lunes, 26 de diciembre de 2016

XOGAR E CANTAR

O NENO aprende xogando. Nada o conecta mellor coa realidade que o xogo. A través do enredo descobre o mundo todo: as propiedades das cousas, as relacións causa efecto, a maxia do equilibrio, da coordinación, da flexibilidade; o seu propio corpo e o dos demais, as emocións primarias, vai elaborando sentimentos, razoamentos de simples a complexos; e, sobre todo, dá coa maneira de comprender a esencia das relacións, da comunicación, da distinción entre realidade e fantasía, das primeiras regras e normas éticas.
Tanto enredando só coma cos pais, cos iguais, a través do conto, do debuxo, das imaxes que se moven, de todo canto estimula o seu plástico cerebro, así vai o neno afacéndose a este mundo. Por iso o xogo non é un capricho nin unha bondade dos adultos cara os nenos, é un dereito fundamental, imprescindible para o seu progreso. De todos cantos xogos pode realizar un neno, aquel que recibe a confirmación de correlacionar máis co futuro desempeño intelectual é a música. Si. A música, o ritmo, cantar, unir versos a sons, os silencios, a disciplina musical é un xogo para un neno. O máis completo.
Nestas datas do Nadal, na que se fai unha parada para alomonenos simular que somos capaces de vivir decentemente nun mundo indecente, os que mellor saben conxugar o desexo coa realidade son os nenos. Se alguén pode crer na delicia da fantasía, na beleza da unión e a solidariedade entre toda a familia, no gozo de ver a todos xuntos rindo, cantando, xogando, é o neno. Eles son os grandes beneficiarios destes días.
Mágoa daqueles que non poden participar nun ambiente no que se dean condicións para a paz, a concordia, a ledicia de compartir. Verdadeira desgraza aqueles que teñen que traballar ou non contan con arrimo nin a onde ir, viven na rúa, perderon a familia, todo. A familia, non os moitos regalos ou xoguetes, dá a oportunidade e conforma o mellor niño para que os nenos desfruten e aprendan valores esenciais. David Grossman escribiuno nalgunha das súas novelas: No que damos por sentado, nos detalles banais está o heroísmo. A familia é o maior drama da humanidade. A historia non se escribe nos campos de batalla nin nos parlamentos, senón nas cociñas, no dormitorio dos pais, na habitación do neno. Alí onde os nenos poden xogar e cantar, a familia cumpre coas súa función esencial, de verdadeiros heroes: transmitir a ledicia de vivir, de compartir, da xenerosidade, da fermosura inigualable dunha noite de paz, de ledicia, de contos, bicos e abrazos. A tenrura que se mama nestes momentos durará para sempre. E nunca chega. Cando adultos, máis de vellos, compredemos a perda que supón se alguén carece desa aprendizaxe primeira. Por isto, nesta noite e nos días que seguen, desexo para todos os nenos que podan xogar e cantar e rir e compartir amor dento da familia. E á familia que aprenda dos nenos que cren que iso non é un remedo nin un día ao ano, senón que a vida podería ser sempre así. Para eles, os nenos, e para os adultos que se esforzan por educalos na tenrura, na ledicia e nan paz, boa noite, bo Nadal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.