sábado, 28 de marzo de 2015

VOANDO IMOS, VOANDO VIMOS

ENTRE os literatos hainos con tanto medo aos avións como páxinas por tales medos. Quen máis partido lle sacou ao seu pánico a voar foi García Márquez. Arrimado a outros escritores tan medorentos coma el ten lembrado anécdotas moi substanciosas. Unha das máis coñecidas é unha noite de viaxe en tren a Praga por ESCAPAR do avión, aínda na época comunista, con Cortázar e Fuentes como compañeiros, na que o escritor arxentino, a unha pregunta sobre cando entrara o piano no jazz, respondeu cunha conferencia erudita ata o amencer, acompañando as súas explicación coas súas mans longas e a súa voz arrastrando o r cantas máis cervexas e salchichas bebían e comían. As estratexias utilizadas por Márquez para vencer o medo foron pasando do whisky á selección de concertos de corda para atravesar o Atlántico, pero nada tan eficaz coma saber que súa nai tiña acesa unha vela cada vez estaba voando. El mesmo contou como nunha ocasión, a un dos seus doce irmáns, enxeñeiro de camiños, caeulle un buldozer a unha cuneta. Coñecedora a nai de que sacar a máquina suporía unha cantidade elevada de pesos, pediu que non gastasen un triste, xa se encargaba ela de acender unha vela para arrastrala. Preguntada con riso contido polo irmá como pesaba que cunha vela ía poder mover máquina tan pesada, a nai, segura, respondeulle que como non ía a vela ter esa forza se a tiña para soster os avións sempre que el ou algún dos seus irmáns estaban voando.
Hai momentos nos que nin as velas acesas da nai do García Márquez sosteñen os avións. Cando de prognosticar se trata, parece que tivese razón Herbert le Porrier cando di que para adiantar o porvir basta con anunciar calamidades e catástrofes, pois incúbanse a lume lento e nunca están demasiado lonxe. Certo que non é o mesmo voar en sepulcros voantes sobre a selva de Urabá que en modernos aparatos que parece imposible podan perder o equilibrio. Aínda que os misterios das desgrazas e os motivos de certas condutas sexan inescrutables. As máquinas máis perfectas poden incomprensiblemente perder toda fiabilidade nun segundo, os homes tomar as decisións menos esperadas. Andar detrás dos misterios do azar e de condutas incomprensibles é lei da curiosidade e da ciencia. Aceptar que detrás de cada avance, á volta da esquina, aparecerán novos enigmas e novos temores, é aprendizaxe imprescindible para seguir voando. Porque todos seguiremos voando.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.