sábado, 5 de julio de 2014

NIN FLORES NIN MEL


NA casa de meus pais tiñan tres covos que producían un mel escuro e saboroso de baixa montaña. As abellas andaban ó néctar de mil flores, eucaliptos e castaños producindo litros suficientes para toda a familia e aínda para regalar. Meu irmán é o apicultor. Polo outono todos colaborabamos na elaboración do mel puro, sen máis arte que protexerte para que as abellas, ao lles encher o covo de fume, non picasen, cotar con coitelo quente a cera dos paneis, derretelo no xiro veloz do bidón e deixalo logo no recipiente de filtrado á beira do lume para, unha vez lenta e naturalmente limpo, transvasalo aos botes no que se gardaba. Hai tres anos dous covos quedaron sen abellas. Este ano o que resistía tamén acabou por quedar baleiro. Agora a cortiza segue á beira do valo en espera de que outras abellas volvan, pero non sabemos cando. Ninguén lle atopa explicación.
O problema da desaparición das abellas é grave. Non só porque se perde o mel senón porque a falta de polinización repercute de maneira seria no equilibrio do medio. Pensábase que esta función poderían suplila abellóns e avespas, pero é que tamén estes faltan. A causa, como soe ocorrer na maioría dos grandes problemas, dise que é debida a múltiples factores, pero por máis que as fábricas químicas conten con medios e expertos para nos convencer do contrario, todo fai pensar que os insecticidas e os herbicidas teñen moito que ver nas causas deste desequilibrio. Tanto Bayer coma Basf insisten en que non é debido aos produtos químicos polo que as abellas sofren este andazo, pero moi estraño parece que en canto o uso ou abuso sulfatado químico aumenta os himenópteros desaparecen. Raro mundo este que avanza con tantos adiantos para eliminar pragas ao tempo que os seus efectos eliminan procesos que dende sempre seguiron o seu curso sen maiores atrancos. Dá a impresión de que nos esforzamos, investigamos, inventamos para mellorar a calidade dos produtos e producir en maior cantidade ao tempo que imos aniquilando procesos naturais que durante séculos nos serviron e nos deron vida. Perigosa este bucle: sulfatamos os campos con química para mellorar e a un tempo matamos o que a natureza por si producía. Desexo que os investigadores descubran canto antes a causa principal desta desfeita, pois coincidirán comigo que mal imos nun mundo onde a este paso quedaremos sen flores e sen mel.

PUBLICADO EN EL CORREO GALLEGO

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.