistemas implacables que os persigan e os paralicen, porque está claro que eles, ou non teñen espello para se mirar, ou se o teñen e se miran só ven individuos necesarios con sobradas xustificacións para eternizarse facendo o mal. E vense listos e guapos. Bos non a creo.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

FÁGANSE AS REFORMAS XA!

Leo con pausa as recomendacións do FMI e, no que dou alcanzado, entendo que imos ben, pero moi lentos. Como o mesmo documento di: para xerar emprego hai que ir máis aló. Mostrar máis coraxe, reformar a fondo, sen medo. Levamos cinco anos con remedos de reforma, pero nunca en profundidade, nunca coa determinación que o momento esixe. Realmente, non sei a que esperamos para atacar o problema de raíz. Como queremos que nolo expliquen? Que máis necesitamos para entender que con medias tintas no se sae do pozo? Atendamos ás recomendacións dos expertos, de quen ben nos quere e ataquemos dunha vez por todas o problema. Para dicilo en prata: reformemos o mercado laboral dunha puta vez e calemos co conto. Sei que estarán tan fartos coma min de escoitar que hai que flexibilizar. Levamos así décadas. Flexibilicémolo! Deixémonos de sindicatos e de xulgados, convenios e contratos. Flexibilicemos como se debe. Que os empresarios elixan na praza pública ao mellor preparado, ao máis guapo, ao máis necesitado, ao máis submiso, ao que mellor cara de escravo presente, ao que saiba máis idiomas, a quen lle dea a gana e que lle ofreza o salario que boamente considere, durante o tempo que lle conveña, e que o despida cando lle pete. Así de claro. Para que andarnos polas ramas? Flexibilicemos con sentido común e como se pode, sabido é que a arte da política ultimamente consiste en «faise o que se pode». Que se presenten mozos e mozas con ¡grao en economía, ADE, dereito, con idiomas e cursos de especialización aos departamentos de recursos humanos e que, unha vez admitidos, os obriguen a pasear por Europa e Asia a tempo completo, que os espreman con horarios extremos e salarios miserables durante uns anos e que os chimpen á rúa cando xa cheguen outros máis novos, máis necesitados, dispostos a pagar tamén do seu peto as viaxes para negociar de madrugada en Corea e regresar directos do aeroporto á nave onde se produce de maneira competitiva. Que elixan os empresarios entre historiadores, filólogos, filósofos e biólogos en paro, ansiosos todos por un primeiro emprego, para atender teléfono, facer fotocopias, realizar tarefas de limpeza, manexar o computador e levar café ao despacho de dirección. E aos que non teñen unha capacitación mínima, que os utilicen para abanicar no verán e para dar fregas no inverno, poderíase aforrar moita enerxía con este método. Flexibilicemos dunha vez por todas e acabemos con este sistema insoportable: baixemos os salarios. Acabemos con esa esixencia retrógrada e ríxida dun salario mínimo. O que se poida, amigo, o que se poida. Este mes, trescentos, o próximo dous, algún nada... non queda outra se queremos ser competitivos. Que é iso de andar con contratos temporais, indefinidos, a tempo parcial? Eliminémolos de raíz. Para que contrato? Tes necesidade, queres traballar esta mañá, dúas horas, unha noite? Vén. Traballa. Vaite. Só tes que aceptar as condicións da reforma profunda, as regras únicas e comprobadas de creación de emprego. Avogados laboralistas, xuíces que interveñan nos despidos, acordos entre traballadores e empresarios, convenios colectivos? En que século vives, amigo? Todo iso só son restos dun sistema anquilosado, lento e causa da destrución de emprego. Acabemos xa e sen mala conciencia coa razón de tanto sufrimento: establezamos un sistema libre, sen ataduras, sen rixideces que permita ser competitivos de verdade, porque iso si creará emprego. Chámalles a atención que un representante dos empresarios se queixe de que se concedan catro días de permiso pola morte de familiar achegado? En que mundo viven? Nin catro, nin tres, ni dous. Se queres ir ao enterro de teu pai, vas, pero ao regreso tes outro no teu sitio que o fai mellor, sabe chinés e seu pai conta cunha saúde de ferro. Non queremos emprego? Hai que ser competitivos. Como se consegue iso? Así: flexibilizando, reducindo salarios, arrincando dunha tallada todo impedimento para o crecemento e a produtividade. Hai que ir máis aló. Chegou a hora de ser ambiciosos e non contentarse con reformas tímidas. Fágase un pacto polo emprego atrevido, audaz, espectacular: suicídense os sindicatos, elimínese todo contrato, desaparezan os tribunais nas relacións laborais, que reinen as leis sabias do interese e do mercado e verás como axiña creamos emprego, como os ricos se enriquecen como leite no lume –aínda máis!-, e como o que teña fame traballa pola comida coma en tempos pasados. E seremos competitivos. E dunha vez por todas deixaremos de escoitar a ladaíña que máis nos perfora os oídos nos últimos anos: cómpren reformas estruturais en profundidade. Fagámolas dunha vez e rematemos con esta mala época na que a rixidez laboral non permite o despido e os salarios dos traballadores son tan escandalosamente elevados que imposibilitan toda competitividade. En fin, que estamos dando pasos no bo sentido, pero cunha lentitude tan exasperante que nos poden castigar (si, máis); se queremos ser guiados e participar nas faragullas do emprego, a ver se nos reformamos con determinación e definitivamente.



PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA

lunes, 17 de junio de 2013

ASESORES DO FRAUDE


A ÚNICA verdade incuestionable é que os asalariados con nómina estamos controlados pola facenda e pagamos escrupulosamente os nosos impostos. Pero non porque sexamos de mellor pasta cós que ganan millonadas estratosféricas, senón porque non podemos nin rebulir. A partires de aquí, as incertezas e desconfianzas apodéranse de todo canto ao fisco se refire. Para comezar, resulta moi sospeitosa esa cháchara de barra de bar onde cunha cervexa na man todos somos moi machos esbardallando que quen nos dera ter que pagar un millón de euros ao fisco, xa non digamos catro, dando a entender que non nos veriamos tentados por filigranas contables , axustándonos á lei de maneira exemplar. A moitos quixéraos ver eu en situación de se deixar asesorar por expertos en enxeñería fiscal no caso de que os seus ingresos llo permitisen... Coma se non fose máis vello ca Matusalén iso de quen ten un peso quere ter dos e así sen fin, porque a avaricia e a ambición son insaciables: canto máis as alimentas, máis queren.
Non é de estrañar, entón, que personaxes coma Messi, por poñer un exemplo ao día, se vexa tentado a realizar operacións de alta combinación matemática para defraudar. Por suposto que, dando por sentada a presunción de inocencia, non digo que Messi se dedicase a crear sociedades pantalla nin urdise mecanismos para evadir en paraísos fiscais. Nin seu pai creo que domine estas artes. Para iso existen bufetes de asesores especialistas. Eles son os verdadeiros artífices –con consentimento, claro– das falcatruadas ás que os ganadores se ven tentados. Existe moito listo ao servizo do fraude, verdadeiros meigos encargados de buscarlle as voltas ás leis para favorecer a trampa que os beneficia. Só coñezo un modo de defensa diante desta praga que se apodera de toda sociedade se non se combate con armas de grande eficacia: inspección e control máis intelixente. Contra asesores do fraude, máis inspección rigorosa e recoñecida. Apelar ao altruísmo e á responsabilidade para combatelo é inxenuo. Cómpre o incremento, apoio e recoñecemento dun servizo de inspección tan rigoroso e xusto que faga pensar dúas veces aos multimillonarios nas mans de quen deixan as súas filigranas fiscais, e a estes que non lles saian gratis os consellos. Porque, para burlar a lei, sobran asesores, o que cómpren son intelixencias firmes para defendela.


PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

EXPERTOS

Que non falten expertos. É o que precisamos. Moitos e variados, libres, documentados, valentes, atrevidos. Expertos que desentrañen as complexidades do enramado económico, que advirtan dos perigos presentes e futuros, que descubran as trampas dos tramposos. Eu son moi de expertos, pero múltiples, confrontando as súas posicións, retrucándose uns e outros, discutindo con argumentos e datos sobre as distintas posicións. Unha boa ensalada de expertos é o que cómpre neste momento, discutindo e aportando libremente as súas posicións, para que os cidadáns poidan sopesar, calibrar e decidir a quen logo darán as rendas deste cabalo desbocado que non parece saber a onde vai. Aos gobernos de quenda tamén lles gustan os expertos. Pero para confirmar as súas posicións, para apoiar as pretensións das que parten. Así non vale. Iso é xogo sucio. O actual goberno encarga a un grupo de expertos un informe sobre a reforma das pensións. Magnífico. Eu tamén son partidario de que se estude con calma, siso e prudencia o mellor sistema para garantir as pensións presentes e futuras. O malo é que o goberno elixe unha maioría esmagadora de expertos dependentes de empresas financeiras e compañías de seguros. Que casualidade. Só coñecen os escuros camiños das matemáticas e da demografía os asalariados dos interesados en potenciar os seguros privados? Imaxinen que o grupo de expertos o seleccionasen os economistas Viçens Navarro e Juan Torres, chegarían a idénticas conclusións? Sabido é que estes dous profesores veñen anunciando con insistencia alí onde poden que somos o país dos 15 con menos gasto social, que non é exacta a formulación do problema das pensións, por non ter en conta a evolución tecnolóxica e de innovación que non permite saber a produtividade dentro de 50 anos, o que non xustifica a causalidade a menos traballadores menos produtividade, e que os desexos de reforma só obedecen aos intereses financeiros dos que pretenden acabar co sistema público de pensións. Como ven, os expertos non coinciden. Deberían expresar os seus datos e razoamentos con tempo e igualdade de oportunidades. Sería o idóneo que se producise unha discusión seria e rigorosa, longa, en tódolos medios, serena e sen présa – dá que pensar as présas que lles entran a algúns por algunhas reformas- para que logo o cidadán optase polos políticos que serán en definitiva os encargados de decidir, pois iso é a política: optar por unha liña esquecendo outras en función do que a maioría considere o máis favorable. Pero isto sofre dun problema que Navarro denuncia con insistencia: os medios de comunicación son máis de persuasión que de debate. A maioría dos que teñen capacidade de modificar a opinión parecen coincidir sempre coa liña ideolóxica dun grupo de expertos aos que catalogan de puros técnicos apolíticos, coma se estes fosen neutros, limpos de esquemas e intereses, só turbios e obcecados os defensores da posición contraria. Pártese para a análises de principios certos que se dan por válidos antes de calquera discusión. Así, claro, os expertos técnicos puros – que non existen- non aclaran, persuaden coa súa súa visión para que aceptemos o que aos verdadeiros donos – do camiño dos cartos e das opinións técnicas- lles interesa. En fin, que son partidario de que florezan os informes de expertos, pero de tódalas direccións posibles e con idéntica posibilidade de chegar á opinión pública.


PUBLICADO EN EL DIARIO DE PONTEVEDRA

miércoles, 12 de junio de 2013

martes, 11 de junio de 2013

OS NENOS, COS SEUS PAIS

NON sei se a medida que o goberno estuda de multar aos pais dos adolescentes que presenten reincidencia en comas etílicos é ou non a mellor, pero algo haberá que facer. Dende hai décadas, expertos en prevención da saúde veñen anunciando o perigo: os adolescentes consumen cada vez máis alcohol e a cada paso a idades máis temperás. Non é unha invención, nin unha anécdota, nin un capricho de moralistas obsesionados co control da conduta allea. As circunstancias sociais crean un humus inmellorable para que nin pais, nin colexios, nin campañas de prevención, nin alarmas médicas poñan freo, de momento, a tan calamitoso dato. E algo haberá que inventar.
Podo garantir por experiencia profesional que nunca tanto se lles insistiu aos adolescentes sobres as malas consecuencias e perigos do alcohol. Dende titorías, sesións de expertos externos proporcionados por concellos, pola consellería de sanidade ou Cruz Vermella, ou programas como Quérote +, os alumnos reciben información ben programada ao longo das etapas educativas. Nos mesmos programas de moitas materias, de maneira transversal, cónstame que moitos profesionais aproveitan para explicar con boa metodoloxía como actúa o alcohol e con que gravidade canto máis cedo se comeza co seu consumo. Todo parece inútil. Mozos e mozas de 14 anos ou menos chega a fin de semana e consumen de maneira impulsiva e descontrolada, como se fose unha obriga ou un prezo indiscutible que se debe pagar para alcanzar a aceptación do grupo. Algúns, os menos, acaban pasando pola terrible experiencia dun coma, tendo que ser ingresados. Non soen reincidir segundo os sanitarios. Con ser isto alarmante e de alto risco, non creo que sexa a peor das consecuencias. A peor é a conduta feita hábito, o chegar a facerse norma, sen culpa nin autocrítica, e se acepte que é modo de diversión emborracharse. Se cadra non hai que agardar a que un menor entre en coma para multar a seus pais. Non pode existir un sistema disuasivo, ademais das campañas educativas? Que fai un neno de 13 anos pola rúa ás 3 da mañá? Somos capaces de eliminar o tabaco dos bares, de baixar os soldos aos funcionarios, de que o condutor poña o cinto de seguridade, de modificar a lei laboral, de facer pagar os medicamentos aos pobres e non somos quen de impedir que os nenos saian a emborracharse a fin de semana? Alguén pon pouco empeño neste asunto.

DESMONTANDO CINES

Fun ao cine por primeira vez no Teatro Colón da Coruña. Tería daquela 7 ou 8 anos . Antes xa vira algunha película, pero ir ao cine de verdade non me parece que fose ata esa tarde na que, eu so, entrei coa miña entrada ganada por ser bo (ou bobo) no Fogar de Santa Margarita. Levábase naquel colexio onde comecei os meus estudos infantís ir acumulando chapas douradas cun M barroco gravado sempre e cando nos comportaramos como estaba establecido. Non sei se por moi guiado ou medio parado, o certo é que eu coleccionaba chapas de boa conduta sen taxa, co que, entregadas a D. José Sardina decidiu cambiarmas pola entrada para o Colón. Visto desde a distancia entendo que a entrada debía de ser máis ben para que meu pai ou miña nai, que diaños pintaba un neniño perdido nas butacas do Colón, pero eu, na miña inocencia, presentei a entrada e senteime na primeira fila. Proxectaban Ben- Hur. Nunca esquecerei a carreira de cuadrigas, as pernas de Charlton Heston querendo saír da pantalla, as espadas brillando, afiadas, o son bruando, o medo gustoso que me invadiu desde a primeira escena á última. Bailaba na butaca coma un grao no cribo. Agarrábame ás pernas para mellor resistir o pánico. Pillaba aire canto podía para deter o corazón que trotaba aos catro pés dentro de min. Non lle podemos chamar unha experiencia relixiosa porque esa veu máis tarde, pero realmente supuxo unha mobilización do ánimo inesquecible. Por iso ao saír, correndo, emocionado e axitado, nada me importou que miña nai estivese descomposta sen saber de min, asustada polo meu inconsciente atrevemento. A experiencia relixiosa chegou algo máis tarde. Isto xa foi no cine Capitol de Betanzos e contaba con algúns anos máis, tantos coma para descubrir que existía algo dentro dun que podía proporcionarlle tanta emoción e pracer coma xamais pensara. A película era El Cid. Tamén actuaba Heston, pero non foi el a causa do meu trastorno senón Sofía Loren. Se no Colón tremía e me consumía o temor, aquí sentín unha emoción tan íntima e propia que me parecía que ninguén podería coñecer nin experimentar. Sofía Loren está deitada sobre Heston nun palleiro. Colle unha palla e pásalla a modiño pola cara. A cámara achégase ao rostro da italiana e os meus ollos apegáronse para sempre a esa imaxe como a manifestación da ledicia máxima, a intimidade, complicidade e paixón que se pode dar entre un home e unha muller. Despois de estas experiencias infantís, nunca deixei de ver canto cine puiden. Unha arte-industria colectiva, plena, signo da modernidade, auténtica marabilla que conxuga escritura, luz, interpretación, ritmo, música, fantasía e negocio. Unha arte total que transformou culturalmente o século pasado e que encheu de imaxes, ideoloxía e tópicos as nosas cabezas. Nos tempos universitarios farteime de ver películas aburridísimas que chegaban do leste e que nos esforzabamos por lle atopar unha interpretación político social que só con boa vontade se lle podía descubrir. Pero atopei tamén a directores magníficos de Italia, Dinamarca e Suecia. O cine acompañoume ao longo de toda a vida e nunca puiden prescindir de repetir películas clásica e de estar ao tanto de todas as novidades. Ultimamente insistía en ir case tódalas semanas, a pesar de recibir venres tras venres a mala comprobación de que entre tanto estreo case nada merecía a pena. Nos ben montadas e cómodas salas de proxeccións de Vialia en Pontevedra eramos cada vez menos. Lembro que a última vez que fun, proxectouse a película só para catro persoas. Estaba cantado que non podería resistir unha empresa con tan baixo nivel de espectadores. Agora parece que se confirma a súa desaparición e que se desmontarán os cines. Todo un síntoma. Había anos que a mocidade non podía nin quería asistir ás salas de cine. O ordenador cobre esa oferta. As salas deixaron hai tempo de ser templos de emoción e liturxia colectiva de participación nunha arte. Este triste desmonte parece anunciar unha nova maneira de ver cine neste século. Xa non se trata da mala nova de que os de Pontevedra teñamos que viaxar a Vigo ou Vilagarcía para entrar nunha sala de cine. Algo máis parece latexar de fondo: morre un tempo, é probable que xa nunca máis e a ningún neno lle produza a máis mínima impresión entrar en ningún teatro Colón para tremer con Ben-hur ou descubrir a o sexo tenro con Sofía Loren.

lunes, 3 de junio de 2013

"YO HABLO SIEMPRE GALLEGO"


MEU padriño era un labrador íntegro e dunha peza ao modelo dunha época que morreu. Aínda que vive, falo del en pasado porque cando a memoria morre, gran parte da vida desaparece. Era, dicía, daqueles labregos traballadores de verdade: transportaba sacos de grao ao muíño por congostras intransitables, sachaba, segaba, tronzaba madeira, cortaba o cabelo, levantaba a paleta aos doentes de costas ou poñía as inxeccións cando atopar un médico non era cousa doada; medía fincas tan ben coma o mellor perito, escribía con letra tan clara e traballada coma as súa terras os testamentos dos da parroquia, exercía de mediador, tiña ansia por saber, dominaba os números tan ben coma as letras de canta copla oía, a súa palabra valía máis que calquera escritura e como complemento ás súas interminables horas laborais, cantaba mellor ca ninguén a misa e axudaba en oficios e celebracións relixiosas aos curas que non sabían cantar. Era, en resumo, un labrador que exercía de xuíz, enfermeiro, cantor, notario, mestre, perito agrónomo e gozaba –e goza– dun prestixio tan indiscutible como merecido diante de calquera que o coñeza.
Despois dunha vida de tanto esforzo e sacrificio, o corpo resiste coma un buxo e pasados os 90 mantense ergueito e seguro. Pero a cabeza fartouse. Ten a fortuna de contar con fillos que lle proporcionan coidados tan delicados que poderiamos dicir que vive nun esquecemento plácido. Pero algo lle sucede nos últimos meses que me desconcerta e non dou entendido. El que toda a súa vida falou galego, deu de súpeto en falar un castelán correcto e digno sen saber ninguén o porqué. Nun dos días pasados un dos fillos preguntoulle a razón dese cambio de idioma e a súa resposta foi: Pero tú que dices, hombre. Si yo soy gallego y del campo, toda mi vida he hablado y hablo el gallego. ¿Por qué me preguntas eso? O fillo aclaroulle: Papá o que falo galego son eu, ti estás falando castelán. Deja de insistir –resolveu–, tú si quieres hablar el castellano, háblalo. Yo hablé siempre el gallego y es lo que seguiré hablando. Hombre, pude haber hablado el castellano un tiempo que estuve ayudando a un tío en La Coruña, no digo que no, pero yo hablo gallego. Anda, acércate a la lumbre, que hace frío, rematou. O que me reafirma en que o misterio do noso cerebro é tan inexplicable coma a relación de moitos galegos coa súa lingua.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

QUE SUBA O PAN E BAIXE A CAÑA

Pola miña infinita ignorancia descoñecía que nas Cortes se bebese. Alcohol, quero dicir. Habituado aos recintos educativos – o que tamén ocorre en grandes fábricas- , daba por feito que nos lugares de traballo o ordenado é non consumir bebidas alcohólicas, por razóns obvias nunha cafetería dun centro educativo cheo de adolescentes e mozos, por seguridade e rendemento en calquera medio laboral. Tarde, mal e arrastro descubro no só que se bebe, senón que se pode beber moito, porque a bebida é moito máis barata no Congreso dos Deputados. O asunto, pensarán os que se dedican a ideas maiores e os da teoría do chocolate do loro, é tan trivial como ridículo e non merece nin unha liña. Disinto. É dunha importancia capital e non pola interpretación correcta e lóxica que a todos se lles estará vindo á cabeza: porque para traballar coa cabeza non seu sitio o que menos se necesita é alcohol, e menos que sexa subvencionado e máis barato ca na rúa, co que se pode consumir máis. Non por iso. A min paréceme esta noticia sorprendente porque os nosos representantes están tan pouco inspirados, demostran tan escasa elocuencia e tan rastreira maneira argumental que calquera diría que nin o punto pillan antes de entrar nos plenos e xa non digamos nas comisións. Nin os efectos perniciosos se lles notan. Non vou caer agora na defensa do alcohol como estimulante da lucidez que non existe, pero desde logo algo podería desinhibir a algunhas señorías de maneira que se lles visen as entretelas, os fundamentos do seu pensar e decidir se é que algún teñen. Pero todo apunta á confirmación do xa coñecido: a quen nada ten dentro (creatividade, simpatía, enxeño ou valentía) o alcohol non llo descobre. Son moitos os aprendices de artistas, sobre todo adolescentes, que chegan a pensar que as drogas colaboran no proceso creativo, cando demostrado está que un porro nos pulmóns de Martin Amis ou varias copas no corpo de Caballero Bonald puideron non estragarlles as ideas que lles bailaban na cabeza, pero nos cerebros baleiros da maioría dos inútiles carentes dun grao de talento só serven para que escriban ou digan sandeces. Cos nosos deputados pasa algo máis asombroso. Con alcohol ou sen el non é que ningún despunte nin demostre como é lóxico especiais dotes para nada, é que non lles dá nin pé para facer o ridículo. Porque se polo menos caesen no esbardalle de mostrarse imbéciles por completo e incoherentes como ás veces deixa o alcohol, teriamos motivos para escorrentalos a patadas, por disolutos e impresentables. Pero nin esa satisfacción nos regalan. Deben de beber ás agachadas e pouco. Ata da virxe do puño deben de ser. Con eses prezos os cubatas e o ron, que menos que darnos a satisfacción de presentarse chispas na tribuna de oradores e dicir as mesmas sandeces de sempre pero cargadas de cacofonías, trasacordos, atropelos e palabras prendidas. Unha de dúas, ou o corporativismo impide que os prexudicados suban á palestra ou están tan afeitos e aguantan tanto que son deses bebedores que un nunca sabe se están sobrios ou cheos, pois o seu estado natural é o da permanente risa frouxa, frases feitas, xenio de fogueo, lentitude razoando e ao remate, sempre, submisión diante do amo ou poderoso. Me parece que máis ben o segundo é o que lles ocorre ás nosas señorías, por iso nunca se soubo de escándalos maiores nin nos dan ocasión de rirnos das súas miserias. Chegados a punto tan triste só me queda presentar a miña proposta non de lei: que lles baixen aínda máis os prezos. Que se regale incluso a bebida de máis graos. Que non quede deputado de dereitas ou esquerdas, centro ou sen identificar que pase sede de bebida espirituosa. Sei que son calorías baleiras, que a ledicia que causa é efémera, que non lles axudará a discorrer e nin un minuto brillante sairá dos seus labios, pero daríannos a satisfacción de presentarse en calzóns, de demostrar os rancores que calan contra os seus colegas, o servilismo ao que se prestan para se manter na cadeira e a inutilidade que experimentan premendo o botón de votar cando ás veces nin saben o que votan. Unha catarse tal non lle sentaría mal ás dúas cámaras (non quero pensar o que isto significaría no Senado, podería dar para estudos psicolóxicos, variacións en tratamentos farmacolóxicos e tratados sobre a arte de acabar a vida como xubilado de luxo ao servizo da inutilidade pública) e produciría efectos impensables na saúde política do país. Moitos colegas escribiron esta semana sobre o que nos ocupa, case todos insistindo na falta de exemplaridade, no descaro e na falta de tacto por subvencionar as bebidas alcohólicas no bar das Cortes. A miña tese apártase de todos eles. Que a partires de agora sexa gratuíta a copa, que se poida beben a gusto, sen taxa, e a ver se algo novo sae desa amorriñada, sosa, previsible, ineficaz, privilexiada e lenta cámara. Ás veces convén un tropezo estrepitoso, un escándalo soado para que se dean verdadeiros cambios en institucións viciadas. Xa saben o que preguntaba aquel alcalde en conexión coa masa en Betanzos: Betanceiros, que queredes? Ao unísono a resposta escoitouse en Caraña: Que suba o pan e baixe a caña. Pois iso: Que os deputados beban gratis e a ver se sacan unha lei eficaz que levar á boca.


PUBLICADO EN DIARIO DE PONTEVEDRA