sábado, 1 de abril de 2017

A FORTUNA DE COÑECDER A LOLA

SE cadra porque súa avoa pasou parte da vida traballando sen coñecer outro descanso que non fose saír da casa e mirar ao mar por saber se viña a galerna ou o barco do seu fillo cargado de sardiña, é Lola muller de tanta palabra, tenrura, fortaleza, xenerosidade, dozura. Tiven a fortuna de coñecela cando o infortunio me apreixaba contra a muralla máis triste de incertidume e medo. Non a enganei. Ensineille informes clínicos, tratamentos e diganósticos. Non lle importou, non sería iso quen lle mudaría o ánimo: “O tempo que sexa quéroo pasar contigo”. E non se falou máis.
Unímonos en entusiasta convivencia co propósito de vivir o mellor que sabemos, sen análise nin cálculo de curta entendedeira. Entregámonos á alegría. Choramos cando nos fai ben. Ela, coma teño escrito, déxame estar triste. Agora que entramos en etapa de descenso á meta, cando a dor se instala no corpo e hai que valerse de remedios que aloulan, as risas resultan máis difíciles de chamar, pero aínda así veñen, porque Lola soubo buscar o cerne da existencia en Malpica, onde a fame era moita e saír ao mar esixía algo máis que bravura de fanfarrón. Saír adiante esixía saber facer de todo, rápido e ben. Porque na vida só existen dous tipos de persoas: as traballadoras (móstrano na actitude diante do traballo, non é maldición senón sorte, bendición, alegría) e as persoas lorchanas (nunca un traballo lles agrada, sempre se debe fuxir del, nunca alegría atopan en nada). 
Lola naceu nun ámbito no que só se podía estar a ben na comunidade se, non importaba que foses nena, colaborabas lavando a cabeza das clientas da súa nai perruqueira, se facías a casa porque a mamá non daba saído do traballo, se preparabas as sardiñas para o pai que chegaba morto na noite despois de, grazas ás boas marcas, á memoria e a saber pescar, conseguía o mellor largue. Había que saber cociñar, peitear, coser redes, cantar e estudar. Sen instituto, cunhas comunicación infernais, Lola elixiu o modelo de profesional que lles gustaría ser e rematou a carreira coma se tivese o instituto á beira da casa. 
Logo, os pasos da historia persoal van ensinando erros, decisións precipitadas, atallos que foron trampas longas, coas que aprendemos que non estamos dispostos a pasar por determinadas experiencias que sempre dan insatisfacción e fracaso. Tal vez foi ter chegado a esta idade con algo aprendido, que soubemos ver de contado que estabamos no amor auténtico, o da entrega, do coidado, o da ledicia de ver que só se está realmente contento cando logras que o outro o estea. 
Afortunado de min que experimento a máxima categoría do amor no tempo que me deron para aprender a morrer. Porque podo garantirlles que no que vou vendo nesta escola de morrer é que con Lola á miña beira non é que se lle perda o medo á morte, pero sabe doutra maneira, como máis alegre se é que tal comparación non rechíase ao xuízo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.