sábado, 15 de abril de 2017

O RATO ROE ÓSO

MEU PRIMO, criado na aldea ata xa mozo feito, casou novo cunha rapaza aínda moito máis nova ca el que nunca saíra da cidade, era desas nenas da Coruña que non tiñan aldea. Ao casaren, á muller non lle quedou otra que ir entrado nos costumes e hábitos da pausada e monótona vida de campo. Máis, moito máis, cando tiveron a primeira nena, ledicia de toda a familia polo guapa e simpática que xa estaba a ser. A nai, a nena da Coruña sen aldea, polo ben da convivencia facía o posible por adaptarse do mellor modo ás esixencia da súa nova posición, por iso nunca indagaba nin menos discutía se había obriga de ir tanto á aldea a ver a seus sogros. Íase e non se falaba máis. Tampouco era tan aburrido. O que levaba peor era durmir fóra da súa casa, da súa cama, do seu cuarto arranxado con tanto mimo despois da voda para eles os dous. Iso sempre lle custou grave esforzo e por iso utilizou toda artimaña para regresar sempre a durmir ao seu fogar. Pero os avós insistían, meu primo tampouco se opoñía, e pouco a pouco pasaban maís noites da fin de semana na casa dos sogros. E isto empeorou ao nacer a súa nena, cando, pensaba, sería definitivamente quen pecharía a porta do cuarto para durmir na aldea.

Hai condutas que se impoñen coma unha lousa sen ter explicación. Canto máis ela soñaba que ao ter o seu bebé menos iría a durmir a aldea —co traballo que leva consigo un bebé, ir durmir a unha casa tan fría, tan incómoda, tan húmida, tan pouco hixiénica— , moito máis se foi metendo en noites inesperadas durmindo no cuarto cos avós e tíos. Como o proxecto vital andaba nos seus inicios e un aínda está disposto a xogalo todo, a nai primeiriza foise metendo na boca do lobo quedando amarrada a compromisos nunca firmados polos que debía contentar a todos deixando durmir ao bebé nun cuarto enriba da corte das vacas. Cedeu, transformouse, resignouse ata facer creer que aceptaba durmir na aldea porque realmente lle apetecía. E non. Non lle tiraba nada o corpo por esas fins de semana entre pallas e cheirumio dos animais. Menos, cando lembraba contos que o home lle contaba de que os ratos subían polas noites á cama dos máis pequechos e íanos roendo con gusto ata deixalos nos ósos. Daquela eran risos, pero agora a nena durmía nun berce á beira da cama dos papás e a nai deu en sentir un pánico indescriptible. 

Estaba segura: un rato acababa de saltar ao berce, movíase con disimulo e finura, pero no podía negar que xa andaba rillando nas mantas que cubrían á nena. Aguantaba a respiración a ver se o ratiño desaparecía, pero para nada, seguía buscando a vía que lle puxese a carne tenra do neno á beira dos seus dentiños roedores. Convencida de que debería tomar unha medida de valentía e urxencia, advertíu ao marido: "Antón, o rato está no berce coa nena". O marido, entregado ao sono, non deu dito outra cousa: "Que dis, oh, que dis; durme". Sentir as súas palabras serenárona unha miga, pero axiña necesitou sentilas de novo: "Antón, paréceme que xa roe as mantas, está chegando á carne". Como non obtivo resposta, tratou de motivalo: "Antón, cambiou o ruído, xa debeu de chegar ao óso". Para rematar coa situación, sen palabra polo medio, meu primo ergueuse, colleu do berce o bebé envolto, entregoullo á nai para que comprobase o ben que durmía e o ben tapada que seguía. Ao abrazala, a nai transformouse en serenidade, pero o que quedou completamente desarmado foi meu primo: de debaixo do sergonciño do berce da nena saíu ríspeto un ratiño que desapareceu da súa vista coma unha centella.

A min pásame algo semellante cando reflexiono sobre o tema inevitalbe nestes últimos tempos de preparación á morte. Cando me preguntan como o levo, non atopo mellor resposta que: evolucionando. Evolucionando a canda a enfermidade. Seguindo os seus pasos, as súas ordes, as súas decisións incontestables. Se decide pasar silente un par de días, un par de días que tamén silencio as preguntas ou as desvío ou dirixo con fortaleza. Se marca ritmos de dor crecente, á dor hei de facer fronte esquecendo toda aoutra necesidade ou petensión. Se as probas científicas confirman que avanza, non cede, non se detén diante nada, inquiro en min probas de tales certezas médicas. Ás veces paréceme que son un simple medorento que escoita os dentes de rato roendo na manta, outras, ben ás claras, comprobo que o rato si está, e roe xa no óso, o cambio de ruído é tan poderoso como evidente. Aínda así, sabendo que os dentes xa roen óso, a todos nos gusta ata o último instante seguir o ritmo que marcan dende fóra. Se a nai da criatura preguntase ao pai polo que vira ao erguer á nena, probablemente o metese nun apuro, mentir non é tan doado como calar algo que sabes e non queres que outro saiba. Pero a súa urxencia de tranquilidade e paz abrazando á nena achegouna ao coñecemento inxenuo, afastado do crítico, que sempre desimula, apacigua e calma os temores máis negros e fundados.

sábado, 8 de abril de 2017

POLA VÍA DA DOR CON J.S.BACH

DOS peores anos do existencialismo, de cando a náusea, a peste e a seria razón de filosofar sobre o suicidio, quedaron apenas tres ideas revoltas e depauperadas que non serven nin para medio ensaio. Da tradición xudeu-cristiá que conformou Occidente, de tantos anos de práctica litúrxica e penetración ideolóxica en todo ao que a cultura se refire (filosofía, arquitectura, artes), resisten con forza miradas e interpretacións que parecería ilóxico que aínda permanecesen nesta cultura de ocio, espectáculo, frivolidade, utilitarismo e relativismo. Pero resisten. Aí seguen a dor, o sufrimento, a culpa, o pecado, o perdón, a necesidade de salvación. Todos eles vigas mestras das que se colga a Semana Santa en tantos países cristiáns do mundo. Fe, tradición, turismo, costume, manifestación de orgullo dun pobo que se remexen como poden para adaptarse a todo tempo por máis lonxe que se ven aquelas esencias da soidade, do sangue, do martirio, da tortura.
En España, xa sexa pola todopoderosa tradición andaluza sevillana ou malagueña, xa pola serena, sobria, silenciosa e imperiosa das castelas, pasos de recoñecidos escultores agardan cada ano para recibir nas rúas o silencio ou respecto, cante, os aplausos ou as alegrías etílicas de cidadáns que enlean fe con medo, necesidade con acomodación social, sensibilidade artística con alento dunha identidade. E fe sen adxectivos, por suposto. Crentes que agardan a Semana Santa para reflexionar e manifestar a súa convicción de que aceptando os misterios do sufrimento e expiación de Xesús por nós, se alcanza mellor a salvación. Non é realidade fácil de asimilar, pero se un escoita a J.S.Bach, pode chegar a crer case todo.
No pensamento presente, fóra da interpretación relixiosa, o domina teórico e práctico van nunha idea oposta. A dor non ten sentido, aguantala é inútil, ningún tratamento médico lle dirá nada distinto: aguantar dor non arranxa nada, pode empeoralo todo. Adiantémonos á dor e deteñámola antes de que nos invada. E así se trata de facer, pero nin con drogas tan controladas e nas súas doses tan experimentadas, se consegue sempre o propósito ao pé da letra. E ver o sufrimento sobre enfermos, sobre todo nos máis inocentes, parece a maldade escrita sobre o universo. A quen favorece tal dor, a quen pode beneficiar tal inxustiza? Faise difícil chegar a unha explicación que non rinche na razón pola que podamos aceptar que hai sufrimentos vicarios, dores salvíficas, pasións redentoras. 
Mais cando baixamos á realidade máis íntima, máis achegada a cada un de nós, atopamos con circunstancias e situacións persoais que non renxen tanto ao axustalos a razón. Cantos pais non darían a súa vida por non ver aos seu bebé padecendo quimioterapia? Cantos amores que chegan a vellos despois de vidas intensas non irían eles antes para que ou outro no padeza? Non doe ás veces aínda máis mirar para os que quedan que para a nosa propia viaxe última? Non pode un pai amantísimo querer sufrir por todos e así salvalos nunha gloria intensa? Se un escoita a J.S. Bach, pode chegar a crer case todo.

sábado, 1 de abril de 2017

A FORTUNA DE COÑECDER A LOLA

SE cadra porque súa avoa pasou parte da vida traballando sen coñecer outro descanso que non fose saír da casa e mirar ao mar por saber se viña a galerna ou o barco do seu fillo cargado de sardiña, é Lola muller de tanta palabra, tenrura, fortaleza, xenerosidade, dozura. Tiven a fortuna de coñecela cando o infortunio me apreixaba contra a muralla máis triste de incertidume e medo. Non a enganei. Ensineille informes clínicos, tratamentos e diganósticos. Non lle importou, non sería iso quen lle mudaría o ánimo: “O tempo que sexa quéroo pasar contigo”. E non se falou máis.
Unímonos en entusiasta convivencia co propósito de vivir o mellor que sabemos, sen análise nin cálculo de curta entendedeira. Entregámonos á alegría. Choramos cando nos fai ben. Ela, coma teño escrito, déxame estar triste. Agora que entramos en etapa de descenso á meta, cando a dor se instala no corpo e hai que valerse de remedios que aloulan, as risas resultan máis difíciles de chamar, pero aínda así veñen, porque Lola soubo buscar o cerne da existencia en Malpica, onde a fame era moita e saír ao mar esixía algo máis que bravura de fanfarrón. Saír adiante esixía saber facer de todo, rápido e ben. Porque na vida só existen dous tipos de persoas: as traballadoras (móstrano na actitude diante do traballo, non é maldición senón sorte, bendición, alegría) e as persoas lorchanas (nunca un traballo lles agrada, sempre se debe fuxir del, nunca alegría atopan en nada). 
Lola naceu nun ámbito no que só se podía estar a ben na comunidade se, non importaba que foses nena, colaborabas lavando a cabeza das clientas da súa nai perruqueira, se facías a casa porque a mamá non daba saído do traballo, se preparabas as sardiñas para o pai que chegaba morto na noite despois de, grazas ás boas marcas, á memoria e a saber pescar, conseguía o mellor largue. Había que saber cociñar, peitear, coser redes, cantar e estudar. Sen instituto, cunhas comunicación infernais, Lola elixiu o modelo de profesional que lles gustaría ser e rematou a carreira coma se tivese o instituto á beira da casa. 
Logo, os pasos da historia persoal van ensinando erros, decisións precipitadas, atallos que foron trampas longas, coas que aprendemos que non estamos dispostos a pasar por determinadas experiencias que sempre dan insatisfacción e fracaso. Tal vez foi ter chegado a esta idade con algo aprendido, que soubemos ver de contado que estabamos no amor auténtico, o da entrega, do coidado, o da ledicia de ver que só se está realmente contento cando logras que o outro o estea. 
Afortunado de min que experimento a máxima categoría do amor no tempo que me deron para aprender a morrer. Porque podo garantirlles que no que vou vendo nesta escola de morrer é que con Lola á miña beira non é que se lle perda o medo á morte, pero sabe doutra maneira, como máis alegre se é que tal comparación non rechíase ao xuízo.

domingo, 26 de marzo de 2017

AS XAPONESAS

Entre os moitos momentos realmente dolorosos aos que te enfronta unha enfermidade coma o cancro, un ben feo é o de comprobar que despois de experimentar con todo tipo de quimioterapia ningunha funciona. Calquera esperanza por mínima que sexa vai aliviando a tensión dos días contados. Pero cando despois de catro ou cinco ou seis intentos ves que nada frea o avance das células do mal, por preparado que te fagas, o ánimo decae, o inmediato pesa enriba de ti coma unha lousa que te cega. Se cadra por iso, aínda que sexa con escasa confianza na eficacia de tratamentos experimentais, os oncólogos recorren a probalos. Eu ando nesa etapa. 

Creo que para non me condenar á espera seca, pretenden adobiala con algún experimento en proba que, sen lle restar mérito, podería andar cerca da eficacia de lle acender veas a San Andrés de Teixido. Pero nestas andamos o xa vai con dous tratamentos fallados e un que non concedeu a Comisión Farmacéutica. Un organismo ideado para calcular entre o estado do enfermo (sen velo, só a través de informes), os resultados terapéuticos do fármaco e o prezo esaxerado que tales experimentos soen ter.

Estase impoñendo unha moda nefasta entre os discutidores políticos: falar de anécdotas que encabronan

Da análise da tres variables estiman ou non conveniente que o paciente probe. Como xa dixen, unhas xa mas denegaron, non sei porque me ven máis aló que aquí, porque o número de éxitos do fármaco é ridículo ou porque é moi caro e non compensa gasto tal. Pero como nunca un debe renderse, con bo criterio o oncólogo insistiu na solicitude de outras. Estas disque de patente xaponesa. Non me engano, a fe nas xaponesas é escasa, pero apetecíame probalas. Despois de chutes tan variados, de pastillas tan desagradables, con efectos tan negativos, xa me apetecía a min meterme unhas xaponesas dúas os tres veces ao día a ver como me reacciona o corpo. Mais vai para catro semanas e a Comisión Farmacéutica debe de estar a tope de traballo que non contesta. 

Non dou saído da dúbida, e tamén había ter graza que mas aprobasen cando xa se me fose o tempo... Durante os case catro anos que levo en contacto permanente cos servizos da Seguridade Social, mantéñome no que xa dixen en varias ocasións: é a nosa xoia da coroa, ninguén no seu san xuízo querería retroceder na calidade e atención que nos prestan. Sen embargo, tamén debo constatar por propia experiencia que co paso do tempo a mellor non se foi nada, máis ben a peor. As consultas seguen ateigadas, os especialistas teñen os minutos contados para cada paciente, hai probas que se retardan ata a desesperación, determinadas prescripcións parece que necesitasen da resolución do Consello de Estado. 

Isto deixando de lado, claro, as cualidades profesionais, dedicación e entusiasmo que, como en toda profesión, é moi distinta segundo quen a exerce. Aínda que tamén o ambiente dá a entender que non favorece precisamente o entusiasmo dos profesionais menos motivados. Demasiada burocracia, moitas explicacións administrativas, pouco tempo para o trato humano co paciente. Porque se por algo se diferencia unha boa práctica da mala chegados a determinados estadios de enfermidade é o saber comunicar e poñerse do lado da dor do paciente. E iso, nestas circustancias, no é precisamente ao que máis se invita ao terapeuta. 

Na xestión e nos recursos radica a capacidade de mellora do sistema. E no convencemento de que non se pode dar un paso atrás con xogos de privatización. Sobre os recursos pódese facer toda a demagoxia que se queira, os números retórcense a convenciencia cunha facilidade espantosa. Pero a evidencia é que nunca se intentou aforrar tanto. O caso está en saber onde e a favor de quen se aforra. Non recorrerei ao meu caso das xaponesas. 

Deamos por bo que non me veñen ben, que son inútiles, un gasto innecesario. Pero consideran vostedes que é un sistema adecuado decidir sobre a vida dunha persoa analizando uns informes fríos, diante dun medicamento pouco probado, mirando sempre de reollo o seu elevado prezo? Estase impoñendo unha moda nefasta entre os discutidores políticos: falar de anécdotas que encabronan, meter a man na frida sobre aspectos tan triviais como emotivos para que a xente se polarice en torno as defensores dunha ou outra postura, tan estúpidas as dúas. 

Así, mentres se lle dá á zoca sobre se debe ou no a televisión pública ofrecer misa católica, se os titiriteiros ou só os comediantes son cultura, se crean comisións para cambiar nome de rúas ata a eternidade e se latrica sobre frivolidades mil, a sanidade vaise deteriorando, perdendo folgos e recursos. Cospedal non perde detalle e xa nos avisa que unha boa sanidade e mellor educación sen seguridade de nada valen (un falso dilema para raspar cartos á defensa) . E eu continúo con paciencia á espera das xaponesas.

MORRER DOE?

O MODERNO barco de potentes motores, últimos estabilizadores e avanzados radares tronza nun fungar monótono a mesta néboa que o cubre todo. Quere amencer en San Petersburgo de aí que eu pense que finxen boa elección coa lectura de O mestre de Petersburgo do Nobel J.M. Coetzee, na que conta a historia dun novelista ruso exiliado que regresa a San Petersburgo para entender a morte do seu fillastro; unha recreación de Dostoievski nunha obra de ficción coa característica análise fría e afiaba de Coetzee, esa que prende lume no pensamento de tan lúcida; esa que demostra que aínda na fonda escuridade salta un lóstrego de luz, porque algo nos ha de iluminar, aínda que só sexa para devolvernos á incertidume do misterio. 
Nun momento da obra, cando o protagonista, instalado na pensión que fora do seu fillastro, rexentada por Anna Seguéievna e a súa filla, prometera atender á nena que se atopa enferma, cumpre co súa promesa pregúntanlle a Matriona que tal se atopa. A nena, absorta nos seus pensamentos, non lle contesta. El palpa coa súa man a fronte por se ten febre, en entón ela, despacio, sen miralo, pregúntalle: Fiódor Mijáilovich, morrer doe?
A pregunta tan directa que só unha nena pode facer desconcerta a Fiódor. Pensa que será porque sente medo de morrer e tranquilízaa prometéndolle que ela non vai morrer, axiña volverá á escola. Pero a nena non vai por aí. “Non o digo por min, di. Só quero saber se doe, xa sabes, cando unha persoa morre... Non cando estás morto de todo, senón un pouco antes”. O escritor trata de explicarse pola vía dos animais, aos que non lles custa ningún traballo morrer. E por iso deberiamos aprender deles que vivir e morrer non é tan difícil como nós pensamos.
Mais non o convence demasiado esta explicación e opta por outra: “O que máis nos asusta da morte non é a dolor. É o medo de deixar atrás aos que nos aman, e de viaxar sós”. Pero tampouco esta solución lle parece definitiva. Cando morremos levamos os seres queridos no noso corazón. O diálogo continúa entre a nena e o adulto demostrándose que ela sabe ben o motivo da pregunta, por que e por quen teme, a razón de querer saber con certeza a cantidade de dor que se pasa no momento antes, antes de que sabes que estás morto. Un diálogo entre a infancia e a madurez que non é frecuente, do que fuximos por evasión e convencemento de que do que non se fala non existe. 
Erro grave, porque nada máis real nos asexa que a morte e por non afrontala, non falar dela nin prepararnos para morrer non habemos morrer máis tarde nin mellor. E si, convén saber que doer doe. Agás un milagre de te deitar e espertar morto sen te decatar, morrer, sobre todo cando a morte está anunciada, pasa por tantas dores que non todas son iguais nin idénticas. Pero tamén á dor hai que lle buscar atallos, talvez a tarefa máis difícil de todas. O barco entra en hora en San Petersburgo. Coetzee e Dostoievski seguen detrás da vida e da morte polas súas rúas. E dóelles, tanto a vida como a morte.

lunes, 20 de marzo de 2017

CANTANDO CO NEURÓLOGO

CANDO meu padriño, en paz descanse, comezou a ter problemas de Alzheimer, os fillos levárono ao neurólogo. Sometido ás probas pertinentes, non atoparon o máis mínimo indicio. Os tests estaban de modo ideados que nin feitos ex profeso para el. Sempre lle gustaron os números e as datas, sabía a quinta e data de nacemento de canto veciño da parroquia e de tódalas do arredor, xogaba cos números permanentemente facendo operacións de cabeza. Por iso as respostas ás sencillas preguntas formuladas para ver a súa resposta numérica foron coma raios directos e acertados. Pero se as numéricas lle acaían ao pelo, as de memoria non podían estar mellor (peor) deseñadas para enganar ao examinador. Preguntábanlle se lembraba algunha compla de neno, canción, refrán... Meu padriño retou ao examinador: as cancións quéreas de Pepe Blanco, populares galegas, navarricas, fandangos, como lle gustan máis; se quere tamén lle podo cantar a Misa de Angelis en latín; e refráns, depende, poden ser sobre labradores ou sobre a vida xeral. En fin, que o médico, sorprendido, preguntou cal eran entón os síntomas que presentaba de deterioro, e mandouno para a casa indicando que non había o máis mínimo motivo de preocupación.

Así se fixo, pero as avarías continuaban en aumento: polas noites quería saír da casa para ir para a súa casa, de día largaba de paseo sen saber cara onde e non quería regresar, por veces, el sempre educado e respectuoso, volvíase agresivo ou groseiro, choraba sen motivo, repetía constantemente preguntas idénticas a todos cantos vía e transformouse nun falante castelán a tempo completo cando na súa vida dera palabra en tal idioma. Por certo, falaba un español coidado e pulcro, coma se o que aprendera non fose de hoxe. Era curioso cando lle preguntabamos por que se cambiara de idioma, e a súa contestación era sempre idéntica: “Castellano lo hablarás tú, hombre; yo soy del campo y siempre he hablado y hablo gallego, pero si a ti te gusta el castellano, háblalo, yo entiendo perfectamente, hice la mili en Victoria e trabajé unos años en La Coruña, entiendo perfectamente esa lengua. Anda, acércate a la lumbre y no digas que hablo lo que no hablo”.

Por eses momentos viñéronlle os primeiros e mínimos males físicos para un corpo afeito ao traballo duro e continuo durante toda a vida. Ben superados os oitenta tiveron que levalo por primeira vez a urxencias. Alí axiña o meteron nunha cama de exploración e o encheron de agullas e cables. Rebelouse coma nunca ninguén o vira. Coincidiu que o veciño de cama era dunha parroquia cercana e non só ameazaba ao personal sanitario senón que incitaba á causa da revolta ao compañeiro. Xa canso de protestas e vendo que non lle retiraban agullas nin gomas, avisou por última vez a unha enfermeira que pasaba: “Mira, mociña, ou me quitades estes trebellos inmediatamente ou eu céibome; e o meu veciño de Ledoira tamén, ceibámonos e deixámosvos aquí con todo estrado”. A enfermeira tratou de tranquilizalo prometéndolle que axiña viría o doutor e que xa quedaría todo aclarado. “Nin doutor nin doutora - replicou- , ou me retiras todas esta porcallada, isto non se lle fai nin a un porco, ou céibome; e o de Ledoira tamén, non si?” .

Nestas apareceu o neurólogo, aquel que o sometera había meses aos tests. Recoñeceuno deseguida. “Que fai vostede por aquí?”, preguntoulle amable. “E se non é moita a pregunta, ti a máis de que nos coñecemos? Eu céibome e xa está; e o de Ledoira tamén”. E sen máis ameaza nin advertencia, forte como era, deu un gope e quedou limpo de toda agulla e cable, sentado na cama, disposto a marchar. “Vamos, Ledoira - animou ao veciño-, agora non me deixes quedar mal”. Estando o veciño para seguir as indicacións, pero de maneira menos rotunda e violenta, caeu en que si recoñecía ao médico e, erguéndose da cama, dereito coma unha vela, cambiu completamente de actitude: “Xa sei quen é vostede, o médico que examina. Se quere continuamos, pero se non ten preguntas máis difíciles, esas para min non ofrecen moita dificultade. Vostede pensará doutra maneira porque me ve home labrador e sen estudos... Quere que lle cante, entón, unha de Pepe Blanco?” Ergueito, as mans estendidas coma un artista, arrincou a cantar, sangrando polos pulsos, intentando as enfermeiras correxir a desfeita. O de Ledoira botouse atrás, permanecía enchufado e petrificado na cama. E o neurólogo pedíalle por favor que deixase o canto para outro momento, alí había moita xente enferma e non era o lugar adecuado. Meu padriño, impertérrito, rematou a canción, fora home de moito cantar en público durante a súa vida e non se aniñaba diante de nada. “Cantamos agora unha xuntos, doutor? Que cancións lle gustan?”.

sábado, 18 de marzo de 2017

A MISA TELEVISADA

DESCUBRO con enorme sorpresa que en España padecemos un enorme problema: a 2 da televisión pública retransmite os domingos unha misa católica. Manda nabo! Ese Podemos, a cada paso máis fóra de rego, sen ter unha soa idea que ofrecer, acordouse de tal desgraza e quere liberarnos e todos de tanto mal. Loado sexa El Señor! Doulle voltas ao asunto e non acabo de entender onde radica a esencia de tal denuncia.
Por razóns económicas? Porque un Estado aconfesional non pode atender as necesidades relixiosas dos seus cidadáns? Porque se ofende a outras relixións? Porque non hai un reparto xusto de tempos na programación segundo os seguidores de cada relixión? Porque unha televisión pública non pode nin ulir os asuntos relixiosos? Porque debe, entón, atender só aos sermóns púmbleos de catro anticlericais de curta mirada? Porque hai que perseguir por perseguir? Porque non teñen nada que dicir nin propoñer? Eu inclínome polo último.
Este partido que nacera ilusionando a millóns de persoas realizando un crítica no momento preciso bastante adecuada sobre determinadas deficiencias da nosa democracia, chegada a hora de dar trigo estase a converter nunha amalgama de resentimiento, descontento baleiro e iniciativa nula. Dende que participan nas institucións, todo canto predicaban quedouse en nada, en pura auga de bacallau. Non son eficaces, non teñen consistencia, non saben dialogar, presumen do que non fan, agreden sen motivo e, sobre todo, céntranse en anédotas, en problemas nimios para discutir por discutir, para crear divisións e enfrontamentos entre os cidadáns acudindo a emocións primeiras, aquelas máis fáciles de manipular.
Unha estratexia atrasada, fracasada xa en moitos países, e que non promete nada bo para esa formación, tampouco para os cidadáns que contaban con que podía existir unha nova proposta que tirase dun cambio sensato. Non nego que algo mobilizaron no seu inicio e que escaravellaron aos grandes partidos anicados na comodidade da indolencia e da corrupción. Pero a implantación, tan rápida como rápida será a súa caída, só traerá decepción e frustración que conducirá ao votante á reflexión de que máis vale malo coñecido que bo por coñecer. Unha televisión pública, respectando a tódalas manifestacións relixiosas e dando tempo segundo a súa representación social, debe atender as necesidades relixiosas, claro que si. Para iso é de todos. Que importa que a Igrexa poda permitirse ofrecer misa polos seus canais? Ela decidirá emitir por onde queira. Mais iso non impide que a televisión que pagamos todos non deba atender aos vellos e enfermos e quen queira que desfrute coa misa dominical dende a cama ou dende un hospital.
Miña nai, cando vai moito frío e non dá ido ata igrexa, goza vendo a misa televisada, e contesta e canta como se participase coa comunidade. Non ten dereito, logo, a que o Estado lle cubra esa necesidade? Non existe peor política que enredarse en problemas que non son, inventalos con tal de crear barullo. Isto o único que demostra é unha carencia de iniciativa impresentable. Secos están quedando estes da nova política.