sábado, 24 de septiembre de 2016

POLÍTICA DO SERMÓN DA MONTAÑA

REMATABA o artigo da semana pasada recoñecendo a decepción que me causara Luís Villares no debate da TVG. Comezou bastante nervioso e mostrou todos os defectos que son virtudes nunha oposición difícil coma a que tivo que superar: moita memoria, rapidez verbal e dar gran cantidade de datos en pouco tempo. Todo iso que pode resultar beneficioso no cante de oposicións, tranformouse nun defecto para o debate ao converter ao candidato de En Marea nunha máquina acelerada de cantar consignas. Estivo mellor cando se enfrentou cara a cara con Feijóo, pero en xeral non convenceu, e non tanto por estes defectos formais, canto polo contido do seu discurso. 
Estase impoñendo nas esquerdas un modelo de argumentación que casa moi ben co sermón da montaña, pero que parece pouco efectivo. Por suposto que existen os que sofren, os que choran, os que non teñen luz, nin axuda no paro, nin colaboración para a súa dependencia. Sen dúbida vivimos nunha sociedade na que está medrando a desigualdade, na que se despreza aos fracasados e que non admite que, aínda non sendo iguais, merecemos que se trate con dignidade aos que quedan marxinados. O que non está claro é que defender estes principio sexa propiedade de ninguén. Porque as fórmulas para querer solucionar idénticos problemas sexan distintas non dá pé a pensar que só uns son os propietarios da defensa da xustiza. Crerse os únicos defensores da xustiza e da democracia só nos leva a un maniqueísmo no que uns pensan ser os bos e ven aos outros coma malos, uns van detrás da salvación do necesitado e os contrincantes só pretenden que perduren no seu infortunio.
Estes políticos instalados no sermón da montaña adolecen de falta de capacidade para saber que tamén políticos de ideas contrarias poden desexar combater a inxutiza e o dolor dos máis desfavorecidos. O problema é o método para atopar a solución. E aí é onde se ven as carencias. Non por máis repetir que queremos luz, calefacción e atención para os necesitados imos conseguir ser máis efectivos. A clave está en dicir cómo. A discusión debe centrarse nas medidas que uns e outros propoñen para conseguir idéntico fin. Pero o dificultade recae en que a sociedade está trazada nunha complexidade extrema, os intereses colisionan, se te obcecas en solucionar un problema podes estar abrindo cinco peores por outro lado. 
Gobernar é unha arte que esixe cadraturas que non se logran con sermóns bondadosos nos que se promete transparecia, xustiza e atención aos máis necesitados sen máis. Dar coa maneira de afrontar estes males é a clave, repetir que existen non conduce a ningures. Canto levamos escoitado que hai que recuperar os nosos modelos de produción, mirar polo campo con mozos e innovación, arranxar o problema do leite e do lume, atender á pesca e mellorar as industrias nas que somos expertos? O que non se escoitan son solucións prácticas, avaliables e concretas que se poidan aplicar. Mentres nos obsesionemos con repetir que benditos serán os que sofren e choran e non deamos con solucións prácticas, os que choraran seguirán aumentando.

viernes, 23 de septiembre de 2016

POR QUE NON SER UN GRAN FILÁNTROPO?

EN ESPAÑA sempre se nos deu mellor a caridade que a filantropía. Dá a impresión de que doando unhas moedas un queda coa conciencia tranquila e incrementa a sensación de boa persoa. Con independencia da vontade particular e desta tendencia, é certo que contamos cunha organización (Cáritas) que responde con transparencia e bos resultados a unha caridade moito máis organizada que accións individuais cargadas de boas intencións. Cáritas conseguiu durante este período de crise prestar unha axuda seria e eficaz a un grande número de persoas. Iso é un feito constatable e, sexa xustiza ou caridade, filantropía ou bos sentimentos, ninguén pode negar a importancia da súa acción en favor dos máis necesitados. 

A filantropía, pola contra, non chega aos niveis de importancia que ten nos países anglosaxóns. Será porque non contamos coa cultura protestante, porque as exencións fiscais non están ben programadas ou poque non existe tradición familiar, pero a ninguén se lle escapa que por aquí resulta moito máis difícil atopar unha organiación filantrópica ben proxecta, ogranizada e dirixida. A diferenza dun plan caritativo, unha organización filantrópica debe contar, coma outra empresa de éxito, cun proxecto viable, ben controlado e avaliable. Non abonda coa vontade do acaudalado benefectar, cómpre un equipo de expertos ben iniciado para que leis, donacións, intencións e decisións encaixen nun plan a longo prazo, innovador, revitalizador social.
A diferenza dun plan caritativo, unha organización filantrópica debe contar, coma outra empresa de éxito, cun proxecto viable, ben controlado e avaliable
En EEUU existiu sempre este empeño filantrópico e así contan con universidades, bibliotecas, centros de investigación e outras institucións exemplares. Na actualidade, Bill Gates e a súa muller continúan con esta liña de amor á huminidade dedicando grandes cantidades de millóns á atención sanitaria no mundo. Poderase criticar nalgún caso determinadas accións concretas, pero non cabe dúbida de que a organización de Gates conta cunha visión de futuro, está ben planificada e proporciona alivio a cantidade de necesidades sanitarias do planeta. Claro que poderá argumentarse que coa cantidade de millóns que o magnate posúe nada máis fácil. Mais non é así. Hai millonarios en situación similar que non tomaron iniciativas nin por asomo parecidas.

Un exemplo cercano de que entre nós non existe tal tradición podería ser a proxección filantrópica dun home que compite con Gate en ser o máis rico do mundo. Para que negalo: que Amancio Ortega conseguise o éxito indiscutible coa súa empresa é un éxito para Galicia e España. A ninguén se lle ocorrerá pensar que a revolución de Arteixo non é unha regalía para o emprego e para a vida económica. Ao mesmo tempo, tampouco se pode desprezar nin ignorar a atención que a Fundación Amancio Ortega presta. Estudantes que poden realizar os seus estudos no estranxeiro, promoción de escolas infantís, doacións de equipos técnicos á última no tratamento contra o cancro para a Seguridade Social... son unha serie de iniciativas que Galicia recibe grazas á Fundación. Mais a diferenza de cultura vese ás claras. Xa non tanto pola distancia entre a aportación de millóns da organización de Gates e a de Ortega, senón, sobre todo, pola planificación e visión. Así como a Fundación Amancio Ortega parece beber máis de ideas caritativas, a de Gates aséntase sobre proxectos empresariais. O mesmo espírito de empresa que lle fixo converterse en multimillonario aproveitao para crear experiencias coa finalidade de aliviar a miseria mundial.

Por suposto que o dono de Zara demostra a cada día sensatez e tempero suficientes para non dubidar das súas decisións, pero, se cadra, se nestes anos adicase maior atención á súa Fundación, podería converter Galicia nun faro a nivel internacional nalgunha actividade. Quen lle priva organizar un centro de investigación científico ao máis alto nivel internacional, ben artellado coa universidade? Por que a Coruña, Galicia, non habería de gozar dunha temporada de ópera superior á de Salzburgo? Por que, incluso, non se plantea revivir ese morto que é a Cidade da Cultura, superando en efecto chamada á experiencia de Bilbao? Non sería factible converter o seu centro de operacións nun oasis urbanístico de chamada internacional? Sería tan difícil un plan de axuda á preparación do profesorado para que nunha década os mozos galegos falasen tres linguas con total comodiade? Soño, acaso, se penso que, cal Fonseca, non conta este magnate con foza como para converter a Universidade de Santiago nun modelo similar ás grandes universidades anglosaxonas? Non son soños, poden transformarse en realidade, contamos entre nós con alguén que podería converterse nun dos maiores filántropos do mundo. Claro que para iso, tamén o goberno debería modificar as súas condicións e estimular este tipo de obras.

sábado, 17 de septiembre de 2016

ENTRE NARCOS E O DEBATE

O LUNS á noite atopeime diante dun dilema: vexo o debate entre os candidatos ás eleccións do 25-S ou remato a segunda temporada de Narcos. O final seino tanto nun caso coma no outro: Pablo Escobar morre acribillado tratando de escapar, pero xa canso, abandonado, sucio, con cabelo e barbas de foraxido, acabado; o debate non será tal, coma sempre reducirase a un encadeamento de monólogos máis ou menos preparados e algúns insultos tamén xa cociñados. A decisión parecía clara: ver morrer a Escobar. Pois non. Un certo espírito masoquista atoume de mala gana ata o final ao debate. E iso que cando Pontón nomeou a Marcial Dorado tiven a oportunidade do cambio, pero non fun capaz. Ben, xa que vin o debate de cabo a rabo, voulles aportar as miñas conclusións.
Como estaba previsto, de debate nada. Aquí argumentar, razoar, retrucar e escoitar non se usan. Cada candidato leva escrito ou memorizado un guión fabricado na cociña dos asesores e lanza a súa mensaxe veña a conto ou non. A avaliación global do espectáculo, a pesar do esfrozo da CRTVG, foi a decepción. Aínda que si se produciu un acontecemento ilusionante: a talla política de Ana Pontón. Mágoa que perteza a grupo con ideas tan oxidadas, historial tan truculento, abandonos en bandada nos últimos tempos. Porque Pontón demostrou de largo ser a que mellor imaxe amosaba, a con máis aplomo e dominio do medio. Nunca perdeu a calma, ningunha estridencia rachou a súa serenidade, elixiu a mellor vestimenta, era con moito a máis atractiva entre todos (e que arrebolen xa os fungueiros os que consideren machista esta afirmación) fixeron dela a reina do espectáculo. Outra cousa son os contidos e a repercusión no votante. Pero en elocuencia, firmeza atacando sen desprezo, confianza nas ideas e claridade na exposición, foi a vencedora plena.
Esa frialdade para non se descompoñer non exenta de dozura, ese respecto ao contrincante a pesar de manifestar o claro rexeite da súa política, e a expresión corporal toda dicindo que cre, está preparada e conta con forzas para lidiar na costenta corredoira da política parecéronme ilusionantes. O contrario que Leiceaga. Rocoso, tosco, sen facilidade para a comunicación. E conste que foi talvez o que propuxo medidas máis realistas, pero a súa imaxe non lle axudou nada. Feijoo, como político curtido que é, defendeuse con uñas e dentes. Pero non foi dos seus mellores días. Fixo abondo con non saír escaldado, mais notouse nervioso e atrapallado, abusou dos datos amañados, dos argumentos ad hominem e non respondeu nin a unha das preguntas concretas que varias veces lle fixeron. Certo é que con Barberá de colega o asunto non está para botar foguetes, pero non abonda con dicir que todo estaba peor antes de entrar el. Resistiu, que non é pouco. De quen esperaba máis era de Luís Villares. Arrincou nervioso, leu demasiado e falou á carreira o memorizado como soen facer os que pasaron por cantar nas oposicións. E pareceume que insistía demasiado na política do sermón da montaña. Pero isto deixámolo para o sábado que vén.

viernes, 16 de septiembre de 2016

NON ME DÁS EMOCIONADO, PEDRO

DOERÍAME se pensase que este escrito está ditado polo espírito nego da envexa diante do éxito alleo. De ningún modo motiva esta columna o resentimento dos mediocres ou fracasados que se dedican a criticar con acidez o éxito de outros. Só me anima neste escrito a confesión sincera de quen se sorprende de que quen é admirado con entusiasmo por millóns de espectadores e un bo número de expertos, a min me siga deixando case frío, sen a máis mínima emoción profunda. Refírome a Pedro Almodóvar. E, por suposto, moito menos se podería adxuntar esta crítica ás de quen o vapulean por ser dunha tendencia política. Nada diso. Admíroo como gran comunicador, un magnífico publicista das súas obras, un enxeñoso creador de cinco minutos de esperpento, pero nunca dei entendido a transcendencia, fondura, innovación e grandeza do seu cine como medio mundo recoñece. 

Durante este ano, como confirmación do seu éxito, a parte de representar a España de novo nos Oscar, están fous feitos dun mérito incuestionable: recibir o doutor honoris causa da Universidade de Oxford (palabras maiores) e que o MoMa lle dedique un espazo e tempo que non é doado conseguir en Nova York. Pero se atendemos a tempos pasados, son innumerables os críticos, filósofos, sociólogos e directores e actores de cine que o consdieran un xenio. Iso sen contar o número de espectadores que en Francia, Italia e EEUU superan con moito os da súa propia casa. A evidencia é que espectadores e xentes da cultura de todo o mundo opinan que é unha das figuras culturais máis importantes dos últimos 35 anos en España. Pola repercusión da súa obra, pola capacidade de ruptura e innovación, polo seu atrevemento como artista e polas obras que aí están para velas e estudalas. 
Ogallá siga tendo éxito este español universal e o tempo confirme que é un creador que perdurará, aínda que eu siga sen emocionarme coa súa obra
Que tantos expertos en cine e cultura opinen así converte a miña apatía pola súa obra nun defecto claro pola miña parte. Sería boa que en Oxford consideren o director español merecedor da concesión de honor tan elevado e que eu, simple afeccionado ao cine, pensase que teño razón por non dar conectado coa súa obra. Claro que con alguna conecto algo máis que con outra, pero, polo xeral, se exceptuamos as primeiras (moi frouxiñas como profesional, me parece) que tiña algo de graza polo atrevemento renovador e transgresor, nada. O caso é que considero que na medida en que foi aprendendo máis de dirección e domina moito mellor a técnica, as súas películas, ao me humilde ver, empeoraron. O afán por demostrar que xa é un gran director, que coñece as mañas dos planos e enfoques, da luz, dos movementos máis sutiles de cámara, vai perdendo o único mérito co que contaba: atrevemento e inxenuidade. En canto aprendeu oficio, se fixo profesional e aprendeu, matou a espontaneidade por un produto mediocre, a medias entre refinado e pretencioso, cargado de simbolismos e guiños para cinefilos que non lle aportan nada. Os seus guións, a cada paso extraídos na base de escritores de grande categoría, convértense na súa omnipotente creación da obra en retallos mal cosidos, aos que se lles ven as costuras e intención por tódolos lados. Aborda temas dunha complexidade que non lle acaen, intenta ritmos narrativos inapropiados ao tema, bucea en soidades e dores que saca á superficie en simplezas. Incluso cando intentou regresar ao humor e frivolidade crítica que mellor se lle daban caeu nun filme vulgar e insulso. 

Si, algo é indiscutible. Calquera das súas obras sabes inmediatamente que é del. E iso é mérito serio en arte. Logrou momentos mínimos pero excelsos xogando con cantantes nun escenario os diálogos estravagantes que non se esquecen. O que tamén merece un recoñecmento. Pero por máis que repaso a súa xa ampla nómina de películas no atopo nin unha que poida catalogar como excepcional. Sinto sempre coma un desapego, unha distancia e unha incapacidade para entrar no seu mundo. Véxoo como alguén que pode sacar de min un sorriso (nunca unha bágoa) lixeiro pero incapaz de atraparme na emoción que te invade e te fai esquecer director, actor, música, planos: cando te trasladas e un mundo real, pleno, cheo de sentido, no que te introduces e case nin es capaz de analizar con neutralidade. Nunca tal me pasou co cine do exitoso director español. Por iso trato de saber que falla en min, por que non dou entendido algo que entenden tantos, e dóeme, porque probablemente me estou perdendo algo do que non son capaz de gozar. Ogallá siga tendo éxito este español universal e o tempo confirme que é un creador que perdurará, aínda que eu siga sen emocionarme coa súa obra.

jueves, 15 de septiembre de 2016

MINISTERIO DA AFLICIÓN


            O Vaticano acaba de crear un novo dicasterio centrado nos desafortunados do planeta. Una iniciativa competente nas cuestións que se refiren – e dígoo coas súas palabras- “ ás migracións, aos necesitados, aos enfermos e aos excluídos, aos marxinados e vítimas de conflitos armados e de catrástofes naturais, oas encarcelados, aos desempleados e ás vítimas de calquera forma de escravitude e de tortura”. Unha intención intachable que demostra que áinda na Igrexa resiste vivo ese fío vermello que se ocupa nos que case ninguén quere fixarse: esa humanidade sufrinte que resiste entre inxustizas, agresións e indiferencia. Que no Vaticano se ocupen e nomeen a Peter Kodwo Appiah para tal encomenda paréceme unha mostra da transformación que o Papa Francisco pretende no sentido de recuperar o lado máis humanitario e achegado aos que sofren.
            Claro que só coa intención do Vaticano todos os necesitados deste ministerio non poderán ser atendidos. A este mundo global acaeríalle ben que todo goberno contase cun ministerio da aflición, pragmático, con recursos, transparente, forte. Agradécese o exemplo de Roma, pero seguro que resulta insuficiente. Son moitos o afixidos e poucos os entregados á súa causa. Porque a acción non só require de actuacións directas sobre o mal xa expresado, senón enriba das raíces do funcionamento global que causa tales desastres encadeados. Se retiramos as catástrofes naturais (a pesar de que tamén golpean de maneira máis violenta aos máis débiles), tódolos destinatarios do novo dicasterio son froito dunha política organizada en función do beneficio máximo, da dominación do forte sobre o débil, da imposición de medidas e leis por parte dos máis favorecidos. Tráfico de armas, guerras, torturas, emigrados e escravitudes varias, aínda coñecendo a condición humana, non se xustifican se non é por unha política mundial na que non é o fundamental nin o dereito nin o respecto. Cando lexisladores comenencias e a cobiza e ambición desmedidas se impoñen, o dereito fundamental queda quebrado. Non vivimos nunha sociedade de dereito nin de repecto porque se impoña a lexislación barata e parcial de intereses de minorías entusiasmadas con controlar a economía e o poder. Certo que calquera tempo pasado foi peor, que o comercio e a inciativa privada son imprescindibles para o progreso, que nada peor que experiencias totalitarias de igualitarismos falsos e manipuladores, pero cómpre, para non ser conformistas, resignados, establecer modelos de actuación distintos. Pode soar a a caridade mal

entendida  e ineficaz un dicasterio destas características, pero con estratexias e planificacións adecuadas poderían servir de indicadores por onde han de circular a xustiza e a compaixón. Pode resultar iluso ou unha proposta inxenua querer atender a tantos frontes dende un dicasterio competindo con outros máis corruptos dentro do Vaticano, pero a idea da súa creación merece recoñecemento. Ogallá comezasen a copialo moitos gobernos e fose frecuente escoitar as medidas acordados polo ministero da aflición.
                                                                                                    

lunes, 12 de septiembre de 2016

DO CASINO Á MONCLOA

NINGUÉN DEBERÍA chegar a presidente de goberno sen antes pasar tres ou catro anos estudando, traballando, vivindo fóra. Fóra de España, quero dicir, non de Pontevedra. Porque se a escola para acceder á Moncloa son trinta anos de aprendizaxe chapoteando na política local, provincial, autonómica e nacional, o resultado é o que nos toca: aguantar co Rajoy da política máis cínica, rocosa e displicente dos anos de democracia. Esquecemos con facilidade que en calquera outra democracia, dende que sucedeu o de Bárcenas, non existiría a posibilidade de que o presidente de goberno continuase coas súas funcións. Aquí, coa súa resistencia e descaro inmutables non pasou nada a pesar de que esa grosa mochila de corrupción está imposibilitando a formación de goberno. 

As bases da actuación política de Rajoy fundaméntanse na arrogancia provinciana de quen mamou a superioridade e desprezo de ser e rodearse dos PTV (pontevedreses de toda a vida ). Ese estilo tan propio do século pasado, herdado do dezanove, fraguado nas horas de puro e cansino, tanto no centro histórico da cidade coma nas instalacións da Caeira ( que xa antes fora a finca do Marqués de Riestra, político e empresario innovador, pero sen deixar de ser o cacique da provincia de Pontevedra) condicionaron a súa actitude política. Ese estar sempre por riba dos demais (no fondo somos mellores), esa paciencia indestructible (xa caerán, con nós non poden) e esa pátina de superioridade intelectual (os seus contrincantes sempre carecen de formación e experiencia suficientes) marcan estes anos de goberno que nos trouxeron ata onde estamos.
Según o xuízo de Rajoy, Sánchez é un irresponsable rancoroso, Rivera un tarabelo verde e sen fuste, Iglesias un populista simpático
O problema de Rajoy son os amigos, a confianza depositada en moitísimos e a falta deles. Os amigos de casino dos que se rodea para que lle presten lealdade (servilismo) e que son unha boa recua establecida entre Galicia e Madrid. Este grupo de confort, salvo algunha excepción na que ademais de lealdade se suma eficacia, soe estar formada por serviles incompetentes. Pero se esquecemos este grupo de seareiros (de lado deixamos a mala sorte na elección de amigos nos que confiou como Bárcenas e socios madrileños e valencianos), o que mellor define a política desprezativa de Rajoy é a falta de amigos, de socios, de contrincantes que se fíen del como home de Estado. Como é que despois de tanto tempo en tarefas de goberno non consigue nin un só socio que se fie del, que o apoie, que acepte negociar e pactar? Ata este amago propiciado por Rivera recibiu por resposta unha frialdade e carencia de respecto inusitados. Mostrou tal apatía, tal displicencia, que pedía a berros aniquilar o acordo antes de nada. 

Según o xuízo de Rajoy, Sánchez é un irresponsable rancoroso, Rivera un tarabelo verde e sen fuste, Iglesias un populista simpático que lle presta inmellorables servizos e os nacionalistas, xa se sabe: nacionalistas. Do resto nin falamos, non existen. Que cabe diante desta situación? O que sempre quixo e desexa no fondo do seu corazón, supoño que ben conservado debido a ese paso marcial ao que nos acostumou pola ruta da auga e que xa traslada á súa actividade diaria: repetir eleccións ata que lle permitan gobernar como el quere, só como el sabe e quere, porque dos demais nada se pode aprender nin aproveitar. Por máis que repita que unhas novas elecccións serían unha vergonza, non se equivoquen, el quixo e quere novas eleccións. Iso si: tendo ben mazado a un culpable exquisito como é Sánchez. El e os medios que o seguen fielmente levan preparando a xogada dende o día despois das últimas eleccións: chivo expiatorio, nós non somos culpables, volvemos a eleccións e conseguimos outros diputadiños máis cos que gobernaremos. Como é posible tal estratexia? Porque sábese que o votante fiel do PP nin se cansa nin desespera nin nada lle cheira. E se o encirran convenientemente con un culpable evidente, mellor. 

A isto nos leva un político que pasou do Casino á Moncloa: a unha cerrazón túzara baseada en culpar aos demais coa finalidade de permanecer nas condutas políticas que considera únicas e inmellorables, porque ninguén está á altura da arrogancia provinciana que loita por prevalecer a pesar de que xa estamos no século XXI e o mundo xira en dirección oposta. Non teñan dúbida: a opinión pública xa está convencida ( o PSOE é o culpable), haberá novas eleccións, o PP sacará algún deputado máis (non polo cabeza de lista, con Bárcenas de candidato sería máis ou menos similar) e Rajoy conseguirá seguir impartindo cursos de simpleza e resignación como corresponde a un bo opositior de provincias.

sábado, 3 de septiembre de 2016

RESPECTUOSA PORCALLADA

DEBO admitilo: son un verdadeiro aburrido. Non lle dou collido o sentido a esta vida de pracer e inmensa satisfacción que nos invade durante o verán. E constato isto, sobre todo, cando se celebra a festa de Interés Turístico Internacional da Tomatina. Unha festa entendo que cultural e de arraigo ilustrado que nos debería encher de orgullo, pero que a min, aburrido, non me acaba de emocionar. Sei que estou facendo amigos eternos no pobo onde tal festa se celebra, pero non o podo evitar. Hai máis, moitas máis, todas elas de fondas raíces culturais, pero o da Tomatina sobrepásame. Porque non me digan: 22.000 persoas enzoufándose no zume de 160.000 quilos de tomates é un espectáculo digno do interese turístico do mundo que por culto se teña. Ou pensan que é unha porcallada de mal gusto entre beodos e tarambainas?
Nin se lles ocorra. O Concello toma a festa coa responsabilidade que merece –o seu mellor escaparate internacional, 90 medios de distintos países estiveron presentes– e non deixa cabo solto. Crearon un lugar idóneo para que se emborcallen a gusto os participantes, elixen percorridos que non estorbar ao resto dos cidadáns, contan cun servizo de vixilantes e de limpeza exprés para que o pobo, rematada a diversión, quede limpo coma unha patena. Pero por se todas estas medidas fosen poucas, o concelleiro de igualdade do pobo con festa tan distinguida, ocupouse este ano de que funcione un protocolo contra a violencia machista e homófoba. 
Unhas medidas de preocupación cívica indiscutibles que converterán a festa en máis segura e repectuosa. Un afán educativo, cívico e de progreso que encaixa á perfección coa esencia da festa: unha porcallada estúpida para quen non atopa mellor forma de gozar da vida. Por suposto que haberá beneficios económicos que eu desprezo, alegría incalculable en cantidade de persoas chegadas de distintos países dispostos a emporcarse en tomate –outros fano en viño, hai gustos moi variados– e vantaxes múltiples que se me escapan polo meu espírito aburrido, pero non acabo de entender esta tendencia a promover festas que levan en si o xermolo de dar renda solta aos impulsos máis primarios e incontrolables e, a un tempo, intentar refrearlos con protocolos hipócritas de respecto e civilización. Tendemos á contradición en moitas manifestacións festeiras: queremos por un lado permitir a animalidade que nos envolve, desatar e liberar os impulsos máis bastos e incontrolables e a un tempo reprimilos e controlalos. 
Trátase dunha ambivalencia equívoca e inexplicable que os machotes xa lanzados non dan asimilado: invítanme a emporcarme, beber, desatarme e logo, cando ando feito unha besta e me comporto como tal, reprímenme, esíxenme cordura e repecto polos demais. Non o entenden. Porque non é doado de entender: non se pode promover algo como rendible, escaparate dun pobo, de interese turístico internacional, unha diversión saudable e estética, cando non o é, e ao tempo planificar protocolos de conduta impecable e respectuosa. Non sería máis eficaz promover outro tipo de manifestacións festivas? Non me fagan caso, xa dixen que son u aburrido. 

O DIFÍCIL QUE RESULTA SER PAIS

Sempre considerei que hai un momento transcendental na vida dunha persoa: ter fillos. A vida de antes e despois nada ten que ver. Cambian radicalmente intereses, xeraquía de valores, compromisos, resposabilidades. No momento en que un se converte en pai ou nai a súa vida adquire unha dimensión que racha ou escurece moitas das actitudes e condutas do pasado. Un fillo invade a vida coma unha inundación de auga, nin espazo nin tempo resisten esta invasión tan absoluta das necesidades e atencións que reclama un bebé. Todo se modifica en función das súa fráxil e dependente vida, todo xira arredor de dar a maior seguridade, saúde e alegría  ao meniño.
            Pero ser pais é das tarefas máis complexas que se nos presentan ao longo da vida. Un pode estudiar con paixón, dominar certas disciplinas académicas, terse curtido en experiencias varias, pero chegado o momento de exercer como pais, as respostas varían dunha meneira difícil de explicar. Persoas competentes en diferentes áreas sociaias, perden o ripio e cometen as maiores estupideces; nais que parecían alegres e serenas, convértense en ansiosas e angustiadas mamás sobreprotectoras; pais en conxunto que parecían equilibrados e sensatos, poden descompoñerse e saír cada un pola irresponsabilidade, temor ou inmadurez que ninguén imaxinaba. E pola contra, adultos que se nos aparecían como non moi formados, incluso triviais ou tarambainas, dan uns pais magníficos, seguros, ledos, firmes, construtivos.
            O dito de que ninguén nos ensina a ser pais sendo que debería ser unhas das máis importantes aprendizaxes resulta de sobra coñecido. Tantos aos que lles vai ben na crianza coma os que amosan dificultades serias, lamentan sempre non estar en mellores condicións para se enfrontar á complicada tarefa de criar e educar dende o principio da maneira máis correcta . Está claro que aquelas persoas que non resolveron aínda os seus problemas de responsabilidade e liberdade están abocados ao fracaso. Educar é tomar decisións, ser firmes, seguros, decididos. Quen se manifesta inseguro, fluctuante, temeroso, atormentado, acaba por transmitir idéntica inseguridade e temor nos fillos. Nada máis desconcertante na crianza que a dúbida permanente, a indecsión, o temor difuso. É algo que maman sen levar o bico á teta. O tormento, a crise permanente, a búsqueda constante dunha vida á que non se lle atopa a clave, son malos compañeiros da paternidade. Ninguén pode eludir conflitos e tormentas na vida. E os fillos han de sabelo. O que non poden é aprender dende o inicio que a vida é insegura por principio, que nada garda un mínimo orde, que todo pode variar en función dun berro, dun temor esaxerado, dunha falta de cordura e serenidade. O primeiro que piden as critaturas ao chegar a este mundo é comprobar que aquela paz, equilibrio, seguranza regalada que experimentaron como fetos no se escacha para sempre ao respirar. Non é un mundo tan seguro nin tan confortable, pero si pode experimentar que quen o desexaron están dispostos a transmitirlle confianza, seguridade, esperanza no que ha de vir. Xa terá tempo o neno, adolescente, adulto de experimentar que somos mortos de permiso. Nos comezos nada os asenta e fortalece máis que un ambiente de calma, seguranza, paz, decisións claras e firmes. Porque a clave está non tanto na espontaneidade, na cratividade, na liberdade de accións e decisións do pequecho, canto no autocontrol. A liberdade, asresponsabilidade e a creatividade son imposibles sen autocontrol. Non existe obxectivo primeiro máis principal. Quen desexe uns fillos concentrados, seguros, tendentes á alegría, nada deberán favorecer máis que o autocontrol dende as idades máis temperáns. O autocontrol progresivo e apropiado á idade resulta indispensable. Así como a cooperación. Axiña un neno debe saber estar ao lado, axudar, facer, que é máis gratificante colaborar que recibir permanentemente, ser principiño, agardar as atencións innecesarias e inmerecidas de quen se afana sen sabelo por crear persoas débiles e fáciles á frustración.

            Non existen normas nin escolas de pais máxicas. Ninguén nace aprendido nin debe culparse por non facelo mellor cando o intentou con todas as súas forzas, e, sen dúbida, existen individuos que nacen con característica psicobiolóxcas máis complexas que outros e non son doados de conducir, pero se algo non merece discusión nas últimas investigacións é a necesiade de autocontrol e cooperación. Os nenos que dende máis novos saben autocontrolar as súas emocións e rabechas e os que entenden que facer, facer cos outros, é máis divertido que agardar pasivo polas comodidades e caprichos excesivos que che regalan, están en mellores condicións de ser persoas máis autónomas, seguras e alegres. E diso se trata, e non?