jueves, 20 de octubre de 2016

PREHISTORIA

O tempo corre a unha velocidade galopante. Por iso sucesos de hai poucos anos xa se poden considerar prehistóricos segundo María Dolores de Cospedal. A prehistoria achégase tanto a nós que, coa velocidade de vértixe que está pillando a política, o que sucedeu onte a ninguén lle importa nin repercursión algunha debe ter. Así o pensan no PP, partido ao que nada lle importan os xuízos nos se xulgan actividades coma o das tarxetas negras e o da correa de Correa. Conste que a min este señor, Correa, paréceme  cabal. Di o que todos sabemos coa tranquilidade e seguridade que aportan as vidas cando andaron na cima do éxito. O que el realizou, di, non é máis que unha práctica habitual entre empresarios e políticos neste país, só que a min pilláronme. Hai que andar máis aleutos, dedúcese, para que non te pillen. Velaí a filosofía simple e clara dunha persoa que non se anda polas ramas. Pero volvamos á prehistoria.

         Cando a secretaria do partido nos transporta a tan remoto tempo é simplemente para aclarar que con Rajoy acabouse a festa, que el nada tivo que ver e que, se cadra, un tal Aznar puido manter algunha conexión esporádica con estes señores, peor todo iso xa é auga pasada, nin move muíño nin leva a ningures, esquézanse, miren para o futuro, xa toda a opinión está farta de cotillear con eses enredos e vaiamos  a gobernar, a continuar salvando este país que perecía e ía directo á catástrofe e, grazas ao noso goberno, está comezando a levantar cabeza. Non se lles ocorra, parece advertirnos Cospedal, castigar ou asociar ao PP con esas historietas pasadas de moda. Nós somos o futuro. Nós acabamos con esas prácticas. Nós somos os salvadores únicos, extra Rajoy nulla salus, podería concluír a avogada se quixese poñerse pedante. Así pois, quen queira entramparse en tempos prehistóricos xa sabe que está perdendo o tempo tratando de enrabechar ao votante con naderías, trivialidades propias dos negocios, asuntos algo oscuros que acontecen en tódalas familias. Salvado Rajoy e o voto, xa todo amortizado, se os informativos e os diarios queren levar ás primeiras planas estes asuntos prehistóricos, aló eles, pero o mundo onde el vai... Aznar? Un señor que sentou as bases da desfeita de anos posteriores, pero un magnífico expresidente explotando os seus negocios co orgullo e tenacidad propias dun grande atleta. Rato? Un exministro ilustrísimo, o mellor que se coñeceu dende a prehistoria en España, agora tachado de algo tramposillo, pero nada importante, a xustiza ofrece trucos e mañas nas que estes grandes da economía se desenvolven con soltura. Agag? Quen? Ah, o xenro de Aznar. Nada, un próspero negociante en Londres que foi amigo de Correa, pero todos pasamos por momento de xuventude alocada e coñecemos algún amigo do que, ao entrar en razón, non recordamos se o coñecemos. Bárcenas? Un interventor que prestou grandes servizos ao PP. Non se pode dicir outra cousa, salvo que despois de dúas décadas  caeu na tentanción de facerse rico. Unha decepción para Rajoy que, con boa fe que o caracteriza, confiou en que era persoa xusta. En canto descubriu que non o era, arrepentiuse e todo quedou saldado. Blesa? Un cazador petimetre de Madrid. Non o fixo perfecto ao fronte de Caixa Madrid, pero tampouco hai que rasgarse as vestiduras. Entre estes cazadores de leóns sempre aparece algún farsante. Pero tamén esquecido. Todo é prehistoria. Pasado remoto. Basta de titulares sobre a prehistoria de persoas e tramas algo escuras, pero que, no fondo, son as que lles deron a vida ao PP e tamén se podería engadir a España.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.