Seguimos pendentes dos debates. A actualidade manda.
Pouco que engadir ao xa visto por quen puxese interese e ollos limpos : Soraya
defendeu o mellor que puido a difícil situación na que se atopaba; Rivera non
tivo o mellor día: ambigüidade, sobreactuación, nervioso; Sánchez non ve saída
no medio da néboa do seu partido e repetiu varios mantras nada entusiastas; e
Iglesias, con non estar perfecto e meter varias veces a pata, demostrou ser o
de máis capacidade dialéctica, didáctico, convencido e con un discurso máis
elaborado. Ningún alcanzou a excelencia, todos levaban unha lección aprendida e
defendérona o mellor que souberon, pero como ganar con claridade e apabullando,
ningún. Digamos que ganou aos puntos Iglesias, pero supoño que con escasa
repercusión á hora do voto. Polo visto, agás un nada probable zapateado de
Sánchez a Rajoy na próxima pelexa televisiva, a sorte está servida: ganará o
PP, e gobernará coa axuda de Rivera. Da distancia que se produza entre estes
dous partidos dependerá o grao de presión que Rivera poida exercer nas
esixencias ao PP, pero moito temo que non serán relevantes. Con todo, os
auténticos ganadores do espectáculo foron os organizadores e os presentadores.
Por primeira vez viuse un debate algo menos ríxido, non tan cargado de monólogos,
en grande medida gracias á hábil e rigorosa condución por parte do xornalista
Vicente Vallés, punzante, sereno, repartindo problemas por igual a uns e a
outros. Sen chegar a un debate exemplar, débese admitir que foi algo novo, máis
dinámico e bo sería mellorase no futuro.
Hai
algo, sen embargo, que non acabo de entender nesta toma de posición descarada a
favor dos partidos chamados emerxentes en detrimento de outros dous con representación parlamentaria (isto por
referirme aos que se presentan en todo o Estado, para os nacionalistas cómpre
unha análise diferene). Hai uns días,
Andrés Trapiello pediu explicación ao diario El País do porqué se
eliminaba dos debates a IU e a UpyD. Dous partidos con representación
parlamentaria, grazas, polo tanto, ao voto de cidadáns que os elixiron
libremente, a favor de outros sen representación por máis que estean aupados
polas enquisas. ¿Pesan máis as enquisas que os votos?
Nesta
mesma liña lamentouse nun artigo Fernando Savater de que tamén eles, fundadores
do partido de Rosa Díaz, foran emerxentes, trataran de esnaquizar o
bipartidismo antes ca ninguén, perseguiron a corrupción sen lles tremer a man,
non andaron cambiando a cahaqueta e pasaron a ser ignorados polos medios, de
modo que, pola lei da profecía que auto se cumpre, acabarán desaparendo
completamente. Por suposto que UpyD cometeu erros e ten responsabilidade de
parte do seu fracaso. Como IU. Pero ¿ xustifica iso unha ignoracia tal por
parte dos medios como para que non conten de cara ás próximas eleccións?
Non gusto das teorías
conspirativas, pero ás veces non queda outra que acudir a elas. ¿Quen pode ter
tanto interese en que Ciudadanos medre, que apareza en tódalas enquisas como o
partido de crecemento máis espectacular? ¿Por que as televisións, ademáis da
audiencia, se volcaron sen disimulo con Rivera e Iglesias? ¿Estorba o PSOE, e
convén desfacerse definitivamente de IU e UpyD? ¿Non haberá poderes decididos a
renovar a dereita cunha cara máis xuvenil para que de verdade se consolide un
conservadurismo doce por varias lexislaturas? ¿Non pretenderán os mesmos
aniquilar unha esquerda auténtica por unha esquerda feble que se reparte os
votos entre Iglesias e Sánchez?
Preguntas sen resposta. Mais
algo non ofrece discusión: non hai dereito a que estes dous partidos non
participen non debates xunto cos outros catro. Meréceno por votos, non por
estimación de voto que é moi diferente. Porque o voto, ata o 20D, está no peto
dos cidadáns. E merecían saber tamén o que estes dous partidos desprazados
ofrecen para a próxima lexislatura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.